DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas de apoio a mulleres xestantes e/ou lactantes con fillas/os menores de tres anos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social. Así mesmo, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia, establece, no seu artigo 3.2º, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros. No artigo 3.9º recóllese como un dos principios reitores dos poderes públicos de Galicia, a coordinación de actuacións con todo tipo de organismos e institucións, públicas ou privadas, que interveñan na protección, defensa e atención á familia, á infancia e á adolescencia, promovendo criterios comúns e actuacións múltiples nas ordes familiar, educativa, sanitaria, cultural e social. Así mesmo, no artigo 11 da dita lei establécese que a Xunta de Galicia, no ámbito da comunidade autónoma e no exercicio das súas competencias, garantirá unha protección integral da familia e arbitrará as medidas necesarias para evitar toda discriminación dela ou dos seus membros por razón do seu propio carácter,

tanto na orde xurídica como na económica e social, e no exercicio desas competencias, tal e como se recolle no artigo 12 da Lei 3/1997, do 9 de xuño, a Xunta de Galicia desenvolverá, entre outras actuacións, a de garantir a creación de servizos de información e asesoramento ás familias que, a través de persoal especializado, orienten sobre o exercicio da maternidade e paternidade responsable e a planificación familiar.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece, no seu artigo 3, que a protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente, e sendo a maternidade un ben insubstituíble, todas as cargas e coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos e fillas, deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres. Así mesmo, no artigo 28 desta lei, establécese que a Xunta de Galicia adoptará dentro das súas competencias as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de exclusión social, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais.

De conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, a función de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o cal lle corresponden a esta consellería propoñer e executar as directrices xerais do goberno nos ámbitos laborais e do benestar, englobando, entre outras, as competencias en materia de política laboral, políticas de familia e a atención as persoas en situación de risco de exclusión social.

Con base nas ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, consideran necesario desenvolver programas específicos de apoio á protección da organización familiar, fortalecer a estrutura familiar e así protexer a cada persoa membro desta, prestando especial atención ás mulleres novas embarazadas, en situación de risco de exclusión derivada da súa situación socioeconómica, formativa ou cultural, promovendo que estas poidan adquirir os medios e recursos que lles permitan participar en pé de igualdade na sociedade, podendo conciliar o dereito á maternidade coa educación e a familia e facer fronte así a unha dobre discriminación: unha, a que radica no feito de ser muller e outra, o embarazo, que reduce aínda máis as posibilidades de integrarse no mercado de traballo. Estes problemas agrávanse cando a muller xestante é adolescente xa que a maternidade coincide co período de

adquisición de competencias persoais e profesionais, cos conseguintes problemas derivados da coincidencia temporal destes procesos.

Por todo isto, ambos os departamentos consideran necesario realizar unha convocatoria de axudas destinadas a entidades de iniciativa social que desenvolvan programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes con fillas e/ou fillos menores de 3 anos en situación de desprotección social.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, Eixo 2, tema prioritario 69 respondendo así estas axudas aos obxectivos de fomentar a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre mulleres e homes, e cumprindo coa función que no Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Social Europeo, establece no seu artigo 2, de contribuír a executar as prioridades da comunidade no que atinxe ao fortalecemento da cohesión económica e social e apoiar as políticas dos Estados membros destinadas, entre outras cousas, a promover a inclusión social, en particular, o acceso das persoas desfavorecidas ao emprego. No desenvolvemento desta función, o FSE apoiará accións destinadas a mellorar o acceso ao emprego, incrementar a participación duradeira e promover o avance das mulleres no emprego, e tamén apoiará medidas orientadas a

potenciar a inclusión das persoas desfavorecidas con vistas á súa inserción laboral.

As subvencións concedidas a través destas resolución axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión do 8 de decembro de 2006, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao fondo europeo de desenvolvemento rexional, ao fondo social europeo e ao fondo de cohesión, no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, 15-2-2007) e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009 que a modifica.

Así mesmo, esta resolución axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, existindo crédito axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, mediante concorrencia competitiva, destinadas ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes e con fillas/os menores de 3 anos, en situación de posible vulnerabilidade social e/ou laboral, e dirixidos a evitar a exclusión destas mulleres promovendo accións para o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral.

Artigo 2º.-Obxectivos específicos.

As subvencións convocadas por esta resolución teñen como finalidade os seguintes obxectivos:

-Potenciar a autonomía da mulleres destinatarias das accións, proporcionándolles apoio, asesoramento e acompañamento, respecto aos recursos aos que poden optar pola súa situación persoal, económica ou social.

-Favorecer a súa incorporación ao mundo laboral, posibilitándolles a asistencia a actividades de formación.

Artigo 3º.-Entidades solicitantes.

1. Poderán concorrer a esta convocatoria de subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un programa de apoio a mulleres xestantes e lactantes, con fillas/os menores de 3 anos, en situación de posible vulnerabilidade social e/ou laboral, dirixidos a evitar a exclusión destas mulleres a través de accións facilitadoras do seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral.

2. As entidades solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar.

b) Estar legalmente constituídas.

c) Non ter fin de lucro.

d) Ter como fin primordial nos seus estatutos a protección as nais xestantes, ou ben que poida desprenderse da súa actuación xeral que está entre os seus fins.

e) Dispoñer de estrutura e capacidade suficiente para garantir o cumprimento do programa, acreditando a experiencia necesaria para iso.

f) Desenvolver a súa actividade en Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades nas que concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización de presentación das solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 4º.-Accións subvencionables.

As accións subvencionables ao abeiro desta resolución serán as que de seguido se indican e que terán como destinatarias ás mulleres xestantes e lactantes con fillas/os menores de 3 anos, en situación de posible vulnerabilidade social e/ou laboral:

a) Programas de información sobre os recursos existentes para elas e para as súas fillas/os.

b) Programas de acompañamento social que inclúan, entre outras, medidas de apoio psicolóxico que permitan superar as cargas emocionais que poida provocar a situación de embarazo ou maternidade.

c) Programas de orientación, asesoramento e busca de emprego, considerando as posibilidades de autoemprego.

d) Programas dirixidos á adquisición de competencias persoais e sociais adaptados ás circunstancias destas mulleres e dirixidos a preparalas non só para a súa inserción no mercado laboral senón tamén para afrontar a súa nova situación persoal: obradoiros nos que se imparta formación dirixida a obter certa precualificación profesional, complementados con formación relativa ás necesidades derivadas das súas circunstancias persoais (autoestima, habilidades sociais, nocións de pediatría, coidados básicos na infancia: alimentación, hixiene, primeiros auxilios, prevención de accidentes no fogar, patoloxías infantís máis frecuentes, e outros similares).

e) Medidas de apoio urxente, que en calquera caso deberán ser sempre complementarias dalgún dos programas enunciados nas letras b), c) e/ou d) do artigo 4º desta resolución, de xeito que non cabe a presentación dun proxecto que só contemple este tipo de medidas.

Artigo 5º.-Persoas participantes nas accións subvencionables.

1. As accións subvencionables obxecto desta convocatoria terán como destinatarias a mulleres xestantes e lactantes con fillas/os menores de 3 anos, en situación de posible vulnerabilidade social e/ou laboral.

2. A participación destas mulleres nas accións obxecto desta convocatoria terá que realizarse a través dalgún dos seguintes medios:

a) Informe do/a traballador/a social ou persoal especializado da entidade solicitante das accións.

b) Informe do persoal especializado dos centros de información as mulleres.

c) Informe dos servizos sociais comunitarios básicos ou específicos.

d) Informe de calquera outro dispositivo de servizos sociais especializados ou de servizos sanitarios.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. As axudas obxecto desta convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.312 G.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, no código de proxecto 2010 00123 correspondente a fondos procedentes do Fondo Social Europeo nun 80%, a través do Programa operativo de Galicia 2007-2013, Eixo 2, tema prioritario 69, e no código de proxecto 2010 01166 correspondente a fondos propios libres.

2. A contía total máxima destinada para o financiamento destas axudas é de cento vinte mil euros (120.000 euros), na cal se inclúe a achega de vinte e cinco mil (25.000 euros) da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, segundo o seguinte desagregamento: código de proxecto 2010 00123: noventa e cinco mil euros (95.000 euros) e código de proxecto 2010 01166: vinte e cinco mil euros (25.000 euros).

3. Os gastos derivados das medidas de apoio urxente recollidos na letra e) do artigo 4, financiaranse exclusivamente con cargo á dotación orzamentaria de fondo propio libre.

4. A citada contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento se derivase dos supostos establecidos no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Concorrencia.

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía e percibirán, se é o caso, a axuda co límite establecido no punto 2 deste artigo.

Artigo 8º.-Gastos subvencionables e contías.

1. Serán gastos subvencionables os que a continuación se relacionan, tendo en conta o establecido nas normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e en especial o artigo 11 do Regulamento 1081/2006, do Parlamento e do Consello do 5 de xullo de 2006, relativa ao Fondo Social Europeo:

a) Gastos do persoal necesario para a execución das accións: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de seguros de accidentes e pólizas de responsabilidade civil, se é o caso.

c) Gastos de medios e materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento das accións.

d) Gastos derivados das medidas de apoio urxente.

e) Outros gastos xerais orixinados pola realización das accións tales como gastos de local, teléfono, reparacións, desprazamentos e outros similares.

2. Consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o 31 de outubro de 2010 e que foran efectivamente pagados dentro do prazo de xustificación indicado no artigo 17º.7 desta resolución.

3. O importe das subvencións concedidas para este programa poderá acadar o 90% do gasto realizado co límite máximo de 10.000 € por entidade.

4. No caso de que se solicite a subvención para conceptos que non se dedican de modo exclusivo á actividade para a cal se solicita a axuda, a entidade solicitante indicará que porcentaxe se asigna á actuación para a que se solicita a subvención.

5. Ás dúbidas e controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias, informando destas á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, se é o caso.

6. Os gastos subvencionados por esta convocatoria deberán adecuarse aos obxectivos da acción subvencionada e deberá existir constancia documental da súa realización de xeito que se poidan verificar.

Artigo 9º.-Subcontratación das actividades subvencionadas.

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. A entidade beneficiaria da subvención poderá subcontratar ata un límite máximo do 50% do importe da actividade subvencionada e deberá xustificar axeitadamente a súa necesidade. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 70% no caso de que a subcontratación se realice con empresas dedicadas especificamente a promoción e inserción laboral de persoas con diversidade funcional ou en situación de exclusión social, sempre que estas empresas estean participadas maioritariamente polas entidades de iniciativa social definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Así mesmo, non se considerarán subcontratacións tanto as actuacións realizadas por persoal voluntario que estean recollidas na actuación subvencionada, como as prestacións de servizos por profesionais cando o modo de pagamento se realiza por factura, e tampouco a realización de actuacións tales como a organización de eventos para divulgar actividades ou programas e outras que poidan considerarse incluídas neste concepto e para as que sexa necesario contratar empresas externas por non constituír actividades propias da entidade.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando os/as subcontratistas obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que se subcontrata supere a contía de 12.000 euros, no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo 3 ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que, polas especiais características dos gastos, non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención

e realizarase, de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este extremo deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 10º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. As solicitudes de subvención presentaranse segundo o modelo que se publica como anexo I e dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Secretaría Xeral da Igualdade, podéndose presentar de calquera das formas establecidas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade.

4. Xunto coa solicitude, anexo I, presentarase a seguinte documentación, que será imprescindible para a valoración da solicitude:

4.1. Documentación xeral obrigatoria:

a) Fotocopia do CIF da entidade.

b) Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

c) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

d) Certificación da entidade bancaria, que acredite a existencia da conta bancaria a nome da entidade.

e) Documento acreditativo, se é o caso, das actuacións similares realizadas nos exercicios 2008 e 2009.

f) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referidos ao exercicio económico 2009. (anexo V).

g) Documento acreditativo de que se dispón da estrutura e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos do programa presentado, con relación do persoal e recursos dispoñibles.

h) Documentos que a entidade considere convenientes para acreditar os criterios que se utilizan para valorar recollidos no artigo 12 desta resolución.

i) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria que establece o artigo 10 da Lei 9/2007 , do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. (Anexo II).

j) Autorización expresa á Secretaría Xeral da Igualdade, subscrita no modelo que figura como anexo III desta resolución, para que esta obteña, de forma directa, a acreditación, por medio de certificacións telemáticas, de que a entidade solicitante está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento débeda ningunha coa Administración pública da comunidade autónoma, previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que non se preste este consentimento, deberán achegarse as certificacións que acrediten o cumprimento destas obrigas, ou, se non está obrigada a presentar as declaracións ou documentos a que se refiren as ditas obrigas, acreditará o seu cumprimento mediante declaración responsable.

k) Declaración voluntaria do compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que a entidade manteña coa Administración autonómica así como nas actividades e materiais obxecto da subvención solicitada.

4. 2. A inscrición da entidade no rexistro de entidades será verificada de oficio por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, non sendo admitidas as inscricións posteriores ao derradeiro día do prazo de presentación de solicitudes establecido no punto 2 deste artigo.

4. 3. Documentación específica obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado, segundo a tipoloxía establecida no artigo 4º desta resolución:

-Memoria resumo do programa. (Anexo IV).

-Compromiso de utilización de linguaxe non sexista en todas as actividades e materiais obxecto da subvención regulada nesta resolución. (Anexo IV).

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta resolución. En caso contrario, conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a entidade solicitante será requirida para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción deste requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da devandita lei.

Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia crearase unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola subdirectora xeral de Promoción da Igualdade ou persoa na que delegue, e da que formarán parte ademais: a subdirectora xeral de Familia e Menores, a xefa do Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade, un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará como secretario/a, e un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

2. A Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional, que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 12º.-Criterios de avaliación.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas deseguido:

a) Valoración do proxecto presentado, deseño, fundamentación e obxectivos: ata 30 puntos segundo o seguinte desagregamento:

-Adecuación das actuacións da entidade aos obxectivos específicos desta resolución: ata 20 puntos.

-Grao de implantación territorial do programa: ata 10 puntos, para o cal se terá en conta a poboación do ámbito xeográfico atendido segundo o seguinte:

-Inferior a 10.000 habitantes: 2 puntos.

-Entre 10.000 e 25.000 habitantes: 5 puntos.

-Superior a 25.000 habitantes: 10 puntos.

b) Grao de consolidación e experiencia previa da entidade en actuacións similares: ata 16 puntos a razón de 2 puntos por ano.

c) Grao de dedicación da entidade:

-Entidade dedicada exclusivamente a programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes: 15 puntos.

-Entidade dedicada non só a programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes: 5 puntos.

d) Polo tipo de programa presentado de acordo co artigo 4º desta resolución:

-Pola realización de programas de información as mulleres xestantes e lactantes con fillas/os menores de 3 anos en situación de desprotección social sobre os recursos existentes para elas e para as súas fillas/os: 4 puntos.

-Pola realización de programas de asistencia psicolóxica que permitan superar as cargas emocionais que poida provocar a situación de embarazo ou maternidade, e asesoramento: 8 puntos.

-Pola realización de programas de orientación, asesoramento e busca de emprego, considerando as posibilidades de autoemprego: 6 puntos.

-Pola realización de programas de formación adaptados ás circunstancias destas mulleres: 7 puntos.

A puntuación anteriormente sinalada incrementarase en 2 puntos se o programa recolle o desenvolvemento de actuacións especializadas ou accións formativas dirixidas a mulleres con diversidade funcional.

e) Porcentaxe de financiamento por parte da entidade solicitante ou de financiamento procedente doutras administracións públicas: ata 10 puntos.

f) Emprego da lingua galega no desenvolvemento das actuacións para as que se solicita a axuda: 2 puntos.

2. A puntuación máxima será de 100 puntos, sendo desestimadas aquelas que tras o estudo do proxecto presentado, non acaden os 60 puntos.

3. No caso de que dúas ou máis solicitudes acaden idéntica puntuación, seguirase para o desempate a puntuación acadada en cada un dos puntos do baremo establecido no punto 1 deste artigo segundo a orde na que aparecen publicados.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12º, a Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade elevará unha proposta de resolución á secretaria xeral da Igualdade, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

2. As resolucións definitivas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e serán notificadas ás entidades propostas como beneficiarias.

3. O prazo máximo para resolver será de catro meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que remate o prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as entidades solicitantes para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

4. No caso de terse desestimado total ou parcialmente solicitudes por falta de consignación orzamentaria, e se con posterioridade ao remate do prazo de resolución se incrementaran os créditos destinados a financiar estas axudas, as citadas solicitudes poderán valorarse, resolverse e notificarse, no prazo de dous meses, contados a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do incremento do crédito.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras/os posibles interesadas/os.

Artigo 15º.-Aceptación da axuda.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para comunicar a súa renuncia expresa á subvención. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas obríganse a manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ás actividades subvencionadas e a conservar os xustificantes de ter percibido a axuda durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo (ata o ano 2018). Así mesmo, obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente ao seguinte:

1. Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Publicitar a subvención concedida durante a realización de toda actividade subvencionada, así como nos anuncios e programas previos, de ser o caso, á súa realización. Así mesmo debera facer constar, en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, e polo Fondo Social Europeo (FSE) incorporando o seu logo, o cal levará debaixo a seguinte inscrición: O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro, debendo remitirse á Secretaría Xeral da Igualdade proba documental do cumprimento desta obriga. Así mesmo, e para calquera medio de difusión que se empregue, deberase coidar a linguaxe, de xeito que garanta a igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 17º.-Xustificación e pagamento.

1. As entidades destinatarias das axudas, unha vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para a que foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Poderá realizarse un pagamento parcial de ata o 50% do importe da subvención concedida e á conta da liquidación definitiva, logo da presentación dos orixinais dos xustificantes que acrediten ter realizado un gasto por importe igual ou superior a aquel, acompañados dunha relación ordenada destes na que se faga constar a persoa acredora e o documento, data de expedición e, se é o caso, data de pagamento, concepto, importe e sinatura, certificación expedida polo/a secretario/a ou representante da entidade que acredite que os gastos que se xustifican se aplicaron para os fins para os que a subvención foi concedida.

3. De acordo co artigo 65.4º f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, quedan exoneradas de constituír garantía as entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución.

4. Para o cobramento da axuda as entidades presentarán con carácter xeral a seguinte documentación:

a) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación da persoa acredora e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia segundo o modelo que se achega como anexo VI desta resolución.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos correspondentes. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As facturas deberán traer o IVE desagregado. No caso de que os orixinais dos documentos xustificativos non queden en poder da Administración, estes deberán ser selados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

c) No caso de gastos de persoal achegaranse como xustificante tanto as nóminas acreditativas do pagamento, como os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Declaración responsable de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade da subvención concedida, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por esta.

6. Nos supostos en que o custo total definitivo do proxecto ou actividade sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, recibos, etc.) for inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

7. O prazo de remisión da documentación xustificativa remata o 31 de outubro de 2010.

8. A Secretaría Xeral da Igualdade, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento de fondos.

9. A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas Europeo, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

10. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentadas a correspondente xustificación requirirase á entidade para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo anteriormente sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

11. As entidades subvencionadas deberán presentar con anterioridade ao día 31 de decembro de 2010 unha memoria dos programas realizados con esta subvención.

Artigo 18º.-Modificación das resolucións de concesión das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, tal e como se establece no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Reintegro da axuda ou subvención.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora devengados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos nesta resolución.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 20º.-Publicidade.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade, conforme o disposto no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención. Así mesmo, segundo o artigo 15.3º da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta de forma expresa a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

4. Por estar a axuda cofinanciada polo FSE, na resolución de concesión será informada a entidade beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15-2-2007).

5. A reserva que a entidade solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 21º.-Réxime sancionador.

As entidades beneficiarias de subvencións atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Para todo o non recollido nesta resolución haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 396/2009, do Parlamento Europeo e do Consello do 6 de maio de 2009 polo que se modifica o Regulamento (CE) 1081/2006 no que respecta ao FSE para ampliar os tipos de custo subvencionables polo FSE; no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2010.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "14900D002P007.PDF"

Ver referencia pdf "14900D003P021.PDF"