DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 09 de agosto de 2010 Páx. 14.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2010 pola que se convoca e se regula a concesión de subvencións aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de gastos correntes das súas oficinas municipais de información aos consumidores (OMIC) para o ano 2010.

Preámbulo

Dentro do marco establecido polo artigo 51 da Constitución española de 1978, as entidades locais, no ámbito da súa competencia, veñen realizando actividades de utilidade pública en materia de defensa dos consumidores e usuarios tales como as de informar, formar, asesorar, atender e tramitar reclamacións e realizar mediacións en materia de consumo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.1º, parágrafo 4, outorga á Comunidade Autónoma de Galega, competencias exclusivas en materia de consumo.

O artigo 24 do Estatuto galego do consumidor e usuario establece que, co fin de facilitarlle aos consumidores e usuarios a información precisa para o axeitado exercicio dos seus dereitos, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, fomentará e, se é o caso, habilitará ou apoiará a creación de oficinas e servizos de información ao consumidor e usuario, xa sexan de titularidade pública, xa dependan dunha organización ou asociación de consumidores.

Sobre a base do disposto no Estatuto galego do consumidor e Usuario, o artigo 4 do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre a utilización do idioma galego nos produtos e información ao consumidor e usuario en Galicia, prevé que tanto os concellos como as organizacións de consumidores poderanse acoller, dentro das condicións que regulamentariamente se determinen, ás axudas e subvencións que se convoquen pola Administración autonómica para a creación ou mantemento das oficinas ou servizos de información ao consumidor ou usuario.

Por outra banda, as políticas desenvolvidas polas institucións comunitarias e a súa transposición no dereito transnacional veñen conceptuando a política de defensa das persoas consumidoras como un elemento esencial da mellora do nivel de vida da cidadanía europea.

Para dar cumprimento ao anteriormente indicado, cómpre destinar axudas ás oficinas municipais de información aos consumidores e usuarios para financiar os gastos derivados do funcionamento destas. Por outra banda, búscase potenciar, ao igual que se fixo en anos anteriores e tendo en conta a positiva experiencia que supuxo, a apertura de novas oficinas municipais de información aos consumidores co fin de conseguir unha protección eficaz dos cidadáns e cidadás en materia de consumo en todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que a Administración local é a máis achegada á poboación.

Por todo o anterior

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións do Instituto Galego de Consumo (en adiante IGC) ás oficinas municipais de información aos consumidores (OMIC) da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de gastos correntes no ano 2010.

A subvención recollerá os gastos orixinados desde o 1 de xaneiro do ano 2010 ou desde a data de inicio da actividade para as OMIC de nova creación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes para as subvencións previstas nesta resolución dirixiranse á Presidencia do Instituto Galego de Consumo, podendo presentarse nos servizos provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción. Inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes, segundo o modelo que se insire como anexo II, será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo entenderase que vence o día cuxo ordinal coincida co día que serviu de partida, que é o de publicación no DOG.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras que non poderá ter unha duración superior a seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN108A poderase obter información adicional no Instituto Galego de Consumo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo.

b) Os teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) O enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.

María Nava Castro Domínguez

Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de gastos correntes das súas s oficinas municipais de información aos consumidores (OMIC) para o ano 2010

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto o fomento das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que realicen actuacións en defensa dos consumidores e usuarios a través dunha Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) aberta ao público.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no resto da normativa que lle sexa aplicable en materia de subvencións.

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables os seguintes gastos xerados polo funcionamento das oficinas municipais de información ao consumidor:

a) Alugamento, sempre e cando a OMIC estea fóra das dependencias municipais, e que respectará sempre os criterios de accesibilidade. Este punto deberá ser certifido polo secretario do concello.

b) Gastos do persoal contratado con cualificación na materia de consumo para prestar o servizo de atención ao consumidor.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2010, ou a data de inicio da actividade para as OMIC de nova apertura, ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16º destas bases.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. A contía total máxima asignada a este convocatoria é de 83.200 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.460.0 do orzamentos de gastos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2010.

Todo isto sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración previstos nesta resolución.

2. A contía das axudas concedidas, consonte cos criterios obxectivos establecidos nesta resolución e coas dispoñibilidades orzamentarias existentes, poderá acadar ata 100% do orzamento de gastos para atender a OMIC presentado polo concello coa súa solicitude.

3. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións supere o importe que foi solicitado polo concello.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán acollerse a estas subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan unha poboación de feito de entre 5.000 e 70.000 habitantes segundo os datos que constar no último censo dispoñible. Tamén poderán ser beneficiarios da axuda aqueles concellos que, sen contar co mínimo exixido de 5.000 habitantes, acrediten o compromiso de colaboración con outros concellos de menos de 5.000 habitantes que lles permita chegar a ese mínimo exixible.

2. Para que os concellos poidan beneficiarse das subvencións convocadas e reguladas ao abeiro desta resolución deberán cumprir, ademais das obrigas derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, as seguintes condicións:

a) Dispor de Oficina Municipal de Atención ao Consumidor aberta ao público como mínimo 5 horas diarias, de luns a venres, en horario de oficina e convenientemente sinalizada e localizada

En caso de non dispor da dita oficina no momento de presentar a solicitude, deberán comprometerse a abrir esta ao longo do ano 2010 debendo atoparse necesariamente en funcionamento no prazo de 30 días desde a notificación da concesión da axuda, considerándose así unha OMIC de nova creación. A xustificación do cumprimento deste requisito realizarase mediante certificado do/a secretario/a do concello, no que conste tal circunstancia.

Non se considerarán OMIC de nova creación, para os efectos do disposto nesta resolución, as daqueles concellos que, tendo solicitada e concedida subvención co fin de financiar a súa actividade en anos anteriores a esta convocatoria, incumprisen o compromiso de apertura e funcionamento da OMIC.

b) Dispor como mínimo dunha persoa contratada con cualificación en materia de consumo para realizar as tarefas de atención ao consumidor.

No caso das OMIC de nova creación, se non dispoñen deste persoal no momento de presentación da solicitude da axuda, debe dispoñerse deste persoal e acreditar o cumprimento do requisito no prazo de 30 días desde a notificación da concesión da axuda mediante certificado do/a secretario/a do concello, no que conste tal circunstancia.

c) Facilitarlle ao público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidores e a forma de exercelos.

d) Atender as consultas e reclamacións dos consumidores e usuarios, colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

e) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos punto 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada onde figuren os gastos susceptibles de financiamento debidamente desagregados (anexo III).

b) Certificación do/a secretario/a do concello no que se faga constar que dispón dunha oficina municipal de información ao consumidor aberta ao público ou, se é o caso, compromiso de apertura desta ao longo do ano 2010, debendo atoparse necesariamente en funcionamento no prazo de 30 días desde a notificación da concesión da axuda, de conformidade co que se dispón no anexo IV.

c) Certificación do/a secretario/a do concello na que se faga constar o horario no que a oficina permanece aberta ao público para atender aos consumidores e usuarios, a súa localización e os metros cadrados de espazo físico dedicado a esta, tal e como se indica no anexo IV a esta resolución.

d) Certificación da poboación do concello segundo o último censo dispoñible. No caso de tratarse de concellos inferiores a 5.000 habitantes que teñen compromisos de colaboración con outros concellos nas mesmas circunstancias, estes certificados serán de todos os concellos que integran o dito compromiso de colaboración.

e) Documentación relativa ao ano 2009, esta documentación non será exixible para o caso de OMIC que se cren ao longo do ano 2010:

-Relación e obxecto das consultas e reclamacións que se presentaran ante a OMIC de acordo co modelo que se insire como anexo V no que se recolle o conxunto mínimo básico de datos que deben ser achegados polo concello ao Instituto Galego de Consumo. Todas as consultas e reclamacións que reciba a Oficina de Información ao Consumidor rexistraranse e tramitaranse a través da aplicación informática que indique o Instituto Galego de Consumo.

-Certificación do órgano competente no que se faga constar o orzamento total do concello e o dedicado á OMIC durante o ano anterior (anexo VI).

f) Anexo X no caso de presentación do compromiso de mediación das reclamacións presentadas na OMIC. En relación con ese compromiso a oficina deberá levar un rexistro das reclamacións nas que se levou a cabo a mediación. O dito rexistro, así como toda a documentación acreditativa da reclamación, deberá gardarse e custodiarse candomenos durante un período de tres anos.

g) Certificado do/a secretario/a do concello do conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais de acordo co que se establece no anexo VII.

h) Declaración responsable, conforme o modelo inserido como anexo VIII, de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Igualmente, os interesados non terán que achegar documentos que xa estivesen en poder da Administración actuante sempre que fagan constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados os ditos documentos consonte o que se dispón no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Consumo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvedades previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fai referencia esta resolución será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo, correspondendo á Presidencia do Instituto Galego de Consumo ditar a resolución da concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e nesta resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se procederá conforme o que determina o artigo 42.1º da citada lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A xerente do Instituto Galego de Consumo, que a preside.

b) O/a xefe/a de Servizo de Información, Cooperación e Fomento, que actuará como secretario/a.

c) O/a xefe/a do Servizo de Asuntos Xerais, o/a xefe/a do Servizo de Protección ao Consumidor e o/a xefe/a de Servizo de Seguridade de Produtos e os xefes dos servicios provinciais do Instituto Galego de Consumo, que actuarán como vogais.

A citada comisión quedará validamente constituída en primeira convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a, ou persoa na que delegue, tres vogais e o secretario e en segunda convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a ou persoa na que delegue, o secretario e un vogal. Os acordos serán adoptados por unanimidade.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nesta resolución. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

a) Ámbito de actuación da oficina a través de criterios poboacionais para o cal se terán en conta os datos que constan no último censo dispoñible: ata un máximo de 50 puntos.

b) Compromiso de mediación en relación coas reclamacións presentadas na súa oficina: ata máximo de 40 puntos.

c) Cualificación profesional do persoal: ata un máximo de 40 puntos.

d) Creación de nova oficina: ata un máximo de 40 puntos.

e) Colaboración con asociacións de consumidores na xestión da OMIC: ata un máximo de 30 puntos.

f) O tempo efectivo dedicado á atención ao público por cada OMIC, tendo en conta o número de horas diarias que permanece aberta ao público: ata un máximo de 30 puntos.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á presidencia do Instituto Galego de Consumo.

2. A presidencia do Instituto Galego de Consumo á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecido.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro, que estimen procedente.

Artigo13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente no que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo XI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o presidente ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas do beneficiario.

As entidades locais beneficiarias da subvención asumirán as seguintes obrigas:

a) Destinar as axudas ao fin para o que foron concedidas.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os mesmos conceptos que os subvencionados ao abeiro desta resolución. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

d) Rexistro, tramitación das consultas e reclamacións, incluídas as mediacións, e demais procedementos relacionados con este tipo de xestión. Todas as consultas e reclamacións rexistraranse e tramitaranse a través da aplicación informática que indique o Instituto Galego de Consumo e a información aquí indicada será transmitida a través da dita aplicación.

e) Poñer á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas entidades para a obtención das axudas.

f) No caso de asinar o compromiso de mediación do anexo X, a oficina deberá levar un rexistro das reclamacións nas que se levou a cabo a mediación. O dito rexistro, así como toda a documentación acreditativa da reclamación, deberá gardarse e custodiarse cando menos durante un período de tres anos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Para os efectos da difusión pública os concellos beneficiarios deberán exhibir, de forma visible no lugar onde atenden aos consumidores, un cartel informativo no que figure o patrocinio do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 16º.-Xustificación.

1. Para percibir a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, tendo de prazo límite para presentala ata o 30 de outubro de 2010:

a) Certificado do/a secretario/a do concello, logo do informe do interventor ou xefe de contabilidade da corporación, co visto e prace do/a alcalde/esa, sobre o total dos gastos efectuados (anexo IX).

b) Certificación da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente, onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

c) Certificación do/a secretario/a do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais (anexo VII).

d) Conxunto mínimo básico de datos relativos ao ano 2010 que a OMIC debe presentar ao Instituto Galego de Consumo, segundo o modelo que consta no anexo V. Os ditos datos relativos ao 2010 son ata a data de xustificación.

e) Certificado do órgano competente que acredite os medios persoais dos que dispón a OMIC, con expresión concreta sobre o vínculo contractual co concello, tipo de persoal, dedicación exclusiva ou non, duración do contrato e número de horas dedicadas diariamente á oficina. De ser o caso, titulacións, cursos e seminarios que acrediten a formación específica en materia de consumo do persoal que presta servizos na OMIC.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o presidente do Instituto Galego de Consumo ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O pagamento será único e farase tras a correspondente xustificación da subvención.

Artigo 18º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Fiscalización e control.

1. O Instituto Galego de Consumo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas e subvencións reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "15100D004P026.PDF"