DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 06 de agosto de 2010 Páx. 14.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 134/2010, do 15 de xullo, polo que se desafecta do dominio público unha parcela situada no concello de Arteixo onde se asentan os campos de fútbol de Meicende.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, polo que se traspasan as competencias en materia de cultura, dunha parcela en Arteixo de natureza demanial, subrogándose entón a Comunidade Autónoma de Galicia na posición do Estado-Real Federación Española de Fútbol, que a tiña adquirido mediante escritura pública do 17 de febreiro de 1967, outorgada na notaría da Coruña de Francisco Alonso Rey, co nº 754 do seu protocolo.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do devandito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a continuación:

Parcela sita na rúa Oviedo, 1, no lugar de Meicende, concello de Arteixo (A Coruña), que ten unha superficie segundo rexistro de 19.881 m2 onde se asentan os campos de fútbol de Meicende. Linda: norte, Manuel Sánchez Figueroa, Repsol Petróleo, S.A. e antiga La Artística; sur, rúa Oviedo; leste, rúa Oviedo e José Míguez de la Iglesia; e oeste Repsol Petróleo, S.A.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 3 da Coruña no libro 549, folio 1, predio nº 37.864.

Referencia catastral 4797409NH4949N0001UQ.

Artigo 2º

A parcela anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda