DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2010 Páx. 13.195

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de xuño de 2010 pola que se modifica a Orde do 13 de febreiro de 2001, de creación da Comisión Galega de Bioética.

O Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial, estableceu na súa disposición adicional primeira que por orde da Consellería de Sanidade se establecerían a creación, composición e funcións da Comisión Galega de Bioética, cuxo ámbito xeográfico e institucional de actuación é a Comunidade Autónoma de Galicia e que actúa como órgano asesor da consellería nesta materia.

Tendo en conta esta previsión regulamentaria, por Orde do 13 de febreiro de 2001 creouse a Comisión Galega de Bioética como órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería de Sanidade, adscrito actualmente á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

A mesma orde estableceu no seu artigo 9 que a Comisión Galega de Bioética deberá aprobar un regulamento interno en que se estableza a periodicidade de reunión, que deberá ser, polo menos, semestral, e que se axustará ás previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no que se refire ás regras básicas de funcionamento dos órganos colexiados.

Emprendida a tarefa de impulsar o funcionamento do órgano consultivo antes citado e dotalo do necesario regulamento de funcionamento, cómpre realizar algúns axustes na normativa aplicable, co obxecto de que o dito regulamento, xunto coas disposicións regulamentarias vixentes, formen un corpo normativo homoxéneo, concordante e harmónico para servir con eficacia á finalidade prevista coa normativa.

Por tal motivo, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación coa disposición adicional primeira do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 1 da Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Modifícase o artigo 1 da orde citada, que queda redactado como segue:

«Artigo 1º.-Creación e ámbito de actuación.

Créase a Comisión Galega de Bioética como órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería de Sanidade, adscrito á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma galega.»

Artigo 2º.-Modificación do artigo 2, alínea f), da Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Modifícase a alínea f) do artigo 2 da citada orde, que queda redactado como segue:

«f) Calquera outra que lle sexa encomendada ou solicitada pola persoa titular da Consellería de Sanidade, ou que veña determinada no correspondente regulamento interno.»

Artigo 3º.-Modificación do artigo 4 da Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Modifícase o artigo 4 da citada orde, que quedará redactado do seguinte xeito:

«Artigo 4º.-Presidente/a.

O/a presidente/a da Comisión Galega de Bioética será a persoa titular da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, ou persoa en quen delegue.

Son funcións do/a presidente/a coordinar as reunións e ordenar a súa convocatoria, e todas as demais que lle asignen o Regulamento de réxime interno da comisión e o artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.»

Artigo 4º.-Modificación do artigo 6 da Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Modifícase o artigo 6 da citada orde, que quedará redactado como segue:

«Artigo 6º.-Nomeamento e cesamento dos vogais.

Os/as vogais da Comisión Galega de Bioética serán nomeados/as e cesados/as mediante orde da persoa titular da Consellería de Sanidade.

Os/as vogais serán nomeados/as por un período de tres anos, renovable por un período igual, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no artigo seguinte.»

Artigo 5º.-Introdución dun artigo 6 bis na Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Engádese un artigo 6 bis na citada orde, coa seguinte redacción:

«Artigo 6º bis.-Causas de cesamento e substitución dos membros da comisión.

1. Serán causas de cesamento dos/as membros da Comisión Galega de Bioética as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeados/as.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a presidencia da comisión.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo expreso da autoridade competente para o seu nomeamento.

f) Incumprimento reiterado das obrigas.

2. Cando un membro da comisión cese por algunha das causas indicadas anteriormente, esta poderá designar un substituto/a, en tanto se procede á cobertura da vacante do xeito establecido no artigo precedente.»

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2010.

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade