DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2010 Páx. 14.661

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade, a nosa sociedade atópase alagada por unha corrente de sustentabilidade que está afectando directamente a enerxía. As enerxías renovables están a ter unha importancia singular, polo que se buscan novas fontes e se desenvolven as xa existentes. De entre todas elas, na última década destaca a enerxía eólica como o símbolo das enerxías renovables e a principal forza motriz que está permitindo a transformación do modelo enerxético tradicional, polo que, actualmente o sector eólico podémolo cualificar dun sector maduro, ocupando Galicia unha posición de liderado, tanto a nivel estatal como internacional.

Porén, as necesidades do sector teñen variado nos últimos anos, e neste momento ábrese un novo horizonte. Ante o desenvolvemento de aeroxeradores máis potentes e eficientes, xorde a necesidade de substituír os máis antigos antes de chegar ao final da súa vida útil e incrementar a potencia total dun xeito apreciable, sen aumentar o impacto visual, o que se coñece como repotenciación. Este proceso queda regulado a través da disposición transitoria sétima do Real decreto 661/2007, que regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Neste momento a Administración xeral do Estado está a traballar no deseño da norma que vai substituír o dito Real decreto 661/2007, no que se fixa un límite de instalación de potencia eólica de 20.155 megawatts (mW) que, segundo todos os cálculos, xa podería estar superado.

A nova normativa podería fixar o obxectivo de alcanzar no ano 2020 os 40.000 mW de potencia instalada, ao redor do dobre dos actuais, co fin de cumprir o obxectivo comunitario de que nese ano o 20% do «mix» eléctrico proceda de fontes renovables.

Tendo en conta este antecedente a Comunidade Autónoma galega, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, refírese en varios dos seus artigos a esta figura, definíndoa no artigo 2, e establecendo no artigo 27.3º a necesidade dun procedemento específico para as autorizacións derivadas dun proceso de repotenciación que será desenvolvido regulamentariamente pola consellaría con competencias en materia de enerxía.

Por todos os motivos expostos, a Comunidade Autónoma de Galicia en uso das súas competencias exclusivas atribuídas no artigo 27.13º do Estatuto de autonomía de Galicia, en materia de instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía, cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non afecte outra comunidade autónoma, sen prexuízo das competencias exclusivas do Estado sobre as bases do réxime enerxético prevista no artigo 149.1º.25 da Constitución española, aposta pola posta en marcha dun proceso de repotenciación dos parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este decreto estrutúrase en tres títulos, vinte e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 4 da Lei de Galicia 11/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día cinco de agosto de dous mil dez,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto deste decreto o establecemento dun procedemento administrativo para obter a autorización administrativa derivada dun proceso de repotenciación dos parques eólicos en explotación.

2. Para estes efectos, terá a consideración de repotenciación aquela autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente en explotación que, modificando ou mantendo a potencia instalada nel, supoña a substitución total o parcial dos aeroxeradores en funcionamento por outros de maior potencia unitaria e que dean lugar a unha redución do número de aeroxeradores do parque, co fin de optimizar as áreas territorialmente aptas para admitir parques eólicos e axeitar as tecnoloxías instaladas aos requirimentos técnicos do operador do sistema.

3. De igual xeito, para estes efectos, terá a consideración dun parque eólico en explotación aquel que dispoña da correspondente acta de posta en servizo outorgada polo organismo administrativo competente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Poderán acollerse ao procedemento de repotenciación regulado no presente decreto os titulares de parques eólicos en explotación, instalados en Galicia, cuxa tramitación e autorización corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do réxime competencial establecido no artigo 27.13º do seu Estatuto de autonomía, sempre e cando cumpran as condicións recollidas na disposición transitoria sétima do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

No suposto de tratarse de parques eólicos que non reúnan os requisitos exixidos no parágrafo anterior, sempre e cando a solicitude de repotenciación non supoña un incremento na potencia instalada tamén serán de aplicación os preceptos desta norma.

No suposto de que a solicitude de repotenciación supoña un incremento na potencia instalada e non reúna os requisitos exixidos no primeiro parágrafo, esta deberíase presentar de acordo co procedemento establecido nos artigos 27 e seguintes da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Finalmente, tramitaranse polas disposicións deste decreto as repotenciacións que se inclúan dentro das resolucións de selección das ordes de convocatoria reguladas no artigo 28 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Artigo 3º.-Redución do número de aeroxeradores.

Toda solicitude de repotenciación levará, en todo caso, a redución do número de aeroxeradores do parque eólico preexistente, polo que para autorizar calquera tipo de repotenciación amparada no presente decreto será requisito indispensable que o parque eólico repotenciado dispoña dun número menor de aeroxeradores que o parque eólico preexistente.

No suposto que a repotenciación se efectúe nun parque eólico situado en terreos afectados por Rede Natura, a redución de aeroxeradores deberá alcanzar unha porcentaxe de polo menos o 50% daqueles aeroxeradores instalados na dita zona de Rede Natura.

Artigo 4º.-Aeroxeradores substituídos.

Os aeroxeradores que sexan obxecto de substitución como consecuencia da repotenciación regulada neste decreto non poderán volver ser instalados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Localización da nova instalación.

1. O parque eólico xa repotenciado e todos os seus novos elementos deberá instalarse na mesma localización onde se situaba o parque eólico preexistente.

2. En todo caso, se por circunstancias técnicas de localización dos aeroxeradores ou de calquera outro elemento do parque eólico repotenciado, resultase preciso unha ampliación da localización primitiva, esta ampliación poderá realizarse, sempre e cando os terreos afectados pola ampliación se atopen incluídos dentro dunha área de desenvolvemento eólico (ADE) do Plan sectorial de Galicia ou, se é o caso, fóra da dita área, nunha franxa de 500 metros paralela e lindeira coa súa delimitación, tal e como sinala o Plan sectorial eólico de Galicia.

3. No caso de que o parque eólico preexistente estivese instalado en terreos afectados por Rede Natura e a ampliación da localización primitiva se situase fóra dunha ADE nos termos sinalados no punto anterior, se esta ampliación tamén afectase terreos incluídos na denominada Rede Natura, será requisito indispensable para autorizar a repotenciación, que a superficie de afección a terreos incluídos en Rede Natura do novo parque eólico repotenciado sexa inferior á afección previa do parque eólico preexistente, polo menos nun 25% da superficie.

Título II

Réxime de autorizacións para a repotenciación

dun parque eólico

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 6º.-Necesidade de autorización.

1. A repotenciación dun parque eólico sometida ao presente decreto requirirá a aprobación das resolucións administrativas seguintes:

a) Autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente, que se refire ao anteproxecto da modificación da instalación como documento técnico que se tramitará, se é o caso, conxuntamente coa documentación ambiental legalmente exixible, en atención ao disposto no artigo 10 do presente decreto.

b) Aprobación do proxecto de execución, que se refire ao proxecto concreto da instalación e faculta o seu titular ao desmantelamento das instalacións precisas e á construción ou establecemento da modificación autorizada.

c) Autorización de explotación, que faculta o seu titular, unha vez executado o proxecto de modificación, a pór en tensión as instalacións e proceder á súa explotación comercial.

2. A solicitude de autorización administrativa da modificación do parque eólico e a solicitude de aprobación do proxecto de execución da dita modificación, definidas ambas as dúas nos parágrafos a) e b) do presente artigo, poderán efectuarse de xeito consecutivo, coetáneo ou conxunto. En calquera dos casos, para a obtención da resolución de aprobación do proxecto de execución, con carácter previo ou coetáneo o solicitante deberá obter a resolución para a autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente.

3. As autorizacións ás que se refire o presente título serán outorgadas, sen prexuízo de calquera outra autorización, permiso ou licenza que sexa precisa, de acordo con outras disposicións legais que puidesen resultar de aplicación.

4. As repotenciacións dos parques eólicos sometidas ao presente decreto requirirán, nos supostos establecidos na normativa urbanística, a aprobación dun proxecto sectorial ou unha modificación do proxecto preexistente, cuxa tramitación se axustará ao establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Artigo 7º.-Solicitantes.

Os solicitantes das autorizacións ás que se refire o presente decreto deberán figurar como titulares do parque eólico que pretenden repotenciar no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía.

Capítulo II

Procedemento para a autorización administrativa

de modificación de parques eólicos preexistentes

para a súa repotenciación

Artigo 8º.-Presentación da solicitude.

1. A solicitude de autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente deberá formularse consonte os criterios establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, deberán acreditar, de acordo co establecido nos artigos 21.2º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e 121 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regula a actividade de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a súa capacidade legal, técnica e económico-financeira para a realización do proxecto.

2. A solicitude irá dirixida á dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía e será tramitada por esta como órgano substantivo no procedemento.

Artigo 9º.-Contido da solicitude.

A solicitude deberá acompañar un anteproxecto da modificación do parque eólico que se pretenda repotenciar, que deberá dispor de:

a) Unha memoria técnica que conterá, polo menos:

1) Definición, descrición e características do parque eólico obxecto de repotenciación.

2) Unha descrición pormenorizada da modificación que se pretende executar incluíndo o plan de desmantelamento dos aeroxeradores substituídos.

3) Planos do parque eólico na súa situación actual e unha vez modificado a escala mínima 1:50.000.

4) Orzamento global estimado e completo da modificación pretendida, incluída a fase de desmantelamento.

5) A solución de evacuación da electricidade xerada pola nova instalación.

b) Unha memoria ambiental, redactada nos termos referidos no artigo 10º deste decreto.

c) Un proxecto sectorial, xunto coa documentación exixida polo artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, nos supostos establecidos na normativa urbanística de aplicación.

d) Unha separata para cada unha das administracións públicas, organismos e, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens ou servizos ao seu cargo afectadas pola modificación da instalación.

Artigo 10º.-Valoración ambiental previa do anteproxecto de modificación.

1. Os anteproxectos de modificación dun parque eólico para os efectos da repotenciación regulada neste decreto someteranse a unha valoración ambiental previa.

2. O solicitante acompañará coa solicitude unha memoria ambiental do anteproxecto de modificación do parque eólico que conterá, cando menos:

a) A definición, características e localización do parque eólico que pretende repotenciarse.

b) Unha descrición pormenorizada da modificación que se pretende executar, incluíndo o plan de desmantelamento dos aeroxeradores substituídos.

c) As principais alternativas estudadas.

d) Unha análise dos impactos potenciais no ambiente.

e) As medidas preventivas, correctoras ou compensatorias para a adecuada protección do ambiente.

f) A forma de realizar o seguimento que garanta o cumprimento das indicacións e medidas protectoras e correctoras contidas no documento ambiental.

3. A memoria ambiental referida será trasladada polo órgano substantivo ao órgano ambiental da Xunta de Galicia con competencias en materia de avaliación ambiental para que, nun prazo máximo tres meses, se pronuncie sobre o contido e o procedemento que terá que seguir en canto á tramitación ambiental do anteproxecto de modificación, segundo o establecido no artigo 3 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental.

4. O resultado da valoración previa será trasladado ao solicitante para que, se é o caso, confeccione a documentación ambiental precisa, de acordo cos criterios establecidos polo órgano ambiental e se incorpore á solicitude presentada. Esta documentación servirá de base para o inicio do procedemento ambiental indicado polo órgano consultado.

5. A valoración ambiental previa poderá ser instada directamente polo solicitante ante o órgano substantivo xunto coa formulación expresa da solicitude de autorización da repotenciación pretendida, do que se dará traslado ao órgano ambiental, incorporando o seu resultado ao anteproxecto a que se refire o artigo 9º deste decreto, así como o resto de documentación ambiental que puidese derivar da valoración establecida e do procedemento seleccionado polo órgano ambiental.

Artigo 11º.-Tramitación administrativa.

1. A dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, unha vez recibida toda a documentación indicada, incluída a documentación ambiental derivada da valoración ambiental previa a que se refire o artigo anterior, dará traslado de todo o expediente á xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, onde se atope situado o parque eólico preexistente, para que proceda á súa tramitación administrativa nos termos establecidos por este decreto.

2. No caso de que por calquera circunstancia o parque eólico preexistente se atope situado en terreos afectados a dúas ou máis provincias, a tramitación administrativa referida no parágrafo anterior será realizada directamente pola dirección xeral da consellería con competencias en materia de enerxía.

Artigo 12º.-Información pública.

1. A solicitude presentada consonte o artigo 9 deste decreto someterase, para todos os efectos, ao trámite de información pública durante o prazo dun mes. Nese sentido, inserirase un anuncio extracto desta no boletín oficial da provincia respectiva, no Diario Oficial de Galicia e nun dos diarios de maior circulación da provincia onde se atope instalado o parque eólico preexistente que pretende repotenciarse.

2. No suposto de que se solicite simultaneamente a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e/ou a declaración de utilidade pública, a información pública a que se refire o punto anterior efectuarase conxuntamente.

3. De igual modo, o trámite de información pública terá validez para os efectos do procedemento ambiental que resulte da valoración ambiental previa establecida no artigo 10 do presente decreto e, se é o caso, para os efectos do artigo 13.2º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos de carácter supramunicipal.

4. Durante o prazo dun mes indicado no número 1 poderán ser formuladas por calquera terceiro as alegacións que considere oportunas ante a xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía

5. As alegacións que se presentasen por calquera terceiro como consecuencia do procedemento de información pública serán notificadas pola xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía ao solicitante, para os efectos de que proceda á súa contestación nun prazo de quince días, se o considera oportuno.

Artigo 13º.-Administracións públicas e organismos afectados.

1. A xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía dará traslado dunha separata do anteproxecto de modificación a cada unha das distintas administracións públicas, organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral, naquela parte que puidese afectar as súas competencias ou a bens e dereitos ao seu cargo.

2. De igual modo, a xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía trasladará ao órgano ambiental con competencias na materia toda a documentación ambiental achegada polo solicitante, xunto coas alegacións de carácter ambiental que se presentaron durante a fase de información pública, así como, se é o caso, as contestacións a estas, para os efectos de iniciar paralelamente a tramitación ambiental do anteproxecto de acordo co procedemento ambiental establecido na valoración previa á que se fai referencia no artigo 10º.

3. De ser o caso, a xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía trasladará á dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de ordenación do territorio o proxecto sectorial referido no artigo 9º c), xunto coas alegacións de carácter urbanístico que se presentaron durante a fase de información pública, así como, se é o caso, as contestacións a estas, para que proceda á súa tramitación administrativa e emita, se for o caso, o informe correspondente ao proxecto sectorial trasladado.

4. Cada unha das administracións, organismos e entidades consultadas nun prazo de trinta días emitirán informe prestando a súa conformidade ou oposición á autorización solicitada, así como o condicionado que consideren conveniente introducir ao anteproxecto. Pasado o prazo sen producirse a contestación das administracións, organismos e entidades consultadas, entenderase producida a conformidade coa autorización da instalación.

No suposto en que a administración, organismo ou entidade consultada non lle fose posible emitir o seu pronunciamento dentro do prazo establecido, poderán solicitar unha prórroga de 15 días para poder cumprir co trámite requirido.

5. O órgano substantivo dará traslado ao solicitante dos informes recibidos e das conformidades presuntas obtidas, para que no prazo de quince días preste a súa conformidade ou formule os reparos que considere procedentes a estes.

6. En caso de reparos do solicitante, o órgano substantivo novamente dará traslado de devanditos reparos á administración, organismo ou entidade que informase nese sentido, para que nun prazo de corenta e cinco días emita informe sobre a contestación recibida. Transcorrido o devandito prazo sen que as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral citados emitisen novo escrito de reparos, entenderase a conformidade coa contestación efectuada polo peticionario.

7. Concluídos todos os trámites referidos, finalizado positivamente o procedemento ambiental a que se fai referencia no punto 2 coa resolución ambiental oportuna e, se é o caso, emitido o informe positivo en relación co proxecto sectorial presentado a que se refire o artigo 13.4º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, que regula os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía dará traslado á dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, que emitirá unha proposta de resolución que será notificada ao solicitante para que nun prazo de dez días poida facer alegacións a esta, se o considera oportuno.

8. En calquera caso, será requisito previo e indispensable para outorgar a autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente para os efectos de repotenciación que a modificación exposta dispoña do dereito de acceso á rede e do correspondente punto de conexión, nos termos establecidos polo título IV do Real decreto 1955/2000, do 1 decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. No suposto de que a nova potencia total solicitada de evacuación sexa superior á xa autorizada, será necesaria a validación por parte dos xestores da rede de transporte ou distribución, segundo corresponda, dos dereitos de acceso e conexión.

9. En aplicación do establecido na disposición transitoria sétima do Decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, tampouco se requirirá o dereito de acceso á rede cando se cumpran as circunstancias reguladas na devandita disposición.

Artigo 14º.-Resolución.

1. A dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía resolverá e notificará a resolución ao solicitante dentro dos seis meses desde a presentación da solicitude de autorización administrativa de modificación do parque eólico preexistente.

2. A falta de resolución expresa no prazo indicado, sobre a base do artigo 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental, terá efectos desestimatorios e habilitará o solicitante para interpor os recursos que considere oportunos.

3. A resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e deberá ser notificada ao solicitante, e a todas as administracións, organismos públicos e empresas do servizo público ou de servizos de interese xeral que interviñeron ou puideron intervir no expediente, así como a calquera terceiro que xustificase a súa condición de interesado.

Artigo 15º.-Contido da resolución.

1. A autorización administrativa de modificación do parque eólico preexistente establecerá, en todo caso, a potencia do parque eólico repotenciado, así como as características e condicións principais deste.

2. De igual xeito, a resolución expresará o período de tempo contado a partir da notificación do seu outorgamento, no cal deberá ser solicitada a aprobación do proxecto de execución, indicando que se producirá a súa caducidade se, transcorrido o dito prazo, aquela non foi solicitada, podendo solicitar o peticionario, por razóns xustificadas, unha prórroga do prazo establecido.

O dito prazo será, como mínimo, de tres meses.

Capítulo III

Procedemento para a aprobación do proxecto de execución de repotenciación

Artigo 16º.-Presentación da solicitude.

1. O solicitante presentará ante a dirección xeral con competencias en materia de enerxía a correspondente solicitude de aprobación do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico preexistente, conforme os criterios establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude deberá acompañar o proxecto técnico de repotenciación do parque eólico preexistente, que deberá ser elaborado consonte os regulamentos técnicos na materia e deberá incluír expresamente un estudo polo miúdo do proxecto de desmantelamento dos aeroxeradores substituídos, así como o orzamento de execución.

3. O proxecto de desmantelamento dos aeroxeradores que se pretendan substituír deberá incluír medidas de revexetación e restauración como eliminación de equipamentos, máquinas, construcións realizadas, cobertura de cimentacións, tratamento de solos, estradas ou calquera outro que se considere adecuado, así como as medidas de mellora da contorna unha vez que os aeroxeradores substituídos se atopen completamente desmantelados, así como os correspondentes prazos para levalo a cabo.

4. Poderán quedar excluídas do proxecto de desmantelamento, logo de autorización da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, aquelas instalacións ou melloras realizadas no seu día polo titular do parque eólico preexistente que puidesen ser utilizadas polo parque eólico repotenciado ou en beneficio de terceiros.

5. Presentaranse en forma de separata aquelas partes do proxecto que afecten bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral para que estas establezan o condicionado técnico procedente.

Artigo 17º.-Condicionados.

1. A xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía tramitará o expediente de aprobación do proxecto e remitirá as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, co obxecto de que establezan de forma xustificada o condicionado técnico procedente, no prazo de trinta días.

2. Cando remitidas as separatas correspondentes transcorran trinta días, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo solicitante da aprobación do proxecto de execución.

No suposto de non poderse emitir o condicionado no dito prazo, o órgano que deba emitilo poderá, dentro do prazo establecido, solicitar unha prórroga de 15 días para cumprir co trámite requirido.

3. Darase traslado ao solicitante dos condicionados establecidos, para que, no prazo de quince días preste a súa conformidade ou formule os reparos que considere procedentes aos citados condicionados.

4. A contestación do solicitante trasladarase ás administracións públicas, organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral que emitiron o correspondente condicionado técnico, para que no prazo de corenta e cinco días mostre a súa conformidade ou reparos á dita contestación. Transcorrido o dito prazo sen que as administracións públicas, organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral emitisen novo escrito á contestación do solicitante, entenderase a conformidade á dita contestación.

5. Concluídos os trámites precedentes, a xefatura territorial da provincia da Consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía efectuará, se o considera oportuno, un recoñecemento sobre o terreo e reunirá os condicionados técnicos, se os houber.

6. Finalizada toda a tramitación administrativa, a xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía dará traslado do expediente administrativo incoado á dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía para que proceda a ditar, se é o caso, a oportuna resolución.

Artigo 18º.-Resolución.

1. No suposto que se manteña a discrepancia do solicitante en canto aos condicionados técnicos emitidos por calquera administración pública, organismo ou empresa de servizo público ou interese xeral consultadas, a dirección xeral da Xunta con competencias en materia de enerxía poderá emitir resolución recollendo as condicións técnicas establecidas ou, no caso de que discrepe do condicionado exposto, remitir a proposta de resolución ao conselleiro con competencias en materia de enerxía, para a súa elevación ao Consello a Xunta para os efectos da resolución definitiva.

2. Tanto a dirección xeral con competencias en materia de enerxía como, se é o caso, o Consello da Xunta, deberá emitir resolución nun prazo non superior a seis meses desde a presentación da solicitude. Sobre a base do artigo 37 da a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental, a falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, podendo interporse, se for o caso, recurso administrativo ante a autoridade correspondente.

3. A resolución deberá ser notificada ao solicitante e a todas aquelas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral consultadas, así como a calquera terceiro que xustificase a súa condición de interesado, e deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19º.-Contido da resolución.

1. A resolución deberá conter unha descrición pormenorizada das características e condicións do proxecto de execución do parque eólico repotenciado, así como o plan de desmantelamento do parque eólico preexistente.

2. De igual xeito, a resolución establecerá o prazo máximo para o inicio das obras de execución do parque eólico repotenciado, contado sempre a partir do momento en que o solicitante dispoña da totalidade dos terreos onde se sitúe este.

3. Así mesmo, a resolución establecerá a obriga do titular do parque eólico de desmantelar a instalación preexistente pola súa conta. O dito desmantelamento poderá realizarse de forma coetánea á instalación dos novos aeroxeradores.

Artigo 20º.-Fianza.

1. Co obxecto de garantir o estrito cumprimento do contido da resolución de aprobación do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico, o solicitante constituirá, no prazo dun mes desde a notificación da citada resolución, unha fianza por importe equivalente ao dous por cento do orzamento de execución.

2. A citada fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de depósitos e fianzas e será devolta ao solicitante unha vez se outorgue a acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado.

Capítulo IV

Autorización de explotación

Artigo 21º.-Acta de posta en servizo.

1. Unha vez executado o proxecto de repotenciación, o titular deste solicitará da xefatura territorial da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía o outorgamento da acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado.

2. A solicitude deberá estar acompañada dun certificado de fin de obra subscrito por un técnico facultativo en que conste que o parque eólico repotenciado se executou de acordo coas especificacións técnicas aprobadas no proxecto de execución previamente autorizado e que se atopa totalmente cumprido o proxecto de desmantelamento.

3. A acta de posta en servizo será outorgada pola xefatura territorial da provincia da consellería da Xunta con competencias en materia de enerxía, logo de recoñecemento das obras executadas no prazo dun mes, contado desde a formulación da solicitude, podendo, se for o caso, por petición do solicitante, estender a acta de posta en servizo para probas da instalación.

Capítulo V

Rexistro de instalacións de produción en réxime especial

Artigo 22º.-Inscrición da repotenciación.

1. Os parques eólicos repotenciados de acordo co disposto neste decreto manterán para todos os efectos, a mesma inscrición e o mesmo número de identificación no Rexistro de instalacións de produción en réxime especial, que o establecido para o parque eólico preexistente.

2. Unha vez emitida a acta de posta en servizo definitiva, o titular do parque eólico comunicará ao Rexistro as modificacións acontecidas na instalación, acompañando, se for o caso, coa documentación referida nos artigos 11 e 12 do Decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial que, como consecuencia da modificación autorizada, sufrise algún tipo de alteración ou modificación.

3. Unha vez inscrita a modificación autorizada, a dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, nun prazo máximo dun mes, deberá dar traslado á dirección xeral do Estado con competencias en materia de enerxía, da modificación da inscrición da instalación no rexistro autonómico para a toma de razón da citada modificación no rexistro administrativo central.

Título III

Expropiacións

Artigo 23º.-Expropiacións.

Será de aplicación aos expedientes administrativos derivados deste decreto o réxime expropiatorio establecido nos artigos 43 e 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto neste decreto será de aplicación o disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segunda.-A partir da entrada en vigor deste decreto poderanse presentar na consellería competente en materia de enerxía da Xunta de Galicia, solicitudes de autorización para a repotenciación dos parques eólicos existentes conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de enerxía para ditar cantas disposicións fosen necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de agosto de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria