DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2010 Páx. 14.661

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 137/2010, do 5 de agosto, polo que se modifican os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.).

O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúe a competencia de planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), á Secretaría Xeral de Medios e á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quedando establecido un réxime de colaboración entre os dous órganos dependentes da Presidencia, polo que se fai preciso modificar os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), para o que, e de conformidade co disposto nos artigos 44 a 47 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, por proposta da conselleira de Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de agosto de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar o artigo 16 dos estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), aprobados polo Decreto 58/1997, do 20 de febreiro, que queda redactado no seguinte termo:

«Artigo 16º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros/as que non será inferior a tres nin superior a sete.

2. Será o/a presidente/a do Consello de Administración o/a secretario/a xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

3. Será o/a vicepresidente/a do Consello de Administración o/a secretario/a xeral de Medios.

4. A elección dos/as conselleiros/as que deben compoñer o Consello en cada momento, sempre dentro do mínimo e do máximo a que se refire este artigo, corresponde á Xunta Xeral de Accionistas.

5. O/a secretario/a do Consello de Administración será elixido polo Consello, por proposta do/a presidente/a, e deberá ser licenciado en dereito. Na súa ausencia, asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade».

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de agosto de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda