DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2010 Páx. 13.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 126/2010, do 22 de xullo, polo que se crea a Comisión interdepartamental de seguimento da tramitación de infraestruturas eléctricas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece nos artigos 27.13º e 28.3º as competencias da comunidade autónoma en materia enerxética.

Por outra banda, de acordo coa actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida nos decretos 79/2009, do 19 de abril, o Decreto 83/2009, do 21 de abril, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, corresponde á Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade competencia da comunidade.

A Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, establece no seu artigo 3 número 3º c) que corresponde ás comunidades autónomas autorizar as instalacións eléctricas de xeración de potencia eléctrica instalada menor ou igual a 50 MW e as de transporte secundario e distribución que non excedan do ámbito territorial da comunidade autónoma.

Conseguir unha mellora continua na calidade de subministración eléctrica e atender ás crecentes necesidades da demanda implica que as empresas eléctricas teñan que emprende a realización de novas instalacións e adecuar as existentes, todo iso co conseguinte impacto no territorio.

Por outra parte, para a evacuación da enerxía eólica que se prevé instalar en Galicia de acordo co Plan Re-Xurde 2010, tamén vai implicar a necesidade de emprender obras tanto de reforzamento das liñas eléctricas existentes como de construción doutras novas.

Debido ao interese xeral destas instalacións, cómpre que se executen no menor tempo posible e dentro dos prazos previstos.

Tanto a construción de novas infraestruturas eléctricas como a adecuación das xa existentes levan implícita unha longa e complexa tramitación administrativa previa motivada pola implicación de moitos organismos das distintas administracións públicas.

Corresponde á Consellería de Economía e Industria, como órgano substantivo para a autorización deste tipo de instalacións, impulsar a súa tramitación ata acadar a súa posta en funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase a Comisión interdepartamental de seguimento da tramitación de infraestruturas eléctricas adscrita á Consellería de Economía e Industria.

Artigo 2º.-Composición e estructura.

1. A comisión estará integrada por representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia de todos os departamentos que interveñen na tramitación das instalacións eléctricas, e terá a seguinte composición, que se fará procurando acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres:

*Desempeñará a presidencia da comisión a persoa titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou persoa en que delegue.

*Será secretario/a da comisión un funcionario/a membro da comisión e que será designado polo presidente desta.

*Vogais:

Consellería de Economía e Industria:

-Un representante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nomeado polo presidente da comisión.

-Titulares das xefaturas dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria ou persoas en que deleguen.

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

-Un representante da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

-Un representante da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación.

-Un representante da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Consellería do Medio Rural:

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Un representante da Dirección Xeral de Montes.

Consellería de Cultura e Turismo:

-Un representante titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Os representantes serán nomeados polos titulares dos respectivos organismos que representen.

2. Poderán asistir ás reunións da comisión os técnicos das consellerías representadas na comisión que se consideren convenientes, con voz pero sen voto.

3. Así mesmo, poderá asistir ás reunións da comisión, con voz pero sen voto, un representante de cada unha das seguintes entidades:

-Red Eléctrica de España, S.A.

-Gas Natural-Unión Fenosa Distribución, S.A.

-BEGASA.

-APYDE.

-Asociación Eólica de Galicia (EGA).

4. Poderán ser invitados a participar nas reunións da Comisión os titulares dos expedientes administrativos que vaian a ser tratados nela.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións da Comisión interdepartamental de seguimento da construción de infraestruturas eléctricas as seguintes:

-Analizar a situación dos expedientes administrativos das instalacións eléctricas en tramitación.

-Impulsar o seu avance en prol dunha maior eficacia da Administración e unha redución dos prazos de tramitación.

-Propoñer medidas e solucións factibles ou alternativas que permitan culminar a tramitación administrativa dos expedientes.

Artigo 4º.-Funcionamento.

A comisión actuará en pleno, reuníndose cada catro meses con carácter ordinario, logo de convocatoria do presidente e, con carácter extraordinario logo de convocatoria do presidente, por iniciativa propia ou por petición de dous terzos dos seus compoñentes.

A comisión entenderase validamente constituída coa asistencia da maioría dos seus membros.

A convocatoria das sesións será efectuada polo secretario por orde do presidente coa anticipación mínima necesaria para a súa celebración e que nunca será inferior a unha semana. Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas solicitará, con quince días de anticipación á convocatoria da reunión, ás empresas eléctricas as propostas de expedientes que estudiará a mesa, especificando os organismos implicados na tramitación, para que esa dirección xeral poida convocar os organismos correspondentes e darlles traslado da información necesaria.

Os asistentes á comisión disporán da información coa anticipación suficiente para que poidan estudar, desde a perspectiva da súas competencias, a problemática dos expedientes obxecto de debate pola comisión.

Artigo 5º.-Réxime xurídico.

Sen prexuízo do previsto neste decreto, o réxime xurídico e actuación da comisión axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Consellería de Economía e Industria para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria