DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2010 Páx. 13.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2010 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o apoio financeiro á hostalaría, comercio, turismo e servizos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adheridas (Re-invirte Ferrol), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de abril de 2010, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro á hostalaría, comercio, turismo e servizos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adheridas (Re-invirte Ferrol).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro á hostalaría, comercio, turismo e servizos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adheridas (Re-invirte Ferrol); e convocar para 2010 o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado na entidade financeira iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte. O prazo de presentación das solicitudes no Igape, por parte das entidades financeiras, rematará o 30 de decembro do ano 2010.

No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-Dotación orzamentaria.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria 2010 2011

02.01-E5/10/01-656700 180.000 € 270.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro

á hostalaría, comercio, turismo e servizos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, instrumentadas mediante convenio

de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e sociedades

de garantía recíproca adheridas (Re-invirte Ferrol)

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

Neste sentido estase a desenvolver o proxecto de desenvolvemento integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, co obxectivo primordial de impulsar o cambio na situación socioeconómica destas comarcas, cunha estratexia de desenvolvemento que permita un crecemento acumulado e a creación de emprego.

En consecuencia, e co obxecto de facilitar o financiamento de proxectos de investimento correspondentes aos sectores da hostalaría, comercio, turismo e servizos, dentro dunha estratexia de diversificación produtiva nas citadas comarcas, o Igape publica as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o apoio financeiro aos ditos sectores das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para a realización de investimentos por parte das pequenas e medianas empresas.

A convocatoria das axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. Estas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poida levar adiante nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, máis aínda na actual situación de dificultades na economía con especial incidencia nestas comarcas; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1º.-Obxecto.

As presentes bases regulan o contido e procedemento de tramitación das axudas consistentes nunha liña de subsidiación ao financiamento obtido polas pequenas e medianas empresas correspondentes aos sectores da hostalaría, comercio, turismo e servizos, que promovan investimentos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Artigo 2º.-Beneficiarios das axudas.

2.1. Poderán acceder ás axudas previstas nestas bases aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou estean na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a

consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera caso, deberán desenvolver algunha das actividades relacionadas no anexo I destas bases.

2.2. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia e non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e restruturación de empresas en crise (D.O. C244, do 1-10-2004), e cumprir as condicións específicas establecidas no artigo terceiro destas bases.

2.3. Ademais deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 3º.-Características dos proxectos de investimento.

3.1. O proxecto investidor deberá consistir na adquisición de activos e non poderá ter comezado antes da presentación da solicitude no Igape.

3.2. Consideraranse subvencionables os investimentos e gastos adquiridos a terceiros que se realicen con posterioridade á solicitude da axuda no Igape e se paguen no período dun ano desde a formalización da operación de préstamo, e tamén se considerarán subvencionables os contratos de arrendamento financeiro (leasing) que se formalicen no período dun ano desde a solicitude de axuda, sempre que a empresa se comprometa ante o Igape a exercer a opción de compra ao finalizar o arrendamento, e que se materialicen en:

-Inmobilizado material novo ou usado: no caso de elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais.

-Inmobilizado intanxible.

-Gastos de aprovisionamento e inicio de actividade ata un máximo do 20% do gasto subvencionable elixible.

3.3. A contía do investimento subvencionable será como mínimo de 3.500 € e como máximo de 100.000 € e determinarase excluíndo o IVE e outros tributos do custo de adquisición.

3.4. Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia do préstamo. Considerarase cumprida esta condición no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, e non poderán obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

Artigo 4º.-Importe das operacións.

O importe da operación que se vai financiar con dereito a subsidiación poderá acadar o 100% do investimento subvencionable. O importe subsidiable será, como mínimo, de 3.500 € e non poderá, para cada beneficiario, superar os 100.000 €.

Artigo 5º.-Prazo e sistema de amortización das operacións.

5.1. O prazo máximo de amortización será de 7 anos incluído, como máximo, un ano de carencia. Os períodos de amortización comezarán a computarse a partir do primeiro día do período natural inmediato pactado na operación (semestre, trimestre, mes, etc.) á data de formalización, polo que a vixencia da operación poderá ser superior polos días que se engaden no período irregular inicial e que se incluirán no período de carencia.

5.2. O sistema de amortización de capital e de liquidación de xuros será o que libremente pacten as empresas directamente coa entidade de crédito.

Artigo 6º.-Tipo de xuro e comisións das operacións.

6.1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións acollidas a este convenio poderá ser, á elección do beneficiario, fixo ou variable:

Tipo de xuro fixo: establécese un tipo de xuro nominal do 6%.

Tipo de xuro variable: o tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a este convenio e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder 2,75 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre será o comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia. Para o primeiro semestre de aplicación do presente convenio será o publicado para outros convenios do Igape co mesmo tipo de referencia.

6.2. Para os efectos destas bases, enténdese por euribor (Euro Interbank Offered Rate= tipo interbancario ofrecido en euros) a media das cotizacións proporcionadas polo Grupo Euribor das asociacións internacionais Euribor FBE e Euribor ACI, eliminando valores extremos, ás 11.00 da mañá hora de Bruxelas, por operacións de depósito interbancario a un prazo de 6 ou 12 meses, segundo corresponda, e publicado na páxina web do Banco de España.

6.3. Se o euribor ao prazo correspondente deixase de determinarse, nas operacións a tipo variable aplicarase, en primeiro lugar o índice de referencia que legalmente o substitúa e, en segundo lugar, en defecto de ningunha normativa ao respecto, o tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coas seguintes normas:

a) Para o primeiro semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública, de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de maio do mesmo ano.

b) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de restarlle ao tipo de referencia 0,5 puntos.

6.4. As entidades financeiras prestamistas poderán percibir, por todos os conceptos (apertura, estudo e similares) e dunha soa vez, unha comisión máxima dun 1,5%. A dita comisión non será subvencionable.

6.5. No caso de que a operación estivese avalada por unha sociedade de garantía recíproca (SGR), o dito aval será como mínimo do 90% da operación, e poderase percibir, polos avais prestados ás operacións de empréstito subscritas ao abeiro destas bases, unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano. A dita comisión será subvencionada polo Igape.

Artigo 7º.-Axuda do Igape.

7.1. A axuda financeira será de 4 puntos porcentuais do tipo de xuro máis, se é o caso, o importe da comisión do aval da SGR.

7.2. A axuda financeira que se conceda, tanto a subsidiación ao tipo de xuro como, se é o caso, a subvención da comisión de aval da SGR, pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das subvencións que se van percibir durante o período de vixencia do préstamo/leasing, se é o caso, o período de carencia, tomando como tipo de xuro nominal os puntos de subsidiación e, se é o caso, a comisión de aval. Tomarase como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da presentación da solicitude no Igape.

c) O importe resultante da liquidación anticipada destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo/leasing, e non pode a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

Artigo 8º.-Compatibilidade e límite de axuda.

8.1. As axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28-12-2006).

8.2. A concesión das axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea, nin o custo da actividade subvencionada. As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais.

8.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

9.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

9.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A dita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

9.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48 da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

9.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

9.6. A presentación da solicitude tamén autoriza ao órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes da axuda financeira ante a entidade financeira e o Igape.

10.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o cuestionario, este pasará a disposición da entidade financeira na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel, que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante (anexo II). Nesta solicitude, apodérase a entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que esta aprobe a operación financeira. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

10.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade financeira colaboradora. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

10.3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do cuestionario na extranet das entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a entidade financeira só comunicará a súa denegación.

10.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

10.5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo IV.

10.6. Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo II); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo IV entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.

10.7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (3 meses desde a data da presentación da solicitude no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

10.8. Se a solicitude reúne os requisitos establecidos nas presentes bases para ser beneficiaria da axuda, autorizarase a formalización da operación financeira a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante e a entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se subsane a falta, con indicación de que en caso contrario, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

10.9. Traslado, se é o caso, das solicitudes á sociedade de garantía recíproca.

O Igape trasladará a traves da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) a solicitude cursada á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco e remisión da súa posición ao Igape. A SGR formulará a súa posición no prazo de 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo o Igape poderá desestimar a solicitude.

Artigo 11º.-Resolución.

11.1. Unha vez que a entidade financeira e, se é o caso a SGR, formulen a súa posición de conformidade co establecido no convenio de colaboración que para tal efecto se asine, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

11.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, o prazo de vixencia e carencia deste, a data desde a que poderá formalizarse o préstamo subsidiado, o importe efectivo da subsidiación e, de ser o caso, da comisión do aval, equivalente para o beneficiario, que o Igape aboará á entidade financeira, para a súa aplicación á amortización anticipada do principal da operación.

11.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

11.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 12º.-Notificación, aceptación, silencio administrativo e recursos.

12.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

12.2. O beneficiario ten un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión para aceptala cubrindo a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e nas demais disposicións aplicables.

Transcorrido o prazo de aceptación sen que se producise manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

12.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo diante dos xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da

resolución, se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

12.4. Será causa de denegación da axuda a falta de comunicación por parte dalgunha entidade colaboradora da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto (15 días), sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 13º.-Publicación.

13.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

13.2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na

páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 14º.-Formalización da operación financeira.

14.1. Unha vez recibida a solicitude da axuda no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á entidade financeira a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

14.1.1. A formalización do préstamo/leasing antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión da subsidiación solicitada.

14.1.2. No contrato de préstamo/leasing formalizado anticipadamente de acordo co previsto no número anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nestas bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión da axuda que, no seu día, se dite, así coma o compromiso de destinar o importe da axuda no momento en que se reciba a amortización anticipada do principal do préstamo.

14.1.3. No suposto de que a resolución de concesión da axuda que no seu caso se dite, estableza unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo/leasing, intervido por fedatario público, no se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

14.2. Se o préstamo/leasing se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases e o compromiso de destinar o importe da axuda en momento no que se reciba a amortización anticipada do principal da operación financeira.

14.3. O prazo máximo para a formalización do préstamo/leasing, ou, de ser o caso, adaptación da póliza ás condiciones da resolución de concesión do Igape, será de 3 meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase ou adaptase, ditarase resolución tendo o solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

14.4. Os titulares dunha operación de leasing deberán exercer a opción de compra no momento da expiración do contrato.

Artigo 15º.-Xustificación do proxecto e pagamento da subsidiación.

15.1. Emitida a resolución de concesión da axuda polo Igape e, no prazo de dous meses contados desde a data de pagamento da última factura, o beneficiario, ou ben a entidade colaboradora no seu nome, deberá solicitar o cobramento da subvención concedida. No caso de que a resolución fose posterior á realización do investimento o dito prazo de dous meses contarase desde o día seguinte á notificación da resolución.

Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario, ou ben a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo III, en que será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser emendadas, logo do requirimento realizado para o efecto.

Acompañando a dita solicitude deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada da póliza de préstamo/leasing formalizada.

b) Fotocopias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable e dos pagamentos realizados. Só se admitirán xustificantes de pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

Non obstante, no caso de subvencións concedidas por importe igual ou inferior a 12.000 €, o beneficiario poderá acollerse ao sistema de conta xustificativa simplificada establecida no artigo 51 do Decreto 11/2009 que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia, indicando no cuestionario de liquidación os datos necesarios para a súa composición, sendo os mesmos campos obrigatorios do dito cuestionario. O Igape ou a súa entidade colaboradora poderá requirirlle ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gastos seleccionados con base nas técnicas de mostraxe, comprobándose para estes efectos polo Igape un mínimo do 10% dos expedientes con axudas aprobadas por importe ata 6.000 €, e un mínimo do 20% dos expedientes con axudas aprobadas por importe superior a 6.000 € e ata 12.000 €. No caso de acollerse a esta opción, non será necesario presentar a documentación do punto b).

Porén, cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, o Igape procederá a requirirlles aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos.

No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL e co resto da documentación na entidade colaboradora que tramitou a súa operación financeira. Esta transmitirá esta documentación telematicamente ao Igape a través das funcionalidades documentais da extranet de entidades colaboradoras, facéndose cargo do cotexo do expediente. A extranet de entidades colaboradoras asegurará que a aceptación da documentación se produce unicamente tras a declaración responsable da entidade colaboradora de que a documentación corresponde co orixinal e non foi modificada desde a súa dixitalización.

Alternativamente, o beneficiario poderá presentar a solicitude de cobramento no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no artigo 10º.6 destas bases e que a documentación que acompañe a solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

15.2. O Igape revisará a documentación xustificativa, e poderá solicitar á entidade de crédito, á SGR ou ao beneficiario calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

15.3. De conformidade co disposto no punto 2º do artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios quedan excluídos das obrigas de xustificación previstas nos artigos 28.7º, 29.3º e 29.4º.

15.4. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da subsidiación e, se é o caso, da subvención da comisión de aval, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestamista. A subvención terá que destinarse á amortización anticipada do principal da operación, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días, certificación acreditativa da amortización do principal da operación na contía subvencionada.

En calquera caso o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.5. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá axustar o aboamento da subvención ao gasto efectivamente xustificado, sempre que despois de executarse o proxecto de investimento para financiar co préstamo e cumpridos todas as condicións establecidas, unicamente se tivese xustificado un gasto inferior ao aprobado, ou ao importe do préstamo efectivamente disposto, sempre que conste a conformidade expresa do beneficiario e o proxecto efectivamente xustificado non desvirtúe a concesión inicial.

Artigo 16º.-Modificación de resolución.

16.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou da súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

16.2. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

16.3. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da axuda.

16.4. As solicitudes de modificación presentaranse a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es e deberán contar coa autorización previa da entidade financeira.

16.5. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.6. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo director do Igape sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e especificamente da operación subsidiada, así como o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiario das axudas. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, acompañando a documentación acreditativa da subrogación, e constará o consentimento do anterior beneficiario.

16.7. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 17º.-Reintegros, incumprimentos e sancións da subvención.

17.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade financeira e sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo/leasing, xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) A nulidade da resolución de concesión polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

17.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superase o 50% do investimento subvencionable aprobado, ou as disposicións do préstamo fosen inferiores ao 50%, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, de ser o caso, a vía de constrinximento.

17.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e será competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra esta resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes ao da súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

17.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios, entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe para reintegrar inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 18º.-Control.

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas, como os beneficiarios das operacións de financiamento, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 19º.-Adhesión mediante convenio das entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

19.1. O Igape convidará a adherirse a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se non teñen iniciado expediente de intervención polo Banco de España), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos ou créditos. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto e nestas bases reguladoras. As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de

xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

19.2. A adhesión solicitarase mediante o modelo do anexo V, e formalizarase mediante a sinatura por apoderado con facultades bastantes do correspondente convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

19.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VI destas bases.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ver referencia pdf "14200D006P061.PDF"