DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2010 Páx. 12.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede a súa convocatoria para o ano 2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 5º que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da Comunidade Autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, establece como obxectivos centrais da área de medios de comunicación a necesidade de incrementar anualmente e de maneira constante o uso do galego nos medios públicos e privados, que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural; lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural, tematicamente variada e de calidade; pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional; e incrementar a presenza do galego na publicidade.

O plan establece ademais como medidas transversais aos diferentes sectores a promoción da cortesía lingüística e da oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua inicial, neste caso, no contacto coa persoa entrevistada.

En consonancia cos textos referidos e en cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral de Medios destinadas a empresas xornalísticas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e efectuar a convocatoria para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, dirixidas ao secretario xeral de Medios, poderán presentarse preferentemente no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As empresas que presenten solicitudes de axuda para máis dunha publicación deberán presentar unha solicitude por cada unha delas.

Artigo 4º.-Financiamento.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.461A.470.0, por importe de 63.566,00 € dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis (6) meses.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2010.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura galega nas tarefas de información xornalística e establecer subvencións ás empresas xornalísticas radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, que difundisen, durante o ano 2009, as súas publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior e nos termos establecidos no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, entenderanse como publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se impriman baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e actuacións excluídas.

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 20 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos) e que publicasen un mínimo de doce números no ano 2009.

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

e) Que non se distribúan como suplementos, ou de forma conxunta con outra publicación.

2. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano 2009, segundo informe da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se incorporará á acta da comisión de avaliación, non se publicasen en galego normativizado, segundo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega (DOG do 20 de abril de 1983) e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e as que incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da dita lei en materia de toponimia.

f) Aquelas publicacións que non se editase durante o ano 2009 ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.

Artigo 3º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse nos lugares e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada, de ser o caso:

1. Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados durante o ano 2009 e na cal se recolla de xeito específico unha epígrafe referida ao cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras.

2. Testemuña auténtica da escritura de poder, cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica, titular do medio.

3. Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil.

4. Fotocopia do NIF ou, de ser o caso, do CIF da empresa. Fotocopia do DNI do representante legal da empresa, que non será necesario presentar, no caso de que autorice a Secretaría Xeral de Medios, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

5. Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

6. Declaración da tiraxe e do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o ano 2009, acompañado da documentación que o acredite.

7. Documentación pola que se acredite, se é o caso, a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

8. As persoas peticionarias das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, de calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

9. Dous exemplares de cada número das publicacións para as que se solicita a axuda.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consonte expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Todo iso consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na orde da Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve aquel, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do seu DNI en vigor.

5. Conforme o disposto no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas exencións previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no formulario normalizado de solicitude, inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

1. A competencia para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta resolución correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda epígrafe 1 c) do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. O Servizo de Xestión de Medios Informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases así como na normativa de aplicación para poder ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas, así como a documentación que se xunte a elas.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase expresa indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que puidese resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendas os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, ou que non contén a documentación necesaria, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación das súas causas.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das axudas aos interesados. Para tal fin elaborará un informe no cal se especificarán: solicitudes que cumpren os requisitos para optar á subvención, avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición.

Presidenta: directora xeral de Comunicación.

Vicepresidente: secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vogais:

-A persoa responsable do gabinete de prensa da Dirección Xeral de Comunicación.

-Un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior a xefe de servizo.

-Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior a xefe de servizo.

-Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística nomeado por esta.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Criterio referido á periodicidade e aos números editados. Distribuirase segundo este criterio o 90% do crédito total, en proporción directa aos números editados da publicación obxecto de avaliación.

2. Criterio referido á tiraxe e difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio o 10% do crédito total, 5% en proporción directa á tiraxe e o 5% en proporción directa a difusión de exemplares da publicación obxecto de avaliación.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para efectos de subvención.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluídos os trámites, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que será elevada ao titular da Secretaría Xeral de Medios.

2. O titular da Secretaría Xeral de Medios, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación.

3. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Medios poñerán fin á vía administrativa, polo que contra elas, poderán os interesados interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución e reintegro das subvencións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1º n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas das empresas beneficiarias, xustificación e pagamento.

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, e en todo caso nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral de Medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) Dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle á Secretaría Xeral de Medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

2. Para os efectos de xustificar o compromiso establecido no artigo 1º.2 destas bases, relativo ao propósito de permanencia indefinida no tempo, a empresa beneficiaria deberá achegar declaración do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro de 2010.

Para a acreditar este compromiso, as empresas beneficiarias, presentarán, durante o mes de xaneiro de 2011, un exemplar de cada número publicado durante o ano 2010.

O incumprimento deste compromiso será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 12º destas bases.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 10º e acrediten o cumprimento do estipulado neste artigo.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 € publicarase no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 16º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, modificado por Decreto 237/2008, do 16 de outubro.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "13200D001P005.PDF"