DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 06 de agosto de 2010 Páx. 14.248

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2010 pola que se convoca un curso práctico para bombeiros de nova incorporación.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso práctico para bombeiros que se incorporasen aos servizos de extinción de incendios e salvamento nos anos 2009 ou 2010, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade

Denominación: curso práctico para bombeiros de nova incorporación.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 100.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar o persoal que ingresou recentemente nos servizos contra incendios e de salvamento dunha formación inicial práctica e homoxénea necesaria para o exercicio da súa función conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 2 de maio, de emerxencias de Galicia.

Contido:

Neste curso trataranse os seguintes temas:

1. Módulo 1: intervención ante sinistros con mercadorías perigosas (14 h).

2. Módulo 2: excarceración en accidentes de tráfico (14 h).

3. Módulo 3: extinción de incendios (42 h).

4. Módulo 4: primeiros auxilios (8 h).

5. Módulo 5: rescate urbano en altura (22 h).

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal que se incorporou nos anos 2009 ou 2010 ao consorcio contraincendios e salvamento das comarcas Deza e Tabeirós-Terra de Montes e aos servizos de extinción de incendios e salvamento dos concellos que teñan asinado con anterioridade á data de inicio do curso un convenio de colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública en materia de formación de bombeiros de nova incorporación.

Non poderá optar ao curso o persoal que estea contratado con carácter temporal ou eventual.

Prazas ofertadas: 14.

3. Solicitudes de participación.

Presentación de solicitudes: para inscribirse, os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na sección Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente. Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de inscrición: o prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo

formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

4. Selección do alumnado participante.

Na selección terase en conta o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes, e reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Terán preferencia os funcionarios de ingreso mais recente e, se hai igualdade neste criterio, empregaranse os criterios de selección establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

Do total de prazas resérvanse dúas para o persoal do consorcio contraincendios e salvamento das comarcas Deza e Tabeirós-Terra de Montes e as restantes distribuiranse entre o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento dos concellos, repectando os criterios de selección establecidos nos parágrafos anteriores.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública e instalacións da empresa Seganosa.

Horario: mañá e tarde.

Datas: do 6 ao 10, do 13 ao 17 e do 20 ao 24 de setembro.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº1 30, do 12 de febreiro).

7. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de agosto de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública