DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 09 de agosto de 2010 Páx. 14.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 26 de xullo de 2010 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello da Fonsagrada, para a ampliación do museo etnográfico.

O Concello da Fonsagrada remite o expediente referido de modificación das NSP, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en diante LOUG.

I. Antecedentes.

O Concello da Fonsagrada dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal vixentes, aprobadas definitivamente en sesión do 18 de decembro de 1984.

O concello remite á CMATI o documento de modificación puntual aprobado provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 17 de setembro de 2009, solicitando a súa aprobación definitiva. Non se solicitou informe previo á aprobación inicial, ao abeiro do disposto no artigo 93.4º da Lei 9/2002.

Respecto da tramitación administrativa, constan no expediente as seguintes actuacións:

1. Acordo adoptado polo Pleno do Concello da Fonsagrada na súa sesión do 23 de xullo de 2009, relativo á aprobación inicial da modificación de referencia.

2. Trámite de información pública mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 1 de agosto, e El Progreso do 31 de xullo; así como no Diario Oficial de Galicia do 7 de agosto de 2009. Non se presentaron alegacións.

3. Aprobación provisional da modificación por acordo do pleno do 17 de setembro de 2009.

4. Decisión do 14 de setembro de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sobre a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual.

5. Audiencia aos concellos limítrofes, tal como exixe o artigo 85.2º, en relación co 93.4º da LOUG.

6. Informes municipais, técnico e xurídico, emitidos o 10 e 20 de novembro de 2009, respecto da conformidade da modificación, en cumprimento do artigo 85.4º LOUG.

Constátase que o expediente está completo e cumpre cos requisitos de documentación e tramitación administrativa que sinala o artigo 85 da LOUG.

Analizado o documento, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

II. Contido.

A modificación puntual afecta terreos clasificados como solo urbano, cun ámbito descontinuo que acada uns 2.000 m2, integrado por terreos de titularidade municipal na súa maior parte.

A cualificación polo planeamento vixente é dotacional:

-unha zona de 990 m2 está cualificada como espazos libres.

-outra como centros docentes de 450 m2.

-e outras dúas duns 260 m2 e 280 m2 de superficie respectivamente, como servizos de interese público e social.

A modificación vén motivada pola necesidade de ampliar o museo etnográfico existente. O servizo prestado por este equipamento público transcende o ámbito municipal ata toda a comarca.

O planeamento vixente non permite realizar a ampliación pretendida, ao non reservar o solo necesario arredor do actual museo. As NSP previron a cualificación dotacional só sobre a superficie ocupada polo museo e estableceron unha ordenanza que deixou o edificio fóra de ordenación (incumprimento das condicións de recuamento, ocupación e edificabilidade).

A actual modificación persegue permitir a ampliación necesaria e encaixala dentro de ordenación o equipamento resultante. Para eses efectos, introduce as seguintes alteracións no planeamento vixente:

-Recualificación das zonas indicadas no punto II), establecer como dotacional a zona de 990 m2 prevista en contigüidade co actual museo; e como espazos libres as outras tres.

-Aplicación dunha nova ordenanza dotacional na zona do equipamento museístico resultante.

-Aclárase a titularidade pública das zonas dotacionais propostas.

III. Análise da proposta de modificación.

O interese público da presente modificación vén xustificado polos propios fins sinalados que a motivan (artigo 94.1º da LOUG).

Canto á ordenación proposta pola modificación, cómpre indicar:

-Mantense a superficie actual de espazos libres substituíndo a porción de 990 m2 prevista polas NSP arredor do museo por tres espazos libres de nova creación, un inmediato ao museo e outros dous na zona urbana dos Chaos, ao norte da vila.

-Tamén se mantén a superficie destinada ao conxunto dotacional público (centros docentes, servizos de interese público e social, parque deportivo...).

-Non se altera a intensidade edificatoria das zonas afectadas, polo que non comporta incremento para os efectos previstos no artigo 93.3º da LOUG.

-A modificación implica unha maior fragmentación do sistema de espazos libres; non obstante, dos 990 m2 cualificados polas NSP como espazos libres só uns 565 m2 poden destinarse para tal fin, ao estar o resto ocupado, desde antes da aprobación das propias NSP, pola rúa Alameda. Así mesmo, cabe certa contribución positiva dos novos espazos libres propostos, que favorecen un desconxestionamento urbanístico das áreas en que se sitúan, así como o realzamento dos edificios institucionais existentes ou previstos nas súas inmediacións.

-A modificación permite agregar dúas zonas de equipamentos actualmente separadas, como son a do museo e a existente ao leste, en que se ten previsto construír a nova casa do concello.

-Por afectar zonas verdes do planeamento xeral vixente, remitiuse o expediente, para os efectos do artigo 94.4º da LOUG, á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que emitiu informe favorable con data do 17 de marzo de 2010, con observacións.

-O Concello Pleno, logo de emisión de informe do técnico redactor da modificación, acordou o 27 de abril de 2010 corrixir a redacción do artigo 3.1º nos termos requiridos pola CSU.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 7 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello da Fonsagrada, para a ampliación do museo etnográfico.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán dende o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas