DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2010 Páx. 12.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 5 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o 2010 das axudas destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

O sector de planta ornamental e produtos da floricultura en Galicia ten unha importante potencialidade polas súas condicións agroclimáticas e constitúe unha fonte de xeración de renda e de emprego no eido rural. Non obstante, presenta importantes debilidades canto á concentración da oferta, instalacións e infraestruturas de produción e de comercialización, certa estacionalidade na produción, así como circuítos comerciais pouco desenvolvidos para atender as necesidades do mercado.

Os investimentos encamiñados a mellorar o nivel tecnolóxico e de mecanización das explotacións, así como á calidade dos produtos obtidos, son imprescindibles para elevar a eficiencia do sistema produtivo e, por tanto, a posición competitiva das empresas do sector.

Unha adecuada promoción dos produtos é tamén fundamental á hora de manter a competitividade.

O Real decreto 233/2002, de 1 de marzo, establecía as bases reguladoras para o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e para as medidas de apoio á súa constitución e funcionamento.

A través da Orde do 7 de maio de 2010, da Consellería do Medio Rural (DOG nº 93, de 19 de maio), desenvólvese un réxime das axudas para sufragar, tanto os custos xerados da constitución dunha agrupación de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, como os gastos do seu funcionamento, por un período de cinco anos desde o recoñecemento da agrupación de produtores.

Por outra banda, as directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01) establecen as normas que se teñen que cumprir para a concesión por parte dos estados membros de axudas estatais para a mellora dos sectores.

De acordo con estas directrices, as axudas aos investimentos en explotacións agrarias, para fomentar a produción de produtos de calidade e para formación, deberán axustarse ao establecido no Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas.

Así mesmo, as axudas para transformación e comercialización deben cumprir algúns requisitos dos establecidos no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, de 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Mediante o Real decreto 863/2010, do 2 de xullo (BOE nº 161, do 3 de xullo), que modifica o Real decreto 202/2010, do 1 de marzo, (BOE nº 65, do 16 de marzo), establecense as bases reguladoras para a concesión de axudas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para mellorar a produción, a comercialización e a formación no sector de planta ornamental. O preámbulo e o artigo 17 desta norma atribúen ás diferentes comunidades autónomas en cuxo territorio radique a sede social da agrupación de produtores a xestión e pagamento destas axudas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece de acordo co seu artigo 30.3º que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

A Consellería do Medio Rural, en virtude do Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, exerce través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, as competencias sobre a promoción das asociacións e agrupacións agrogandeiras. Por todo isto

DISPOÑO:

Capítulo preliminar

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, (en adiante agrupacións de produtores), co fin de mellorar a competitividade das súas producións sempre que o seu emprego sexa ornamental e de fomentar accións comúns entre os socios das agrupacións de produtores.

2. As liñas de axuda serán as seguintes:

a) Axudas aos investimentos en explotacións e para a mellora da súa comercialización.

b) Axudas para fomentar a produción de produtos de calidade.

c) Axudas á formación.

3. As axudas irán dirixidas ao apoio daquelas actividades desenvolvidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia polas agrupacións de produtores, nos eidos da produción, comercialización e da formación.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Pequena ou mediana empresa (peme): de acordo coa a definición incluída no anexo I do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, sen aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros.

Dentro da categoría das peme, defínese:

a) Pequena empresa: unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

b) Microempresa: empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

2. Empresa intermedia: aquelas empresas que non estean incluidas na definición de peme e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta disposición, as agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, que sexan recoñecidas polo órgano competente da Consellería do Medio Rural da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, polo que se regula o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e se establecen medidas de apoio á súa constitución e funcionamento.

2. As axudas só poderán concederse ás explotacións agrarias que non estean na categoría de empresas en crise, segundo o establecido no artigo 2.16) do Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001.

3. Os beneficiarios non poderán ser sancionados pola Consellería de Medio Rural por infraccións relacionadas coas actividades e investimentos obxecto da solicitude de axuda, no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, dous anos se a infracción foi cualificada como grave e tres anos se foi cualificada como moi grave.

Artigo 4º.-Requisitos do beneficiario.

1. Cumprir os requisitos de recoñecemento de acordo co Real decreto 233/2002, do 1 de marzo.

2. Presentar un plan de acción que contribúa a acadar un ou máis dos seguintes obxectivos:

a) Mellora da produción e da comercialización, sempre que isto non supoña perturbacións da competencia.

b) Concentrar e adaptar a oferta á demanda.

c) Reducir os custos de produción.

d) Mellorar a calidade e variedade das plantas vivas e produtos da floricultura para incrementar o seu valor comercial.

e) Fomentar as accións comúns entre agrupacións de produtores.

f) Fomentar actuacións de formación.

g) Promocionar as plantas vivas e produtos da floricultura ante os consumidores.

3. O plan de acción conterá como mínimo o seguinte:

a) Descrición das actuacións que, cando sexa o caso, se leven a cabo para cada liña de axuda establecida nesta orde, sinalando que obxectivos dos indicados no número anterior, contribúen á súa consecución.

b) Determinación das necesidades financeiras para cada unha das actuacións e para cada liña de axuda.

c) Calendarios de execución e financiamento previstos para cada actuación e para cada tipo de axuda.

4. A duración do plan de acción será como mínimo dun exercicio e como máximo de tres. No entanto, a xestión das subvencións realizarase de forma anual.

Capítulo i

Axudas ás agrupacións de produtores

Sección primeira

Axudas aos investimentos en explotacións e para a mellora da súa comercialización

Artigo 5º.-Obxecto.

O obxecto destas axudas é realizar melloras da produción e a comercialización, concentrar e adaptar a oferta á demanda e reducir os custos de produción.

Artigo 6º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderá ser obxecto de subvención calquera das actuacións contidas nun plan de acción que contribúa aos obxectivos establecidos no artigo 4 desta orde.

2. As actuacións subvencionables figuran na lista non exhaustiva do anexo IX desta orde.

No entanto, non se concederán axudas para:

a) A adquisición de material vexetal.

b) Simples investimentos substitutivos.

c) Complementos directos dos prezos percibidos polos produtores.

d) Compra de material de segunda man.

3. As actuacións poderán realizarse nas instalacións da agrupación de produtores ou nas dos propios socios. As devanditas instalacións deberán ser propiedade da agrupación de produtores ou dos socios. No entanto, as instalacións onde leven a cabo os investimentos poderán ser arrendadas sempre que exista un contrato de arrendamento de, polo menos, 5 anos de duración.

4. As actuacións en infraestruturas e equipamentos deben respectar a lexislación vixente en materia de impacto ambiental.

Artigo 7º.-Límite e contía da axuda.

1. Para as actuacións de investimentos en explotacións descritas no artigo 6º, a axuda limitarase:

a) Ao 20 por cento do importe dos gastos e investimentos reais efectuados.

b) A un máximo de 200.000 euros por agrupación de produtores para actuacións executadas nun período máximo de 3 anos.

2. Para as actuacións de investimentos en mellora da comercialización a que se refire o artigo 6 a axuda limitarase:

a) Ao 20 % do importe dos gastos e investimentos reais efectuadas no caso de que sexan realizadas por agrupacións de produtores que sexan pequenas ou medianas empresas, de acordo co artigo 2.

b) Ao 10 por cento do importe dos gastos e investimentos reais efectuados no caso de que sexan realizadas por agrupacións de produtores que non sexan pequenas ou medianas empresas pero que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

3.- Non se concederán axudas para os investimentos de mellora da comercialización a empresas de maior tamaño que as descritas nas letras anteriores.

Sección segunda: axudas para fomentar a produción de produtos de calidade

Artigo 8º.-Obxecto.

O obxecto destas axudas é mellorar a calidade das plantas vivas e produtos da floricultura para incrementar o seu valor comercial.

Artigo 9 º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións sempre que teñan por finalidade o fomento de produtos agrícolas de calidade:

a) Actividades de estudo de mercado, de creación e concepción de produtos.

b) Implantación de métodos de garantía de calidade, como as series ISO 9000 ou 14000, sistemas baseados en análises de riscos e puntos críticos, sistemas de rastrexabilidade, sistemas para garantir o respecto de normas de comercialización ou sistemas de auditoría ambiental, ou calquera outro sistema de produción de calidade cuxa finalidade sexa a de que, mediante mecanismos de control encomendados a entidades independentes, se proporcione a máxima garantía de rastrexabilidade, calidade e información ao consumidor sobre os produtos de plantas vivas e produtos da floricultura, con exixencias diferentes ás establecidas pola lexislación básica sobre o devandito sector, e que impliquen unha ou máis fases da produción e a comercialización.

c) Certificación inicial dos sistemas establecidos na línea b) deste número.

2. As axudas concederanse só respecto dos custos de servizos prestados por terceiros.

3. Non serán subvencionables os gastos relacionados con investimentos.

Artigo 10º.-Límite e contía da axuda.

1. A axuda poderá chegar ao 50 % do importe dos gastos reais efectuados para levar a cabo as actuacións citadas no artigo 9º desta orde.

2. As agrupacións de produtores deben cumprir o requisito de seren pequenas ou medianas empresas, conforme o establecido no artigo 2º.

Sección terceira

Axudas á formación

Artigo 11º.-Obxecto.

1. O obxecto destas axudas é fomentar actuacións de formación do sector das plantas vivas e produtos da floricultura.

Artigo 12º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Educación e formación de agricultores e traballadores agrarios e, en concreto, poderán ser subvencionables os custos de organización do programa de formación, os gastos de viaxe e axudas de custo dos participantes.

b) Organización e participación en foros de intercambio de coñecementos, concursos, exhibicións e feiras específicas do sector de plantas vivas e produtos da floricultura para uso ornamental. En concreto, serán subvencionables os gastos de viaxe, o custo das publicacións necesarias, o aluguer dos locais de exposición e premios simbólicos por un valor máximo de 250 euros por premio e gañador.

c) Publicacións como catálogos ou sitios web que presenten información sobre os produtores dunha rexión determinada ou dun produto determinado, sempre que a información e a súa presentación sexan de carácter neutro e que todos os produtores interesados teñan as mesmas posibilidades de estar representados na publicación.

2. A axuda non poderá consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.

Artigo 13º.-Límite e contía da axuda.

1. A axuda poderá chegar ao 50 % do importe dos gastos reais efectuados para levar a cabo as actuacións citadas no artigo 12º desta orde.

2. As agrupacións de produtores deben cumprir o requisito de ser pequenas ou medianas empresas, conforme a definición do anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

capítulo II

xestión da axuda

Artigo 14º.-Solicitudes de axudas.

1. As agrupacións interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde, presentarán instancia dirixida ao conselleiro do Medio Rural de acordo co modelo que figura no anexo I, xunto á documentación especificada no seguinte artigo. O lugar de presentación será preferentemente na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nos edificios administrativos de San Caetano s/n 15781, Santiago de Compostela, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

4. A solicitude de axudas presentarase anualmente de acordo coa correspondente convocatoria.

5. Serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro, inclusive, do mesmo ano en que se solicita, sempre que se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

No caso de instalacións fixas e construcións, non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á confirmación por escrito, por parte desta consellería, de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade establecidas na normativa, co fin de autorizar o inicio dos investimentos. Se os investimentos se iniciaren antes de cumprir este requisito, non se concederán axudas ao conxunto do proxecto presentado.

6. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.

7. Os bens subvencionados deberanse destinar ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, por un período que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto de bens, e en todo caso nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida; estes extremos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

8. O beneficiario poderá subcontratar de acordo co sinalado no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a execución total da actividade que constitúe o obxecto da subvención.

Artigo 15º.-Documentación requirida na solicitude.

Xunto a solicitude de axuda segundo o anexo I desta orde, deberase achegar ademais, a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do CIF da entidade.

b) Copia cotexada do NIF do representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de datos de Identidade do Ministerio da Presidencia, e acreditación da súa representación.

c) Certificación da entidade financeira correspondente, en que se acredite a titularidade da conta para a cal se solicita o ingreso da axuda.

d) Certificación do acordo de solicitude de subvención, segundo o anexo III.

e) Plan de acción de acordo co número 3 do artigo 4º desta disposición.

f) Relación de investimentos e gastos para cada actuación descrita no plan de acción indicando a súa contía económica e a previsión por anos da súa execución, segundo o modelo do anexo IV.

g) Orzamentos e facturas proforma dos investimentos e gastos que se van a realizar.

Cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia a proposta económica máis vantaxosa.

h) No caso de novas construcións e instalacións fixas, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra ou capítulos de investimento, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición.

Se o investimento en obra civil é inferior a 30.000 euros, presentarase bosquexo e memoria descritiva da construción asinada por persoal técnico competente. No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, deberase presentar como mínimo un anteproxecto asinado por técnico competente.

De non presentar o proxecto definitivo no momento da solicitude, o beneficiario comprométese a presentar o dito proxecto visado polo correspondente colexio oficial, xunto coa primeira solicitude de pagamento en que se inclúan gastos relacionados coa súa execución material.

i) Licenza de obra ou, na súa falta, copia cotexada da súa solicitude e xustificación documental da cualificación urbanística do terreo en que se pretende construír, no caso de novas construccións. Os investimentos en instalacións xa existentes, presentarán copia cotexada da licenza municipal de actividade ou documentación acreditativa equivalente.

j) No caso de adquisición de inmobles, presentarase taxación oficial acompañada dunha descrición detallada e dun bosquexo do inmoble e a súa localización.

k) Documentación acreditativa de ser peme:

i. Declaración segundo anexo V,

ii. Copia cotexada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso de entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no Censo de actividades económicas,

iii. Balance da conta de resultados dos tres últimos exercicios presentadas no rexistro mercantil e realizadas de acordo co plan xeral de contabilidade. No caso de entidades de nova constitución presentaranse os documentos dos exercicios dispoñibles.

iv. Copia cotexada dos TC2 do último exercicio económico.

l) Declaración de non entrar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o anexo VI.

m) Declaración responsable do representante legal de non ter solicitado ou obtido subvencións ou axudas para a mesma finalidade, de acordo co anexo VII

Artigo 16º.-Instrución e resolución.

1. O órgano encargado da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, se non se presenta a documentación establecida, ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

3. O exame e a valoración das solicitudes levara a cabo unha comisión constituída polos seguintes membros:

Presidente: o xefe do Servizo de Mellora da Competitividade das Producións.

Vogais: dous funcionarios do Servizo de Mellora da Competitividade das Producións con categoría non inferior a xefe de sección.

Secretario: un funcionario do dito servizo que actuará con voz e sen voto.

4. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no artigo 17º desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe coa valoración, elevándoa á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, a cal establecerá a proposta de resolución.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

5. O conselleiro, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención no prazo máximo de nove meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o dito prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17º.-Criterios de valoración.

Para a selección de solicitudes a aprobar e a determinación da súa contía económica, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Por cada actuación do plan de acción que integre o obxectivo de reducir os custos de produción: 2 puntos.

b) Por cada actuación do plan de acción que integre o obxectivo de mellorar a calidade e variedade das plantas vivas e produtos da floricultura: 4 puntos.

c) Por cada actuación contida no plan de acción que contemple os obxectivos de información ou formación: 1 punto.

Se as actuacións das alíneas anteriores inciden en ámbitos relacionados co coidado ambiental, a hixiene e seguranza laboral ou na aplicación dun protocolo de boas prácticas agrarias, incrementarase cada valoración da actuación en 2 puntos máis.

d) De acordo co obxectivo de concentrar a oferta:

-Segundo o valor de vendas anuais comercializado conxuntamente por unha agrupación de produtores: 1 punto por cada 250.000 euros.

-Segundo o número de socios que integran a agrupación de produtores: 2 puntos por cada 7 socios.

Artigo 18º.-Xustificación e pagamento da axuda.

1. A xustificación da execución do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar con data máxima o 31 de decembro do ano da convocatoria, nos termos concretos da resolución de concesión.

2. A execución dos gastos e investimentos subvencionados nesta orde, acreditaranse mediante a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias cotexadas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa que xustifiquen os gastos e investimentos realizados.

b) Transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento, orixinal ou cotexado, que demostre fidedignamente o seu pagamento efectivo.

c) Copia cotexada da licenza de obra ou documentación acreditativa equivalente, e certificación final da obra valorada, no caso de investimentos en obra civil e se se trata do pagamento final da totalidade do conxunto do proxecto.

d) Para os investimentos en compra de bens inmobles, presentarase documento notarial de compravenda do ben que corresponda, xunto co xustificante da liquidación bancaria do seu importe.

e) Deberán facerse constar na escritura pública os compromisos adquiridos, así como o importe da subvención concedida, segundo o recollido no número 5 do artigo 4º desta orde.

f) Declaración de axudas solicitadas para o mesma finalidade segundo o modelo do anexo VII.

g) No caso de xustificación de investimentos relacionados co artigo 9º desta disposición, deberase presentar certificado acreditativo da implantación dos ditos sistemas.

h) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

3. O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo, previa presentación de solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo VIII. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención nos supostos de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. O incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos neste artigo ou a súa xustificación insuficiente, levará consigo, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas e os intereses de demora correspondentes, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 19º.-Cumprimento das axudas comunitarias.

O réxime de axudas establecidas nesta orde, ampárase no disposto na seguinte normativa comunitaria aplicable ás actuacións na fase de produción e comercialización de produtos agrarios, de acordo co seguinte:

a) Sección primeira: axudas para o investimento en explotacións e para mellorar a comercialización. Axústase ao disposto nos puntos IV.A.2. e IV.B.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 e nos artigos 4 do Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, e 15.4º do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Sección segunda: axudas para fomentar a produción de produtos de calidade: axústase ao disposto no número IV.J.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 e no artigo 14 do Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

c) Sección terceira: axudas á formación. Axústase ao disposto no punto IV.K.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 e no artigo 15 do Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

Artigo 20º.-Compatibilidade das axudas.

1. As axudas públicas concedidas ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción de axudas estatais para as agrupacións de produtores encamiñadas a incentivar a súa constitución establecidas no Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, compatibilizadas coa Comisión Europea o 17 de outubro de 2002 [Axuda 112/02, C(2002) 3500].

2. O límite conxunto para as axudas establecidas nas seccións 1ª a 3ª deste capítulo será de 300.000 euros por agrupación de produtores para actuacións realizadas nun período máximo de 3 anos.

3. Non se poderán percibir outras axudas diferentes ás establecidas neste artigo para realizar as mesmas actividades ou cubrir os mesmos custos. En concreto:

a) As axudas públicas concedidas ao abeiro desta orde serán incompatibles coa percepción de axudas comunitarias obtidas en virtude do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, de 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

b) No caso de agrupacións de produtores que teñan entre as súas producións plantas aromáticas das recollidas na Parte IX- Froitas e Hortalizas do Anexo I do Regulamento (CE) 1234/2007, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), as axudas establecidas no citado regulamento serán incompatibles coas reguladas nesta orde.

Artigo 21º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos, conceptos, ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 22º.-Seguimento e control.

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos correspondentes da dita dirección xeral, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular, da Consellaría do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 23º.-Reintegro das axudas.

Á vista do capítulo I do título II da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, resultará de aplicación o previsto no artigo 37 da propia lei, así como todo o disposto nela, en relación co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do interese de demora correspondente, nos casos previstos na normativa mencionada.

Artigo 24º.-Recursos administrativos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Sección cuarta

Convocatoria para o ano 2010

Artigo 25º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010, das axudas establecidas nesta orde.

Artigo 26º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación para a convocatoria do ano 2010, será ata o 31 de xullo, incluído, do dito ano.

Artigo 27º.-Financiamento das axudas.

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos fondos transferidos polo MARM, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e conforme o establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.712C 770.3 cunha dotación de 30.000 euros para o ano 2010.

Esta dotación poderán verse incrementada con outros remanentes orzamentarios destas ou doutras aplicacións, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-Condicionalidade das axudas.

De conformidade co artigo 9.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o pagamento das axudas establecidas no artigo 6º relativas aos investimentos en explotacións quedará condicionado á decisión positiva da Comisión Europea sobre compatibilidade delas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 108.3º do Tratado de Funcionamento da Unión Europea. A devandita condición deberá figurar nas resolucións de concesión da axuda.

A concesión das axudas reguladas nos artigos 6º relativas a mellorar a comercialización, 9º e 12º desta orde, queda condicionado á publicación do número de rexistro da solicitude de exención na páxina web da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, non sendo aplicables antes da devandita data.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Produción Agropecuaria, para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "13200D005P047.PDF"

ANEXO IX

Lista de actuacións subvencionables no marco das axudas

ao investimento

A) Investimentos en explotacións.

1. Melloras nos sistemas de rega, almacenamento, condución e tratamento de auga.

2. Mellora de invernadoiros.

3. Construcións auxiliares, como vías de acceso ás explotacións, almacéns en campo, etc.

4. Outras infraestruturas das explotacións, como estruturas de soporte e condución de cultivos, sistemas antixeada e antisarabia, etc.

5. Maquinaria de produción, clasificación, manipulación, refrixeración, etc. nas explotacións.

6. Adquisición/construción de naves, centrais destinadas á produción.

7. Custos xerais relacionados cos gastos indicados nos números anteriores, como os honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores e os estudos de viabilidade.

B) Investimentos para a mellora da comercialización.

1. Maquinaria necesaria para a comercialización: clasificación, manipulación, refrixeración, etc.

2. Adquisición/construción de naves, centrais destinadas á comercialización.