DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 04 de agosto de 2010 Páx. 14.078

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de música durante o curso 2010-2011.

O Real decreto 631/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas de grao en música, establece no seu artigo 5.4º que lles corresponde ás administracións educativas, no seu ámbito competencial, a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación da proba específica de acceso a estes estudos.

Segundo a disposición adicional terceira do citado real decreto, no curso 2010-2011 implantaranse as ensinanzas superiores de grao en música.

En consecuencia, procede establecer a convocatoria das probas de acceso ás ensinanzas superiores de música para o curso 2010-2011. Xa que logo, na virtude que lle é conferida polo Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso ás ensinanzas de grao en música para o curso 2010-2011, que se rexerán polas seguintes instruccións:

Primeiro.-Acceso.

a) De acordo co establecido no artigo 54.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o acceso ás ensinanzas de grao en música requirirase estar en posesión do título de bacharelato, ou titulación declarada equivalente, e superar a proba de acceso establecida no artigo 5 do Real decreto 631/2010, do 14 de maio.

b) Poderán acceder a estas ensinanzas as persoas maiores de dezanove anos que, sen posuíren o título de bacharel nin outro declarado equivalente, superen a proba prevista no artigo 69.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

c) A nota media do expediente académico do grao profesional de música do alumnado que estea en posesión do título profesional de música ou equivalente suporá un 40% da cualificación final da proba de acceso. Para tales efectos, e en termos de cómputo, farase unha media ponderada da cualificación media obtida nos estudos do grao profesional.

d) No relativo ao cálculo da nota media do alumnado das ensinanzas profesionais de música, será tido en conta o establecido polo Real decreto 1953/2009, do 18 de decembro, polo que se modifican o Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, e o Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro.

e) De conformidade co citado artigo 5 do Real decreto 631/2010, do 14 de maio, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

Segundo.-Inscrición para realizar as probas.

a) A inscrición farase na secretaría dos conservatorios superiores de música de Galicia, no prazo comprendido entre o 30 de agosto e o 2 de setembro, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) O día 3 de setembro os conservatorios superiores de música exporán a lista provisional de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 4 e 6 de setembro, ambos os dous incluídos.

c) Para a formalización das solicitudes de admisión, os conservatorios superiores facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

-Título de bacharel ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións do bacharelato, se é o caso.

-Título profesional de música ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións das ensinanzas profesionais, se é o caso.

d) O alumnado que deba realizar a proba de acceso ás ensinanzas artísticas superiores para maiores de dazanove anos farao constar no punto correspondente da inscrición. No caso de non superar a dita proba, non será admitido na proba específica.

e) Os conservatorios onde se realice a inscrición deberán enviarlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través de correo electrónico, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade e itinerario, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, así como a proba ou probas ás cales se vai presentar, e centros a que opte, ordenados segundo a súa preferencia.

f) A relación de persoas inscritas será exposta no taboeiro de anuncios de cada centro o día 7 de setembro, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.edu.xunta.es

Terceiro.-Desenvolvemento das probas.

a) Para a valoración das probas de acceso constituirase un tribunal para as especialidades que figuran no anexo I desta resolución.

b) As probas específicas de acceso comezarán o día 10 de setembro e estenderanse, como máximo, ata o día 14 de setembro inclusive.

c) Os conservatorios organizarán a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.

*Proba de acceso para maiores de dezanove anos: 8 de setembro.

a) Para o alumnado inscrito no Conservatorio Superior de Música da Coruña, no dito centro, ás 10.00 horas.

b) Para o alumnado inscrito no Conservatorio Superior de Música de Vigo, no dito centro, ás 10.00 horas.

c) A proba versará sobre as materias comúns do bacharelato.

*Proba específica.

a) Especialidade: Composición.

A proba consistirá en:

-Realización dun traballo harmónico-contrapuntístico.

-Presentación e defensa oral de obras e traballos realizados polo/a candidato/a.

-Interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

b) Especialidade: Interpretación

A proba consistirá en:

-Interpretación dun programa de ata trinta minutos, integrado por obras e/ou estudos dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

-Análise dunha obra ou fragmento por proposta do tribunal.

-Lectura a vista.

c) Especialidade: Musicoloxía, Itinerario: etnomusicoloxía.

A proba consistirá en:

-Análise histórico-estilístico, e defensa dunha obra ou fragmento a proposta do tribunal.

-Realización dun comentario de texto ou traballo escrito por proposta do tribunal.

-Interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

d) Especialidade: Pedagoxía. Itinerario de Linguaxe musical.

A proba consistirá en:

-Interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

-Proba vocal individual.

-Composición dunha peza breve, de carácter didáctico, sobre unha melodía ou un texto proposto polo tribunal. O/a aspirante deberá realizar unha defensa didáctica da súa aplicación.

e) Será competencia de cada tribunal a organización das convocatorias das distintas partes que compoñen a proba, e deberánllelas comunicar aos interesados no momento da presentación.

Cuarto.-Tribunais das probas.

a) Os tribunais que xulgarán as probas específicas de acceso a estas ensinanzas son os que se recollen no anexo I desta resolución. As direccións dos conservatorios garantirán a actuación destes órganos e, se é o caso, das suplencias que se puidesen producir.

b) Para a administración e avaliación da proba de acceso para maiores de dezanove anos constituirase un tribunal en cada conservatorio, integrado por profesores de ensino secundario, nomeados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Quinto.-Admisión do alumnado.

a) Unha vez concluída a proba de acceso para maiores de dezanove anos, cada tribunal publicará a listaxe das persoas admitidas e non admitidas o día 9 de setembro, ordenadas por puntuación e en orde decrecente.

b) Unha vez concluída a proba específica, os tribunais publicarán a listaxe de persoas que superaron a proba e as non admitidas en cada especialidade o día 14 de setembro, ordenadas por puntuación en orde decrecente.

c) Os conservatorios superiores comunicarán o día 14 á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a relación de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades.

d) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza nos respectivos conservatorios.

e) A listaxe de persoas admitidas en cada centro será comunicada aos respectivos conservatorios o día 16 de setembro, e exposta no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.edu.xunta.es

Sexto.-Reclamacións e recursos.

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de cinco días hábiles. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada perante a xefatura territorial correspondente.

Sétimo.-Matrícula.

a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 17 e 20 de setembro.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula os conservatorios facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do conservatorio, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2010-2011.

c) Aquelas persoas que, téndose presentado á proba de acceso, tiñan pendentes algunha das materias de bacharelato, deberán acreditar a súa superación no momento de formalizar a matrícula, entre os días 17 e 20 de setembro.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

Tribunais

1. Tribunais que actúan no CMUS Superior da Coruña.

Acordeón:

Presidente: Fernando Fraga Traba.

Vogais: Rosa M. García Barcia e Victoria Núñez Vallejo.

Canto:

Presidente: Antón de Santiago Montero.

Vogais: María T. Bárbara Criado e Patricia T. Sánchez Cao.

Composición:

Presidente: Manuel A. Varela Sanjurjo.

Vogais: Mario Seoane Blanco e Patricia T. Sánchez Cao.

Corda friccionada:

Presidente: Rogelio Groba Otero.

Vogais: Sergio Sieiro Rey, Nerea Casanova Gilsanz, Carolina Landiscrini Marín e Manuel A. Varela Sanjurjo.

Guitarra:

Presidente: Eulogio García Fdez.-Albalat.

Vogais: Ramón L. Carnota Méndez e Julián Rodríguez Rodríguez.

Jazz:

Presidente: José L. Evangelista Ventura.

Vogais: Alberto M. Conde de León e Joaquín L. García Souto.

Percusión:

Presidenta: Pilar García Rios.

Vogais: Marcos Corbacho Paz e M. Paz Pita Vázquez.

Piano:

Presidente: José M. Yáñez Carballeira.

Vogais: Julio Mourenza Torreiro e Antonio Peña Fernández.

Pedagoxía da linguaxe musical:

Presidenta: Matilde Rubio Mur.

Vogais: Pilar Cancio González e Leticia Presas Freire.

Vento madeira:

Presidente: Narciso Pillo Guerreiro.

Vogais: Ismael Vaquero Baquero, César Concheiro Guerrico, María de la O Gil Lago e Mario Seoane Blanco.

Vento metal:

Presidente: Ignacio Fernández Rodríguez.

Vogais: Andrés Vales González, Arturo Centelles Fabado, José Fernández Ledo e José Baldomir Fernández.

2. Tribunais que actúan no CMUS Superior de Vigo.

Canto:

Presidenta: Beatriz Riobó Agulla.

Vogais: Teresa Novoa Freitas e María García Mendoza.

Composición:

Presidente: Carlos M. Cambeiro Alís.

Vogais: Fernando Buíde del Real e Pablo Beltrán Sobrado.

Corda friccionada:

Presidente: Mario Peris Salóm.

Vogais: Isabel Abril Bausela, Juan C. Villar del Saz Pardo, Alvaro Quintanilla Marful e Juan M. Eiras Tojo.

Guitarra:

Presidenta: Margarita García Escarpa.

Vogais: José R. González González e David Cuevas Sánchez.

Musicoloxía e Instrumentos da música tradicional e popular:

Presidente: Luis Costa Vázquez.

Vogais: Lorena Freijeiro Alonso e José A. Cantal Mariño.

Percusión:

Presidente: Carlos Castro Roig.

Vogais: Viçent Grau Díaz, María García Mendoza.

Piano:

Presidente: Nicasio Gradaille Peña.

Vogais: Mª. José Cid Castro e Pablo Beltrán Sobrado.

Vento madeira:

Presidente: Francisco Pérez Rodríguez.

Vogais: Ricardo Pazo García, Fernando Raña Barreiro, Rafael Yebra Rivera e Jacobo Gaspar Grandal.

Vento metal:

Presidente: Jesús Vicente Monzó.

Vogais: Adolfo Caride Rodríguez, Jonatan Vázquez Carrera, Enrique Lorenzo Vila e Miguel Fco. Moreno Pérez.