DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 09 de agosto de 2010 Páx. 14.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 29 de xullo de 2010 pola que se regula a concesión de subvencións complementarias ás xa concedidas aos concellos de Galicia para a adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal á Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

Por medio de sucesivas ordes desde a asunción de competencias en materia de urbanismo por parte da comunidade autónoma, fóronse establecendo as bases reguladoras da concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico.

As razóns que motivaron a promulgación destas ordes continúan estando presentes na actualidade. Así, segue a ser necesaria a adaptación de boa parte do planeamento urbanístico á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural sucesivamente modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, pola Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia e pola Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, así como pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, que establece a obriga de adaptar os plans xerais de ordenación municipal en tramitación, que non teñan acadado a súa aprobación provisional, as determinacións contidas nesta lei.

Por outra parte, os concellos interesados na redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal teñen notables dificultades para afrontar o esforzo orzamentario que implica o cumprimento desa finalidade, circunstancia agravada pola necesidade de adaptar os documentos que están a tramitar, ao novo marco lexislativo.

De xeito similar ao establecido nas ordes anteriores, dúas son as notas que caracterizan ás bases reguladoras da concesión das subvencións previstas nesta orde. Primeiramente, e no que atinxe ao seu ámbito de aplicación subxectivo, as subvencións complementarias para a adaptación dos plans xerais á Lei 2/2010, teñen como destinatarios os concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes e xa tiveran concedida unha axuda ao abeiro de ordes anteriores á entrada en vigor da mencionada lei.

En segundo lugar, no relativo ao procedemento de concesión, debe poñerse de manifesto a inexistencia de concorrencia competitiva, posibilidade esta expresamente prevista polo artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que non se parte da comparación das solicitudes recibidas, senón do obxecto e finalidade da subvención solicitada e do cumprimento por cada concello solicitante dos requisitos establecidos para obter a correspondente subvención. Tales circunstancias determinan a non necesidade de realizar unha comparación entre as solicitudes recibidas, así como tampouco establecer unha orde de prelación entre elas.

Consecuentemente co que antecede, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, Intervención Delegada nesta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Dirección Xeral de Planificación e Fondos e Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, así como da consulta efectuada a Federación Galega de Municipios e Provincias; no exercicio das facultades que teño atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, procedemento e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan a convocatoria e a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións complementarias ás axudas vixentes obtidas ao abeiro de ordes anteriores, que poida conceder a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para adaptar os plans xerais de ordenación municipal en tramitación ao disposto na Lei 2/2010.

Atendendo ao obxecto e finalidade das subvencións reguladas pola presente orde, excepciónase a necesidade de fixar unha orde de prelación para a selección das solicitudes presentadas sempre que reúnan os requisitos establecidos, polo que serán concedidas, ata o esgotamento do crédito orzamentario aplicando as normas que se fixan no artigo 6º.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia que resultasen beneficiarios dunha axuda para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, concedida ao abeiro de ordes anteriores polas que se regulaba a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que xa tivesen contratados os traballos con anterioridade ao 23 de setembro do ano 2009 (data da sinatura do acordo institucional polo urbanismo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias), e non acadasen a aprobación provisional do documento, de conformidade co establecido no artigo 85º.7 da Lei 9/2002, con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2010.

Artigo 2º.-Instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados.

1. Poderá ser obxecto dunha subvención complementaria a redacción dos plans xerais de ordenación municipal en tramitación dos concellos de Galicia cunha poboación que non supere a cifra dos 50.000 habitantes e que resultasen beneficiarios dunha axuda para o mesmo obxecto, concedida ao abeiro de ordes anteriores, que cumpran os requisitos establecidos na alínea 2 do artigo 1º.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades previstas no número 2 do artigo 1º, interesadas en obter as subvencións reguladas por esta orde, deberán presentar a correspondente solicitude, subscrita por quen exerza a súa representación legal, de conformidade coas previsións do artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo que se publica como anexo I.

2. A solicitude, dirixida á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, acompañarase da documentación sinalada no artigo 5º e poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. En cumprimento do previsto pola alínea a) do artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para os efectos do previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, mediante a presentación da solicitude de subvención, así como coa sinatura do anexo I, a entidade solicitante presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que esta inclúa e faga públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes relativos ás subvencións recibidas e ás sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter

persoal, a entidade solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación será un mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Por resolución motivada que será publicada no Diario Oficial de Galicia poderase ampliar o prazo de presentación establecido neste artigo.

Artigo 5º.-Documentación.

Xunto coa solicitude a que alude o artigo 3º, as entidades interesadas en obter as subvencións obxecto desta orde, deberán achegar a documentación que a seguir se indica, en orixinal ou por medio de copias compulsadas:

a) Memoria explicativa do estado da tramitación do PXOM para o que se solicita a subvención complementaria e, se é o caso, referencia ás circunstancias específicas que, a xuízo da solicitante, concorran na súa solicitude.

b) Cronograma que recollerá as previsións de execución dos traballos subvencionados, segundo o modelo que se xunta a esta orde como anexo II, tendo en conta o estado da tramitación do plan e a fase que lle corresponda formalizar a continuación.

c) Orzamento base estimado subvencionable complementario (OBES complementario): será o resultado de aplicar os criterios que se indican no inciso primeiro da alínea a) do artigo 12º.2. Para estes efectos a entidade solicitante deberá achegar debidamente cuberto o anexo III.

d) Certificado expedido pola secretaría xeral da entidade solicitante no que se recolla o acordo do órgano municipal competente de solicitar as subvencións previstas nesta orde, especificando a última fase da tramitación do contrato que se formalizou.

e) Declaración do representante legal da entidade solicitante en que conste o conxunto das axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a que solicita a subvención á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, seguindo o modelo que se xunta como anexo IV.

f) Autorización do representante legal da entidade solicitante para que a Xunta de Galicia poida utilizar o documento de planeamento obxecto da subvención, publicalo de xeito convencional ou a través da páxina web, así como para que poida percibir, de ser o caso, os importes para resarcimento dos custos derivados da publicación e/ou venda de contidos do documento de planeamento subvencionado, utilizando o modelo do anexo V desta orde.

Artigo 6º.-Normas de instrución do procedemento.

O procedemento de concesión das subvencións que regula esta orde desenvolverase de conformidade coas normas xerais aplicables aos procedementos administrativos iniciados por solicitude dos interesados, así como polas seguintes previsións:

a) De conformidade co establecido no artigo 1º, as subvencións recollidas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e ata esgotar o crédito orzamentario destinado ao seu financiamento. Consecuentemente, serán concedidas sen comparación con outras solicitudes.

b) O procedemento considerarase iniciado para a entidade solicitante na data en que tivese entrada a súa solicitude no correspondente rexistro.

c) As solicitudes de subvención que cumpran os requisitos exixidos por esta orde, acompañadas da correspondente documentación, atenderanse por orde cronolóxica de presentación.

d) Será competente para instruír o procedemento, así como para formular a correspondente proposta de resolución, a Subdirección Xeral de Urbanismo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O prazo para ditar e notificar a resolución que proceda será de dous meses, a computar desde o día seguinte ao da entrada da correspondente solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

2. A resolución favorable pola que se subvenciona o instrumento de planeamento de que se trate conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Finalidade concreta para a cal se concede.

b) Importe da subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

c) Previsión temporal e importe da correspondente anualidade e, de ser preciso, reaxuste das anualidades vixentes das axudas concedidas en convocatorias anteriores, co fin de acomodalas aos prazos que se estiman habituais na tramitación dos plans e tendo presentes os antecedentes de cada caso e os trámites que deberán realizarse na continuación do procedemento de redacción do PXOM.

d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de dous meses sen que se lle notificase a resolución expresa, a entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, de conformidade co disposto no parágrafo 2º do artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 13º desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais, poderá dar lugar a unha nova resolución que modifique as condicións e importe da subvención.

Artigo 8º.-Réxime de recursos.

As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra delas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Malia o anterior, por ter a recorrente a condición de Administración pública, poderá facer uso do requirimento previo a que alude o artigo 44 da antedita Lei 29/1998.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. As subvencións outorgadas conforme ao disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.521A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, destinándose para tal finalidade un total de tres millóns seiscentos mil euros (3.600.000 euros), distribuídos nas seguintes anualidades:

-2010: 700.000 euros.

-2011: 917.000 euros.

-2012: 646.000 euros.

-2013: 682.000 euros.

-2014: 655.000 euros.

2. As subvencións complementarias acumularanse ás xa obtidas en convocatorias anteriores de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidas no artigo 58.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Para o suposto de que a contía da subvención solicitada non acade o 100% do custo de redacción do instrumento de planeamento por aplicación do establecido no artigo 12, a entidade solicitante deberá achegar certificación que acredite a aplicación de fondos propios ao financiamento da actividade subvencionada.

4. De conformidade co previsto no artigo 40.1º do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, as subvencións obtidas ao abeiro desta orde non poderán ser aplicadas a unha finalidade distinta daquela para a que foron concedidas.

Artigo 10º.-Compatibilidade de axudas e subvencións.

1. As subvencións previstas nesta orde decláranse compatibles con outras axudas, subvencións, recursos económicos ou ingresos que a entidade beneficiaria obteña das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou mesmo internacionais para a mesma finalidade para a que lle foi concedida a subvención pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Malia isto, e por aplicación do establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Neste caso, a subvención concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

2. A obtención por parte da entidade beneficiaria dos recursos económicos declarados compatibles coa subvención concedida, tan pronto como se coñeza, deberá ser comunicada á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 11º.-Subcontratación.

1. Para os efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, expresamente se autoriza as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde para que subcontraten ata o 100% do importe dos traballos necesarios para a redacción dos instrumentos de planeamento susceptibles de seren subvencionados. Tal autorización considérase concedida sen prexuízo do previsto na alínea b) do artigo 18º desta orde, así como, se é o caso, do cumprimento das previsións que establecen os números 3º e seguintes do devandito artigo 27.

2. A autorización prevista no parágrafo anterior entenderase concedida con carácter retroactivo para os supostos de que a redacción do instrumento de planeamento subvencionable estivese contratada ou en fase de contratación.

Artigo 12º.-Cálculo da contía da subvención.

1. Os límites dos importes das subvencións que poida conceder a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a realización das actividades susceptibles de seren subvencionadas ao abeiro desta orde, estarán determinados pola aplicación dos criterios que se determinan nos seguintes puntos.

2. Para determinar o importe da subvención que se poida conceder, observaranse as seguintes regras:

a) Primeiramente establecerase o orzamento base estimado subvencioable complementario (OBES complementario):

-Os criterios para determinar o OBES complementario para a adaptación dos plans xerais de ordenación municipal serán: o 20% do orzamento base estimado subvencionable (OBES) determinado para calcular o importe da subvención para a redacción do PXOM e un coeficiente ponderador en función do número de núcleos do concello segundo o nomenclator (C7). Este coeficiente corresponderase cun valor obtido en función dos datos e baremo que figuran no anexo III desta orde.

O importe do OBES complementario será o resultado de realizar a seguinte operación aritmética: 0,2 × OBES para PXOM × C7.

-Cando o importe do contrato subscrito pola entidade beneficiaria co equipo redactor dos traballos para os que se concedeu a subvención vixente á que complementará esta, sexa inferior ao OBES para PXOM, o importe do OBES complementario será o resultado de aplicarlle ao dito importe contractual a porcentaxe do 20% e o coeficiente ponderador C7.

b) Ao importe de OBES complementario así calculado seranlle aplicadas as porcentaxes que se indican deseguido, establecidas en función da poboación do concello solicitante:

-Concellos cunha poboación que non supere a cifra dos 5.000 habitantes, así como aqueles concellos cuxo planeamento urbanístico xeral estea suspendido ou con acordo de inicio de suspensión ditado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, segundo establece o artigo 96.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como o que, estando en vigor, resultase anulado en virtude de sentenza xudicial: o 100%.

-Concellos cunha poboación comprendida entre os 5.001 e 20.000 habitantes: o 90%.

-Concellos cunha poboación comprendida entre os 20.001 e 50.000 habitantes: o 80%.

O resultado obtido determinará o importe da subvención, sen prexuízo das previsións contidas no artigo seguinte.

3. Para os efectos do previsto na alínea b) tomaranse como referencia as cifras oficiais de poboación con data do 1 de xaneiro de 2009, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo verificará a correcta aplicación dos criterios establecidos para determinar o OBES complementario de adaptación do plan xeral á normativa vixente.

No suposto de discrepancia na aplicación dos criterios para determinar o OBES complementario, o concello solicitante disporá dun prazo de dez días hábiles para formular alegacións.

Artigo 13º.-Modificacións da resolución de concesión.

1. Modificación do importe da subvención. Cando o importe do contrato modificado subscrito pola entidade beneficiaria co equipo redactor dos traballos para os que se concedeu a subvención sexa inferior á suma do OBES para PXOM mais do OBES complementario, procederase á modificación da subvención aprobada mediante a aplicación ao dito importe contractual das porcentaxes previstas na alínea 2º b) do artigo anterior. O seu resultado será a contía definitiva da subvención concedida; figurará nunha nova resolución do órgano competente para resolver e seralle comunicada á entidade solicitante.

2. Reaxuste de anualidades. Neste caso, haberá que aterse ao disposto na disposición adicional cuarta.

Artigo 14º.-Pagamento das subvencións.

Por tratarse dunha axuda complementaria, no cronograma de execución dos traballos incluirase unha nova fase, cuxo importe será o equivalente ao concedido ao abeiro desta orde e será aboado conforme o disposto no artigo 15º. En consecuencia, esta circunstancia implicará, de ser preciso, a modificación do cronograma das fases de execución dos traballos obxecto da axuda vixente.

O pagamento das subvencións complementarias concedidas ao abeiro desta orde terá lugar mediante un único aboamento logo de que a entidade beneficiaria o solicite e xustifique documentalmente o cumprimento dos trámites e requisitos que se detallan nos artigos seguintes e, en todo caso, logo da modificación do contrato para adecualo ás novas condicións económicas, de conformidade coa resolución de concesión. En calquera caso, o prazo máximo para o cumprimento da fase obxecto desta axuda complementaria será o 30 de novembro de 2011.

Artigo 15º.-Aboamento.

1. O aboamento da subvención complementaria concedida efectuarase en función da fase de tramitación na que se atope a redacción do plan xeral de que se trate, segundo a correspondente resolución de concesión e que, en todo caso, se axustará ás seguintes pautas:

a) Concellos que non tivesen aprobado inicialmente o documento do PXOM na data da entrada en vigor da Lei 2/2010: o aboamento efectuarase logo da xustificación da remisión do anteproxecto de planeamento como documento de inicio ao órgano ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, conforme se regula no artigo 84.4º da lei.

b) Concellos que aprobaron inicialmente o plan con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2010: logo de xustificar a adaptación das determinacións do plan xeral á nova lei, que se acreditará mediante a remisión á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dun informe dos servizos técnicos e xurídicos do concello respecto da conformidade do plan coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

Artigo 16º.-Xustificación.

Para proceder aos aboamentos mencionados no artigo anterior rexerán os criterios establecidos na orde de referencia vixente á que complementa, e ademais:

1. Achegarase a documentación acreditativa do cumprimento da fase correspondente, segundo o cronograma establecido na resolución de concesión da axuda, xunto coa modificación do contrato adaptado ás novas condicións económicas e temporais.

2. Considerarase cumprido o obxecto e a finalidade para a que foi concedida a subvención complementaria cando a entidade beneficiaria xustifique e acredite a realización dos trámites indicados no artigo anterior e que, segundo a normativa urbanística, sexan da súa competencia. Malia isto, a acreditación da sinatura do contrato modificado non terá a consideración de cumprimento parcial do obxecto deste.

3. Con carácter previo á emisión dos informes preceptivos da consellería competente en materia de urbanismo que se establecen no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a entidade beneficiaria achegará á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo copia dos traballos en papel (debidamente dilixenciados, cando sexa o caso) e copia dos traballos gráficos en soporte vectorial (DWG, DXF ou DGN), ou SHAPE, xeoreferenciado, sen protección e con identificación de códigos, así mesmo, no proxecto de normas vectorial, todos os ficheiros deben depender dun directorio «:\nome do proxecto», para a súa mellor xestión.

4. O prazo máximo para xustificar o cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención será de catro anos, contados desde o día seguinte ao de recepción da notificación da resolución de concesión de tal subvención.

Para os aboamentos a conta, por execucións das fases establecidas na resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá presentar a oportuna xustificación antes do 30 de novembro do ano en que se establece a súa execución.

Artigo 17º.-Coordinación.

1. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co obxecto de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención das subvencións que regula esta orde, supervisará a execución e desenvolvemento dos traballos de redacción do instrumento de planeamento subvencionado.

Artigo 18º.-Obrigas.

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumpriren as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que poidan desenvolvela.

b) Incorporar nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán o contrato modificado co equipo redactor do plan xeral subvencionado, as prescricións aprobadas para tal finalidade pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no ano 2010.

c) Acreditar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida coa finalidade de verificar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

d) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou Tribunal de Contas e, para o suposto de cofinanciamento coa Unión Europea, ás que poida efectuar o Tribunal de Contas da Unión Europea.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública e logo de que estea definitivamente aprobado, que o instrumento de planeamento de que se trate foi elaborado coa subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 19º.-Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de subvención máis os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento, cando se produzan as causas sinaladas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cálculo dos xuros de demora efectuarase de conformidade co previsto no artigo 34.2º da dita lei.

2. De conformidade co previsto no artigo 32.4º da antedita Lei 9/2007, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación da resolución de concesión da subvención levará consigo a obriga do beneficiario de devolver as cantidades percibidas.

3. Se da correspondente comprobación derivase que a entidade beneficiaria percibiu recursos económicos superiores ao 100% do orzamento que require a actividade subvencionada, procederá ao reintegro á comunidade autónoma do exceso obtido e dos xuros de demora correspondentes, segundo dispón o artigo 33.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En virtude do estipulado no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o dereito da Administración para o recoñecemento ou liquidación do reintegro prescribirá aos catro anos. O cómputo dese prazo e as súas causas de interrupción rexeranse polo previsto nos puntos 2º e 3º do dito artigo 35.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas nas lexislacións do Consello de Contas e Tribunal de Contas.

2. Os beneficiarios e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou a xustificación estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como polos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, que para esta finalidade terán as facultades que lle outorga o artigo 46.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto nos artigos 59 a 61 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Publicidade.

As subvencións concedidas ao abeiro desta orde serán obxecto de publicación na forma e prazos establecidos polos artigos 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e nas condicións que determina o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase na titular Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o exercicio das competencias necesarias para resolver a concesión ou denegación das subvencións solicitadas ao abeiro desta orde, así como autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer á titular da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos que procedan.

Segunda.-Sen prexuízo do previsto polo artigo 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aplicarase o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 en materia de xustificación das entidades solicitantes de estaren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias de carácter estatal e autonómico ou coa Seguridade Social, así como de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Terceira.-A Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias que considere necesarias, logo de analizado o ritmo de execución dos traballos subvencionados. Os referidos reaxustes non poderán variar o importe total da subvención concedida, o seu réxime xurídico ou mesmo modificar, no seu conxunto, as porcentaxes que sobre o investimento plurianual establece o artigo 58.3º, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo o establece o artigo 27.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De tales actos darase traslado ao concello afectado.

Cuarta.-Co obxecto facilitar que os concellos solicitantes formalicen adecuadamente a súa solicitude, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas serán publicados tanto os anexos a esta orde como os datos obxectivos correspondentes aos OBES.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "15100D002P006.PDF"

Ver referencia pdf "15100D003P016.PDF"