DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 11 de agosto de 2010 Páx. 14.550

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de tapizaría en Galicia.

O Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de operacións auxiliares de tapizamento de mobiliario e mural, pertencente á familia profesional de téxtil, confección e pel, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle na súa disposición adicional terceira que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional, e formarán parte da formación profesional do sistema educativo; e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais consonte o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de tapizaría en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de tapizaría queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: tapizaría.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: téxtil, confección e pel.

Terceiro.-Competencia xeral.

Desgornecer, preparar, ensamblar e montar tapizamentos de mobiliario e mural, aplicando as técnicas e os procedementos requiridos en cada proceso, de xeito autónomo e, de ser o caso, baixo a supervisión de persoal responsable, e logrando artigos coa calidade requirida, en condicións de seguridade e respecto ambiental, nos prazos previstos.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Preparar a maquinaria, os equipamentos, as ferramentas e os utensilios necesarios para levar a cabo as operacións de tapizamento e enteamento de murais, realizando o seu mantemento de primeiro nivel.

b) Almacenar os produtos téxtiles, os mecanismos e os produtos necesarios para o tapizamento e o enteamento, de acordo coas súas características.

c) Realizar orzamentos de acordo coas características e as dimensións que presenten os produtos para o seu tapizamento, ou os murais para o seu enteamento.

d) Seleccionar o material segundo o produto que cumpra tapizar ou entear e as súas aplicacións.

e) Realizar a desmontaxe ou o espimento das cubertas e os recheos de estruturas tapizadas.

f) Obter as dimensións das pezas e os compoñentes necesarios para realizar o tapizamento ou o enteamento a partir dos patróns procedentes da desmontaxe ou das medidas directas.

g) Marcar e cortar pezas, así como os complementos necesarios (guata, espumas, moletón, etc.), con criterios de óptimo aproveitamento dos materiais de confección.

h) Obter o marco bastidor para o enteamento de paredes ou teitos, colocando tiras de cartón ou restreis en paneis de muros arredor de ocos ou aberturas interiores.

i) Ensamblar por cosido ou por outra técnica de unión as pezas e os accesorios (bólas, botóns, galóns, etc.), para obter o tapizamento ou o enteamento coa calidade estética e funcional prevista.

j) Situar en mobles material de recheo e elementos de suspensión, conseguindo o volume, a simetría e a suspensión que requira o moble.

k) Tapizar e entear situando as fundas ou os tecidos mediante grampaxe para obter o aspecto final establecido.

l) Acabar tapizamentos e enteamentos, ocultando as grampas de unión e realizando distintos tipos de remates (pasamanarías, chatolas, bordóns, etc.), para lles conferir aos artigos as características e os aspectos de presentación final.

m) Demostrar autonomía na resolución de pequenas anomalías e na reparación de defectos solucionables dos produtos confeccionados.

n) Elaborar facturas en que se detallen os conceptos, cumprindo os requisitos legais.

o) Cumprir as normas de seguridade, así como detectar e previr os riscos asociados ao posto de traballo.

p) Atender a clientela demostrando interese e preocupación por cubrir satisfactoriamente as súas necesidades.

q) Manter a orde e a limpeza na área de traballo ao longo da actividade.

r) Comunicarse eficazmente coas persoas adecuadas en cada momento, transmitindo a información con claridade, de xeito ordenado, estruturado, claro e preciso.

s) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e amosar unha actitude creativa ante as demandas da clientela.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións auxiliares de tapizamento de mobiliario e mural, TCP136_1 (Real decreto 1087/2005), que inclúe as seguintes unidades de competencia:

UC0428_1: atender a clientela e realizar o aprovisionamento para procesos de tapizamento.

UC0429_1: realizar o desgornecemento, a preparación e a montaxe do tapizamento en mobiliario.

UC0430_1: realizar a enmarcación, o gornecemento e o enteamento de paredes, e o tapizamento de paneis murais.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional: mediana ou pequena empresa, ou taller artesán, de xeito autónomo ou por conta allea, dedicados ao tapizamento de mobiliario e enteamento de paredes, teitos e paneis murais.

2. Sectores produtivos: localízase en empresas dedicadas á moblaxe e á decoración de interiores e exteriores.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

Tapiceiro/a de mobles.

Tapiceiro/a artesanal, en xeral.

Tapiceiro/a de vehículos.

Enteador/ora.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

ME0111. Materiais e servizos en tapizaría.

ME0112. Tapizamento de mobiliario.

ME0113. Enteamento de paredes e tapizamento de paneis murais.

ME0114. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira.

Única.-Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2010.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: materiais e servizos en tapizaría.

Código: ME0111.

Duración: 70 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Comunica e atende a clientela en establecementos de tapizaría.

CA1.1. Describíronse as calidades que debe posuír e as actitudes que debe desenvolver para atender a clientela nas relacións comerciais.

CA1.2. Identificáronse as variables que interveñen na conduta e as motivacións da clientela.

CA1.3. Realizouse o proceso comunicativo a partir da caracterización dun suposto de atención

CA1.4. Identificouse a documentación anexa ás operacións de atender a clientela.

RA2. Recibe e almacena os artigos para o tapizamento.

CA2.1. Identificáronse técnicas de recepción e almacenamento segundo os materiais e os produtos para tapizamento.

CA2.2. Describíronse procedementos para o correcto almacenamento de materiais.

CA2.3. Describíronse procedementos de seguridade e prevención para o almacenamento.

CA2.4. Interpretáronse e cubríronse fichas de existencias e inventarios.

CA2.5. Elaboráronse partes de incidencias en que se indican as anomalías e as deficiencias detectadas.

RA3. Recoñece por probas sinxelas as fibras, os fíos e os tecidos utilizados en tapizaría e enteamento.

CA3.1. Identificáronse as materias e os produtos téxtiles segundo as súas orixes.

CA3.2. Describíronse as características e as propiedades das materias e os produtos téxtiles.

CA3.3. Partiuse de mostras de fibras, fíos e tecidos para facer ensaios de carácter visual e táctil, e indicouse o que pode ser e o que non é.

CA3.4. Recoñecéronse as materias téxtiles polo seu comportamento en ensaios de combustión á chama: forma de arder, cheiro despedido, formación de engurras, fusión e residuo ou cinsa producidos.

RA4. Caracteriza os produtos téxtiles (fíos, tecidos e teas non tecidas) en relación cos procesos de fabricación.

CA4.1. Describíronse os procesos básicos de produción de fíos, tecidos e teas non tecidas, e comparáronse os produtos de entrada e saída.

CA4.2. Observáronse mostras de fíos e comprobouse que tipo de torsión e/ou retorsión teñen os cabos ou as fibras, segundo as súas características e as súas propiedades.

CA4.3. Partindo de mostras de tecidos, destecéronse e deduciuse a estrutura do tecido, segundo as súas características e as súas propiedades

CA4.4. Observáronse mostras de teas non tecidas e indicáronse as súas características e as súas propiedades.

CA4.5. Recoñecéronse en mostras e/ou imaxes fotográficas os defectos máis comúns nos produtos téxtiles debidos a fallos de fabricación.

RA5. Relaciona os tratamentos (branqueamento, tintura, aprestos, etc.) que cumpra realizarlles ás materias téxtiles para lles conferir unhas determinadas características.

CA5.1. Describíronse as características e as propiedades que lles transmiten os tratamentos máis salientables ás materias téxtiles, a partir da observación e a análise de mostra.

CA5.2. Identificáronse as operacións básicas sobre esquemas de procesos de ennobrecemento.

CA5.3. Observáronse mostras de fíos, tecidos e teas non tecidas, e deducíronse os tratamentos recibidos, segundo as súas características e as súas propiedades identificadas.

CA5.4. Recoñecéronse os defectos máis comúns en mostras de produtos téxtiles debidos a fallos de tratamentos de ennobrecemento.

RA6. Relaciona os tipos de peles coas características do artigo que se vaia fabricar con elas.

CA6.1. Recoñecéronse os tipos de peles segundo a súa natureza e describíronse as súas características e as súas aplicacións na fabricación de artigos e no uso industrial.

CA6.2. Identificáronse os defectos máis comúns en peles e coiros debidos a fallos naturais ou derivados dos seus procesos de fabricación ou tratamento.

CA6.3. Clasificáronse as peles acabadas de acordo co tamaño, o grosor e os defectos.

CA6.4. A partir de mostras de peles e coiros:

-Fixéronse ensaios de carácter visual e táctil, e indicouse o tipo de pel de que se trata.

-Indicáronse os defectos e as anomalías máis frecuentes das peles que inciden nas características finais do produto.

-Indicouse o comportamento das peles en función do proceso de fabricación en que interveñan e do uso.

-Expresáronse as características e os parámetros das peles coa terminoloxía, as medidas e as unidades propias.

-Interpretáronse e cubríronse fichas técnicas que expresen datos característicos de mostras de peles.

RA7. Distingue as condicións básicas de presentación, conservación, manipulación e acondicionamento de materias téxtiles e peles, segundo as súas características e as súas propiedades.

CA7.1. Relacionáronse os tipos de presentación e embalaxe cos requisitos de almacenamento e transporte.

CA7.2. Interpretáronse etiquetas normalizadas de contidos, manipulación e conservación de materiais téxtiles e peles.

CA7.3. Indicáronse as condicións ambientais (temperatura, humidade, luz, ventilación, etc.) e de procedemento de colocación que debe ter un almacén para manter as materias téxtiles e as peles en bo estado.

Contidos.

-Habilidades de comunicación.

Barreiras e dificultades.

Comunicación non verbal.

Comunicación verbal: técnicas de emisión de mensaxes orais.

Comunicación a través de medios non presenciais.

Escoita: técnicas de recepción de mensaxes orais.

Variables que condicionan ou determinan os intereses de consumo da clientela.

Motivación, frustración e mecanismos de defensa.

Teoría de Maslow.

Necesidades segundo as condutas.

Perfil psicolóxico da clientela.

-Persoal vendedor.

Características, funcións, actitudes e coñecementos.

Persoal vendedor profesional: modelo de actuación.

Calidades que debe reunir. Aptitudes para a venda e o seu desenvolvemento.

Relacións coa clientela.

Documentación anexa ás operacións de venda.

-Fibras: naturais, artificiais e sintéticas.

Clasificación, características e propiedades das fibras.

Esquema básico dos procesos de obtención. Procedementos elementais de identificación.

-Fíos.

Esquema básico dos procesos de transformación.

Clasificación, características e propiedades. Procedementos elementais de identificación.

-Tecidos.

Tecidos: calada e punto.

Esquema básico dos procesos de obtención.

Estruturas dos tecidos.

Tecidos especiais.

Clasificación, características e propiedades.

-Teas non tecidas.

Esquema básico dos procesos de consolidación de fibras e napas.

Clasificación, características e propiedades. Procedementos elementais de identificación.

Tratamentos de ennobrecemento téxtil (acabamentos).

Esquema básico dos tratamentos.

Características e propiedades.

Presentación comercial: identificación, manipulación e conservación.

-Natureza e características da pel e o coiro.

Estrutura e partes da pel.

Tipos de peles.

Esquema do proceso de curtidura.

Procedementos de identificación das peles curtidas e aplicacións.

Principais defectos das peles.

-Manipulación e clasificación de peles e coiros.

Clasificación comercial das peles por calidades.

Procedementos de conservación.

Limpeza e mantemento das peles e os coiros.

Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de recoñecemento de artigos e materiais téxtiles e elementos complementarios, así como a súa recepción e o seu almacenamento, e a función de atención e servizo á clientela, tanto na información previa como na posvenda do produto ou servizo.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Diferenciación de artigos e materiais téxtiles en función das súas características e as súas aplicacións.

-Xestión de almacén.

-Comunicación coa clientela.

-Información do produto como base do servizo.

-Atención de reclamacións.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre:

-Descrición dos produtos que comercializan e os servizos que prestan empresas tipo.

-Realización de exercicios de expresión oral, aplicando as normas básicas de atención ao público.

-Resolución de situacións estándares mediante exercicios de simulación.

-Caracterización de artigos e materiais téxtiles e con elementos complementarios.

-Almacenamento e control da rastrexabilidade de artigos e materiais téxtiles.

2. Módulo específico: tapizamento de mobiliario.

Código: ME0112.

Duración: 233 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Analiza procesos de tapizamento de diferentes modelos de mobles.

CA1.1. Interpretouse a información técnica necesaria para coñecer os procesos de tapizamento.

CA1.2. Analizáronse as diferenzas entre procesos de tapizamento con técnica clásica e moderna, e identificáronse as vantaxes e as desvantaxes, así como as variacións de confortabilidade.

CA1.3. Describíronse as operacións do proceso segundo as técnicas que se deban aplicar, en relación cos materiais que compoñen o produto, e coas máquinas e as ferramentas básicas que se empreguen.

CA1.4. Explicouse en que espazo físico se poden situar distintos modelos de mobles, tendo en conta as súas características, aplicando criterios estéticos e funcionais.

RA2. Pon a punto as máquinas e as ferramentas básicas segundo as técnicas de corte, ensamblaxe ou montaxe e as exixencias dos materiais, para os deixar en situación operativa.

CA2.1. Interpretouse a información técnica e manual das máquinas en relación co seu funcionamento, a súa posta a punto e o seu mantemento de primeiro nivel.

CA2.2. Describíronse e clasificáronse as máquinas e as ferramentas segundo as súas prestacións no proceso de tapizamento.

CA2.3. Nun caso práctico:

-Preparáronse as máquinas utilizando a información técnica.

-Realizáronse operacións de montaxe e desmontaxe, lubricación e limpeza, regulación e axuste, cumprindo as normas de seguridade.

RA3. Realiza a desmontaxe ou o espimento dun moble tapizado para a súa restauración.

CA3.1. Describíronse os procedementos de desmontaxe ou espimento de mobles tapizados.

CA3.2. Identificouse e analizouse o procedemento de extracción da cuberta exterior e interior, o entreforro, o recheo e a suspensión ou soporte, de acordo coa información técnica.

CA3.3. Describiuse como se identifican as pezas que se retiran do moble, así como os detalles específicos que cumpra ter en conta na nova colocación, e como se reproducen en papel ou cartón.

CA3.4. A partir dun caso práctico de desmontaxe dun moble tapizado:

-Identificouse o modelo e as técnicas utilizadas no tapizamento de orixe.

-Retirouse o tapizamento, o forro, o entreforro, o recheo, os resortes e as cinchas, seguindo a secuencia prefixada e con seguridade.

-Utilizáronse as ferramentas adecuadas para non danar a cuberta nin a estrutura, cumprindo as normas de seguridade establecidas.

-Identificáronse as pezas extraídas co seu nome, a súa posición, a súa dirección e o sentido do material.

-Sinalizouse na peza extraída a posición e a dirección da pregas, táboas e recollidos, así como detalles específicos que cumpra ter en conta para a súa aplicación ou a sinalización no patrón.

-Efectuouse unha listaxe coa orde correcta de extracción das pezas, como referente para que a nova colocación se realice de xeito inverso.

-Realizáronse os patróns a partir da reprodución sobre papel ou cartón das pezas retiradas, e indicáronse as sinalizacións correspondentes.

-Comprobouse o estado da estrutura do moble, canto a estabilidade e solidez e, en caso necesario, realizouse o seu axuste ou delegouse en persoal especialista en ebanistaría.

RA4. Prepara e corta materiais utilizando diversos procedementos, en función do artigo que cumpra tapizar, aplicando criterios de seguridade.

CA4.1. Describíronse os procedementos de preparación e corte de diversos materiais por diferentes técnicas.

CA4.2. Identificáronse os parámetros máis importantes que cumpra controlar para evitar deterioracións ou disfuncións.

CA4.3. A partir dun caso práctico de preparación e corte de materiais para o tapizamento dun moble determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse máquinas, ferramentas e utensilios necesarios.

-Seleccionouse o material sobre a base do artigo que cumpra tapizar.

-Realizouse a estendedura seguindo o proceso máis axeitado, en función das condicións deste: sen pregas, aliñado, coa tensión necesaria, atendendo ao sentido do fío e coa dirección adecuada.

-Detectáronse anomalías ou defectos no material, e valorouse a repercusión no proceso e no produto.

-Realizouse a marcaxe de patróns sobre o material por distintos procedementos, sinalando puntos de unión, acabamentos de ourelas e situación de adornos ou fornituras, de xeito que se facilite a ensamblaxe posterior.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de corte, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando as técnicas e os procedementos adecuados.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes cortados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-Identificáronse, agrupáronse e empaquetáronse os compoñentes cortados.

RA5. Realiza operacións de preparación e ensamblaxe á man e/ou a máquina das pezas e os complementos para cubertas e/ou fundas segundo modelo, aplicando criterios de seguridade.

CA5.1. Clasificáronse e describíronse os sistemas de ensamblaxe en función do tipo de unión, os medios e os materiais que se vaian utilizar.

CA5.2. Realizáronse con habilidade, destreza e autonomía operacións de preparación para a ensamblaxe, de acordo coa información técnica, concretando a secuencia de operacións e actuando con criterios estéticos e de seguridade.

CA5.3. Identificáronse e seleccionáronse procedementos en función de determinados criterios de ensamblaxe e elementos de unión, como tipos de fío, adhesivos, etc.

CA5.4. Realizáronse con habilidade, destreza e autonomía operacións de ensamblaxe aplicando técnicas e métodos apropiados a cada tipo de unión (acabamento de ourelas, plisaxe, de pechamento, adorno, etc.), concretando a secuencia de operacións e actuando con criterios estéticos e de seguridade.

CA5.5. A partir dun caso práctico de preparación e ensamblaxe de compoñentes para o tapizamento dun moble determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse máquinas, ferramentas e utensilios necesarios.

-Preparáronse os compoñentes sobre a base dos materiais que cumpra ensamblar.

-Realizáronse as operacións de ensamblaxe ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando os métodos e as técnicas para cada tipo de unión.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes ensamblados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

RA6. Realiza operacións de preparación e montaxe de tapizamento de mobles, coa presentación e a calidade previstas.

CA6.1. Describíronse procedementos de montaxe de tapizamento de mobles por distintas técnicas, controlando os parámetros implicados para evitar desviacións.

CA6.2. Identificáronse e clasificáronse os materiais que se empregan no tapizamento de mobles.

CA6.3. Identificáronse as ferramentas e as máquinas máis utilizadas no proceso de montaxe do tapizamento.

CA6.4. A partir dun caso práctico de montaxe do tapizamento dun moble determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Preparouse a estrutura ou a base extraíble do moble, e comprobouse a súa estabilidade e a súa solidez.

-Preparáronse con habilidade e destreza os compoñentes para a montaxe (soporte, recheo e cuberta).

-Colocáronse con seguridade os elementos de suspensión (cinchas, resortes e aros ondulados), fixándoos á armazón mediante os procedementos indicados na información técnica.

-Distribuíuse o material de recheo (espumas, crina animal ou vexetal, e guata) e axustouse á estrutura e á forma do modelo, aplicando técnicas e procedementos indicados na información técnica.

-Suxeitouse á armazón (con adhesivos, grampas, cravos, parafusos ou chinchetas) o entreforro de compoñentes (asentos, frontes e brazos), modelándoo de xeito adecuado para conseguir a simetría e o volume desexados, aplicando técnicas e procedementos indicados na información técnica.

-Colocouse a cuberta exterior da tapizaría e do forro inferior e posterior, fixando as pezas correspondentes a cada zona e axustada á estrutura e á forma do modelo, aplicando técnicas e procedementos indicados na información técnica.

-Aplicáronse os elementos decorativos (bólas, botóns, galóns, etc.) nos lugares indicados, segundo o modelo.

-Completouse a documentación xerada de maneira clara, concreta e concisa.

Contidos.

-Moblaxe tapizada.

Clasificación: características.

Tipos: cadeiras, banquetas para os pés, tallos, cadeiras de brazos, sofás, etc.

Tapizamento de moblaxe clásica: estilos, formas e características.

Tapizamento de moblaxe moderna: estilos, formas e características.

Fichas técnicas.

Información de procesos. Fases do proceso de tapizamento.

Fichas de produto, deseño e esbozo do moble. Xogo de patróns de compoñentes de mobles.

Desagregación dun tapizamento nos seus compoñentes.

-Técnicas xerais de tapizamento de mobles.

Recheo ou gornecemento con resortes en espiral.

Monoblock de espuma ou similar.

Desgornecemento de mobles: procedemento.

Gornecementos con cinchas e/ou resortes planos.

Gornecemento de asento, respaldo e/ou brazos.

-Materiais empregados no tapizamento de mobles.

Tecidos e peles para cuberta.

Tecidos: recubrimento (branco) e cubrimento (serapilleira).

Recheo: guata, moletón, crina vexetal, plumas, algodón, espuma de poliéster, etc.

Resortes: helicoidais de espiras, arcos e planos.

Soportes: cinchas de xuta e caucho.

Fornituras e avíos, accesorios e/ou compoñentes prefabricados.

Ornamentais: galóns, bólas, cravos con cabeza, chatolas e chatolas en molde.

Fíos, cordeis e cordas.

Pegamentos e colas; siliconas e disolventes: características, conservación e seguridade no uso.

-Método de fabricación.

Ordes de corte.

Técnicas de estendedura e colocación de tecido, pel e outros materiais.

Corte dos materiais.

Sistema de corte: manual e convencional; a presión e automático.

Corte convencional: características e aplicacións. Parámetros do corte.

Secuencia de operacións do corte convencional: retallar e afinar.

Máquinas de corte, ferramentas, pesas, pinzas de suxeición, picador e perforador.

Preparación de compoñentes cortados.

Ensamblaxe e acabamento de compoñentes soltos.

-Máquinas, utensilios e accesorios.

Mesas e equipamento de corte.

Máquinas de coser: recta, en zigzag, de triplo arrastre, de recubrir (overlock), etc.

Máquinas de grampar, de forrar botóns, de colocar broches, de pegar e de soldar.

Postos para pasar o ferro diferentes.

Ferramentas e accesorios.

-Mantemento de primeiro nivel de máquinas, utensilios e accesorios.

Equipamento de preparación e mantemento operativo. Mantemento preventivo e correctivo.

Manuais técnicos de máquinas.

Manuais de manexo de máquinas e equipamentos. Mantemento de primeiro nivel.

-Seguridade e saúde nas operacións de tapizaría.

Normas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

Criterios e condicións de seguridade nos procesos. Prevención dos accidentes máis comúns.

Equipamentos de protección individual e medios de seguridade.

-Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de confección de fundas de tapizaría e tapizamento de mobles.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Elaboración de orzamentos.

-Desmontaxe ou espimento de mobles.

-Elaboración de patróns a partir do desenvolvemento de pezas de tapizaría.

-Confección de pezas de tapizaría.

-Tapizamento de mobles.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre:

-Confección de pezas de tapizaría.

-Preparación do moble cos elementos de suspensión e recheo.

-Tapizamento e montaxe das pezas do moble.

3. Módulo específico: enteamento de paredes e tapizamento de paneis murais.

Código: ME0113.

Duración: 117 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

RA1. Analiza procesos de enteamento de paredes e teitos, e de tapizamento de paneis murais.

CA1.1. Describíronse diferentes técnicas de enteamento de parede e teito, e de tapizamento de paneis murais, así como as vantaxes e as desvantaxes que comportan.

CA1.2. Interpretouse a información técnica necesaria para coñecer os procesos de enteamento de paredes e teitos, e de tapizamento de paneis murais.

CA1.3. Describíronse as operacións do proceso segundo as técnicas que se deban aplicar, en relación cos materiais que se empreguen nos procesos de enteamento de paredes ou teitos, ou de tapizamento de paneis murais.

RA2. Pon a punto as máquinas e as ferramentas básicas, segundo as técnicas de corte, ensamblaxe ou montaxe de enteamento e as exixencias dos materiais, para as deixar en situación operativa.

CA2.1. Interpretouse a información técnica e manual das máquinas referente ao funcionamento, á posta a punto e ao mantemento de primeiro nivel.

CA2.2. Describíronse e clasificáronse as máquinas e as ferramentas segundo as súas prestacións no proceso de enteamento de paredes e teitos, e de tapizamento de paneis murais.

CA2.3. Nun caso práctico, preparáronse as máquinas utilizando a información técnica, e realizáronse as operacións de montaxe e desmontaxe, lubricación e limpeza, regulación e axuste, utilizando os procedementos oportunos e cumprindo as normas de seguridade.

RA3. Prepara, marca, corta e/ou ensambla os materiais por distintos procedementos en función do enteamento ou o tapizamento que faga falta realizar, cumprindo as normas de seguridade.

CA3.1. Describíronse os procedementos de preparación, corte e ensamblaxe de distintos materiais, controlando os parámetros implicados para evitar deterioracións ou disfuncións.

CA3.2. Seleccionouse o material sobre a base do artigo e realizouse a estendedura ou a colocación, seguindo o proceso máis adecuado en función das condicións deste: sen pregas, aliñado, coa tensión necesaria, tendo en conta o sentido do fío e coa dirección adecuada.

CA3.3. Efectuouse a marcaxe ou o trazado de patróns sobre o material por distintos procedementos, sinalando puntos de unión, acabamentos de ourelas, situación de adornos ou fornituras, de xeito que se facilite a ensamblaxe posterior.

CA3.4. Realizáronse con habilidade e destreza operacións de corte, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando as técnicas e os procedementos adecuados e cumprindo as normas de seguridade.

CA3.5. Comprobouse a calidade dos compoñentes cortados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

CA3.6. Realizáronse con habilidade e destreza operacións de ensamblaxe aplicando técnicas e métodos apropiados a cada tipo de unión, con criterios estéticos e de seguridade.

CA3.7. A partir dun caso práctico de preparación, corte e ensamblaxe de compoñentes para o enteamento ou o tapizamento mural determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Realizouse a marcaxe ou o trazado de patróns sobre o material.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de corte.

-Verificouse a calidade dos compoñentes cortados.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de ensamblaxe, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando os métodos e as técnicas para cada tipo de unión.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes ensamblados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

RA4. Realiza a preparación e o enteamento de paredes ou teitos con calidade e cumprindo as normas de seguridade.

CA4.1. Describíronse os procedementos de enteamento de parede ou teito por distintas técnicas, controlando parámetros implicados para evitar deterioracións ou disfuncións.

CA4.2. Identificáronse e clasificáronse os materiais que se empregan no enteamento de paredes ou teitos.

CA4.3. Identificáronse as ferramentas e as máquinas máis utilizadas no proceso de enteamento de paredes ou teitos.

CA4.4. A partir dun caso práctico determinado de enteamento de paredes ou teitos:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Preparáronse e colocáronse as tiras de cartón ou os restreis no panel de muro formando o marco bastidor, e arredor dos ocos ou das aberturas interiores, de acordo coa información técnica e aplicando criterios de seguridade.

-Fixouse dentro do marco bastidor o moletón, de acordo coa información técnica, aplicando criterios de seguridade.

-Estendeuse o pano ou o panel e realizouse a grampaxe directa sobre bastidor, de acordo coa información técnica e aplicando criterios de seguridade.

-Realizouse o acabamento ou o remate do enteamento, de acordo coa información técnica e aplicando criterios de seguridade.

-Formalizouse a información técnica dos resultados.

RA5. Realiza a preparación e o tapizamento de paneis murais con calidade e cumprindo as normas de seguridade.

CA5.1. Describíronse os procedementos de tapizamento de paneis murais (cabeceiros, biombos, galerías ríxidas ou lambrequíns) por distintas técnicas, controlando os parámetros implicados para evitar deterioracións ou disfuncións.

CA5.2. Identificáronse e clasificáronse os materiais que se empregan no tapizamento de paneis murais.

CA5.3. Identificáronse as ferramentas e as máquinas máis utilizadas no tapizamento de paneis murais.

CA5.4. A partir dun caso práctico de tapizamento dun panel mural determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Preparáronse os materiais (tecido, goma espuma ou moletón) segundo a forma da prancha de conglomerado ou contrachapado, de acordo coa información técnica e aplicando criterios de seguridade.

-Colocouse e fixouse goma espuma ou moletón sobre a prancha, segundo a información técnica, aplicando criterios de seguridade.

-Dispúxose o tecido centrado e realizouse a grampaxe, modelando de forma adecuada para conseguir a simetría e o volume desexados, de acordo coa información técnica e con criterios de seguridade.

-Forrouse e grampouse a parte posterior, de acordo coa información técnica, con criterios de seguridade.

-Realizouse o acabamento ou remate do tapizamento, de acordo coa información técnica, con criterios de seguridade.

-Formalizouse a información técnica de resultados.

Contidos.

-Paneis murais.

Estilos, tipos, formas e características. Galería ríxida e lambrequín.

Cabeceiros: con armazón ríxida.

Tipos de biombos.

Gornecemento de portas ou interior de armarios.

-Enteamento de paredes e teitos.

Estilos, tipos, formas e características. Medición e cálculo de materiais. Técnicas de enteamento do muro.

Técnicas de enteamento de teito.

Fichas técnicas: información de procesos.

Fases do proceso de enteamento e tapizamento de paneis. Fichas de produto, deseño e esbozo do muro.

Materiais para enteamento de paredes e teitos, e tapizamento de paneis murais:

-Tecidos máis empregados.

-Fornituras e avíos: cenefa, entremedio, fita, biés, cordón e pasamanaría.

-Accesorios e/ou compoñentes prefabricados.

-Recheos: guata, moletón, crina vexetal, plumas, algodón, etc.

-Método de fabricación.

Ordes de corte.

Corte de materiais.

Corte convencional: características, aplicacións e parámetros.

Secuencia de operacións do corte convencional: retallar e afinar.

Máquinas de corte, ferramentas, pesas, pinzas de suxeición, picador e perforador.

Preparación de compoñentes cortados.

Ensamblaxe e acabamento de compoñentes soltos.

-Máquinas, utensilios e accesorios.

Mesas e equipamento de corte.

Máquinas de coser: recta, en zigzag, de triplo arrastre, de recubrir (overlock), etc.

Máquinas de grampar.

Postos para pasar o ferro diferentes.

Ferramentas e accesorios.

-Mantemento de primeiro nivel de máquinas, utensilios e accesorios.

Equipamento de preparación e mantemento operativo. Mantemento preventivo e correctivo.

Manuais técnicos de máquinas.

Manuais de manexo de máquinas e equipamentos. Mantemento de primeiro nivel.

-Seguridade e saúde nas operacións de enteamento de paredes e tapizaría.

Normas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

Criterios e condicións de seguridade nos procesos. Prevención dos accidentes máis comúns.

Equipamentos de protección individual e medios de seguridade.

Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de enteamento de superficies, tapizamento de paneis murais e confección de toldos.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Elaboración de orzamentos.

-Confección de pezas téxtiles para enteamento, tapizamento e toldos.

-Colocación de marcos bastidores e enteamento.

-Tapizamento de paneis murais.

-Confección de toldos.

-Creatividade no deseño dos artigos téxtiles de decoración.

As liñas de actuación no proceso ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre:

-Confección de pezas ou paneis téxtiles para o enteamento.

-Colocación destas pezas en diferentes soportes.

-Cumprimento das normas de seguridade.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

Código: ME0114.

Duración: 160 horas.

Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación

RA1. Confecciona artigos téxtiles de tapizamento de mobles ou de paneis murais, así como de enteamentos e toldos, con aplicación das técnicas e os procedementos apropiados en cada proceso, para o que prepara os equipamentos e opera con eles, e realiza os controis de calidade establecidos.

CA1.1. Preparáronse e axustáronse as máquinas, os equipamentos e as ferramentas seguindo os procedementos establecidos.

CA1.2. Preparouse o tecido, os materiais e os produtos, consonte o produto que se deba obter.

CA1.3. Executáronse as operacións incluídas no proceso de confección (corte, marcaxe, ensamblaxe, cosido das pezas, etc.), para o que se operou destramente cos equipamentos.

CA1.4. Conseguiuse un rendemento adecuado en calidade e en tempo.

CA1.5. Realizáronse probas de control de calidade do proceso en curso.

CA1.6. Responsabilizouse do traballo desenvolvido e amosouse iniciativa.

RA2. Tapiza mobles e paneis murais, colocando os elementos de suspensión e o material de recheo, e alcanzouse o nivel de calidade previsto.

CA2.1. Recoñecéronse as características dos tipos de mobles e paneis murais.

CA2.2. Preparouse a armazón do moble ou da superficie que se vai tapizar.

CA2.3. Identificáronse os artigos que necesitan material de recheo, goma espuma ou moletón.

CA2.4. Conseguiuse a simetría e o volume desexados co material de recheo.

CA2.5. Fixouse o tecido por medio de grampas, asegurando a centraxe do motivo ou debuxo, se o houber.

CA2.6. Colocáronse os accesorios (bólas, botóns, reberetes, cordóns, pasamanaría, etc.) na posición establecida.

CA2.7. Verificouse a exactitude da forma, a aparencia e a situación de adornos e fornituras.

CA2.8. Corrixíronse as anomalías ou os defectos arranxables.

CA2.9. Deixouse a área limpa e ordenada, logo de finalizado o tapizamento.

RA3. Entea paredes e teitos, e confecciona toldos, con criterios de óptimo aproveitamento dos materiais.

CA3.1. Avaliouse a superficie que se vai entear.

CA3.2. Realizouse un orzamento a partir das medicións efectuadas.

CA3.3. Elaboráronse e colocáronse marcos bastidores nos muros ou nas superficies, salvando os ocos existentes (ventás, interruptores, portas, etc.).

CA3.4. Fixouse de xeito uniforme o moletón dentro dos marcos bastidores.

CA3.5. Montouse o tecido sen ningún outro elemento á vista, e asegurouse a correcta colocación dos tecidos ou dos panos.

CA3.6. Fixáronse as pezas do toldo á armazón deste.

CA3.7. Realizouse o remate ou o acabamento do enteamento, ocultando as grampas con molduras, galóns ou fitas de tapizaría.

CA3.8. Analizouse a estética da superficie enteada.

RA4. Atende as solicitudes da clientela, obtén a información necesaria e resolve as dúbidas que poidan xurdir.

CA4.1. Mantívose unha actitude de cordialidade e amabilidade no trato.

CA4.2. Tratouse a clientela con cortesía, respecto e discreción.

CA4.3. Demostrouse interese e preocupación por atender satisfactoriamente as necesidades da clientela.

CA4.4. Transmitiuse información con claridade, orde e precisión.

CA4.5. Obtívose a información necesaria da clientela, favorecendo a comunicación co emprego de técnicas e actitudes apropiadas.

CA4.6. Déronse respostas a preguntas de doada solución, utilizando o léxico comercial axeitado.

CA4.7. Demostrouse responsabilidade ante erros e fracasos.

CA4.8. Ofrecéronselle alternativas á clientela ante reclamacións arranxables.

RA5. Actúa consonte as normas de prevención de riscos laborais da empresa.

CA5.1. Cumpriuse a normativa xeral sobre prevención e seguridade, así como a establecida pola empresa.

CA5.2. Identificáronse os factores e as situacións de risco que se presentan no seu ámbito de actuación no centro de traballo.

CA5.3. Adoptáronse actitudes relacionadas coa actividade para reducir os riscos laborais e ambientais.

CA5.4. Empregouse o equipamento de protección individual establecido para cada operación.

CA5.5. Utilizáronse os dispositivos de protección das máquinas, os equipamentos e as instalacións nas actividades.

CA5.6. Actuouse segundo o plan de prevención.

CA5.7. Mantívose a zona de traballo libre de riscos, con orde e limpeza.

CA5.8. Traballouse con criterios de redución no consumo de enerxía e na xeración de residuos.

RA6. Actúa de xeito responsable e intégrase no sistema de relacións técnico-sociais da empresa.

CA6.1. Executáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

CA6.2. Responsabilizouse do traballo desenvolvido, e comunicouse eficazmente coa persoa adecuada en cada momento.

CA6.3. Cumpríronse os requisitos e as normas técnicas, demostrando un bo facer profesional, e finalizouse o traballo nun tempo límite razoable.

CA6.4. Amosouse unha actitude de respecto cara ás normas e os procedementos establecidos.

CA6.5. Organizouse o traballo realizado de acordo coas instrucións e os procedementos establecidos, cumprindo as tarefas en orde de prioridade e actuando baixo criterios de seguridade e calidade nas intervencións.

CA6.6. Coordinouse a actividade desempeñada co resto do persoal, informando de calquera cambio, necesidade salientable ou continxencia.

CA6.7. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo, realizou os descansos instituídos e non abandonou o centro de traballo antes do establecido sen motivos debidamente xustificados.

CA6.8. Preguntóuselle apropiadamente ao seu responsable inmediato a información necesaria ou as dúbidas que poidan existir para o desempeño dos labores.

CA6.9. Realizouse o traballo conforme as indicacións realizadas polo persoal superior, e formuláronse as posibles modificacións ou suxestións no lugar e no modo adecuados.

Ver referencia pdf "15300D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "15300D002P018.PDF"