DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 06 de agosto de 2010 Páx. 14.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 135/2010, do 22 de xullo, polo que se desafecta do dominio público un inmoble situado no concello de Santiago de Compostela procedente da extinta cámara agraria local.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do establecido na disposición adicional sétima.1 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), en relación coa disposición adicional segunda da Lei 23/1986, do 24 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), segundo a redacción dada no artigo 1 da Lei 23/1991, do 15 de outubro (BOE nº 249, do 17 de outubro) dun inmoble no concello de Santiago de Compostela de natureza demanial.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería do Medio Rural manifestou a innecesariedade deste ben para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a continuación:

Parcela nº 596 Dos Canedas situada en San Fiz de Fóra (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 4.334 m2 que, segundo o rexistro da propiedade, estrema: norte, Juan Dopazo Rozas; sur, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; leste; camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; oeste; camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria.

Inscrita no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela como predio 25.581, tomo 1.237, libro 244 e folio 118.

Referencia catastral 15079A507005960000FP.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

Única.-A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda