DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 06 de agosto de 2010 Páx. 14.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 133/2010, do 15 de xullo, polo que se desafectan do dominio público uns inmobles situados no concello de Santiago de Compostela procedentes da extinta cámara agraria local.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do establecido na disposición adicional sétima.1 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), en relación coa disposición adicional segunda da Lei 23/1986, do 24 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), segundo a redacción dada no artigo 1 da Lei 23/1991, do 15 de outubro (BOE nº 249, do 17 de outubro) de varios inmobles no concello de Santiago de Compostela de naturaleza demanial.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería do Medio Rural manifestou a innecesariedade destes bens para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Parcela 580 Tras da Casa do Puig, situada en San Xoán de Fecha (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 2.580 m2 que, segundo o rexistro da propiedade, estrema: norte, con estrada Santiago a Portomouro; sur, Soledad Sánchez Otero; leste, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; e oeste, Luisa Rey Puig.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio 22.944, tomo 1.202, libro 244 e folio 191.

Referencia catastral: 15079E503005800000DJ.

2. Parcela 402 Pontellas. Cortiña de Arriba, situada en Villestro (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 329 m2, que segundo o rexistro da propiedade estrema: norte, con camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria, cauce de rega en medio; sur, María Baliñas García; leste, Constantino Otero Pena; e oeste, María Pombo Freire e outros.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio 23.042, tomo 1.203, libro 245 e folio 15.

Referencia catastral: 15079B502004020000IK.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda