DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2010 Páx. 13.670

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 124/2010, do 15 de xullo, polo que se regulan as mencións relativas á orixe ou procedencia galega na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios.

Os produtos alimentarios galegos gozan dunha merecida reputación nos mercados, non só nos da comunidade autónoma, senón nos de toda España. O consumidor identifícaos, con carácter xeral, como produtos de elevada calidade e vinculados a unha produción máis natural e ao saber facer tradicional. É evidente que as referencias á orixe galega nos produtos alimentarios supoñen un reclamo para os consumidores.

Este prestixio da nosa produción alimentaria é ben coñecido polos operadores do sector, de xeito que na etiquetaxe, presentación e publicidade de moitos produtos son frecuentes as referencias á súa orixe galega. Este feito é moi evidente en determinados sectores, como o lácteo, en que a nosa produción acadou en termos cuantitativos un peso específico moi alto no conxunto do Estado, mantendo unha elevada calidade moi ligada á da materia prima utilizada, obtida en explotacións nas cales as forraxes seguen a ser o elemento fundamental da alimentación do gando.

Por outra parte, o Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a norma xeral da etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios, establece e regula as mencións obrigatorias que deben figurar nas etiquetas co obxecto de informar o consumidor sobre as características destes produtos. Esta norma, que incorporou ao ordenamento xurídico español a normativa comunitaria vixente nese momento e que posteriormente foi codificada mediante a Directiva 2000/13/CE, recolle tamén a posibilidade de introducir mencións facultativas ou voluntarias, adicionais ás estritamente obrigatorias, na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios, sempre que non vaian contra o establecido nela. Na dita norma recóllense, no seu artigo 4, os principios xerais da etiquetaxe, presentación e publicidade, entre os que se inclúe a prohibición de que as mencións utilizadas sexan de tal natureza que poidan inducir a erro ao comprador, especialmente, entre outras, en

relación coa orixe ou procedencia do produto.

É un feito que o consumidor medio entende, cando de produtos alimentarios se trata, que as mencións á orixe do estilo Produto de Galicia, Producido en Galicia, Produto galego ou simplemente Galego, implican que o produto en cuestión está elaborado en Galicia e con materias primas tamén galegas, polo cal estas mencións e outras similares deben quedar reservadas para produtos alimentarios en que se dean estes requisitos. Noutros casos, cando no ámbito territorial da comunidade autónoma só se realice algunha das fases do proceso de obtención do alimento, as referencias territoriais que se fagan na etiquetaxe, presentación e publicidade deberán ser relativas a esa fase, en aplicación do establecido nas normas citadas no parágrafo anterior.

Os poderes públicos teñen como obrigas a defensa da produción alimentaria propia e a creación dun marco de competencia leal entre os diferentes operadores do sector. Nese contexto foi aprobada a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, que ten entre os seus obxectivos a posta en valor da nosa produción alimentaria e o establecemento de normas que garantan a calidade dos produtos alimentarios elaborados e comercializados na comunidade autónoma e a súa conformidade coa normativa que lles é de aplicación, a fin de asegurar a lealdade nas transaccións comerciais e a protección dos dereitos e intereses dos produtores e demais operadores do sector, así como os dos consumidores.

Por todo o anterior, faise necesario establecer normas complementarias en relación á utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade de mencións relativas á orixe ou procedencia galega dos produtos alimentarios producidos, elaborados ou comercializados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos principios xerais recollidos no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro do Medio Rural e da conselleira do Mar, por proposta do conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios de mencións facultativas relativas á súa orixe ou procedencia galega.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto aplicarase á etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios producidos, elaborados ou comercializados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto os produtos alimentarios producidos ou elaborados en Galicia amparados por denominacións de orixe protexidas ou indicacións xeográficas protexidas.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto establécense as seguintes definicións:

a) Mención facultativa: calquera mención escrita, impresa ou gráfica recollida na etiquetaxe, presentación ou publicidade dos produtos alimentarios que, de acordo coa normativa de aplicación, non fose obrigatoria.

b) Nome xenérico dun produto alimenticio: o nome con que comunmente se coñece esa categoría de produto.

c) Denominación de venda: de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, a denominación de venda dun produto alimenticio será a denominación prevista para este produto nas disposicións da Unión Europea que lle sexan aplicables.

A falta de disposicións da Unión Europea, a denominación de venda será a denominación prevista polas disposicións legais, regulamentarias ou administrativas que lle sexan aplicables en España.

En defecto do anterior, estará constituída polo nome consagrado polo uso, ou por unha descrición do produto alimenticio e da súa utilización, se fose necesario, o suficientemente precisa para permitir ao comprador coñecer a súa natureza real e distinguilo dos produtos con que puidese confundirse.

d) Produción: conxunto de operacións desde a produción primaria -que inclúen o cultivo, a cría, a recollida e a captura- ata as posteriores operacións, de habelas, de elaboración ou fabricación, conducentes á obtención de alimentos para a súa posta á disposición do consumidor.

e) Elaboración ou fabricación: conxunto de operacións de transformación ás cales se someten as materias primas conducentes á obtención de alimentos para a súa posta á disposición do consumidor. Entre estas operacións inclúese a selección, manipulación, tratamento mediante procesos físicos ou químicos e o envasado.

f) Materias primas principais: aquelas que son ingredientes característicos dun alimento e que supoñen máis do 50% do seu peso neto. Este concepto exclúe os aditivos e coadxuvantes tecnolóxicos.

g) Aditivo: de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1333/2008 do Parlamento Europeo e do Consello do 16 de decembro de 2008, sobre aditivos alimentarios, aditivo é toda substancia que normalmente non se consuma como alimento en si mesma nin se use normalmente como ingrediente característico dos alimentos, teña ou non valor nutritivo, e cuxa adición intencionada -cun propósito tecnolóxico- a un alimento durante a súa fabricación, transformación, preparación, tratamento, envasado, transporte ou almacenamento teña por efecto, ou caiba razoablemente prever que teña por efecto, que o propio aditivo ou os seus subprodutos se convertan directa ou indirectamente nun compoñente do alimento.

h) Coadxuvante tecnolóxico: de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1333/2008, do 16 de decembro de 2008, coadxuvante é toda substancia que non se consuma como alimento en si mesma, que se utilice intencionadamente na transformación de materias primas, alimentos ou os seus ingredientes para cumprir un determinado propósito tecnolóxico durante o tratamento ou a transformación e que poida dar lugar á presenza involuntaria, pero tecnicamente inevitable, no produto final de residuos da propia substancia ou dos seus derivados, a condición de que non presenten ningún risco para a saúde e non teñan ningún efecto tecnolóxico no produto final.

Artigo 4º.-Mencións relativas á orixe ou a procedencia galega.

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 6, a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios de mencións como Producido en Galicia, Produto de Galicia, Produto galego, Galego ou similares, queda restrinxida aos alimentos producidos en Galicia. De acordo co establecido na alínea d) do artigo 3, enténdese que son alimentos producidos en Galicia aqueles produtos alimentarios elaborados en Galicia en que as materias primas principais fosen obtidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén poderán utilizar estas mencións os produtos da pesca, a acuicultura e o marisqueo capturados ou cultivados nas augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia delimitadas de acordo coas liñas de base rectas definidas no Real decreto 2510/1977, do 5 de agosto, polo que establecen as liñas de base recta para a delimitación das augas xurisdicionais. Así mesmo, poderán utilizar as ditas mencións os produtos da pesca desembarcados en portos situados na comunidade autónoma por embarcacións inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia que realicen singraduras de menos de 24 horas.

2. O establecido no primeiro parágrafo do número 1 anterior aplicarase tamén, no seu ámbito, para as mencións similares relativas a unidades xeográficas menores incluídas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso dos produtos alimentarios en que non se deran as circunstancias recollidas nos puntos 1 e 2 anteriores, as mencións facultativas que inclúan referencias a Galicia ou a unidades xeográficas menores incluídas no seu territorio, deberán axustarse ao establecido con carácter xeral no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, sen prexuízo do cumprimento do establecido no artigo 6 deste decreto e demais normas de aplicación.

Artigo 5º.-Limitacións xerais en relación ás mencións facultativas de orixe ou procedencia.

1. Na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios as mencións facultativas a que se refire o artigo 4 non deberán ir nunca máis destacadas ou en caracteres de maior tamaño que a denominación de venda do produto, entendida esta segundo o recollido no artigo 3 deste decreto e o establecido no artigo 6 do Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo.

2. Na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios non se poderán utilizar mencións facultativas que se compoñan exclusivamente do nome xenérico do produto acompañado do nome da comunidade autónoma ou o seu xentilicio ou os correspondentes a unidades xeográficas menores incluídas no seu territorio, nos casos en que tales indicacións poidan actuar como falsas denominacións de venda que o consumidor confunda con denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Artigo 6º.-Limitacións específicas ao uso de mencións de procedencia nos produtos con denominación de orixe ou indicación xeográfica.

De acordo co establecido nos números 2 e 3 do artigo 8 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, para aqueles produtos para os que exista unha denominación de orixe ou indicación xeográfica aprobada, a protección outorgada por esta esténdese ao uso dos nomes das rexións, as comarcas, os concellos, as parroquias e as localidades que compón a súa respectiva área xeográfica en relación con produtos da mesma ou similar natureza. A utilización das denominacións xeográficas de calidade e dos nomes a que se refiren estará reservada exclusivamente para os produtos que teñan dereito ao seu uso.

Artigo 7º.-Marcas comerciais e razóns sociais.

Sen prexuízo do establecido na disposición adicional única, as marcas comerciais e razóns sociais utilizadas na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios non deberán ser de tal natureza que induzan a erro ao comprador, en particular en canto á orixe ou procedencia do produto, séndolles de aplicación as restricións establecidas no artigo 4.

Artigo 8º.-Réxime sancionador.

O incumprimento do establecido nesta disposición será sancionado de conformidade co establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Disposición adicional

Única.-Aqueles operadores que na etiquetaxe, presentación e publicidade dos seus produtos veñan utilizando con anterioridade á aprobación deste decreto marcas ou razóns sociais que contraveñan o establecido nel, poderán seguir facéndoo na dita etiquetaxe, presentación e publicidade, no mesmo campo visual e con caracteres como mínimo do mesmo tamaño, introducen elementos que informen o consumidor da verdadeira orixe ou procedencia do produto, sen prexuízo do cumprimento da normativa xeral de aplicación nesta materia.

Disposición transitoria

Única.-Ata o 31 de decembro de 2010 poderán comercializarse os produtos que, cumprindo a normativa xeral de aplicación, non se axusten ao establecido no artigo 7 desta disposición.

Non obstante, os produtos etiquetados con anterioridade a esta data e que non se axusten ao establecido nese artigo poderán comercializarse ata que se esgoten as existencias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Autorízanse as persoas titulares das consellerías do Medio Rural e do Mar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no ámbito das súas respectivas competencias.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza