DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 22 de xullo de 2010 pola que se establece a convocatoria pública e se regula o procedemento de concesión das subvencións aos/ás traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección con motivo dos cambios estruturais no comercio mundial para o ano 2010.

O Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial, estableceu una serie de medidas para facilitar a reinserción laboral dos/das traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección como consecuencia dos cambios estruturais no comercio mundial, así como o establecemento de axudas especiais a aqueles/as traballadores/as de 55 ou máis anos que teñan problemas para atopar traballo.

Considerando que, de acordo cos artigos 10 e 11 do mencionado real decreto, corresponde á Consellería de Traballo e Benestar a xestión destas subvencións, así como a determinación da forma e prazos de presentación das solicitudes, a tramitación do procedemento, a resolución, pagamento e control destas.

Vista a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Visto o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Visto o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Vistos a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro), e o Real decreto 88/2006, de 21 de xullo (BOE nº 176, de 25 de xullo), que a desenvolve.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 12.05.322B.480.1 (1.000.000 €), 12.05.323A.480.1 (1.500.000 €), con código de proxecto 201000819 e 12.04.322C.470.1 (75.000 €), con código de proxecto 201000848 que figuran na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais , en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modficada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de concesión das subvencións aos/ás traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección con motivo dos cambios estruturais no comercio mundial, así como o establecemento de axudas especiais a aqueles traballadores de 55 ou máis anos que teñan problemas para encontrar emprego, e abrir a convocatoria para o ano 2010. Conforme o disposto na disposición derradeira cuarta do Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, as medidas incluídas nesta orde serán de aplicación ata o 25 de xaneiro de 2010.

2. Para os efectos previstos nesta orde:

a) Consideraranse traballadores/as execedentes os traballadores/as do sector téxtil e da confección cuxo contrato se extinguise por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ben a través do procedemento de regulación de emprego establecido nos artigos 51 e 57 bis do Estatuto dos traballadores, ou ben cando a extinción do contrato de traballo sexa polas causas obxectivas recollidas no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores e cumpran os requisitos que para cada un dos tipos de subvencións se recollen nesta orde. No caso de extinción de contratos de traballo polas causas obxectivas será necesario, ademais, ter unha antigüidade na empresa de 3 anos.

b) Consideraranse traballadores/as desempregados/as os/as demandantes de emprego, non ocupados/as inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Capítulo 1

Disposicións xerais

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O réxime xurídico de aplicación a estas subvencións é:

Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial.

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 14 de xaneiro.

Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 3º.-Tipos de subvencións.

As subvencións reguladas nesta orde son as seguintes:

3.1 Subvencións durante o proceso de busca de emprego:

a) Por busca de emprego.

b) Para accións de reciclaxe profesional.

3.2 Subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica:

a) Para financiar os gastos derivados do traslado de residencia.

b) Para compensar diferenzas salariais.

3.3 Subvencións para facilitar a inserción laboral dos/as traballadores/que tivesen 52 ou máis anos o 25 de xaneiro de 2008.

3.4 Subvencións especiais para os/as traballadores/as que tivesen 55 anos de idade o 1 de xuño de 2007.

3.5 Subvencións para promocionar a ocupación autónoma.

Artigo 4º.-Persoas beneficiarias das axudas.

Os/as traballadores/as que reúnan os requisitos que se especifican no artigo 5º desta orde, que sexan excedentes de empresas que realizan actividades industriais do sector téxtil e da confección ás cales se lles aplique o Convenio colectivo xeneral de traballo da industria téxtil e da confección ou que estean encadradas nas epígrafes 17, 18.1 ou 18.2 da Clasificación Nacional de Actividades Económicas-CNAE 93 Rev.1, de acordo cos artigos 1.2º, 3 e a disposición transitoria única do Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial.

As referencias ás actividades do sector téxtil e da confección desde o 1 de xaneiro de 2009 deben entenderse realizadas ás epígrafes 13, 14.1 ou 14.3 da Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-2009 aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril.

Artigo 5º.-Requisitos dos solicitantes das axudas.

Ademais dos requisitos previstos nos artigos seguintes para cada tipo de subvención, os/as traballadores/as solicitantes das axudas terán que:

5.1. Non atoparse en ningunha das circunstancias que prevé o artigo 13 da Lei 3/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5.2. Cumprir calquera outra obriga legal ou regulamentaria que poida afectalos.

Capítulo II

Medidas para facilitar a reinserción laboral no sector téxtil e da confección

Artigo 6º.-Subvencións durante o proceso de busca de emprego.

6.1. Serán beneficiarias das subvencións durante o proceso de busca de emprego as persoas traballadoras desempregadas, especialmente aquelas con dificultades de empregabilidade, excedentes do sector téxtil e da confección.

6.2. Poderanse conceder as seguintes subvencións:

a) Por busca de emprego:

Os traballadores que participen en accións de orientación, preferentemente a través de grupos de busca de emprego ou accións similares, que en todo caso deberán ser titorizadas por orientadores profesionais, recibirán durante o tempo que permanezan incluídos nas anteditas accións unha subvención de 350 euros por mes, ou a parte proporcional por períodos inferiores, durante un período máximo de tres meses. Cando os traballadores teñan 55 ou máis anos, o período máximo de percepción da subvención será de 6 meses. Este período de tres ou seis meses computarase de forma continuada desde o inicio da primeira acción de orientación.

b) Por accións de reciclaxe profesional:

Os traballadores/as que asistan a cursos de formación terán dereito a unha bolsa por asistencia de 10 euros por día lectivo ata a finalización do curso. Esta bolsa é compatible coas axudas e bolsas establecidos no Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

6.3. As accións de busca de emprego ou de reciclaxe profesional darán dereito á subvención regulada neste artigo se a súa data de inicio está comprendida entre o 25 de xaneiro de 2008 e o 24 de xaneiro de 2010.

Artigo 7º.-Subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica.

7.1. Serán beneficiarias das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica as persoas traballadoras desempregadas, excedentes do sector téxtil e da confección, cuxa contratación implique mobilidade xeográfica.

7.2. Considerarase que existe mobilidade xeográfica cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Que, como consecuencia da contratación, se produza un traslado efectivo da residencia habitual do traballador.

b) Que a localidade de destino onde estea o posto de traballo se atope a máis de 100 quilómetros da localidade de orixe.

c) Que a contratación sexa mediante un contrato indefinido ou temporal, cunha duración efectiva do contrato igual ou superior a seis meses.

d) Que a contratación estea comprendida entre o 25 de xaneiro de 2008 e o 24 de xaneiro de 2010.

7.3. Poderán concederse as seguintes subvencións:

a) Subvencións para financiar os gastos derivados do traslado de residencia por mobilidade xeográfica, que se concederán por unha soa vez, logo da xustificación dos gastos efectivamente realizados:

1º Gastos de desprazamento: estas subvencións destinaranse a cubrir os gastos de desprazamento do beneficiario, así como os dos familiares ao seu cargo que convivan con el, desde a localidade de orixe á do novo destino.

Cando o desprazamento se realice en liña regular de transporte público, a contía máxima da axuda será o importe do billete ou pasaxe dentro da tarifa correspondente á clase segunda, turista ou equivalente.

Se se utiliza para o desprazamento o vehículo particular, a contía máxima da axuda será de 0,19 euros por quilómetro, á que se lle engadirá o importe das peaxes que se xustifiquen.

2º Gastos de transporte de mobiliario e enxoval: polo traslado do mobiliario e enxoval do traballador, así como os dos familiares ao seu cargo que convivan con el, desde a localidade de orixe á do novo destino. A contía da axuda será a do custo do antedito traslado, ata un máximo de 4 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.

3º Gastos de aloxamento: estas subvencións destinaranse a cubrir gastos xerados polo aloxamento, incluíndo o aluguer ou adquisición de vivenda ou outros gastos de hospedaxe, do beneficiario e dos familiares ao seu cargo que convivan con el, na localidade de novo destino, durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato. A contía máxima da axuda será de 10 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.

4º Gastos de gardaría: estas subvencións destinaranse a cubrir gastos xerados por asistencia a gardaría ou outros centros, durante o primeiro ciclo de educación infantil, dos fillos do beneficiario que dependan economicamente del, durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato. A contía máxima da axuda será de 4 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.

b) Subvencións para compensar diferencias salariais:

Cando a base de cotización do novo contrato do traballador excedente sexa inferior á do seu último contrato no sector téxtil e da confección, o traballador terá dereito a percibir por meses unha contía equivalente á diferenza entre ambas as bases de cotización, por un importe máximo de 500 euros/mes e durante o tempo máximo de dezaoito meses.

Para os efectos do cálculo da diferenza considerarase a media das bases de cotización para accidentes de traballo e enfermidades profesionais, excluída a retribución por horas extraordinarias, durante os seis meses anteriores á data de extinción do contrato anterior e a media das bases de cotización seguintes á data de vixencia do novo contrato, por períodos de seis meses. No suposto de que o último contrato do traballador, o novo contrato ou ambos sexan a tempo parcial, o cálculo efectuarase de forma proporcional á xornada habitual ou a tempo completo.

En caso de extinción do contrato de traballo o/a traballador/a, mediante o oportuno procedemento, perderá o dereito ao cobramento das subvencións que aínda non percibise.

Artigo 8º.-Subvencións para facilitar a inserción laboral dos traballadores de 52 ou máis anos.

8.1. Serán beneficiarios das subvencións para falicitar a inserción laboral dos traballadores de 52 ou máis anos, os traballadores desempregados que teñan esa idade ou máis anos o 25 de xaneiro de 2008, excedentes do sector téxtil e da confección e cunha antigüidade, polo menos, de seis anos no sector, cuxa contratación, indefinida ou temporal cunha duración efectiva do contrato igual ou superior a seis meses, implique unha diminución salarial nos termos recollidos no parágrafo seguinte. A antedita contratación deberá ter lugar entre o 25 de xaneiro de 2008 e o 24 de xaneiro de 2010.

8.2. Cando a base de cotización resultante do novo contrato do traballador excedente sexa inferior á do último contrato no sector téxtil e da confección, o traballador terá dereito a percibir por meses unha contía equivalente á diferenza entre ambas as bases de cotización, por un importe máximo de 500 euros/mes e durante un tempo máximo de vinte e catro meses.

8.3. O cálculo da diferenza entre bases de cotización efectuarase na forma establecido no artigo 7.3º b).

Artigo 9º.-Subvencións especiais para os traballadores de 55 ou máis anos.

9.1.- Serán beneficiarios/as das subvencións especiais para os traballadores de 55 ou máis anos, aqueles traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección que permanezan desempregados unha vez extinguida por esgotamento a percepción da prestación contributiva por desemprego, que durante o proceso de reinserción laboral se atopen en situación de especial necesidade motivada polas condicións de extinción do seu contrato de traballo e o mantemento da situación de desemprego e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter feitos 55 ou máis anos de idade o día 1 de xuño de 2007.

b) Ter unha antigüidade no sector téxtil e da confección de, polo menos, seis anos.

c) Ter recoñecida unha prestación por desemprego de nivel contributivo cunha duración de vinte e catro meses e tela extinguida por esgotamento, tanto se se precibiu de forma ininterrompida, como tras o seu reinicio ou pola súa reapertura polo exercicio dun dereito de opción.

Para os efectos do cómputo do período de 24 meses tomarase en consideración o período correspondente á posible existencia de reposición de prestacións por desemprego derivada da suspensión do contrato de traballo. No suposto de reposición de prestacións, estas percibiranse sen solución de continuidade desde o esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo.

d) Que o contrato de traballo se extinguise por expediente de regulación de emprego por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción establecido nos artigos 51 e 57 bis do Estatuto dos traballadores ou cando a extinción do contrato de traballo se producise polas causa obxectivas contempladas no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores, sen prexuízo de que, con anterioridade á extinción, o contrato se suspendese por expediente de regulación de emprego.

e) Que o contrato de traballo se extinguise entre o 14 de xuño de 2006 e o 24 de xaneiro de 2010.

f) Que desde a extinción do contrato de traballo trancorrese un período de 24 meses cuberto coa percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo e, se é o caso, co período de reposición desa prestación derivada da suspensión anterior do contrato de traballo por expediente de regulación de emprego.

g) Permanecer en desemprego e inscrito como demandante de emprego unha vez esgotada a prestación por desemprego de nivel contributivo.

9.2. A contía da subvención será de 3.000 euros anuais, rateándose os períodos inferiores, e percibiranse desde que o traballador extinga por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo, debendo transcorrer en todo caso dous anos desde a extinción do contrato de traballo, e como máximo ata que cumpra os 61 anos.

Os/as traballadores/as que non pudiesen ser recolocados nun prazo de 24 meses desde o esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo, verán incrementada a contía desta subvención en 2.500 euros anuais ata que cumpran os 61 anos.

As contías anteriores serán de aplicación aos traballadores/as cuxo último contrato de traballo no sector fose a tempo completo. No caso de traballadores a tempo parcial, a contía das subvencións será proporcional á xornada laboral media dos últimos seis meses, agás nos supostos de redución de xornada previstos nos puntos 4 bis, 5 e 7 do artigo 37 do Estatuto dos traballadores, nos que a contía da subvención se incrementará ata o cen por cento da contía que correspondería se se mantivese o traballo a tempo completo ou a tempo parcial.

O período total de percepción das subvencións especiais consideradas neste artigo non poderá ser superior a catro anos.

9.3. O traballador a que se lle recoñeza o dereito a estas subvencións terá dereito, ademais, a percibir unha cantidade equivalente á correspondente á subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola mesma base de cotización pola que cobrou a prestación contributiva por desemprego, para a financiación do mesmo, naqueles casos en que, segundo o artigo 51.15º do Estatuto dos traballadores, a empresa non teña a obriga legal de financialo e conforme a normativa reguladora dos ditos convenios especiais.

O dereito ao cobramento desta cantidade manterase mentres o traballador teña dereito a estas subvencións, extinguíndose en todo caso ao cumprir os 61 anos de idade.

9.4. O recoñecemento e percepción destas subvencións requirirá que se cumpran os requisitos indicados no número 1, que o traballador permaneza desempregado e que siga estando dispoñible para aceptar unha colocación que resulte axeitada á súa capacidade laboral e condicións socioprofesionais e para participar en actuacións dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.

Con carácter previo á concesión da subvención, a solicitude do traballador afectado ou dos representantes legais dos traballadores, o Servizo Público de Emprego de Galicia emitirá un informe para os efectos do futuro recoñecemento, no cal se faga constar que o traballador reúne os requisitos para poder ser beneficiario.

O recoñecemento do dereito ás distintas subvencións recollidas neste artigo realizarase con carácter definitivo pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, a solicitude do/a traballador/a afectado/a ou dos representantes legais dos/as traballadores/as, cando transcorresen dous anos desde a extinción do contrato e, se é o caso, non se recolocase o traballador.

9.5. O pagamento das subvencións especiais consideradas neste artigo realizarase por períodos mensuais e poderase capitalizar, respecto ás subvencións consideradas no número 2 anterior, tomando para iso como límite da súa percepción a idade de 61 anos do traballador, cando a xuízo do Servizo Público de Emprego de Galicia, as posibilidades de recolocación do traballador/a sexan moi limitadas ou cando este se estableza como traballador/a autónomo/a ou por conta propia, ou se incorpore como socio/a traballador/a ou de traballo a cooperativas ou sociedades laborais.

9.6. A celebración dun contrato de traballo polo beneficiario dará lugar á suspensión da percepción da subvención durante a duración do antedito contrato. Cando se produza a extinción do contrato poderase reiniciar a percepción da subvención, logo da solicitude do interesado, agás cando a extinción se deba a causas imputables á vontade do traballador. Esta suspensión interromperá o cómputo do período de 24 meses establecidos no parágrafo segundo do número 2 deste artigo.

Artigo 10º.-Subvencións para promocionar o emprego autónomo.

10.1. Serán persoas beneficiarias das subvencións para promocionar o emprego autónomo os traballadores e traballadoras desempregados/as, excedentes do sector téxtil e da confección, que se vaian establecer como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia.

10.2. A finalidade destas subvencións é proporcionar un apoio especial aos traballadores e traballadoras que pretendan establecerse como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia.

10.3. Neste suposto, as subvencións serán as previstas para a promoción do emprego autónomo na Orde TAS/1622/2007, do 5 de xuño, pola que se regula a concesión de subvencións ao Programa de promoción do emprego autónomo, así como na normativa autonómica de desenvolvemento, incrementándose a contía que correponda nas seguintes porcentaxes:

a) Traballadores/as menores de 55 anos, o 10 por cento.

b) Traballadores/as de 55 ou máis anos, o 15 por cento.

10.4. Os requisitos e forma de concesión serán os establecidos na normativa vixente, en especial o Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional para o emprego e a Orde TAS/1622/2007, do 5 de xuño citada.

10.5. O financiamento do programa de fomento do emprego autónomo farase con cargo ao previsto nos artigos 3 e 8.5º do Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial.

10.6. As axudas previstas no número 5 do artigo 3º e reguladas neste artigo quedan sometidas ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 (actuais 107 e 108 do TFUE) do TCE ás axudas de minimis.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará aos tres meses da súa publicación. Non obstante, a aplicación de cada unha das medidas estenderase polo período de tempo previsto en cada caso.

Artigo 12º.-Solicitude e lugar de presentación.

12.1. As solicitudes de subvención débenas presentar os/as traballadores/as afectados/as ou os seus representantes legais, segundo modelo normalizado e coa documentación que se indica nelas, e débense dirixir á Dirección Xeral de Promoción do Emprego para as subvencións recollidas no artigo 10 e á Dirección Xeral de Formación e Colocación para as demais axudas.

Débense presentar no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, sen prexuízo do que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

12.2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai, considérase que desiste da súa petición, con resolución previa, de acordo co que dispón o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 41999, do 14 de xaneiro.

Artigo 13º.-Procedemento de concesión.

13.1. A concesión das subvencións previstas nesta orde rexerase polo procedemento de concesión directa.

13.2. A resolución do expediente corresponderá ao director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, para as axudas reguladas no artigo 10 e á directora xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, para as demais axudas recollidas nesta orde.

A resolución emitirase no prazo de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude.

Se transcorrido este prazo non se ditou e notificou resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

13.3. A resolución notificarase ao solicitante, de acordo co que establecen os artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

13.4. Tal e como se recolle no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os/as interesados/as propostos/as como beneficiarios/as disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

13.5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

13.6. Así mesmo, tal e como se recolle no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

13.7. Igualmente, publicarase na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

13.8. Os/as beneficiarios/as das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

Artigo 14º.-Obrigas das persoas beneficiarias das axudas.

Son obrigas xerais das persoas beneficiarias das subvencións que outorgue o órgano competente as previstas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

15.1. A xustificación das subvencións percibidas realizarase de acordo co que establece o artigo 13 do Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro.

15.2. Todos os pagamentos se farán pola súa totalidade unha vez ditada a resolución de concesión, a excepción dos correspondentes ás seguintes subvencións que se farán como se indica para cada unha:

a) Subvencións previstas no artigo 3º.2 b) e 3º.3:

O primeiro pagamento farase pola totalidade do tempo de contrato transcorrido ata o último día do mes anterior á data da resolución de concesión.

Farasen sucesivos pagamentos por períodos mensuais, ata chegar ao período máximo de pagamento da subvención que corresponda. Con cargo ao orzamento desta orde, só se poderán facer pagamentos ata o 31 de decembro de 2010.

As persoas beneficiarias deben comunicar ao órgano competente a finalización da relación laboral se esta se produce antes da finalización do prazo de percepción da subvención, co fin de interromper o pagamento.

b) Subvencións previstas no artigo 3º.4:

O primeiro pagamento farase pola totalidade do tempo transcorrido desde o día de esgotamento da prestación contributiva por desemprego, ou ben desde o día seguiente ao da finalización do traballo, en caso de reinicio da subvención, ata a data da resolución de concesión.

Faranse sucesivos pagamentos por períodos mensuais, ata chegar ao período máximo de pagamento da subvención que corresponda. Con cargo ao orzamento desta orde, só se poderán facer pagamentos ata o 31 de decembro de 2010

No caso de que a persoa beneficiaria empece a traballar, pagarase a parte proporcional que corresponda ata o día anterior ao comezo do traballo.

As persoas beneficiarias deben comunicar ao órgano competente o inicio de calquera traballo ou ben o pase á situación de pensionista por xubilación ou por invalidez permanente nos graos de incapacidade permanente absoluta para todo tipo de traballo ou grande invalidez, co fin de interromper o pagamento da subvención.

15.3. En aplicación do artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o procedemento establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun só acto de concesión, senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor publicará o esgotamento da partida orzamentaria asignada e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 16º.-Seguemento e control.

16.1. As persoas beneficiarias das subvencións débense someter ás actuacións de comprobación que o órgano competente considere necesarias para garantir que se dá o destino correcto ás axudas e para determinar o cumprimento das condicións e os requisitos que deron lugar ao outorgamento.

16.2. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano competente, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Europea, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

17.1. Para os efectos dos incumprimentos de obrigas e reintegro, serán de aplicación os artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.2. Será tamén de aplicación o Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18º.-Incompatibilidade e concorrencia.

O importe das axudas concedidas en ningún caso pode ser dunha contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que debe desenvolver a persoa beneficiaria.

Disposicións adicionais.

Primeira.

A concesión das subvencións recollidas nesta orde será financiada con cargo aos programas 12.05.322B.480.1, 12.05.323A.480.1 con código de proxecto 201000819 e 12.04.322C.470.1, con código de proxecto 20100121 que figuran na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Segunda.

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na directora xeral de Formación e Colocación e no directora xeral de Promoción do Emprego para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Terceira.-Compatibilidade co subsidio por desemprego.

De acordo coa disposición adicional septuaxésimo quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, as subvencións establecidas nesta orde, non obstante o establecido no artigo 215.3º.2 do texto refundido da Lei xeral de seguridade social, non se computarán como renda do desempregado para os efectos de recoñecemento e percepción dos subsidios por desemprego, establecéndose a compatibilidade dos subsidios por desemprego coas indicadas subvencións.

Cuarta.-Aplicación doutras políticas activas de emprego.

Os/as traballadores/as excedentes do sector téxtil e da confección obxecto das medidas reguladas nesta orde poderán tamén ser obxecto das demais políticas activas de emprego establecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Normativa supletoria.

No non previsto nesta orde será de aplicación o Real decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial.

Sexta.-Subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica.

No caso das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica, entenderase por unidade familiar as persoas ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade que nos últimos doce meses anteriores á data do traslado non tivesen ingresos superiores ao salario mínimo interprofesional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Formación e Colocación e o director xeral de Promoción do Emprego no ámbito das súas competencias, para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "14900D005P023.PDF"