DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2010 Páx. 13.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 19 de xullo de 2010 pola que se modifica o anexo da Orde do 25 de xuño de 2009, pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

Con data do 6 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

A dita orde aprobouse ao abeiro da normativa de aplicación, isto é, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; o Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas e a oposición a elas e o Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

Como é preceptivo, a dita orde incluía como anexo o novo prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia, a que se dá publicidade deste xeito antes da remisión da solicitude de modificación aos servizos da Comisión Europea, de acordo co procedemento establecido na normativa antes citada.

Posteriormente, mediante a Orde do 18 de xaneiro de 2010, modificouse a letra E do punto 5 do dito anexo para adecuar determinadas especificacións ás exixencias do proceso de acreditación en que está inmerso o consello regulador desta indicación xeográfica protexida.

Con posterioridade, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, os seus servizos trasladan a necesidade de facer algunha modificación puntual no dito prego de condicións, en concreto na súa letra H, relativa á etiquetaxe.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

Modificase a letra H (etiquetaxe) do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia, publicado como anexo da Orde do 25 de xuño de 2009, que queda coa seguinte redacción:

«H) Etiquetaxe.

En todos os envases que conteñan o produto amparado deberá aparecer impreso, en tamaño dun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación e a lenda indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

Así mesmo, cada envase levará unha contraetiqueta expedida polo consello regulador, numerada correlativamente e co logotipo da denominación».

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME

E DA MULLER