DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2010 Páx. 13.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades locais para apoio aos centros de información ás mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (SI427B).

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI), organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia, en virtude do establecido na disposición adicional do Decreto 82/2009, do 21 de abril, e creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, ten atribuídas, entre outras funcións, a achega de información e asesoramento especializado ás mulleres, facilitar a súa formación cara á mellora da súa empregabilidade, así como incentivar a súa participación na vida política, económica, cultural, educativa e social.

No exercicio das súas funcións, ao organismo correspóndelle executar as medidas definidas para a consecución efectiva da igualdade das mulleres, levar a cabo plans e programas de acción e colaborar no desenvolvemento de actuacións que realicen as administracións locais a prol dos obxectivos establecidos na Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, así como cooperar con todas as entidades que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos nesta lei.

Dentro deste marco de actuación, esta convocatoria vai dirixida ás entidades locais titulares de centros de información acreditados conforme o disposto no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de atención ás mulleres que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico, información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas á empregabilidade feminina e calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O procedemento para a concesión de subvencións a través desta resolución seguirá o réxime xeral de concorrencia competitiva, tendo en conta, en todo caso, os principios básicos de publicidade, transparencia e obxectividade; adaptarase en todo o procedemento ao establecido na normativa autonómica e na estatal e comunitaria de aplicación, con especial atención aos regulamentos comunitarios que regulan a xestión de fondos estruturais.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida, sen constitución de garantías, no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, réxime e convocatoria.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de axudas do SGI, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais titulares de centros de información ás mulleres (CIM), acreditados segundo o establecido no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, destinadas a estes centros para o financiamento do gasto de persoal e para o desenvolvemento de proxectos formativos para mulleres.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Financiamento.

Ás subvencións obxecto desta convocatoria, que están cofinanciadas ao 80% polo Fondo Social Europeo do período de programación 2007-2013, dedícase un orzamento total de 3.245.000,00 euros que se distribúe do seguinte xeito:

a) Liña 1: financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.80.313B.460.0 (eixo 2 medida 2.69) do orzamento de gastos do SGI para 2010, cun importe de 3.000.000,00 euros.

b) Liña 2: financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.80.313B.460.1 (eixo 3 medida 3.72) cun importe de 245.000,00 euros.

De acordo co disposto no artigo 30.2º do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; e no suposto previsto no artigo 25.3º do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, á aprobación previa da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta resolución publícanse no DOG. Non obstante, preferentemente, poderanse obter, cubrir e imprimir a través da web oficial.

3. As solicitudes dirixiranse á directora do SGI e presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Instrución, avaliación e resolución do procedemento.

A instrución, avaliación e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Lugar e prazos de presentación de xustificación.

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades locais presentarán nos lugares indicados no artigo 3º desta convocatoria a documentación que sinala o artigo 16º das bases reguladoras, nos seguintes prazos:

a) As axudas correspondentes á liña 1 do artigo 1º das bases reguladoras poderán xustificarse ata o 30 de novembro de 2010.

b) As axudas correspondentes á liña 2 do artigo 1º das bases reguladoras poderán xustificarse ata o 15 de novembro de 2010.

Artigo 6º.-Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional no SGI, na Secretaria Xeral da Igualdade, nos servizos de igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial, dos teléfonos 981 54 53 69, 981 54 53 66, no enderezo electrónico igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o seu desenvolvemento.

A Dirección do SGI ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2010.

P.S. (Resolución 4-5-2009)

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás entidades locais titulares de centros de información ás mulleres (CIM), acreditados segundo o establecido no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, destinadas a estes centros para o financiamento do gasto de persoal e para o desenvolvemento de proxectos formativos para mulleres

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das axudas.

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto colaborar economicamente coas entidades locais titulares de CIM para o seu óptimo funcionamento e para o desenvolvemento de proxectos formativos dirixidos a mulleres da súa área de influencia para a mellora da súa empregabilidade. Consisten en dúas liñas de axuda:

Liña 1: axuda económica para o mantemento do CIM determinada en función dos postos de traballo do seu cadro de persoal.

Liña 2: axuda económica para a realización de proxectos formativos para mulleres.

1. Os tipos de axuda e contías que se establecen para a liña 1 son:

a) Incentivos ao mantemento de emprego estable para o desempeño das funcións específicas de asesoramento xurídico e psicolóxico ás mulleres, das funcións directivas e das funcións de animación sociocultural ou de axentes de igualdade. Así, cando os postos de traballo estean ocupados por persoal funcionario ou laboral fixo con formación acreditada en xénero, os concellos e mancomunidades recibirán as seguintes contías máximas:

a.1) 20.000 euros, por cada posto de traballo a tempo completo pertencente aos grupos A1 e A2 ou equivalente, que teña atribuídas as funcións de asesoramento psicolóxico, xurídico ou as directivas e que cumpra os requisitos de titulación académica establecidos no Decreto 182/2004.

a.2) 15.000 euros, por cada posto de traballo a tempo completo pertencente aos grupos A2 e C1 ou equivalente, que teña atribuídas as funcións de animación sociocultural ou axentes de igualdade.

a.3) 10.000 euros, por cada posto de traballo a tempo parcial pertencente aos grupos A1 e A2 ou equivalente, que teña atribuídas as funcións de asesoramento psicolóxico ou xurídico e que cumpra os requisitos de titulación académica establecida no Decreto 182/2004.

a.4) 7.500 euros, por cada posto de traballo a tempo parcial pertencente aos grupos A2 e C1 ou equivalente, que teña atribuídas as funcións de animación sociocultural ou axentes de igualdade.

b) Subvención, de ata 14.000 euros por cada especialidade, para os custos directamente vinculados á contratación eventual de profesionais para os casos en que as funcións de asesoramento xurídico e/ou psicolóxico fixadas no Decreto 182/2004 se presten por servizos externos, a través de contratacións laborais temporais ou contratacións mercantís.

1.1. O período de referencia para o cálculo dos incentivos e para a imputación de gasto da subvención será dos doce meses anteriores ao mes de decembro do exercicio da convocatoria. O incentivo reducirase naqueles casos en que a ocupación do posto nas condicións anteditas se produza por un período inferior ao de referencia e as reducións que se aplicarán serán de 1.000 euros/mes para os casos a.1) e a.2) e de 500 euros/mes para os casos a.3) e a.4). Os postos de traballo teñen que estar directamente asignados ao cadro de persoal do CIM e, se é ocaso, corresponderse coas funcións que fixa o Decreto 182/2004.

1.2. En todo caso o importe máximo que perciba cada entidade local titular de CIM para os tipos de axuda establecidos no punto 1 deste artigo queda fixado en 45.000 euros, por mor disto, cando o número de postos dea lugar a un incentivo global superior a esta contía, este reducirase para dar cumprimento ao establecido neste punto e o órgano concedente indicará os postos que quedan vinculados á axuda.

2. Para a realización de proxectos formativos da liña 2 establécese unha subvención para os gastos correntes e/ou de persoal vinculados directamente ao desenvolvemento de proxectos formativos para mulleres realizados desde os CIM. Consistirá nunha contía económica para sufragar os custos por hora de formación impartida que se fixará segundo o nivel de formación previsto, o grao de dificultade técnica e o nivel de especialización docente necesarios para levar a cabo o proxecto. Para ter dereito a subvención os proxectos terán por cada acción formativa un número de horas que non será inferior a 15 nin superior a 100, e o seu custo non excederá os 12.000 euros, agás que concorran circunstancias excepcionais expresamente razoadas no proxecto, en todo caso o tope máximo fíxase en 15.000 euros.

2.1. A subvención para formación poderá acadar o 100% do custo da acción e só será subvencionable un proxecto formativo por entidade, agás que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

2.2. Os proxectos formativos presentaranse cunha memoria razoada das necesidades formativas e conterán obrigatoriamente as seguintes alíneas:

a) Datos xerais: denominación do curso e duración total, obxectivos xerais, requisitos do profesorado (nivel académico, experiencia profesional), requisitos das alumnas (coñecementos previos, nivel académico, nivel profesional), número de alumnas, relación secuencial de módulos formativos, instalacións, equipamentos e materiais, emprego de tecnoloxías avanzadas, sistema de selección, medios de difusión e publicidade, cronograma, procedementos de xestión, control e avaliación.

b) Orzamento: custo estimado -euros/hora- do proxecto, describiranse pormenorizadamente os gastos concretos que a entidade teña que realizar para levalo a cabo (persoal docente, alugueres de instalacións, equipamentos, seguros, materiais didácticos, etc.) Neste orzamento especificarase a contía de fondos propios que, de ser o caso, a entidade achega para a realización.

c) Datos específicos: denominación e duración de cada módulo, enumeración dos contidos formativos.

d) Módulo complementario: políticas de igualdade (evolución e políticas vixentes, situación diferencial por razón de xénero, accións positivas para diferentes colectivos de mulleres, a igualdade de homes e mulleres no ámbito laboral). Este módulo, que é de obrigada inclusión en todos os proxectos formativos, terá unha duración equivalente ao 10% das horas totais e será impartido necesariamente por persoal con formación e/ou experiencia acreditada en xénero e políticas de igualdade. A xustificación deste requisito farase mediante a presentación do currículo e documentación xustificativa dos méritos alegados, documentación que forma parte do proxecto formativo.

e) De ser o caso, outras referencias salientables e susceptibles de valoración: períodos de prácticas, programación temporal de actividades relacionadas co curso, accións formativas con compromiso de contratación laboral, servizos complementarios para mulleres con especiais dificultades (servizos de conciliación), grao e tipo de participación, colaboración ou apoio doutras entidades públicas ou privadas para o seu desenvolvemento, etc.

2.3. As alumnas que rematen con aproveitamento a acción formativa obterán un certificado acreditativo que expedirá a entidade local, atendendo aos requisitos e instrucións establecidas e será rexistrado co visto e prace da dirección deste organismo.

3. Cando os importes dos servizos ou subministracións superen as contías establecidas no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes profesionais ou empresas provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega da subministración, salvo que polas especiais características do gasto non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

4. Para os efectos desta subvención non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Concorrencia.

Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o custo das accións subvencionadas. Non obstante o anterior, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do FSE ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das accións reguladas nesta convocatoria, as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (concellos ou mancomunidades) titulares de centros de información ás mulleres acreditados segundo o disposto no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento.

Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter esta condición aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable do/a interesado/a.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazos que se indiquen na respectiva convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Anexo II: solicitude.

b) Anexo III: certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención.

c) Anexo IV: declaración responsable asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e do SGI, de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e, de ser o caso, o compromiso de utilización da lingua galega.

d) Anexo V: declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

e) Memoria explicativa do funcionamento do centro de información para o que se solicita a axuda, definido para un período de doce meses, onde figure o custo, os obxectivos, poboación a que vai dirixido, ámbito xeográfico de influencia, medios materiais e humanos e réxime de funcionamento.

f) Certificación dos servizos de persoal, ou órgano equivalente, relativa ao custo salarial de cada posto de traballo do CIM, que reflectirá, como mínimo, o tipo de contrato, o grupo ou categoría profesional, os requisitos e titulacións exixidas, data de alta ou toma de posesión, retribucións básicas e complementarias e cotizacións sociais, de ser o caso.

g) Proxecto formativo conforme o sinalado no artigo 1º.2 destas bases, de ser o caso.

h) Anexo VI: no caso de que a entidade necesite concertar cunha terceira persoa a execución das accións da liña 2, ademais ten que achegar os documentos e cumprir os requisitos de acordo co establecido no artigo 14º destas bases.

i) Outra documentación de interese para a valoración da solicitude.

3. O SGI reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resulte que a entidade solicitante ou beneficiaria non está ao día das súas obrigas tributarias e sociais, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, este organismo publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. O SGI velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto ás medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; no entanto, o SGI revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Secretaría do SGI será o órgano competente para a instrución do procedemento, correspondéndolle á directora do organismo a súa resolución.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriranse ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan se teñan por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Esta publicación tamén se realizará na páxina web do SGI. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, sen posibilidade de emenda e procederase ao seu arquivo, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, de determinar o orzamento elixible en cada caso, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás entidades interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A secretaria do SGI, que a presidirá.

b) A subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Secretaria Xeral da Igualdade.

c) Os/as xefes/as do Servizo de Estudos e Programas do SGI e de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) O/a xefe/a do Servizo de Cooperación do SGI, que exercerá as funcións de secretario/a.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Dirección do SGI.

4. A comisión poderá estar asistida por persoas expertas externas e, así mesmo, poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, a porcentaxe que se aplicará ao tope de axuda específico para cada solicitude e a contía da axuda resultante, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das accións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre, de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios que servirán de base para a determinación da porcentaxe aplicable para o cálculo da contía do incentivo ao emprego estable e da subvención para os custos da contratación de servizos profesionais nos CIM serán os seguintes:

a) Ámbito territorial de influencia: máximo 20 puntos:

-CIM supramunicipal: 5 puntos/ concello.

-CIM con ámbito de atención a concellos da contorna, establecido a través de convenio: 5 puntos/concello.

b) Poboación: máximo 20 puntos:

-Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes: 5 puntos.

-Concellos con poboación entre 5.001 e 10.000 habitantes: 10 puntos.

-Concellos con poboación entre 10.001 e 15.000 habitantes: 15 puntos.

-Concellos con poboación superior a 15.000 habitantes: 20 puntos.

c) Servizos prestados: máximo 20 puntos:

-Atención xurídica prestada en horario superior a 6 horas/semana (máis de 6 horas ata 10 h: 1 punto; de 11 h a 15 h: 2 puntos; de 16 h a 20 h: 3 puntos; de 21 h a 25 h: 4 puntos; máis de 25 h: 5 puntos): máx. 5 puntos.

-Atención psicolóxica prestada en horario superior a 6 horas/semana (máis de 6 horas ata 10 h: 1 punto; de 11 h a 15 h: 2 puntos; de 16 h a 20 h: 3 puntos; de 21 h a 25 h: 4 puntos; máis de 25 h: 5 puntos): máx. 5 puntos.

-Funcións directivas realizadas por persoal distinto ao que presta as funcións de atención xurídica e psicolóxica: 5 puntos.

-Outras funcións directamente vinculadas ás competencias do centro (dinamización sociocultural, información e asesoramento laboral...) realizadas por persoal específico adscrito ao CIM: 5 puntos.

d) Calidade do servizo: máximo 35 puntos:

-Nivel de especialización do persoal adscrito ás funcións directivas: máx. 5 puntos.

-Nivel de especialización do persoal adscrito ás funcións de asesoramento xurídico: máx. 5 puntos.

-Nivel de especialización do persoal adscrito ás funcións de asesoramento psicolóxico: máx. 5 puntos.

-Proporcionalidade dos medios humanos e materiais do centro e o número de mulleres atendidas: máx. 5 puntos.

-CIM con financiamento deste organismo no exercicio anterior e óptimo rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación: máx. 5 puntos.

-Rigor técnico-administrativo na prestación de servizos ás usuarias e nas relacións institucionais: máx. 5 puntos.

-Existencia no cadro de persoal dun posto específico ocupado por especialistas en xénero ou axentes de igualdade: máx. 5 puntos.

e) Galego:

-Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (número 2 do anexo IV): 5 puntos.

2. Os criterios que servirán de base para a determinación da porcentaxe aplicable para o cálculo da contía da subvención para a realización de proxectos formativos serán os seguintes:

a) Ámbito de desenvolvemento do proxecto en zona rural (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2 ): máximo 15 puntos:

-Local: 15 puntos.

-Comarcal: 12 puntos.

-Intercomarcal: 10 puntos.

b) Mulleres destinatarias da formación (para o cómputo desta alínea é necesario que polo menos o 75% das participantes estea nalgunha das situacións valoradas): máximo 20 puntos:

-Desempregadas en situacións de especiais dificultades: 20 puntos.

-Desempregadas soas con cargas familiares: 18 puntos.

-Desempregadas maiores de 45 anos: 16 puntos.

-Desempregadas de longa duración: 14 puntos.

c) Tipo de proxecto formativo: máximo 20 puntos:

-Cursos que promovan a cualificación das mulleres en actividades emerxentes ou novos viveiros de emprego no ámbito territorial de referencia: 20 puntos.

-Cursos que promovan a cualificación das mulleres en sectores vinculados a tecnoloxías avanzadas: 18 puntos.

-Cursos que promovan a cualificación das mulleres en profesións ligadas a sectores económicos prioritarios na comarca: 16 puntos.

-Cursos que promovan a cualificación das mulleres nas seguintes áreas: empresa/economía; informática/tecnoloxía; ambiente; servizos socioculturais e á comunidade: 14 puntos.

d) Custo económico do proxecto (o número máximo de alumnas para o cómputo é de 15): máximo 10 puntos:

-Entre 4 e 5 euros/hora/alumna: 10 puntos.

-Entre 6 e 7 euros/hora/alumna: 8 puntos.

-Entre 8 e 10 euros/hora/alumna: 6 puntos.

e) Calidade do proxecto: máximo 30 puntos:

-Proxectos con compromiso de contratación laboral ou promoción profesional para máis do 5% das alumnas participantes: máx. 10 puntos.

-Deseño e metodoloxía definida para a realización e avaliación do proxecto: máx. 10 puntos.

-Experiencia na organización e desenvolvemento de proxectos semellantes con acreditación de resultados (porcentaxe e grao de calidade de empregos obtidos directamente vinculados aos proxectos formativos): máx. 5 puntos.

-Recursos técnicos, humanos, materiais e económicos achegados pola entidade: máx. 5 puntos.

f) Galego:

-Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (número 2 do anexo IV): 5 puntos.

3. Atendendo ao disposto no artigo 1º destas bases, a cada solicitude, e segundo cada tipo de axuda, corresponderalle o 100% da contía cando a puntuación resultante sexa superior ao 50% da puntuación que obtivese a proposta mellor avaliada; en caso contrario, por cada punto inferior a esta valoración reducirase nun punto porcentual a contía da axuda. En caso de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios empezando pola letra a).

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. As resolucións dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a entidade solicitante ou a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención, a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa.

2. O prazo para resolver será o establecido na corresponde convocatoria, transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6ºb) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes denegadas notificaranse individualmente, con indicación das causas; non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a dirección do organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cando se trate de proxectos formativos e por circunstancias sobrevidas se varíe o contido específico das actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no resultado da acción e/ou na contía da axuda, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a entidade solicite a modificación para a súa avaliación antes do desenvolvemento do proxecto.

b) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta resolución.

c) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiras persoas.

d) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora do organismo, logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para o que se concedeu a axuda, agás modificacións autorizadas.

2. Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

3. Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos (ata o ano 2018) a partir do peche do programa operativo.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración, e do SGI, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

7. Facilitarlle ao persoal asignado polo SGI para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de ter autorizada a subcontratación da acción formativa, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitaren ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións formativas subcontratadas.

8. No caso de proxectos formativos, comunicar, cunha antelación mínima de 10 días, o inicio da actividade indicando lugar, datas, horario e teléfonos de contacto da persoa responsable do proxecto. Xunto coa xustificación da subvención, presentar a acta de selección de alumnas, os controis permanentes de asistencia e a certificación de realización en que consten os datos de identidade e residencia de todas as alumnas participantes, o resultado da avaliación e os diplomas correspondentes para a súa supervisión e rexistro. No prazo máximo de seis meses posteriores ao remate a acción presentarase un informe sobre a situación laboral das alumnas formadas.

9. Presentar nos dez primeiros días do ano seguinte a memoria de funcionamento anual do CIM.

10. Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Reintegrar totalmente o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de mora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

*Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

*Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

*Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

*Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

*Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas percibidas para a mesma finalidade de calquera administración ou ente público ou privado.

*Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se reintegrara parcialmente responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

12. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 14º.-Subcontratación.

1. Ao abeiro desta convocatoria as axudas da liña 1 quedan excluídas da subcontratación; unicamente poderá ser obxecto de subcontratación a realización dos proxectos formativos subvencionados con centros de formación ocupacional homologados pola Administración autonómica, tendo en conta o disposto neste artigo e de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A subcontratación realizarase por unha soa vez e poderá acadar o 100% da acción subvencionada, en todo caso quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

3. A subcontratación para as actividades formativas obxecto desta convocatoria exixe autorización previa, a súa necesidade estará debidamente motivada, as actividades que se pretendan subcontratar realizaranse necesariamente con posterioridade á súa autorización, que se notificará só nos casos en que sexa favorable xunto coa resolución de concesión da subvención. O contrato celebrarase por escrito.

4. Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

5. Os/as subcontratistas están obrigados/as a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

6. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 15º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación do SGI quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar as axudas concedidas pola liña 1 as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo e lugares sinalados no artigo 5º da convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

b) Certificación de finalidade: documento expedido polo órgano competente da entidade local, que acredite que se cumpriu o obxecto para o cal se concedeu a subvención. Incluirá o importe do gastos de persoal do CIM realizados pola entidade no período subvencionable diferenciado por posto de traballo.

c) Declaración de axudas actualizada á data de xustificación (anexo V).

d) No caso de subvencións para gastos por servizos externos: facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

2. Para cobrar as axudas concedidas pola liña 2 as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo e lugares sinalados no artigo 5º da convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

b) Certificación de finalidade e de gasto: documento expedido polo órgano competente da entidade local, que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o que se concedeu a subvención. Incluirá a desagregación pormenorizada de todos os gastos realizados, de conformidade co orzamento reflectido no artigo 1º.2.2º b).

c) Declaración de axudas actualizada á data de xustificación (anexo V) .

d) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

e) Acta de selección de alumnas, fichas dos controis permanentes de asistencia e certificación de alumnas que completan a formación, en que consten os datos de identidade e residencia de todas elas, o resultado da avaliación e os diplomas correspondentes para a súa supervisión e rexistro (as entidades disporán de información específica e modelos de documentación que lles faciliten o cumprimento do exixido neste punto na páxina web oficial).

f) Memoria da actuación realizada á cal se xuntará un exemplar dos materiais didácticos e de todos aqueles outros materiais ou carteis, folletos, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complementa a xustificación da actividade subvencionada.

3. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa adecuado aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede do prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último

trimestre do exercicio da convocatoria.

4. As facturas, ou documentos equivalentes, presentaranse en orixinal para seren seladas, polo SGI, cun selo que indicará o procedemento para o que se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

5. A xustificación do pagamento das facturas, ou documentos equivalentes, farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc.) en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das cales é obxecto.

6. As entidades beneficiarias deberán acreditar, na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

7. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Una vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Cando a entidade beneficiaria o solicite expresamente, dentro do mes seguinte ao da notificación da concesión, poderán acordarse anticipos de ata o 80% da contía da subvención concedida.

3. Cando a entidade beneficiaria o solicite expresamente poderán acordarse pagamentos fraccionados á conta que responderán ao ritmo de realización da acción subvencionada, aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, para o que se achegará a documentación establecida no artigo anterior, e non superarán o 80% da contía da concesión. En todo caso os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Procederá a minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento executado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final ou, de ser o caso, dos pagamentos parciais, de acordo co artigo 5º destas bases, polo órgano xestor incorporarase ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

6. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotización devengadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19º.-Control.

1. O SGI poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nestas bases.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, realizarase unha comprobación por mostraxe aleatoria en que o 25% das axudas concedidas en cada liña será obxecto de control. Para isto o SGI, ben con persoal propio, da Secretaría Xeral da Igualdade ou a través de empresas auditoras, realizará actuacións de comprobación e control nos CIM para verificar o cumprimento das condicións para a percepción da axuda por incentivo e/ou da axuda para proxectos formativos. As comprobacións en todas as axudas incidirán sobre todos aqueles extremos que garantan o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases, nomeadamente nas contratacións, nomeamentos, tomas de posesión, altas na Seguridade Social ou mutualidades profesionais, efectividade dos pagamentos, das retencións á conta dos impostos correspondentes e dos seguros sociais, así como das obrigas sobre publicidade e información; no proxecto formativo comprobarase, ademais, a realización dos compromisos adquiridos. Os controis sobre proxectos

formativos terán lugar durante a realización dos cursos e as comprobacións sobre o funcionamento e persoal dos CIM poderán producirse en calquera momento posterior á adxudicación da axuda.

3. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente do SGI xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través do SGI e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se realice a prestación do servizo ou onde se desenvolva o proxecto formativo deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Secretaria Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada

inclusión.

Cando o proxecto se publicite nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio; cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e dos artigos 6 e 7.2º d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non recollido nestas bases estarase ao disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro,

xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "14000D005P036.PDF"