DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 03 de agosto de 2010 Páx. 14.014

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 131/2010, do 22 de xullo, polo que se crea o Conservatorio de Música do concello da Guarda (Pontevedra).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; competencias e funcións que o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, no seu artigo 1º, atribúe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os conservatorios de titularidade dos concellos desenvolven un importante labor na difusión e extensión da ensinanza da música no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, con grande importancia para o desenvolvemento da xuventude e o conseguinte enriquecemento da vida cultural destas entidades locais.

O Conservatorio do concello da Guarda imparte as ensinanzas do grao elemental de música, logo da autorización provisional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, prorrogada por Orde do 24 de marzo de 2009. O proxecto técnico das obras de adaptación das súas instalacións á normativa vixente foi aprobado por resolución da Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa do 20 de novembro de 2006.

Unha vez que remataron as obras, as instalacións cumpren os requisitos mínimos previstos no Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, para os centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. O Concello formula a solicitude de autorización definitiva do centro educativo.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Crear o Conservatorio de Música de titularidade do Concello da Guarda (Pontevedra).

Artigo 2º

O conservatorio impartirá a ensinanza de réxime especial de música do grao elemental regulada polo Decreto 198/2007, do 27 de setembro, consonte o artigo 48 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do que dispón este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria