DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2010 pola que se convoca un curso de formación para a cualificación específica do persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación da Dirección Xeral de Formación e Colocación e conforme as funcións atribuídas polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, anúnciase a realización dun curso de formación para a cualificación específica do persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

O obxectivo deste curso é afondar no coñecemento das políticas activas de emprego desenvolvidas polo SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia) e dotar o seu persoal dunha formación específica que lle facilite a competencia e capacitación necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional. Deste xeito preténdese a mellora da formación destes traballadores co obxecto de mellorar a atención ao cidadán e de xestionar con maior eficacia as tarefas encomendadas, na procura de promover a xeración de emprego na nosa comunidade autónoma

Segunda.-Persoal a que vai dirixido.

Persoal dos grupos A1, A2, C1 e C2 e I, II, III e IV da Xunta de Galicia, especialmente persoal da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceira.-Criterios de selección.

Terá preferencia o persoal da Consellería de Traballo e Benestar destinado nas oficinas de emprego de toda Galicia, o dos servizos de Formación e Colocación das xefaturas territoriais e o da Dirección Xeral de Formación e Colocación. De non cubrirse todas as prazas ofertadas co persoal da Consellería de Traballo e Benestar referenciado, daráselle entrada ao resto do persoal da Consellería de Traballo e Benestar e ao persoal doutras consellerías.

Para a súa selección aplicaranse os criterios recollidos na Resolución da EGAP do 4-1-2008 (DOG nº 7, do 10-1-2008). Os criterios desta resolución aplicaranse, ademais, para establecer a orde de prelación do persoal da consellería que resulte seleccionado como consecuencia da aplicación do primeiro criterio.

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 50 horas.

2. Modalidade: teleformación.

3. Datas: a data de inicio das dúas primeiras edicións do curso será o día 20 de outubro de 2010 e a data de finalización será o día 20 de decembro.

A data de inicio das outras dúas edicións do curso será o día 18 de xaneiro de 2011 e a data de finalización será o día 18 de marzo.

4. Prazas: 75 por edición.

Quinta.-Contido.

Comprender o contorno do Servizo Público de Emprego de Galicia, as ocupacións, os incentivos de fomento do emprego e autoemprego, demandantes de emprego, empresarios, a información ao cidadán, asi como aquelas outras materias que sexan competencia do ámbito laboral de Galicia.

Sexta.-Solicitudes e prazos.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos candidatos.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo autonomico.egap@xunta.es. A documentación enviarase sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de se encontrar varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

h) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro para que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

i) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

j) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través dos números de teléfonos: 981 54 62 53/54 62 46/54 62 35/54 62 57, ou do fax: 981 54 63 39 ou do enderezo de correo electrónico autonomico.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima.-Certificación de asistencia.

a) Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia homologado pola EGAP aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos realizaranse probas obxectivas a distancia ao longo do curso, e ao remate levarase a cabo unha proba final avaliativa a distancia.

b) A falta de seguimento e a non realización das probas ao longo do curso impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP e a Consellería de Traballo e Benestar poderán suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de

Administración Pública