DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2010, complementaria da Orde do 2 de febreiro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, pola que se asignan aos orzamentos de 2010 os remanentes do ano anterior.

O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009, dispón unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo citado fenómeno meteorolóxico.

O artigo 6 do citado Decreto 13/2009 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas. O artigo 12 establece que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

En aplicación das citadas competencias publicouse a Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro. Na citada orde asignábase un crédito de 500.000 euros para as concesións.

Esta cantidade resultou escasa para atender o elevado número de solicitudes polo que, con data do 12 de novembro de 2009, se publicou a Resolución do 30 de outubro de 2009, ampliando o importe asignado para realizar concesións en 1.726.344,52 euros.

O crédito ampliado non se esgotou na súa totalidade na concesión de subvencións, quedando un remanente de 800.182 euros na fase de autorización do gasto. Isto debeuse ao escaso tempo restante entre a publicación da citada ampliación do crédito e a data de remate das operacións de cerramento do exercicio 2009, xunto coa elevada cantidade de expedientes por revisar.

Por este motivo é necesario destinar a cantidade de 800.182 euros dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2010, a resolver aquelas solicitudes pendentes do ano 2009 que tiveran dereito á concesión segundo os criterios da orde de convocatoria do 2 de febreiro de 2009, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumiu as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

O artigo 3º b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante Instituto Galego da Vivenda e Solo), á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

A competencia do Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo para ditar esta resolución resulta do artigo 7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 4 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Asígnase a cantidade de 800.182 euros para a concesión de subvencións pendentes ao abeiro da Orde do 2 de febreiro de 2009 (DOG nº 23, do 3 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009.

2. A citada cantidade será con cargo á aplicación orzamentaria 07.90.451A.780.5 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

3. Poderán destinarse a novas concesións de solicitudes xa presentadas as cantidades de subvencións concedidas que resulten anuladas por causa de perda de subvención, ou ben os remanentes de cantidades non xustificadas en prazo para o seu pagamento. Todo isto ata a data da publicación no DOG do remate do crédito asignado para a concesión das subvencións.

4. En todo caso, as axudas financiadas con cargo á dotación orzamentaria prevista nesta resolución axustáranse ao establecido na Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

Disposición adicional

Única.-A asignación do crédito prevista no artigo único desta resolución non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 2 de febreiro de 2009.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo