DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 21 de xullo de 2010 Páx. 13.267

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 16 de xullo de 2010 pola que se estende o uso da imaxe corporativa do Servizo Galego de Saúde aos centros, servizos, establecementos sanitarios e administrativos, e as entidades públicas dependentes del.

Con data 11 de maio de 2007 foi publicada a Orde do 17 de abril de 2007, pola que se establecen o símbolo, o logotipo e o manual da identidade corporativa do Servizo Galego de Saúde, e establece a súa disposición derradeira primeira que o Servizo Galego de Saúde desenvolverá a implantación progresiva do logotipo e imaxe corporativa en todos os seus ámbitos de aplicación.

O compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración da Xunta de Galicia, adquirido polo Goberno e feito norma no Decreto 79/2009, e no ámbito da identidade corporativa no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, debe ter a necesaria translación e reflexo nas normas regulamentarias polas que se establecen os símbolos e logotipos, así como o manual da identidade corporativa dos distintos organismos vinculados ou dependentes, entre os que se encontra o Servizo Galego de Saúde.

O Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, como organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, está integrado polos centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban. O Servizo Galego de Saúde e a totalidade de entidades adscritas a el gozan da reserva de nome e dos beneficios, exencións e franquías de calquera clase e natureza que as leis atribúen á Xunta de Galicia.

A diversidade de entidades e centros que integran o Servizo Galego de Saúde determina que existan símbolos e logotipos diversos que poden producir confusión e falta de identificación, en lugar de ofrecer unha visión homoxénea na súa proxección exterior, nas súas manifestacións externas e na súa relación cos cidadáns. Esta circunstancia unida a criterios de racionalización e redución do gasto público fai conveniente aprobar esta normativa, destinada a regular o uso dos símbolos, logotipo e da identidade corporativa do Servizo Galego de Saúde, realizando un esforzo de estandarización, establecendo a obrigatoriedade de utilización de símbolos e logotipos e identidade corporativa do Servizo Galego de Saúde a todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos vinculados ou dependentes do Servizo Galego de Saúde.

De acordo co anterior, conforme as facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A imaxe corporativa do Servizo Galego de Saúde establecida na Orde do 17 de abril de 2007, pola que se establecen o símbolo, o logotipo e o manual de imaxe corporativa do Servizo Galego de Saúde, deberán utilizala os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos, e as entidades sanitarias de natureza pública adscritas ao Servizo Galego de Saúde, agás a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Instituto Galego de Oftalmoloxía, Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria e Centro de Transfusión de Galicia.

Artigo 2º

Os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos, entidades sanitarias de natureza pública adscritas ao Servizo Galego de Saúde aos cales lles é de aplicación esta orde, deberán utilizar a imaxe corporativa na elaboración, emisión de documentos, modelos normalizados e material impreso, así como as informacións, publicacións, comunicacións ou calquera tipo de expresión sexa o que fose o tipo de soporte, incluídos os telemáticos e audiovisuais, así como os carteis ou sinalizacións que elaboren ou utilicen.

Deberase utilizar a imaxe corporativa no material de lenzaría e roupa que leve imaxe impresa que utilicen os distintos centros.

Disposición adicional

Única.-Facúltase o titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde para adoptar cantas medidas e instrucións sexan necesarias na aplicación desta orde.

Disposición transitoria

Única.-Seguiranse utilizando, ata que se esgoten, as existencias de material impreso e de todo elemento que exhiba a anterior imaxe en canto permanezan en condicións de bo uso. A imaxe corporativa aplicarase sempre que proceda a adquisición, reposición ou reedición de todo elemento que deba exhibila.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2010.

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA