DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 27 de xullo de 2010 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas destinadas á programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao exercicio 2010, convocadas pola Orde do 28 de decembro de 2009.

A Orde do 28 de decembro de 2009 (DOG nº 253, do 30 de decembro) establece na súa disposición adicional cuarta que se poderán ditar resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado ou doutros remanentes dos módulos.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 28 de decembro de 2009, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2009, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010:

Ver referencia pdf "14900D007P031.PDF"

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar