DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2010 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuestra Señora de las Ermitas.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuestra Señora de las Ermitas, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Con data 10 de xuño de 2008 o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte solicitou, despois da petición do padroado, a inscrición da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Nuestra Señora de las Ermitas foi constituída desde tempo inmemorial e recoñecida en virtude de información para perpetua memoria, aprobada por auto do Xulgado de Primeira Instancia de Viana do Bolo (Ourense) do 7 de maio de 1923.

Foi clasificada como de beneficencia particular pola Real orde ministerial do 5 de outubro de 1923.

A adaptación dos estatutos á Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, foi acordada polo padroado na reunión do 27 de febreiro de 2007, elevada a pública en escritura do 28 de xuño de 2007 e inscrita no Rexistro de Fundacións de competencia estatal por Resolución do 13 de xullo de 2007.

O 29 de maio de 2008 o padroado aprobou a adaptación dos seus estatutos á Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego. O acordo elevouse a público en escritura do 10 de decembro de 2009.

A resolución do Ministerio de Sanidade e Política Social do 9 de marzo de 2010 acordou a remisión do expediente ao protectorado da Xunta de Galicia e a cancelación da inscrición da Fundación Nuestra Señora de las Ermitas no Rexistro de Fundacións do Ministerio unha vez que se proceda á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

3. A Fundación Nuestra Señora de las Ermitas ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, atender os necesitados ou peregrinos que se acerquen ás instalacións do santuario e contribuír á conservación, mantemento, sostemento, reparación e explotación dos edificios e de instalacións de interese relixioso ou cultural, mesmo das instalacións do Santuario de nosa Señora das Ermidas e dos seus edificios anexos.

4. Nos estatutos da fundación constan a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

5. O padroado está formado por Francisco Requena García, como presidente; Luis Maroto Cervera, como vicepresidente; Luciano Pascual Moralejo, como secretario; e Inocencia María de Jesús Herrero Conti e Antonio Quiroga Suárez, como vogais.

6. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías envioulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de reclasificación como de interese cultural da Fundación Nuestra Señora de las Ermitas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2º da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

7. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 5 de abril de 2010 (Diario Oficial de Galicia do 19 de abril) clasificouse como de interese cultural a Fundación Nuestra Señora de las Ermitas, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.- De acordo co disposto no artigo 7.2º do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura e Turismo a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuestra Señora de las Ermitas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de Fundacións de Interese Galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Nuestra Señora de las Ermitas.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2010.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo

Secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo