DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2010 Páx. 14.613

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 136/2010, do 5 de agosto, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

No Decreto 19/2009, do 5 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, establécese que a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo consideran que a maneira máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, considerando esta fórmula do consorcio como a organización idónea para facilitar a posta en marcha dos distintos parques comarcais contra incendios e de salvamento da provincia de Lugo, no que se integrarán os distintos parques que se constitúan e equipen ao abeiro dos estatutos que rexerán este consorcio.

Tamén se recolle no dito decreto que a entrada en vigor da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, supón o mandato do Parlamento de Galicia para obter importantes obxectivos no ámbito da protección civil e a xestión de emerxencias, sendo un dos máis destacables a necesidade de acadar a maior homoxeneidade posible da prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento en toda Galicia do xeito máis eficaz.

Para seguir avanzando na cuestión principal de «acadar a maior homoxeneidade posible da prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento en toda Galicia» faise necesario cambiar e ampliar o sistema de xestión dos parques e consorcios que se viña considerando ata entón, apostando por un modelo de xestión distinto e abrindo a posibilidade a que sexan xestionados non só a través da xestión directa polo persoal laboral propio senón posibilitando todos os mecanismos aos que habilita a normativa de aplicación a través da xestión directa e indirecta.

Do mesmo xeito, en distintos artigos dos estatutos deste Consorcio Provincial de Lugo existen contradicións e mesmo algunhas cuestións pouco claras, que precisan un desenvolvemento máis amplo, tendo tamén en conta as posibilidades de futuro que se sinalan nestes.

Esta modificación fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 151.2º e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196.3º da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de agosto de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación da modificación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Aprobar a modificación dos artigos 1º, 4º, 5º, 6º, 9º, 10º, 11º, 12º, 13º, 14º, 15º, 18º, 19º, 20º, 22º e 23º así como eliminar o contido da disposición adicional segunda e o parágrafo f) do artigo 6º do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, sendo o texto deles o que se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de agosto de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos Estatutos do Consorcio Provincial de Lugo

para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento

Artigo 1º.-Entidades consorciadas.

Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 196 e concordantes, así como na demais lexislación vixente, e para dar cumprimento ao disposto nas disposicións adicional terceira e transitoria terceira da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, constitúese o Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento como unha entidade de dereito público, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo, tendo para todos os efectos a consideración de Administración pública.

Artigo 4º.-Sede.

1. A sede do consorcio fíxase nas dependencias da Deputación de Lugo. Por acordo do pleno do consorcio poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou realizarse reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

Artigo 5º.-Denominación, obxecto, fins e disolución.

1. A denominación deste consorcio será a de Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

2. Constitúe o obxecto do consorcio a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento, que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante a creación dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo, por calquera das modalidades de xestión previstas na lexislación.

3. Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguranza, que afecten persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

4. Para a súa disolución terase en conta o previsto nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 6º

O ámbito de actuación deste consorcio será toda a provincia de Lugo, coas seguintes precisións:

a) Con independencia do ámbito provincial do consorcio, este poderá establecer as áreas de actuación preferente de cada parque de bombeiros, atendendo basicamente os tempos de resposta en función das comunicacións por estrada do parque.

b) Excepcionalmente, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (en diante CAE112 Galicia), poderá solicitar, de acordo co protocolo que se estableza para o efecto, a actuación do consorcio fóra da provincia de Lugo, cando as circunstancias o requiran.

Neste caso, o titular da presidencia ou persoa en quen delegue deberá autorizar esta actuación, agás en casos de risco inminente, valorado pola Axencia Galega de Emerxencias, nos cales non será imprescindible a dita autorización. Neste caso, estableceranse as compensacións económicas a que houber lugar.

c) No caso de activación de plans de emerxencia da comunidade autónoma, tanto territoriais como especiais, o ámbito de actuación será o fixado mediante as directrices do director do plan activado.

d) O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue estas ao cumprimento dos fins expresados nestes estatutos.

e) Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes en que se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio e teñan parque de bombeiros de seu, agás que prefiran incorporarse ao consorcio provincial mediante os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 9º.-Pleno.

1. O pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-A persoa titular da presidencia da Deputación Provincial de Lugo ou deputado/a en quen delegue.

-A persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias ou persoa en quen delegue.

-Dous deputados/as da deputación provincial designados pola presidencia da deputación.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de atención ás emerxencias.

-Con voz, pero sen voto, asistirán:

*O/a funcionario/a que desempeñe as funcións de secretario e interventor do consorcio.

*A xerencia do consorcio.

*Os alcaldes dos concellos onde se estableza un parque de bombeiros.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Por petición da maioría dos membros con voto do pleno do consorcio, poderá convocarse, con voz pero sen voto e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros de administración ou de entidades públicas ou privadas que se xulguen oportunas.

2. O sistema de votación no pleno será ponderado, correspondéndolle a cada unha das administracións consorciadas unha porcentaxe de votos igual á sinalada na liña a) do artigo 25º, con independencia do número de asistentes á reunión en representación delas, sempre que se dea o quórum mínimo dun terzo para a realización da sesión, cuxo número total non poderá ser inferior a tres, segundo o principio aplicable aos órganos colexiados. En calquera caso requirirase estar representadas tanto Xunta de Galicia como Deputación de Lugo.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos, sen prexuízo do establecido no artigo 22º.1.

Artigo 10º.-Presidencia e vicepresidencia.

O presidente do consorcio será elixido polo pleno do consorcio por maioría absoluta do número legal dos membros do consorcio, sendo rotatoria, cada dous anos, entre o representante da Xunta de Galicia e o representante da Deputación Provincial de Lugo. De igual xeito, será elixido o vicepresidente.

Os cargos da presidencia e vicepresidencia renovaranse cada vez que se renoven os cargos dalgunha das administracións consorciadas como consecuencia da realización de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fagan necesario. A presidencia exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

A persoa titular da vicepresidencia substituirá a da presidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o titular da presidencia durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Atribucións do pleno.

1) As atribucións do pleno serán as seguintes:

1. A organización do consorcio.

2. A iniciativa e aprobación da integración de entidades no consorcio.

3. A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación provisoria das contas; todo iso de acordo co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

4. A aprobación do programa anual de actividades.

5. A aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

6. A aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

7. A adquisición de bens e dereitos, a transacción sobre estes e a concesión de quitación e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

8. O control e fiscalización dos órganos de goberno.

9. A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, e o número e réxime do persoal propio do consorcio.

10. A administración do patrimonio.

11. A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

12. O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio no referente á competencia plenaria.

13. A concertación das operacións de crédito cuxa contía acumulada no exercicio económico exceda o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na normativa reguladora de facendas locais.

14. As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, e, en todo caso, os de importe superior a 6.000.000 euros, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos, en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa maior que a contía sinalada neste número.

15. A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estea previsto nos orzamentos.

16. A aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servizos e subministracións que sexan da súa competencia.

17. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstos no orzamento.

-Cando, estando previstos no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

18. Aquelas atribucións que deban corresponder ao pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

19. A alteración da sede do consorcio e o cambio de nome deste.

20. A aprobación dos seus regulamentos e ordenanzas.

21. As demais que expresamente lle atribúan as leis.

2) O pleno poderá delegar as súas competencias no presidente ou na comisión executiva, por resultar os únicos viables para esta delegación, de acordo co artigo 21 da Lei 7/1985, sendo de aplicación o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

Artigo 12º.-A comisión executiva.

1. A comisión executiva estará formada por un representante da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias da Xunta de Galicia, un representante da Deputación Provincial de Lugo e a persoa titular da xerencia, esta última con voz pero sen voto.

A presidencia da comisión executiva recaerá sobre o representante da administración que ostente a presidencia do consorcio. O secretario, que non terá nin voz nin voto, será o secretario do pleno.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

2. O sistema de votación na comisión executiva será ponderado, e corresponderá a cada unha das administracións consorciadas unha porcentaxe de votos igual á sinalada na alínea a) do artigo 25º, con independencia do número de asistentes á reunión en representación delas.

Artigo 13º.-Competencias da comisión executiva.

Serán competencias da comisión executiva:

1. A aprobación do proxecto de orzamentos que se presentará para a súa aprobación ao pleno.

2. A aprobación do proxecto de cadro de persoal, da relación dos postos de traballo e a proposta de fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, así como a proposta do número e réxime do persoal eventual, para a súa aprobación definitiva no pleno.

3. Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo pleno, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas, segundo o regulamento do pleno.

4. A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

5. Aqueloutras que lle puidesen ser delegadas polo pleno, o presidente da entidade ou que atribúa a normativa.

Artigo 14º.-Competencias da presidencia do consorcio.

Serán funcións propias da presidencia as seguintes:

1. Dirixir o goberno e a administración do consorcio.

2. Representar o consorcio.

3. Convocar e presidir as sesións do pleno e calquera outro órgano do consorcio e decidir os empates co voto de calidade.

4. Supervisar o funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial, a actuación do xerente como xefe directo deste, dando conta ao pleno.

5. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

6. Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras cuxa titularidade e exercicio corresponda ao consorcio.

7. O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

8. Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal dependente do consorcio, e acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao pleno na primeira sesión que realice, así como todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o pleno.

9. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegase noutro órgano e, en caso de urxencia, en materias da competencia do pleno.

10. Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

11. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

12. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e as contías indicadas nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento.

13. Ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos do consorcio.

14. O exercicio daqueloutras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

15. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

16. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable aos presidentes de entidades locais e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O titular da presidencia pode delegar na persoa titular da vicepresidencia o exercicio das súas atribucións, agás a de concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos puntos 1 e 9 do número anterior.

Artigo 15º.-Consello asesor.

1 Para asesoramento e informe das materias que se determinen crearase un consello asesor integrado do seguinte xeito:

-Presidencia: titular da presidencia do consorcio ou membro do pleno en quen delegue.

-Vicepresidencia: titular da vicepresidencia do consorcio ou membro do pleno en quen delegue.

-Os alcaldes dos concellos onde se instalen os parques ou subparques que o consorcio acorde poñer en marcha.

-Dous representantes da Xunta de Galicia, dos cales un será designado polo conselleiro con competencias en materia de atención ás emerxencias e outro pola Axencia Galega de Emerxencias.

-Dous representantes da Deputación Provincial designados pola súa presidencia.

-Dous representantes por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), elixidos de entre os seus membros representantes das entidades da provincia de Lugo.

2. Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 18º.-Xerencia.

1. A xerencia é o órgano a que corresponde realizar a xestión ordinaria, é dicir, a técnico-administrativa, dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia da presidencia. A persoa titular da xerencia terá a condición de persoal directivo: funcionario ou laboral de alta dirección de acordo co establecido na normativa de función pública.

2. Serán funcións da xerencia:

a) Dirixir, xestionar os servizos e resolver os asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presentar o anteproxecto de orzamentos, que se presentará para a súa aprobación á comisión executiva o máis tardar o primeiro día hábil de setembro do ano anterior ao de vixencia do devandito orzamento. Elaborar e presentar os plans de actuacións e o programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica aos órganos colexiados do consorcio.

d) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos colexiados do consorcio.

e) Exercer a dirección do persoal ao seu cargo, baixo a dependencia da presidencia así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servizos.

f) Instruír os expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servizo, así como os demais que se refiren ao funcionamento do consorcio.

g) Propoñer á presidencia do consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Elaborar as estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servizos ao seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servizo.

i) Asistir ás sesións dos órganos colexiados con voz e sen voto.

j) As demais funcións que o pleno lle encomende.

Artigo 19º.-Funcións reservadas a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter estatal.

1. No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter estatal, que serán exercidas a través dunha das seguintes modalidades:

a) A través de funcionarios/as con habilitación estatal, de acordo co sistema de provisión previsto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

b) A través do servizo de asistencia da deputación, de acordo co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

2. As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do pleno, consello asesor e comisión executiva, convocando os compoñentes por orde da súa presidencia e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumprir os acordos adoptados nas sesións, así como elaborar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do consorcio.

d) Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Artigo 20º.-Reunións.

1. O pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez ao semestre.

2. Realizarase sesión extraordinaria por petición da presidencia cando o considere oportuno ou por petición dun terzo dos membros do pleno.

3. A presidencia poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se exixirá a anticipación mínima de 5 días a que se refire o artigo 21º.1. Nas sesións extraordinarias urxentes, o pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, concluirase acto seguido a sesión. Para estes efectos para o cómputo das maiorías aplicarase o disposto no artigo 22º.

4. A comisión executiva reunirase de xeito ordinario unha vez ao trimestre, sendo convocada pola presidencia da comisión, e de xeito extraordinario por petición de calquera dos seus membros, cunha anticipación mínima de 5 días en ambos os casos.

5. O consello asesor reunirase sempre que así o acorde a presidencia do consorcio, ou ben o solicite a maioría absoluta dos membros do pleno do consorcio ou do consello asesor.

6. O quórum necesario para a constitución válida das sesións será o seguinte: un terzo dos seus membros para o pleno, que deberá manterse durante toda a sesión; para a comisión executiva e para o consello asesor requírese maioría absoluta na primeira convocatoria, e en segunda convocatoria, un terzo para a comisión e 3 membros para o consello. En calquera caso, para todos eles requirirase sempre un mínimo de 3 membros e estar representadas tanto Xunta de Galicia como Deputación de Lugo.

Artigo 22º.-Acordos.

1. Os acordos do pleno adoptaranse por maioría, agás os indicados nos números 2, 3 e 9 do artigo 11º, que requirirán maioría cualificada de dous terzos.

2. Os acordos adoptados obrigan todas as entidades integrantes do consorcio.

3. A comisión executiva deberá adoptar acordos sempre por maioría simple.

4. Cada unha das dúas administracións consorciadas ten representación equivalente á porcentaxe que achegue ao financiamento do consorcio, segundo o artigo 25º. Esta representación pode exercerse aínda que non se encontren presentes todos os representantes dela.

Artigo 23º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo do consorcio estará integrado por:

a) Titular da xerencia.

b) O persoal que, de conformidade co artigo 19º, atenda as funcións reservadas a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

c) Calquera outro que se estableza, tanto funcionario como laboral que, en todo caso, deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do consorcio; en todo caso, o persoal previsto no punto b) realizará as funcións previstas no artigo 19º destes estatutos.