DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2010 Páx. 12.764

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 5 de xullo de 2010 pola que se modifica a do 17 de xuño de 2010, pola que se convoca concurso público dos terreos francos resultantes da declaración de caducidade de dereitos mineiros correspondentes á provincia de Ourense.

Con datas 29 e 30 de xuño de 2010 publicouse no BOE e no Diario Oficial de Galicia, respectivamente, a Orde do 17 de xuño de 2010, da Consellería de Economía e Industria, pola que se convoca concurso público dos terreos francos resultantes da declaración de caducidade de dereitos mineiros correspondentes á provincia de Ourense.

Co fin de evitar as posibles dúbidas que puideran suscitarse na aplicación do artigo oitavo da dita orde, na súa redacción orixinaria, considerase necesario modificalo.

Polo exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo oitavo da Orde do 17 de xuño de 2010, da Consellería de Economía e Industria, pola que se convoca concurso público dos terreos francos resultantes da declaración de caducidade de dereitos mineiros correspondentes á provincia de Ourense, quedando redactado da maneira que segue:

«Oitavo.-Apertura pública e admisión de solicitudes.

A apertura e admisión de solicitudes realizarase por unha mesa que se constituirá en acto público aos dez días hábiles seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes. A Constitución da mesa terá lugar as dez horas dese día na Dirección Xeral de Industria, Enerxía y Minas. Poderán asistir á apertura as persoas que presenten solicitudes.

A mesa estará formada polos seguintes membros:

-O Director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou persoa en quen delegue, que actuará, como Presidente.

-O xefe de Servizo de Xestión Mineira ou un Enxeñeiro de Minas designado polo Director xeral de Industria, Enerxía e Minas, que haberá de actuar como Secretario da Mesa.

-Un letrado do Gabinete xurídico territorial de Ourense.

-O Interventor delegado da Consellería de Economía e Industria.

-Un representante do Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria.

Constituída a Mesa dará lectura ao anuncio do concurso, procedendo ao reconto de solicitudes presentadas, dando coñecemento público do número de proposicións recibidas e do nome dos concursantes.

A continuación procederase á apertura dos sobres na orde habitual. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aquelas que non reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán inadmitidas, con indicación da causa de inadmisión».

Disposicións derradeiras

Primeira.-O disposto nesta orde non afecta aos prazos establecidos na Orde do 17 de xuño de 2010, da Consellería de Economía e Industria, pola que se convoca concurso público dos terreos francos resultantes da declaración de caducidade de dereitos mineiros correspondentes á provincia de Ourense.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte da súa ultima publicación.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009, DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria