DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 06 de agosto de 2010 Páx. 14.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 13 de xullo de 2010 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Illa de Tambo, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa (Pontevedra).

A Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985 exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta a que a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

Por outra banda, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O 30 de maio de 2007 (DOG nº 118, do 20 de xuño) a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (actualmente Consellería do Mar) acordou a cesión en uso da seguinte embarcación, propiedade da Xunta de Galicia, á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa.

Nome da embarcación: Illa de Tambo.

Ano de construcción: 1991/1992.

Modelo: Anduriña Dos nº 3.

Motor: Suzuki I/B.

Dimensións: manga 02,00 eslora 05,30 puntal 0.77.

T.R.B.: 01,99.

Folio: 5-92.

Lista: 8.

Matrícula: Vilagarcía de Arousa.

Ano de inscrición: 1992.

O 18 de abril de 2008 e con autorización da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa á referida embarcación desligóuselle o motor foraborda Suzuki modelo DT225TCLM número 22501/131203 de 225 CV colocándose na substitución o motor foraborda Yamaha modelo F115AETL número 68V0309145 de 115 CV.

O 3 de maio de 2010 a Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa solicitou a cesión en propiedade da referida embarcación alegando a falta de funcionamento dos motores.

Sendo que a referida confraría destina a embarcación Illa de Tambo para fins de utilidade pública e de interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en asuntos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, cómpre cederlle en propiedade a embarcación Illa de Tambo, adscrita a esta consellería, para ser destinada aos fins sinalados.

Por outro lado, dado que carece de fins lucrativos, considérase axeitado provela da dita embarcación para o fortalecemento da súa estrutura.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15º e 29º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa (Pontevedra) da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Illa de Tambo.

Ano de construcción: 1991/1992.

Modelo: Anduriña Dos nº 3.

Motor: Yamaha F115 AETL número 68V0309145.

Dimensións: manga 02,00, eslora 05,30, puntal 0,77.

T.R.B.: 01,99.

Folio: 2/2007.

Lista: 5.

Matrícula: Vilagarcía de Arousa.

Ano de inscrición: 1997.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido destinarase pola confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en asuntos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa (Pontevedra) a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, se se descoida ou utiliza con grave menoscabo ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor de detrimento ou deteriorización que experimentase.

Artigo 3º

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería do Mar para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela 13 de xullo de 2010.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar