DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.196

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, das instalacións do proxecto do parque eólico segunda ampliación Xiabre promovido por Energía de Galicia, S.A. (Engasa). (Expediente IN661A 07/2-4).

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O parque eólico segunda ampliación Xiabre admitiuse a trámite por Resolución do 29 de xaneiro de 2007, da Consellería de Innovación e Industria (DOG nº 26, do 6 de febreiro), ao abeiro da orde da mesma consellería do 22 de maio de 2006, cunha potencia de 24 mW.

Segundo.-O 25 de abril de 2007, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial e o acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e polo Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Mediante Acordo do 13 de outubro de 2008, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra, o proxecto do parque eólico segunda ampliación Xiabre someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

A devandita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de novembro de 2008, no BOP do 14 de novembro, no xornal Faro de Vigo do 14 de novembro, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

O citado proxecto contaba coas seguintes características básicas:

Solicitante: Energía de Galicia, S.A. (Engasa)

Denominación: parque eólico segunda ampliación Xiabre.

Concellos afectados: Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Potencia en tramitación: 24 mW.

Características técnicas: 8 aeroxeradores de 3.000 kW de potencia nominal unitaria montados sobre fustes tubulares metálicos de 80 m de altura e rotores de 90 m de diámetro.

Ver referencia pdf "14900D027P076.PDF"

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

-Agustín del Río Veiga, en nome e representación da CMVMC da parroquia de Saiar, presentou no 16 de decembro de 2008 alegación pola cal pon de manifesto que o proxecto do parque eólico segunda ampliación Xiabre afecta unha zona de piñeiros, aspecto este que non se recolle na relación de bens e dereitos xa que se contempla que a afección é a monte baixo. Asemade, fai constar que para a montaxe do aeroxerador nº 7 sería necesario a construción dunha nova ría, o cal non se recolle na relación de bens e dereitos.

-José Ignacio Fernández Zárraga, en calidade de presidente e representante da Asociación Cultural Xesús González Aboi, presentou no 19 de xaneiro de 2009, alegación pola cal fai constar a falta de documentación técnica relativa á afección ao patrimonio cultural, que permita unha avaliación adecuada do proxecto durante o trámite de información pública, polo que solicita que se deixe sen efecto o trámite de información pública e audiencia aos concellos.

Cuarto.-Con data do 1 de setembro de 2009, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emitiu informe favorable sobre o proxecto do parque eólico segunda ampliación Xiabre.

Quinto.-O 24 de xuño de 2009 o Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra informou que o presente proxecto afecta a solicitude de permiso de investigación para a sección C Saiar nº 3101, pertencente a Triturados do Saiar, S.L.

Sexto.-O 3 de maio de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico segunda ampliación Xiabre, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño de 2010, por Resolución do 25 de maio de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sétimo.-Con data do 7 de xuño de 2010, a empresa promotora Engasa presentou ante esta dirección xeral os acordos acadados coas CMVMC de San Mamede de Abalo, San Xens de Bamio e San Pedro de Cea.

Oitavo.-Con data do 7 de xuño de 2010, a empresa promotora Engasa presentou escrito ante esta dirección xeral no cal pon de manifesto que, de acordo coa Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural, se establece que as infraestruturas de produción e de distribución de enerxía son usos permitidos por licenza municipal, polo cal solicitan prescindir do trámite de obtención de informe favorable do proxecto sectorial por parte da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, xa que os terreos de implantación do parque contan coa clasificación de:

-Concello de Catoira (normas subsidiarias de planeamento, aprobadas o 10 de setembro de 1993): solo non urbanizable de protección de montes (equivalente a solo rústico de protección forestal).

-Concello de Vilagarcía de Arousa (modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado en xullo de 2003): área de reserva eólica (equivalente ao solo rústico de especial protección de infraestruturas).

Noveno.-Con data do 8 de xuño de 2010, a empresa promotora Engasa presentou ante esta dirección xeral o acordo asinado con Triturados do Saiar, S.L. titulares da solicitude do permiso de investigación da sección C Saiar nº 3101.

Décimo.-Con data do 11 de xuño de 2010, Engasa presentou ante esta dirección xeral escrito polo cal desafecta os terreos da CMVMC de Saiar, xa que, de acordo coa Resolución do 30 de abril do 2010, pola que se facía pública a relación de solicitudes de outorgamento da autorización administrativa de instalacións de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou a Engasa a recolocación de 6 mW do parque eólico segunda ampliación Xiabre, que se corresponde cos aeroxeradores A7 e A8 que afectaban a CMVMC de Saiar.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguranza industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas, coa disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, co artigo 23 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro,

polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e co artigo 4 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Segundo.-Coa modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, pola Lei 2/2010, establécese como usos permitidos por licenza municipal a instalación de redes de transporte, distribución (artigo 33.2º f), e as instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía (artigo 33.2º m), tanto en solo rústico de protección ordinaria (artigo 36.1º), como en solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas (artigo 37.1º). Polo que, en cumprimento da Lei 9/2002 non é necesaria a tramitación dun proxecto sectorial, xa que a modificación da Lei do solo permite como uso permitido a instalación de infraestruturas de produción como é un parque eólico a través de licenza municipal. E polo tanto, aínda tendo xa iniciada a tramitación do proxecto sectorial, con anterioridade a modificación da Lei 9/2002, a entrada en vigor da Lei 2/2010, que modifica a Lei do solo, debe terse en conta, xa que esta é unha norma que

beneficia o promotor e axiliza a tramitación administrativa da instalación.

Terceiro.-No procedemento instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación. Así mesmo, a instalación do proxecto de execución reúne todos os requisitos técnicos exixibles, segundo consta no informe referido no antecedente de feito cuarto.

Cuarto.-Polo que respecta ás alegacións presentadas, vistas estas e as contestacións dadas pola empresa promotora do parque eólico, cabe responder que:

-En relación coa alegación presentada por Agustín del Río Veiga, en nome e representación da CMVMC da parroquia de Saiar, cabe responder que os terreos da CMVMC quedaron desafectados tal e como se recolle na antecedente de feito décimo.

-En relación coa alegación presentada José Ignacio Fernández Zárraga, en calidade de presidente e representante da Asociación Cultural Xesús González Aboi, cabe respostar que o proxecto do parque eólico cumpre con todos os requisitos legais, contando con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 21 de xaneiro de 2009, informe este que foi tido en conta pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a emisión da declaración de impacto ambiental recollida no antecedente de feito sexto.

De acordo co que antecede,

Resolvo:

Primeiro.-Autorizar a Energía de Galicia, S.A. (Engasa) a instalación dos equipamentos electromecánicos do parque eólico segunda ampliación Xiabre, nos concellos de Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Segundo.-Aprobar o proxecto de execución da citada instalación, proxecto de execución: segunda ampliación do Parque Eólico Xiabre redactado polo enxeñeiro técnico industrial Felipe Raña Villasenín, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Delegación de Santiago de Compostela, co número 198707, do 23 de abril de 2007, de acordo coas seguintes características básicas:

Solicitante: Energía de Galicia, S.A. (Engasa).

Denominación: parque eólico segunda ampliación Xiabre.

Concellos afectados: Catoira e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Potencia en tramitación: 18 mW.

Características técnicas:

Ver referencia pdf "14900D027P076.PDF"

-Nº de aeroxeradores: 6.

-Tipo de aeroxerador: vestas V-90, de 3.000 kW de potencia nominal unitaria montados sobre fustes tubulares metálicos de 80 m de altura e rotores de 90 m de diámetro.

-Orzamento: 17.040.710,51 €.

-Horas equivalentes netas: 2.659 h equiv/ano.

Terceiro.-Recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, e incluíla no grupo b.2, subgrupo b.2.1, do artigo 2 do citado real decreto.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Energía de Galicia, S.A. (Engasa) deberá constituír, no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación desta autorización, unha fianza de 340.814,21 €. O citado importe é o 2% do orzamento do proxecto de execución do parque eólico que por esta resolución se aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o órgano substantivo outorgante da autorización deberá fixar a contía dos avais, por proposta do órgano ambiental. Unha vez revisada a declaración de impacto ambiental do 3 de maio de 2010, nesta recóllese que o aval ambiental será de 127.805 €, polo que Energía de Galicia, S.A. (Engasa) deberá constituír, no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación da presente autorización, unha fianza polo citado importe.

A dita fianza, que terá as características establecidas no artigo 2 do Decreto 445/1996, constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa exixencia, unha vez depositado o importe correspondente ao aval de restauración en fase de desmantelamento que oportunamente se fixe, conforme o artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

3. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto do parque eólico, que configuran o proxecto de execución que por esta resolución se aproba, de acordo co punto segundo da parte dispositiva desta resolución, cun orzamento de 17.040.710,51 €.

4.Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Consellería de Economía e Industria. No entanto, o departamento territorial de Pontevedra desta consellería poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas todas as resolucións que dite en aplicación desta facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dez meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Una vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en marcha, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos condicionados establecidos nesta resolución.

6. Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental verificará o cumprimento das condicións que sexan de aplicación segundo o establecido na declaración de impacto ambiental do 3 de maio de 2010.

7. Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), logo da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio.

8. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de febreiro).

9. O parque eólico que se autoriza deberá cumprir no seu momento cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que lle resulten de aplicación.

10. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas nesta resolución ou por outra causa excepcional que o xustifique.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas. Así mesmo, deben solicitar o informe de servidumes aeronáuticas da Dirección Xeral de Aviación Civil, do Ministerio de Fomento, por tratarse de turbinas eólicas, situadas fóra de zona de servidumes aeronáuticas pero cunha altura total superior a 100 metros, obtida da suma da altura do fuste máis a lonxitude da pa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas