DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2010 Páx. 13.195

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 13 de xullo de 2010 pola que se incorpora un novo procedemento ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, regulado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, que permite a presentación por vía telemática de solicitudes, escritos e comunicacións. Esta orde ten por obxecto incluír no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, un novo procedemento, co fin de continuar impulsando o emprego de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da actividade da Xunta de Galicia e no exercicio das súas competencias.

De conformidade co disposto no artigo 2.2º e a disposición adicional primeira b) e derradeira primeira do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, créase o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ao cidadán.

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Inclúese no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, procedementos para os que está habilitado o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, e queda pois, habilitado cos efectos previstos no seu artigo 5.1º, o seguinte procedemento:

IG524A. Axudas do Igape para o programa de apoio ao acceso ao financiamento para circulante, refinanciamento de pasivos e ampliación de capital das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (re-Solve+).

2. O procedemento para a tramitación electrónica estará dispoñible no enderezo:

http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza