DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2010 Páx. 13.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 19 de xullo de 2010 pola que se establecen normas sobre as condicións de utilización das indicacións facultativas relativas ao ano de colleita e á variedade ou variedades de uva na etiquetaxe e presentación dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida.

O Regulamento (CE) 1234/2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), no seu artigo 118 septvicies, de acordo coa redacción dada polo R (CE) 491/2009, recolle a posibilidade de indicar o ano de colleita e o nome dunha ou máis variedades de uva con que se elaboran os viños no caso daqueles que non teñen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida, algo que non recollía a normativa vitivinícola comunitaria anterior. Para poder facer uso destas mencións facultativas hai que establecer as condicións que garantan a súa veracidade.

En aplicación do anterior, o artigo 63 do Regulamento (CE) 607/2009 establece que a autoridade competente é responsable de garantir a certificación dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que indiquen algunha das ditas mencións facultativas. Doutra banda, o mesmo artigo indica que a certificación ten que estar garantida en calquera das fases de produción ou elaboración, incluído o embotellamento.

A dita certificación pode ser efectuada pola autoridade competente ou ben por un ou varios organismos de control no sentido do artigo 2, parágrafo segundo, punto 5 do Regulamento (CE) 882/2004, que actúen como entidades de certificación de produto acreditadas no cumprimento da norma EN 45011 ou da Guía ISO/IEC 65. Dada a realidade do sector en Galicia, considerouse oportuno que a utilización das ditas indicacións neste tipo de viños sexa verificada por entidades de certificación acreditadas que actúen baixo o control e a supervisión da Consellería do Medio Rural.

Así mesmo, o parágrafo 4 do citado artigo 63 do Regulamento (CE) 607/2009 establece que os operadores de viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que teñan intención de empregar as indicacións facultativas de ano de colleita e/ou variedade ou variedades de uva deben estar autorizados pola autoridade competente do territorio en que ten lugar a produción, polo que se fai necesario determinar cal é esta autoridade e establecer os requisitos para outorgar a dita autorización no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a letra b) do parágrafo 2 do artigo 118 septvicies do citado Regulamento 1234/2007 permite que os estados membros poidan elaborar listas de variedades de uva de vinificación excluídas da posibilidade de ser indicadas na etiquetaxe de viños sen unha denominación de orixe protexida nin unha indicación xeográfica protexida, baseándose en criterios obxectivos e non discriminatorios e velando debidamente pola competencia leal, cando se dea algunha destas dúas circunstancias:

-Que exista risco de confusión para os consumidores sobre a auténtica orixe do viño debido a que a variedade de uva de vinificación é parte integrante dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida existente, ou

-Que os correspondentes controis non fosen economicamente viables ao representar a variedade de uva de vinificación en cuestión unha moi pequena parte do viñedo do territorio.

No caso das viníferas galegas autóctonas danse en maior ou menor medida estas circunstancias. A primeira delas dáse dun xeito moi notorio no caso da variedade albariño, variedade de grande importancia e representativa da denominación de orixe Rías Baixas, a cal deu a fama a esta uva, ata o punto de que no mercado case se utilizan como sinónimos. Hai que lembrar que o antecedente desta denominación de orixe está na antiga «denominación específica albariño», recoñecida en 1980 ao abeiro da Lei 25/1970, e que logo houbo que reconverter a denominación de orixe para axeitala á normativa europea unha vez que España entrou na CEE. Un caso similar de confusión, aínda que quizais menos acusado, prodúcese coa variedade mencía, moi identificada coas denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras, e coa variedade godello, asociada fundamentalmente a esta última denominación de orixe.

A segunda circunstancia que permite a exclusión a que antes non referiamos -o baixo peso específico da superficie plantada dunha variedade respecto do viñedo total- dáse no conxunto de variedades autóctonas de Galicia, cuxa presenza fóra do territorio das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas é testemuñal.

Por iso, en aplicación desta posibilidade recollida na normativa europea, tendo en conta os intereses dos consumidores e o sentir amplamente maioritario do sector vitivinícola galego, nesta orde establécese a exclusión do uso do nome de diversas variedades nos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida elaborados ou embotellados en Galicia.

Polo tanto resulta necesario regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as condicións que deben cumprir os operadores comerciais que desexen facer uso do ano de colleita ou do nome de variedades de vide na designación e presentación dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida de acordo coa orientación exposta. Por iso, de acordo co que se dispón no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é establecer as condicións baixo as cales os elaboradores e embotelladores da Comunidade Autónoma de Galicia poidan indicar o nome das variedades de uva de vinificación e o ano de colleita nos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida.

2. Esta orde aplicarase aos viños sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida elaborados ou embotellados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes viños deberán estar elaborados con uvas vendimadas a partir de 2009, inclusive.

Artigo 2º.-Autoridade competente.

1. De acordo co que se establece no parágrafo 1 do artigo 63 do Regulamento (CE) 607/2009, a autoridade competente encargada de controlar as obrigas establecidas nesta orde e, en consecuencia, responsable de garantir a certificación das indicacións facultativas a que se refire esta orde no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia é a dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria.

2. A autoridade competente adoptará as medidas oportunas para que non se comercialicen ou sexan retirados do mercado os viños sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida que non figuren etiquetados de conformidade coa presente orde.

Artigo 3º.-Procedemento para a autorización.

1. Os operadores que elaboren ou embotellen viño sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida na Comunidade Autónoma de Galicia que desexen indicar na súa etiquetaxe unha ou más variedades de uva ou o ano de colleita nos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica proexida, teñen que solicitar á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria a autorización correspondente, coa que deberán achegar:

a) Documentación do sistema que utilizarán para a identificación, rastrexabilidade e contabilidade dos viños manipulados nas súas instalacións. En calquera caso, este sistema axustarase ao que se establece no Regulamento (CE) 436/2009 e na correspondente normativa autonómica de aplicación. Na indicación do ano de colleita e da variedade ou variedades de uva cumpriranse as regras establecidas nos artigos 61 a 63 do Regulamento (CE) 607/2009 da Comisión.

b) A identificación da entidade de certificación que vai efectuar o control, o programa de control que se vai executar e a documentación relativa á súa acreditación no cumprimento da Norma EN-45011 ou da Guía ISO/IEC 65 (criterios xerais relativos a organismos de certificación de produtos) cun alcance que cubra a certificación do uso destas mencións en viños.

c) O certificado que dispón da entidade de certificación que xustifica a súa competencia técnica para a indicación destas mencións nos viños.

2. De ser conforme a documentación, a dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria expedirá a correspondente autorización, que terá validez por tres anos.

3. Denegaranse as solicitudes de autorización a aqueles operadores que non cumpran as condicións exixidas nesta orde e demais normas de aplicación. Contra a dita denegación caberá interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de control da calidade agroalimentaria.

4. No caso de que un operador xa autorizado contrate os servizos doutra entidade de certificación, deberá presentar unha nova solicitude de autorización.

Artigo 4º.-Revogación e suspensión.

A autoridade competente poderá revogar ou suspender temporalmente as autorizacións concedidas cando se comproben incumprimentos, en especial no caso de operadores aos cales a entidade de certificación retire o certificado que acredita a posibilidade de empregar a indicación das variedades de uva de vinificación e/ou o ano de colleita, sen prexuízo da incoación, se é o caso, dun procedemento sancionador.

Contra a revogación ou suspensión temporal poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de control da calidade agroalimentaria.

Artigo 5º.-Exclusión do uso do nome de determinadas variedades na etiquetaxe dos viños.

Nos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida elaborados ou embotellados na Comunidade Autónoma de Galicia exclúese a posibilidade de ser indicada como mención facultativa, de acordo co recollido na letra b) do parágrafo 2 do artigo 118 septvicies do R (CE) 1234/2007, na redacción dada polo R (CE) 491/2009, o nome das seguintes variedades:

a) Brancas: albariño, branca de Monterrei, caíño branco, dona branca (doña blanca), godello, lado, loureira (loureiro branco, marqués), torrontés e treixadura.

b) Tintas: brancellao, caíño bravo, caíño longo, caíño tinto, espadeiro (torneiro), ferrón, mouratón (Juan García), loureiro tinto, mencía, merenzao (María Ordoña), pedral (dozal) e sousón.

Artigo 6º.-Circulación de graneis.

No caso do transporte a granel dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que indiquen a variedade ou o ano de colleita, no preceptivo documento de acompañamento, no espazo correspondente do dito documento indicarase o nome do organismo de certificación que realizou o control e emitiu o correspondente certificado, xunto coa lenda: «A certificación dos viños que figuran neste documento foi realizada, de conformidade co disposto no artigo 63 do Regulamento (CE) 607/2009, polo organismo de certificación …(indíquese o nome do organismo e o da persoa encargada da certificación coa súa sinatura, así como a data de certificación e acompáñese co selo do dito organismo)».

Artigo 7º.-Comunicación dos datos de actividade dos operadores.

Antes do 31 de xaneiro de cada ano, os operadores autorizados teñen que comunicar á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria os seguintes datos:

a) Cantidade de uva adquirida na última campaña destinada a viño sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida que indique as variedades e/ou ano de colleita, con indicación da súa orixe -segundo as parcelas de procedencia conforme os datos do rexistro vitícola- e diferenciación por variedades, se é o caso.

b) Volume de viño sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que indique variedades e/ou ano de colleita adquirido, elaborado e/ou embotellado durante o ano anterior. No caso de viños en que se indique unha ou máis variedades de vinífera, especificaranse os datos desagregados por variedade.

c) Volume e valor do viño comercializado coas indicacións facultativas de variedades e/ou ano de colleita durante o ano anterior, con especificación do mercado de destino (comunidade autónoma, resto de España, Unión Europea e países terceiros). Deberase distinguir entre graneis e embotellados.

d) Existencias finais da campaña vitivinícola.

Artigo 8º.-Requisitos das entidades de certificación.

As entidades de certificación que leven a cabo o control e a certificación de viños sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida que indiquen na etiquetaxe as variedades de uva e/ou o ano de colleita, teñen que estar acreditadas conforme o que se establece no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, no cumprimento da norma europea EN 45011 ou da Guía ISO/IEC 65 (Criterios xerais relativos aos organismos de certificación de produtos) para desenvolver a tarefa de certificación das ditas indicacións e deberán estar autorizadas pola dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria.

Artigo 9º.-Obrigas das entidades de certificación.

As entidades de certificación autorizadas estarán suxeitas ás seguintes obrigas:

a) Dispor dun manual de calidade en que se especifique o procedemento de certificación dos viños sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida en que se indiquen as variedades de uva e/ou o ano de colleita dos viños.

b) Informar trimestralmente á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria sobre as actuacións realizadas no ámbito desta orde. Na información transmitida teñen que constar os operadores sobre os que se emitan o certificado, os que se encontren en proceso de certificación, as non conformidades detectadas en cada un deles e o tempo establecido para a súa corrección.

c) Comunicar á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria a retirada ou suspensión da certificación dos operadores no prazo dos 10 días seguintes á produción da mencionada retirada ou suspensión.

d) Informar á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria sobre calquera circunstancia ou actuación dos operadores sometidos ao control da entidade de certificación que poida constituír unha infracción administrativa.

e) Transmitir á dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria, antes do 31 de xaneiro de cada ano, un resumo estatístico en que se consignará, polo menos, a seguinte información:

-Nome dos operadores, coa indicación da súa actividade: viticultor, elaborador ou embotellador.

-Cantidade de uva destinada na última campaña por cada operador a viño sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida que indique as variedades ou o ano de colleita, con diferenciación por variedades, se é o caso.

-Volume de viño sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que indique as variedades ou o ano de colleita, elaborado e/ou embotellado no ano anterior por operador. No caso dos viños varietais, indicación de volumes por variedade.

-Volume do viño sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida que indique as variedades ou o ano de colleita comercializado por operador. Deberase distinguir entre graneis e embotellados.

-Existencias finais da campaña vitivinícola por operador.

Artigo 10º.-Gastos da certificación.

De conformidade co establecido no artigo 63 do R(CE) 607/2009, os gastos ocasionados polo proceso da certificación correrán por conta dos axentes económicos suxeitos a ela.

Artigo 11º.-Réxime sancionador.

As infraccións ao que se establece nesta orde cometidas polos operadores vitivinícolas ou as entidades certificadoras serán sancionadas de acordo coa Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

Disposición transitoria

Única.-Os operadores que teñan autorización expresa da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para indicar a variedade ou variedades e/ou o ano de colleita nos viños sen denominación de orixe protexida nin indicación xeográfica protexida con anterioridade á entrada en vigor desta orde, teñen un prazo de tres meses para solicitar unha nova autorización e adecuarse ao que se establece nela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de control da calidade agroalimentaria para que dite as disposicións necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural