DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 10 de agosto de 2010 Páx. 14.477

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de reparación de calzado e marroquinaría en Galicia.

O Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de reparación de calzado e marroquinaría, pertencente á familia profesional de téxtil, confección e pel, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle na súa disposición adicional terceira que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional, e formarán parte da formación profesional do sistema educativo; e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais consonte o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto establecer o perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de reparación de calzado e marroquinaría en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de reparación de calzado e marroquinaría queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: reparación de calzado e marroquinaría.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: téxtil, confección e pel.

Terceiro.-Competencia xeral.

Reparar roturas e danos, e substituír pezas en calquera tipo de calzado ou artigo de marroquinaría, aplicando as técnicas e os procedementos necesarios de xeito autónomo e, de ser o caso, baixo a supervisión de persoal responsable, logrando a restauración do artigo coa calidade e o acabamento requiridos, nos prazos previstos, cumprindo as condicións ambientais e de seguridade, e coa adecuada atención á clientela demandante do servizo.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Seleccionar peles, coiros e outros materiais empregados na reparación de calzado e na creación de pequenos artigos de gornicionaría e marroquinaría, identificando a súa orixe, as súas calidades e os defectos para a súa aplicación na reparación e na creación de artigos.

b) Preparar os materiais, as pezas e os accesorios para a reparación do artigo coa calidade prevista.

c) Preparar maquinaria, equipamentos, ferramentas e utensilios necesarios para levar a cabo as operacións de reparación de calzado e marroquinaría.

d) Recibir os artigos que se deban reparar e as materias primas e os produtos necesarios para a reparación e a creación de pequenos obxectos.

e) Avaliar as posibilidades de reparación dos diferentes artigos, así como a dificultade asociada á súa reparación, elixindo o método máis adecuado en función das características do produto.

f) Realizar orzamentos e facturas das reparacións e dos pequenos artigos de gornicionaría e marroquinaría.

g) Realizar as operacións de desmontaxe, descosedura, corte, marcaxe e rebaixamento de pezas do calzado e artigos de marroquinaría, nas formas e nos tempos establecidos.

h) Executar as operacións de cosedura á man ou a máquina, garantindo un acabamento estético dos produtos.

i) Realizar operacións complementarias á reparación de calzado e de artigos de marroquinaría, tales como a duplicación de diferentes tipos de chaves e mandos.

j) Cumprir normas de seguridade e de protección ambiental, detectando e previndo os riscos asociados ao posto de traballo.

k) Manter hábitos de orde, puntualidade, responsabilidade e pulcritude ao longo da actividade.

l) Demostrar as actitudes de cortesía, respecto e discreción requiridas na atención á clientela.

m) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que se produzan dentro do sector e que poidan fomentar o propio desenvolvemento profesional.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Reparación de calzado e marroquinaría, TCP139_1 (Real decreto 1087/2005), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0438_1: realizar o aprovisionamento e atender o cliente para a reparación de calzado.

-UC0439_1: realizar a reparación en artigos de marroquinaría.

-UC0440_1: realizar a reparación do calzado.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional: pequenas empresas ou talleres artesáns dedicados á reparación e/ou o acondicionamento dos materiais que compoñen o calzado ou artigos de marroquinaría, de xeito autónomo ou por conta allea.

2. Sectores produtivos: sector do calzado; subsector de reparación e conservación.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Zapateiro/a reparador/ora de calzado.

-Axudante de reparación de calzado.

-Axudante de marroquinaría.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0107. Materiais e servizos en reparación de calzado e marroquinaría.

-ME0108. Reparación de artigos de marroquinaría.

-ME0109. Reparación de calzado.

-ME0110. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que abrangue o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do catálogo nacional de cualificacións Profesionais que abrangue o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2010.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: materiais e servizos en reparación de calzado e marroquinaría.

-Código: ME0107.

-Duración: 70 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Atende a clientela e comunícase con ela en establecementos de reparación de calzado e marroquinaría, recoñecendo as diferentes técnicas de comunicación.

-CA1.1. Describíronse as calidades de que se debe dispor e as actitudes que se deben desenvolver para atender a clientela nas relacións comerciais.

-CA1.2. Identificáronse as variables que interveñen na conduta e as motivacións da clientela.

-CA1.3. Realizouse o proceso comunicativo a partir da caracterización dun suposto de atención.

-CA1.4. Identificouse a documentación anexa ás operacións de atención á clientela.

-RA2. Recibe e almacena os artigos para a súa reparación, con distinción das súas propiedades e as súas aplicacións.

-CA2.1. Identificáronse as técnicas de recepción e almacenamento segundo os materiais e os produtos que cumpra reparar.

-CA2.2. Describíronse os procedementos para o correcto almacenamento de materiais.

-CA2.3. Describíronse procedementos de seguridade e prevención para o almacenamento.

-CA2.4. Interpretáronse e cubriranse as fichas de existencias e os inventarios.

-CA2.5. Elaboráronse partes de incidencias, con indicación das anomalías e das deficiencias detectadas.

-RA3. Distingue os tipos de peles e a súa relación coas características do artigo que se vaia fabricar con elas.

-CA3.1. Recoñecéronse os tipos de peles segundo a súa natureza, e describíronse as súas características e as súas aplicacións na fabricación de artigos e uso industrial.

-CA3.2. Identificáronse os defectos máis comúns en peles e coiros debidos a fallos naturais ou derivados dos procesos de fabricación ou tratamento.

-CA3.3. Clasificáronse as peles acabadas de acordo co tamaño, o grosor e os defectos.

-CA3.4. A partir de mostras de peles e coiros:

-Fixéronse ensaios de carácter visual e táctil, e identificouse o tipo de pel.

-Identificáronse os defectos e as anomalías máis frecuentes das peles que inciden nas características e nas aplicacións do produto.

-Indicouse o comportamento das peles en función do seu uso e dos procesos de fabricación en que interveñan.

-Expresáronse as características e os parámetros das peles coa terminoloxía, as medidas e as unidades apropiadas.

-Interpretáronse e cubriranse fichas técnicas que expresen datos característicos de mostras de peles.

-RA4. Distingue por procedementos sinxelos as fibras, os fíos e os tecidos, recoñecéndoos segundo as súas características diferenciais.

-CA4.1. Identificáronse as materias e os produtos téxtiles, segundo as súas orixes.

-CA4.2. Describíronse as características e as propiedades das materias e dos produtos téxtiles.

-CA4.3. Partindo de mostras de fibras, fíos e tecidos, fixéronse ensaios de carácter visual e táctil, e indicouse o que pode ser e o que non é.

-CA4.4. Recoñecéronse as materias téxtiles polo seu comportamento en ensaios de combustión á chama: xeito de arder, olor despedido, formación de engurras, fusión e refugallos ou cinza producidos.

-RA5. Caracteriza os produtos téxtiles (fíos, tecidos e teas non tecidas) en relación cos procesos propios de fabricación.

-CA5.1. Describíronse os procesos básicos de produción de fíos, tecidos e teas non tecidas, e comparáronse os produtos de entrada e saída.

-CA5.2. Observáronse mostras de fíos e comprobouse que tipo de torsión e/ou retorsión teñen os cabos ou as fibras, segundo as súas características e as súas propiedades.

-CA5.3. Partindo de mostras de tecidos, destecéronse e deduciuse a estrutura do tecido, segundo as súas características e as súas propiedades.

-CA5.4. Observáronse mostras de teas non tecidas e indicáronse as súas características e propiedades.

-CA5.5. Recoñecéronse os defectos máis comúns nos produtos téxtiles, en mostras e/ou imaxes fotográficas, debidos a fallos de fabricación.

-RA6. Relaciona os tratamentos (branqueamento, tintura, aprestos, etc.) que recibira a materia prima coas características e as propiedades do material utilizado na reparación de calzado e marroquinaría.

-CA6.1. Describíronse as características e as propiedades que lles transmiten os tratamentos máis salientables ás materias téxtiles, a partir da observación e da análise de mostras.

-CA6.2. Identificáronse as operacións básicas sobre esquemas de procesos de ennobrecemento.

-CA6.3. Observáronse mostras de fíos, tecidos e teas non tecidas, e deduciuse o tratamento ou os tratamentos recibidos segundo as súas características e propiedades.

-CA6.4. Recoñecéronse os defectos máis comúns en mostras dos produtos téxtiles debidos a fallos de tratamento de ennobrecemento.

-RA7. Distingue as condicións básicas de presentación, conservación, manipulación e acondicionamento de materias téxtiles e peles, segundo as súas características e as súas propiedades.

-CA7.1. Relacionáronse os tipos de presentación e embalaxe cos requisitos de comercialización, almacenamento e transporte.

-CA7.2. Interpretáronse etiquetas normalizadas de contidos, manipulación e conservación de materiais téxtiles e peles.

-CA7.3. Indicáronse as condicións ambientais (temperatura, humidade, luz, ventilación, etc.) e de procedemento de colocación que debe ter un almacén para manter as materias téxtiles e as peles en bo estado.

1.2. Contidos básicos.

Natureza e características da pel e o coiro.

-Estrutura e partes da pel.

-Tipos de peles.

-Esquema dos procesos de curtido.

-Aplicacións e procedementos de identificación das peles curtidas.

-Principais defectos das peles.

Manipulación e clasificación de peles e coiros.

-Clasificación comercial das peles por calidades.

-Procedementos de conservación.

-Limpeza e mantemento das peles e os coiros.

Fibras naturais, artificiais e sintéticas.

-Clasificación, características e propiedades das fibras.

-Esquema básico dos procesos de obtención.

Fíos.

-Tipoloxía e procedementos de identificación.

-Esquema básico dos procesos de transformación.

Tecidos de calada e punto.

-Estrutura dos tecidos.

-Esquema básico dos procesos de obtención.

Teas non tecidas.

-Esquema básico dos procesos de obtención.

Tratamentos de ennobrecemento téxtil (acabamentos)

-Esquema básico dos tratamentos.

-Presentación comercial: identificación, manipulación e conservación.

Habilidades de comunicación.

-Barreiras e dificultades.

-Comunicación non verbal.

-Comunicación verbal: técnicas de emisión de mensaxes orais.

-Comunicación a través de medios non presenciais.

-Escoita: técnicas de recepción de mensaxes orais.

-Variables que condicionan ou determinan os intereses de consumo da clientela.

-Motivación, frustración e mecanismos de defensa.

-Teoría de Maslow.

-Necesidades segundo as condutas.

-Perfís psicolóxicos da clientela.

Persoal vendedor.

-Características, funcións, actitudes e coñecementos.

-Persoal vendedor profesional: modelo de actuación.

-Calidades que debe reunir.

-Aptitudes para a venda e o seu desenvolvemento.

-Relacións coa clientela.

-Documentación anexa ás operacións de venda.

Normativa comunitaria, estatal e autonómica.

-Lexislación comunitaria, estatal e autonómica referente a residuos perigosos e ao uso de substancias perigosas en establecementos de reparación de calzado.

-Normativa referente á etiquetaxe de calzado ecolóxico.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de recoñecemento de artigos e materiais téxtiles e elementos complementarios, así como a súa recepción e o seu almacenamento.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Diferenciación de artigos e materiais téxtiles en función das súas características e as súas aplicacións.

-Xestión de almacén.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre:

-Caracterización de artigos e materiais téxtiles e con elementos complementarios.

-Almacenamento e control da rastrexabilidade de artigos e materiais téxtiles.

2. Módulo específico: reparación de artigos de marroquinaría.

-Código: ME0108.

-Duración: 117 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Describe os procesos de reparación de diversos artigos de marroquinaría.

-CA1.1. Interpretouse a información técnica necesaria para coñecer os procesos de reparación de marroquinaría.

-CA1.2. Describíronse e clasificáronse os defectos producidos en distintos artigos de marroquinaría polo uso diario ou pola mala calidade dos materiais.

-CA1.3. Identificáronse os tipos de compoñentes que se poden substituír, en función das características do artigo e das técnicas que se apliquen.

-CA1.4. Enumeráronse as operacións de reparación, en función da técnica e do artigo (cambiar cremalleira, broches, etc.).

-CA1.5. Describíronse as máquinas e as ferramentas básicas que se empregan con relación ao proceso.

-RA2. Puxéronse a punto as máquinas e as ferramentas básicas segundo as técnicas de corte, ensamblaxe ou montaxe, e en función das exixencias dos materiais para reparación.

-CA2.1. Interpretouse a información técnica e manual de máquinas referente ao funcionamento, a posta a punto e o mantemento de primeiro nivel.

-CA2.2. Describíronse e clasificáronse as máquinas e as ferramentas segundo as súas prestacións no proceso de reparación.

-CA2.3. Nun caso práctico, preparáronse máquinas e, consonte a información dada, realizáronse operacións de montaxe e desmontaxe, lubricación e limpeza, regulación e axuste, utilizando os procedementos e as técnicas habituais, e cumprindo as normas de seguridade.

-RA3. Retira pezas do artigo de marroquinaría para a súa substitución e realiza a súa marcaxe e o seu corte, de acordo coas características dos materiais e co seu aproveitamento.

-CA3.1. Describíronse os procedementos de preparación e corte de diversos materiais (material exterior, recheo, forro, etc.), así como os seus condicionantes (textura, cor, debuxo, defectos, etc.) e o número de pezas.

-CA3.2. Describiuse o procedemento de reprodución sobre papel ou cartón das pezas retiradas, e indicáronse as sinalizacións correspondentes.

-CA3.3. Identificáronse os parámetros máis importantes do corte que se deben controlar para evitar fallos.

-CA3.4. A partir dun caso práctico de preparación e corte de materiais para a reparación dun artigo determinado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Seleccionouse o material sobre a base do artigo que cumpra reparar.

-Realizouse o a estendedura seguindo o proceso máis adecuado en función das condicións deste: sen pregamentos, aliñado, coa tensión necesaria, tendo en conta o sentido do fío e coa dirección adecuada.

-Detectáronse anomalías ou defectos no material, e valorouse a repercusión no artigo.

-Realizouse a marcaxe de patróns sobre o material por distintos procedementos, sinalando puntos de unión, acabamentos de ourelos e emprazamentos de adornos ou fornituras, para facilitar a ensamblaxe posterior.

-Realizáronse as operacións de corte con habilidade e destreza, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando as técnicas e os procedementos axeitados.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes cortados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-RA4. Realiza operacións de preparación e ensamblaxe das pezas que cumpra substituír e os complementos, segundo modelo, para a reparación de artigos de marroquinaría á man e/ou a máquina, aplicando criterios de seguridade.

-CA4.1. Clasificáronse e describíronse as operacións de preparación e ensamblaxe en función do tipo de unión, os medios e os materiais que se vaian utilizar.

-CA4.2. Realizáronse con habilidade, destreza e autonomía operacións de preparación para a ensamblaxe de acordo coa información técnica, concretando a secuencia de operacións e actuando con criterios estéticos e de seguridade.

-CA4.3. Identificáronse e seleccionáronse procedementos en función de determinados criterios de ensamblaxe e elementos de unión, como tipos de fío, adhesivos, etc.

-CA4.4. Realizáronse exercicios de diferentes costuras de unión de materiais, á man e a máquina, con habilidade, precisión e autonomía, con criterios estéticos e eficacia, co fin de lograr as condicións requiridas de resistencia, flexibilidade e fixación, segundo especificacións dadas.

-CA4.5. Realizáronse operacións de incorporación de elementos como cremalleiras, fibelas, cantoneiras, etc., para substituír os avariados.

-CA4.6. A partir dun caso práctico de preparación e ensamblaxe de compoñentes para a reparación dun artigo de marroquinaría:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Preparáronse os compoñentes con base nos materiais que cumpra ensamblar.

-Realizáronse as operacións de ensamblaxe con habilidade e destreza, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando os métodos e as técnicas para cada tipo de unión.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes ensamblados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-CA4.7. Identificáronse os riscos primarios que poden xurdir nas operacións de preparación e ensamblaxe, e describíronse as medidas preventivas adecuadas para a saúde e a seguridade no contorno de traballo.

-RA5. Realiza as operacións de acabamento na reparación de artigos de marroquinaría para lles conferir as características e o aspecto de presentación final.

-CA5.1. Clasificáronse os tipos máis característicos de acabamento na reparación de marroquinaría (tintura, ceras, puimento, brillo, etc.), así como os medios e os materiais que cumpra utilizar, e determináronse as secuencias de operacións.

-CA5.2. A partir dun caso práctico de cambio de cor dun artigo de marroquinaría en pel:

-Organizáronse as operacións de tinguidura conforme a información recibida, os medios e os materiais que haxa que utilizar.

-Identificouse a tintura que se debe aplicar.

-Realizouse a limpeza da pel e deixouse secar.

-Realizouse con habilidade e destreza a tintura, e comprobouse que penetre nas engurras que poida ter.

-Evitouse que a tinta forme pingas.

-CA5.3. A partir dun caso práctico de acabamento na reparación de marroquinaría en pel e/ou tecido:

-Organizáronse as operacións de acabamento na reparación consonte a información recibida, os medios e os materiais que cumpra utilizar.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de acabamento, aplicando as técnicas apropiadas en cada operación (pistola, cepillo, enceramento, puimento, etc.).

-Realizouse o acabamento con autonomía, método, pulcritude, criterio estético, e preocupación pola seguridade e a saúde no traballo.

-Comprobouse a calidade do acabamento, a aparencia e a solidez do artigo de marroquinaría reparado, así como os aspectos globais de pulcritude e uniformidade da cor, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-CA5.4. Identificáronse os riscos primarios que poden xurdir nas operacións de acabamento e describíronse as medidas preventivas adecuadas para a saúde e a seguridade no contorno de traballo.

-RA6. Formaliza a información técnica necesaria.

-CA6.1. Formalizouse a documentación xerada de xeito claro, concreto e preciso.

-CA6.2. Formalizáronse partes de incidencias e anomalías do proceso e do produto reparado, para facilitar tarefas posteriores.

-CA6.3. Formalizouse a documentación relacionada coa produtividade, a calidade e a seguridade.

2.2. Contidos básicos.

Artigos de marroquinaría.

-Tipos e características: bolsos, cintos, fundas, billeteiras, carteiras, maletas, estoxos, etc.

-Fichas técnicas.

-Extracción de patróns de compoñentes.

-Xogo de patróns.

Materiais empregados no arranxo de artigos de marroquinaría.

-Tecidos, peles, coiros, laminados, sintéticos e polímeros.

-Tecidos: recubrimento.

-Recheo: espumas, cuerson, cartón pedra, etc.

-Soportes: accesorios e compoñentes prefabricados.

-Fíos: grosor, resistencia e calidade.

-Pegamentos e colas, siliconas e disolventes: características, conservación e seguridade no uso.

-Adornos, fornituras e complementos auxiliares utilizados en marroquinaría.

-Tinturas e ceras: tipos e aplicacións.

Máquinas e o seu mantemento.

-Máquinas de corte, ensamblaxe e acabamento.

-Manual de mantemento.

-Mantemento preventivo e correctivo.

-Fichas técnicas e manuais de mantemento.

Operacións aplicadas á reparación de artigos de marroquinaría.

-Técnicas de corte: manual e convencional, de presión e automático.

-Parámetros do corte. Máquinas e ferramentas.

-Secuencia de operacións do corte convencional: escachar e afinar.

-Preparación a estendedura de peles, tecidos e outros materiais.

-Corte dos distintos materiais.

-Ensamblaxe por distintas técnicas: cosedura, pegado, etc.

-Acabamento de compoñentes soltos.

-Acabamento final do artigo.

Seguridade nos procedementos de reparación de artigos de marroquinaría.

-Normas de seguridade.

-Accidentes máis comúns nas máquinas de corte, ensamblaxe e acabamento.

-Equipamentos de protección individual.

-Dispositivos de máquinas para a seguridade activa.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de reparación de artigos de marroquinaría.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Desmontaxe de pezas para a súa substitución ou a súa reparación.

-Obtención de patróns e pezas de substitución.

-Ensamblaxe e acabamento de artigos de marroquinaría.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre:

-Técnicas de retirada de pezas.

-Técnicas de corte de material.

-Técnicas de ensamblaxe.

3. Módulo específico: reparación de calzado.

-Código: ME0109.

-Duración: 233 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Analiza as fases dos procesos de reparación de calzado de diferentes modelos.

-CA1.1. Interpretouse a información técnica necesaria para coñecer os procesos de reparación de calzado.

-CA1.2. Describíronse e clasificáronse os defectos producidos en distintos tipos de calzado polo uso diario ou pola mala calidade dos materiais.

-CA1.3. Identificáronse os tipos de compoñentes que se poden substituír en función das características do calzado e das técnicas que se apliquen.

-CA1.4. Describíronse as operacións de reparación, segundo a técnica e o artigo (filis, tapa, vivos, envelope, etc.).

-CA1.5. Describíronse as máquinas e as ferramentas básicas que se empregan en función do proceso.

-RA2. Pon a punto as máquinas e as ferramentas básicas segundo as técnicas de corte, ensamblaxe, montaxe ou acabamento, e segundo as exixencias dos materiais para a reparación de calzado.

-CA2.1. Interpretouse a información técnica e manual de máquinas referente ao funcionamento, a posta a punto e o mantemento de primeiro nivel.

-CA2.2. Describíronse e clasificáronse as máquinas e as ferramentas segundo as súas prestacións no proceso de reparación.

-CA2.3. Nun caso práctico, preparáronse máquinas de corte, ensamblaxe ou montaxe e, segundo a información dada, realizáronse operacións de montaxe e desmontaxe, lubricación e limpeza, regulación e axuste, utilizando os procedementos e as técnicas habituais, cumprindo as normas de seguridade.

-CA2.4. Nun caso práctico, preparáronse as fresas e as cardas (banco de finissage) segundo o material que se vaia utilizar no proceso de reparación, utilizando os procedementos e as técnicas habituais, cumprindo as normas de seguridade.

-RA3. Retira pezas do calzado para a súa substitución, realizando a súa marcaxe e o seu corte, de acordo coas características dos materiais e o seu aproveitamento.

-CA3.1. Describíronse os procedementos de preparación e corte de distintos materiais (material exterior, forro, etc.), os condicionantes (textura, cor, debuxo, defectos, etc.) e o número de pezas.

-CA3.2. Describiuse a reprodución sobre papel ou cartón das pezas retiradas, indicando as sinalizacións correspondentes.

-CA3.3. Identificáronse os parámetros do corte máis importantes que cumpra controlar, para evitar fallos.

-CA3.4. A partir dun caso práctico de preparación e corte de materiais para a reparación dun artigo determinado:

-Organizáronse as actividades conforme a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse máquinas, ferramentas e utensilios necesarios.

-Seleccionouse o material sobre a base do artigo que haxa que reparar.

-Realizouse a estendedura do material seguindo o proceso máis acaído, en función das condicións deste: sen pregamentos, aliñado, coa tensión necesaria, tendo en conta o sentido do fío e coa dirección adecuada.

-Detectáronse anomalías ou defectos no material, e valorouse a repercusión no artigo.

-Realizouse a marcaxe de patróns, tendo en conta a simetría destes, sobre o material por distintos procedementos, sinalando puntos de unión, acabamentos de ourelas e emprazamentos de adornos ou fornituras, e facilitouse a ensamblaxe posterior.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de corte, ordenadamente, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando as técnicas e os procedementos axeitados.

-Realizouse, de ser o caso, o rebaixamento das pezas cortadas.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes cortados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-RA4. Realiza operacións de preparación e ensamblaxe para a reparación de calzado á man e/ou a máquina das pezas que haxa que substituír e dos complementos, segundo o modelo e aplicando criterios de seguridade.

-CA4.1. Clasificáronse e describíronse as operacións de preparación e ensamblaxe en función do tipo de unión, os medios e os materiais que se vaian utilizar.

-CA4.2. Identificáronse e seleccionáronse procedementos en función de determinados criterios de preparación para a ensamblaxe e elementos de unión, como tipos de fío, adhesivos, etc.

-CA4.3. Realizáronse exercicios de diferentes costuras de unión de materiais, á man e a máquina, con habilidade, precisión, autonomía, criterios estéticos e eficacia, co fin de lograr as condicións requiridas de resistencia, flexibilidade e fixación, segundo especificacións dadas.

-CA4.4. Describíronse as operacións de substitución de compoñentes como cambrillóns, tacóns, solas, tapas (filis) ou prefabricados, entre outras, para substituír os avariados.

-CA4.5. Explicáronse as operacións necesarias para o alargamento de interiores do calzado, nomeadamente na zona das dedas, a empeña e o talón.

-CA4.6. A partir dun caso práctico de preparación e ensamblaxe de compoñentes para a reparación de calzado:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse máquinas, ferramentas e utensilios necesarios.

-Preparáronse os compoñentes con base nos materiais que cumpra ensamblar.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de ensamblaxe (cosedura e/ou pegado) de xeito ordenado, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando os métodos e as técnicas para cada tipo de unión.

-Incorporáronse elementos auxiliares e ornamentais segundo o tipo de calzado e a reparación indicada.

-Comprobouse a calidade dos compoñentes ensamblados de xeito rigoroso e eficaz, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-CA4.7. A partir dun caso práctico de reparación de calzado, consonte a información técnica:

-Organizáronse as actividades conforme a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse máquinas, ferramentas e utensilios necesarios.

-Cambiouse o cambrillón ou o tacón por rotura despegando o tacón ata a zona que permita a súa extracción e que admita a nova colocación.

-Preparáronse e colocáronse na forma solas, tapas ou filis para asentar as pezas que se vaian pór, á man ou con prensa, aplicando criterios de seguridade.

-Fresáronse as pezas montadas (tapas, filis, etc.) non superando a liña que marca sola-tacón onde se asentan e se tinguen os cantos desgastados, con habilidade, destreza e normas de seguridade.

-CA4.8. A partir dun caso práctico de alargamento de interiores de calzado, de acordo coa información técnica:

-Organizáronse as actividades consonte a información técnica proporcionada.

-Identificáronse e seleccionáronse as máquinas, as ferramentas e os utensilios necesarios.

-Identificouse a zona das dedas, a empeña e/ou o talón que se queira alargar.

-Colocouse o calzado en moldes metálicos aplicando presións desde o interior para adaptalo ás medidas previstas.

-CA4.9. Identificáronse os riscos primarios que poden xurdir nas operacións de preparación e ensamblaxe para a reparación do calzado, e describíronse as medidas preventivas adecuadas para a saúde e a seguridade no contorno de traballo.

-RA5. Realiza as operacións de acabamento na reparación de calzado para lle conferir as características e o aspecto de presentación final.

-CA5.1. Clasificáronse os tipos máis característicos de acabamento na reparación de calzado (tintura, ceras, puimento, brillo, etc.), así como os medios e os materiais que cumpra utilizar, e determináronse as secuencias de operacións.

-CA5.2. A partir dun caso práctico de cambio de cor de calzado en pel:

-Organizáronse as operacións de tinguidura consonte a información recibida, os medios e os materiais que cumpra utilizar.

-Identificouse a tintura que se debe aplicar.

-Realizouse a limpeza da pel e deixouse secar.

-Realizouse con habilidade e destreza a tintura, comprobando que penetre nas engurras que poida haber.

-Evitouse que a tinta forme pingas.

-Respectouse o tempo de secado, comprobando que a pel absorba a tinta despois de cada man de tintura.

-CA5.3. A partir dun caso práctico de acabamento na reparación de calzado en pel e/ou tecido:

-Organizáronse as operacións de acabamento na reparación consonte a información recibida, os medios e os materiais que cumpra utilizar.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións no banco de finissage de acordo coa información técnica e cos criterios de seguridade.

-Realizáronse con habilidade e destreza as operacións de acabamento, aplicando as técnicas apropiadas en cada operación (pistola, cepillo, enceramento, puimento, etc.).

-Realizouse o acabamento con autonomía, método, pulcritude, criterio estético, e preocupación pola seguridade e a saúde no traballo.

-Comprobouse a calidade do acabamento, a aparencia e a solidez do calzado reparado, así como os aspectos globais de pulcritude e uniformidade da cor, e corrixíronse as anomalías detectadas.

-CA5.4. Identificáronse os riscos primarios que poden xurdir nas operacións de acabamento na reparación do calzado, e describíronse as medidas preventivas adecuadas para a saúde e a seguridade no contorno de traballo.

-RA6. Formaliza a información técnica necesaria.

-CA6.1. Formalizouse a documentación xerada de xeito claro, concreto e preciso.

-CA6.2. Formalizáronse partes de incidencias e anomalías do proceso e do calzado reparado, para facilitar tarefas posteriores.

-CA6.3. Formalizouse a documentación relacionada coa produtividade, a calidade e a seguridade.

3.2. Contidos básicos.

Calzado.

-Tipos de calzado: de cabaleiro, de señora, infantil, de bebé, especial e de seguridade.

-Reparación e acabamento de calzado: operacións e procedementos.

-Fichas técnicas.

-Extracción de patróns de compoñentes.

-Xogo de patróns.

Materiais empregados no arranxo e o mantemento de calzado.

-Tecidos, peles, coiros, laminados, sintéticos e polímeros.

-Tecidos: recubrimento.

-Soportes: accesorios e/ou compoñentes prefabricados.

-Fíos: grosor, resistencia e calidade.

-Pegamentos e colas, siliconas e disolventes.

-Materiais de reparación: filis, pranchas, tapas e patróns.

-Características, conservación e seguridade no uso.

-Adornos, fornituras e complementos auxiliares utilizados en calzado.

-Produtos de acabamento: tinturas, ceras, pigmentos, etc.

-Produtos de limpeza e coidado: cremas, graxas e tinturas.

Máquinas e operacións aplicadas na reparación de calzado.

-Máquinas de corte, ensamblaxe e acabamento.

-Técnicas de corte: manual e convencional, de presión e automático.

-Parámetros do corte. Máquinas e ferramentas.

-Corte convencional: características e aplicacións.

-Secuencia de operacións do corte convencional: retallar e afinar.

-Preparación e estendedura de peles, tecidos e outros materiais.

-Corte dos materiais.

-Ensamblaxe por diversas técnicas: cosedura, pegado, etc.

-Acabamento de compoñentes soltos.

-Acabamento final do artigo.

-Máquina de rebaixar e dividir.

-Máquina de formas para alargamento: aplicacións.

-Banco de finissage, máquinas de cardar e máquina de pegar.

-Máquinas auxiliares de aplicación de adhesivo. Sistemas de aspiración.

Mantemento de primeiro nivel de máquinas de reparación de calzado.

-Manual de mantemento.

-Mantemento preventivo e correctivo.

-Fichas técnicas e manuais de mantemento.

Seguridade nos procedementos de reparación de calzado.

-Normas de seguridade.

-Accidentes máis comúns nas máquinas de acabamento.

-Equipamentos de protección individual.

-Dispositivos de máquinas para a seguridade activa.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de reparación e acabamento de calzado, así como as operacións de transformación deste, tales como a súa forraxe ou a súa tinguidura, e a realización de actividades complementarias relativas á duplicación de chaves e mandos a distancia.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Desmontaxe de pezas para substituír ou reparar, e obtención de patróns e pezas de substitución.

-Ensamblaxe e acabamento dos calzados.

-Forrado e tinguidura do calzado.

-Duplicado de diferentes tipos de chaves e mandos a distancia.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar as competencias do módulo versarán sobre a aplicación de técnicas de retirada de pezas, corte de material, ensamblaxe, forraxe e tinguidura de calzado, e duplicación de chaves e mandos a distancia.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0110.

-Duración: 160 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Efectúa as operacións de reparación de calzado e marroquinaría, preparando os equipamentos e operando con eles, e realiza os controis de calidade establecidos.

-CA1.1. Comprendéronse as instrucións para a execución do proceso de reparación e realizáronse na orde establecida.

-CA1.2. Realizáronse as operacións necesarias para a correcta limpeza e preparación dos equipamentos e os utensilios.

-CA1.3. Executáronse as operacións incluídas no proceso de reparación (desmontaxe, corte, marcaxe, ensamblaxe e cosedura das pezas, e operacións de acabamento), operando destramente cos equipamentos.

-CA1.4. Conseguiuse un rendemento adecuado, tanto en calidade como en tempo.

-CA1.5. Realizáronse probas de control de calidade da reparación en curso.

-CA1.6. Responsabilizouse do traballo que se desenvolve, amosando iniciativa.

-RA2. Realiza operacións complementarias, tales como a duplicación de chaves e mandos a distancia, ou a creación de pequenos artigos de marroquinaría, preparando os equipamentos e operando con eles consonte os procedementos establecidos.

-CA2.1. Realizáronse operacións de duplicación de chaves, e asegurouse a súa coincidencia cos orixinais.

-CA2.2. Duplicáronse mandos ou substituíronse as súas baterías ou as súas pilas, e asegurouse o seu funcionamento.

-CA2.3. Realizáronse operacións de creación de pequenos artigos de marroquinaría.

-CA2.4. Despezáronse os patróns, comprobando as súas marxes e a súa posición.

-CA2.5. Preparáronse, ensambláronse e acabáronse os artigos segundo o seu deseño e a súa composición.

-CA2.6. Operouse coas máquinas de xeito ordenado, con pulcritude, precisión e seguridade, aplicando as técnicas e os procedementos adecuados.

-RA3. Atende as solicitudes da clientela, para o que obtén a información necesaria e resolve as dúbidas que poidan xurdir.

-CA3.1. Mantívose unha actitude de cordialidade, respecto e discreción coa clientela.

-CA3.2. Amosouse interese e preocupación por atender satisfactoriamente as necesidades da clientela.

-CA3.3. Transmitiuse información clara e ordenada, cunha estrutura precisa.

-CA3.4. Déronse respostas a preguntas de doada solución, utilizando o léxico comercial axeitado.

-CA3.5. Demostrouse responsabilidade ante erros e fracasos.

-CA3.6. Ofrecéronselle alternativas á clientela ante reclamacións doadamente arranxables.

-RA4. Actúa consonte as normas de prevención de riscos laborais da empresa.

-CA4.1. Cumpriuse a normativa xeral sobre prevención e seguridade, así como a establecida pola empresa.

-CA4.2. Identificáronse os factores e as situacións de risco que se presenten no ámbito de actuación no centro de traballo.

-CA4.3. Adoptáronse actitudes relacionadas coa actividade, para reducir os riscos laborais e ambientais.

-CA4.4. Empregouse o equipamento de protección individual establecido para cada operación.

-CA4.5. Utilizáronse os dispositivos de protección das máquinas, os equipamentos e as instalacións en cada actividade.

-CA4.6. Actuouse segundo o plan de prevención.

-CA4.7. Mantívose a zona de traballo libre de riscos, con orde e limpeza.

-CA4.8. Traballouse con criterios de redución do consumo de enerxía e da xeración de residuos.

-RA5. Actúa de xeito responsable e intégrase no sistema de relacións técnico-sociais da empresa.

-CA5.1. Executáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

-CA5.2. Responsabilizouse do traballo que desenvolve, comunicándose eficazmente coa persoa adecuada en cada momento.

-CA5.3. Cumpríronse os requisitos e as normas técnicas, demostrando un bo facer profesional e finalizando o traballo nun tempo límite razoable.

-CA5.4. Amosouse unha actitude de respecto cara ás normas e os procedementos establecidos.

-CA5.5. Organizouse o traballo de acordo coas instrucións e os procedementos establecidos, cumprindo as tarefas en orde de prioridade e actuando baixo criterios de seguridade e calidade nas intervencións.

-CA5.6. Coordinouse a actividade que desempeña co resto do persoal, informando de calquera cambio, necesidade salientable ou continxencia.

-CA5.7. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo, realizando os descansos instituídos, e non abandonou o centro de traballo antes do establecido sen motivos debidamente xustificados.

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "15200D003P016.PDF"