DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 05 de agosto de 2010 Páx. 14.126

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 132/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios.

O Decreto 184/2007, do 13 de setembro, creou a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios como un instrumento para asegurar a coordinación dos fondos comunitarios, coa finalidade de procurar a complementariedade dos fondos e a eficiencia no logro do obxectivo da converxencia.

Este órgano naceu en aplicación das previsións establecidas no Regulamento 1083/2006, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento 1260/1999 e no Marco Estratéxico Nacional de Referencia 2007-2013.

Por outra parte, a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, comporta unha reasignación das competencias relacionadas coa xestión e seguimento dos programas operativos dos fondos comunitarios para o período 2007-2013 e tamén introduce cambios na adscrición dalgúns organismos ou entes.

Por todo iso, faise necesario modificar o Decreto 184/2007 para adecuar as súas disposicións de modo que reflicta a actual distribución de competencias e potenciar deste xeito o maior grao de eficiencia da devandita comisión.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios nos termos que se indican a continuación:

Un. Modifícase o parágrafo segundo do artigo 1, que queda redactado como segue:

«A referida comisión terá carácter interdepartamental e estará adscrita á Consellería de Facenda».

Dous. Modifícase o artigo 2, que terá a seguinte redacción:

«A Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios estará formada polas persoas titulares das seguintes secretarías e direccións xerais:

a) Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Consellería de Facenda.

b) Secretaría Xeral da Consellería de Economía e Industria.

c) Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural.

d) Dirección Xeral de Formación e Colocación, da Consellería de Traballo e Benestar.

e) Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, da Consellería do Mar.

f) Secretaría Xeral de Igualdade.

g) Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

h) Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, da Consellería de Sanidade.

i) Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A presidencia da comisión corresponderalle ao membro pertencente á Consellería de Facenda.

A secretaría da comisión será desempeñada pola persoa encargada da subdirección xeral con competencias específicas na materia ou, na súa ausencia, pola que designe a presidencia.

A comisión reunirase en sesión ordinaria tres veces ao ano e con carácter extraordinario cando sexa convocada pola presidencia, por iniciativa propia ou por petición da maioría simple dos seus membros».

Tres. Modifícase o artigo 3.b), que queda redactado como segue:

«b) Elaborar e propoñer á persoa titular da Consellería de Facenda os procedementos para a efectiva coordinación entre a política de cohesión autonómica reflectida no Mecega e as correspondentes políticas sectoriais reflectidas nos plans estratéxicos das consellerías afectadas».

Catro. Modifícase o artigo 3.d), que queda redactado como segue:

«d) Cando cumpra, coordinar, para cada programa operativo, o establecemento e seguimento dos criterios de delimitación entre as operacións apoiadas polo Feder e o FSE e as apoiadas por outros instrumentos de axuda comunitaria, así como as que se poidan producir entre o Feader e o FEP cando ambos os fondos financien actuacións no mesmo ámbito territorial».

Cinco. Modifícase o artigo 3.f), que queda redactado como segue:

«f) Aquelas funcións que lle encomende a Consellería de Facenda a prol dunha xestión eficaz e eficiente dos fondos comunitarios durante o período de programación 2007-2013».

Seis. Modifícase a disposición derradeira primeira, que queda redactada como segue:

«Primeira.- Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda