DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2010 Páx. 13.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 26 de xullo de 2010 pola que se regula a concesión de axudas para a reparación dos danos provocados nos establecementos comerciais e nas infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal, pola que se desenvolve o Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións que se produciron os días 9 e 10 de xuño de 2010 na Mariña luguesa e nos concellos limítrofes.

No Diario Oficial de Galicia nº 115, do 18 de xuño de 2010, publicouse o Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións que se produciron os días 9 e 10 de xuño de 2010 na Mariña luguesa e nos concellos limítrofes.

No dito decreto establécese que serán obxecto de axuda, dun lado, os danos provocados nos establecementos comerciais, nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais afectos a estas actividades, e doutro, os danos ocasionados en infraestruturas locais, todos eles incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía e Industria, e que sexan consecuencia dos estragos ocasionados polas inundacións provocadas polo temporal Doris.

Por outra banda, o decreto prevé a súa aplicación ao ámbito territorial da Mariña luguesa e concellos limítrofes.

En consecuencia, e dadas as ditas previsións, cómpre proceder a fixar a contía e o procedemento de concesión de axudas, o que, en concordancia co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das posibilidades previstas no mencionado Decreto 96/2010, se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, por mor do especial obxecto e finalidade das axudas previstas.

Así, o procedemento que se articula nesta orde dá unha resposta inmediata á situación xerada polo temporal no ámbito do sector do comercio retallista, establecendo medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas producidas nos establecementos comerciais, no ámbito territorial da Mariña luguesa e nos concellos limítrofes. En definitiva, trátase de atender as necesidades dos colectivos afectados para contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedementais, a rexenerar e a reactivar a actividade comercial nas zonas devastadas polo temporal.

Con base no anterior, consonte o disposto na disposición derradeira segunda do Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións que se produciron os días 9 e 10 de xuño de 2010 na Mariña luguesa e nos concellos limítrofes, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar axudas para reparar os danos e perdas que, como consecuencia das inundacións provocadas polo temporal Doris durante os días 9 e 10 de xuño de 2010, se ocasionaron en:

a) Establecementos comerciais incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía e Industria.

Quedan excluídas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

b) Infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal.

Quedan excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os/as afectados/as.

2. Non obstante, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Procedemento de concesión.

Estas axudas outorgaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva, consonte o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

Artigo 4º.-Réxime xurídico aplicable.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, ambos nos seus preceptos básicos.

d) Normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

Artigo 5º.-Persoas beneficiarias e finalidade da axudas.

1. Poderán ser beneficiarios/as destas axudas:

a) Os/As titulares de establecementos comerciais incluídos no ámbito competencial desta consellería nos que se produciron danos.

Para estes efectos consideraranse os danos causados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria, e nas mercadorías depositadas neles, así como nos vehículos comerciais afectos a estas actividades.

b) Os concellos cuxas infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal resultaren danadas.

2. En todo caso, debe quedar suficientemente acreditada a relación de causalidade entre os danos producidos e o temporal acaecido.

Artigo 6º.-Crédito destinado ás axudas.

1. Para a concesión destas axudas destinarase unha contía de 200.000 euros, e o seu financiamento imputarase aos créditos previstos nas aplicacións orzamentarias seguintes:

-08.03.751A.770.5, polo importe de 100.000 euros.

-08.04.733B.760.5, polo importe de 100.000 euros.

2. No caso de esgotamento da partida orzamentaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web tal circunstancia e a inadmisión de posteriores solicitudes.

3. O anterior enténdese sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria que, no caso de se producir, será obxecto de publicación do Diario Oficial de Galicia e non suporía a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN532D, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio e na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, segundo corresponda, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería nas súas epígrafes de axudas e oficina virtual:

http://economiaeindustria.xunta.es

b) Teléfonos 981 54 55 94 (Dirección Xeral de Comercio), 881 99 94 31 (Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas) e fax 981 54 55 41 (Dirección Xeral de Comercio) e 981 54 55 15 (Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas).

c) Os enderezos electrónicos:

cei.dxcomercio@xunta.es

cei.dxiem.axudassoterramentos@xunta.es.

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 8º.-Solicitudes. Forma, lugar e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados que se inclúen como anexo I desta orde. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que se determinan no número 4 deste artigo.

2. Os formularios normalizados de solicitude regulados nesta orde poderaos obter, cubrir, validar e imprimir o/a solicitante a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN532D) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es. Tamén se pode acceder desde o enderezo

http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN532D.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

Malia contemplarse esta posibilidade, non resulta obrigado o emprego da aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. Independentemente da opción seguida para a obtención dos formularios, as solicitudes presentaranse en formato papel ante os rexistros validamente admitidos ou en formato electrónico ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes en formato electrónico presentaranse ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, e teranse que cumprir os seguintes requisitos:

O/a presentador/a deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os/as prestadores/as recoñecidos/as son: DNI electrónico, Camerfirma, Izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no punto seguinte deste artigo. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do/a presentador/a os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. Xunto cos formularios normalizados de solicitude, os/as solicitantes deberán presentar un exemplar, en orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI, no caso de persoas físicas (só no suposto de non autorización para a comprobación dos datos de carácter persoal, consonte o artigo 10.1º desta orde) e NIF, no caso de persoas xurídicas; nos supostos de representación, documentos acreditativos desta.

b) Escrituras de constitución e modificación e estatutos, no caso de persoas xurídicas.

c) Certificación expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o/a solicitante (só no suposto de non autorización para a obtención destas certificacións, consonte o artigo 10.1º desta orde).

d) Memoria descritiva dos danos causados e do correspondente investimento para a súa reparación, con detalle do orzamento ou facturas pro forma desagregados por partidas e do calendario de execución, acompañada polo proxecto técnico no caso de ser exixido polo concello para o tipo de obra ou investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo/a solicitante.

e) Informe pericial de valoración de danos asinado por perito colexiado.

f) Documentos gráficos en calquera soporte que dean fe do dano.

g) Acreditación da titularidade dos bens afectados e, de ser o caso, acreditación da titularidade do vehículo e da súa afectación á actividade que desenvolve.

h) Declaración xurada de que os danos son consecuencia do temporal acaecido, de conformidade co ámbito de aplicación establecido no Decreto 96/2010 (consonte o anexo II desta orde).

i) Calquera outra documentación que contribúa a probar a contía dos danos, a condición de afectado e a vinculación dos bens danados á actividade desenvolvida.

j) Póliza de aseguramento e/ou declaración xurada de que os bens danados para os cales solicita as axudas non están asegurados, están asegurados na súa totalidade ou están asegurados parcialmente (consonte o anexo II desta orde).

k) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución (consonte o anexo II desta orde).

l) Declaración xurada de que a persoa solicitante non está incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiario do artigo 10.2º da Lei de subvencións de Galicia, coa excepción da prevista na letra e), relativa ao cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e ao pagamento de débedas pendentes coa Administración pública da comunidade autónoma, xa que consonte o disposto na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, se exime de achegar os xustificantes correspondentes á inexistencia destas obrigas nos supostos de axudas de carácter compensatorio ou indemnizatorio, como é o caso das reguladas nesta orde (consonte o anexo II desta orde).

m) Certificación bancaria para o aboamento da axuda.

No caso de que o solicitante sexa un concello, deberá presentar os documentos relacionados nos parágrafos anteriores excepto os que figuran nas letras b) e c).

5. As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Contía das axudas.

1. A axuda será do 50% do investimento subvencionable entendendo por tal o custo da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais afectos á actividade comercial.

En función das dispoñibilidades orzamentarias e atendido o número de solicitudes admitidas, esta porcentaxe poderá elevarse ata o 100% do investimento tendo en conta, en todo caso, o disposto no artigo 2º desta orde.

2. Así mesmo, serán subvencionables os gastos correspondentes aos informes periciais relacionados no artigo 8.4º e), excepto os informes periciais previos asociados a pólizas de aseguramento.

3. A Consellería de Economía e Industria levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

Artigo 10º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, comportará, salvo denegación expresa, a autorización da persoa solicitante para que o órgano xestor obteña de forma directa as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Consonte o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

2. De conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración actuante, poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para non volver presentala. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

Artigo 11º.-Órganos competentes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ao conselleiro de Economía e Industria, e corresponderalles a súa tramitación e instrución ás direccións xerais de Comercio ou de Industria, Enerxía e Minas, de conformidade coa distribución competencial establecida no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

2. O órgano competente para a resolución das solicitudes será o conselleiro de Economía e Industria.

Artigo 12º.-Instrución.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 14º.-Resolución.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, formularase proposta de resolución, que se elevará a través do órgano instrutor ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria. Esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove (9) meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Segundo dispón o artigo 24 da Lei de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do/a beneficiario/a, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 15º.-Anticipos.

A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas. Nos supostos en que se proceda ao anticipo, constituirase unha garantía mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto no artigo seguinte.

Artigo 16º.-Xustificación.

O/a perceptor/a da axuda queda obrigado/a a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo a memoria e o proxecto básico presentados, de xeito que se manteña a situación existente antes de se producir o temporal.

Polo tanto, para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a deberá presentar, con data límite do 30 de novembro de 2010, a seguinte documentación xustificativa:

-Facturas xustificativas de materialización da reparación ou reposición dos danos, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos gastos realizados ou, no caso dos concellos, certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

-De ser o caso, facturas xustificativas indicando nelas o concepto, importe sen IVE e importe total, así como os documentos xustificativos do pagamento correspondentes ao informe pericial.

-Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

A Consellería de Economía e Industria reserva para si a facultade de comprobación in situ cando finalicen os traballos para verificar a súa conformidade coa memoria e o proxecto.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o silencio, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o silencio.

Todo isto sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 18º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. As persoas beneficiarias quedan sometidas ao réxime de obrigas previsto no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, entre as cales se atopa a de someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financiero, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 19º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-No non previsto nesta orde aplicaranse a Lei de subvencións de Galicia e demais normativa en materia de subvencións.

Segunda.-A resolución de concesión de axudas reguladas nesta orde quedará condicionada á decisión positiva da Comisión Europea sobre a compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 108.3º do Tratado de funcionamento da Unión Europea, extremo este que deberá constar no acto administrativo de concesión.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "14200D003P041.PDF"