DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 09 de xullo de 2010 Páx. 12.535

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 110/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo.

O 29 de xuño de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 125, o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo. Aínda que desde a súa aprobación e publicación ten transcorrido un breve período de tempo, razóns organizativas, funcionais e de oportunidade, aconsellan introducir algúns cambios co fin de facer máis eficaz a xestión administrativa.

A modificación que se propón consiste, fundamentalmente, nunha redistribución de competencias dentro da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, entre dous dos servizos que a integran -que a partir de agora cambian tamén de denominación- e responde á necesidade de articular mellor as actuacións nas que se concreta unha eficaz política de tutela do patrimonio cultural.

Así, por unha parte, co novo Servizo de Planeamento e Inventario, preténdese dotar de máis relevo e especialización as funcións relacionadas cos plans urbanísticos e de ordenación do territorio, xa que non se pode esquecer que o réxime de protección dos bens inmobles integrantes do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia se concreta, en gran medida, a través dos instrumentos urbanísticos e outros plans territoriais. A esa unidade corresponderá, entre outras, o importante labor de informar o planeamento, propoñer a delimitación dos camiños de Santiago e a definición dos contornos de protección dos bens que se declaren de interese cultural e a redacción, de ser o caso, dos seus plans especiais de protección.

Doutra parte, ao novo Servizo de Protección e Fomento encoméndaselle a coordinación e tramitación dos procedementos de autorización de obras e intervencións que afecten os bens incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e das liñas de axudas que se instrumenten de cara á súa protección.

Por último, polo que se refire ao Servizo de Vixilancia e Inspección, a novidade fundamental é o engadido da función de elaboración dun plan anual de inspección, que concrete as liñas de actuacións prioritarias da dirección xeral neste campo e contribúa a dar maior seguridade xurídica na interpretación e aplicación da lexislación de protección de patrimonio cultural.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo.

Modifícase o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, nos seguintes termos:

Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 6.dous do Decreto 337/2009, do 11 de xuño, que queda redactado como segue:

«1. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación, dirección, coordinación e execución das medidas e actuacións encamiñadas á protección do patrimonio cultural galego, así como a relación con outras administracións públicas e organismos en orde ao cumprimento dese obxectivo.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Planeamento e Inventario.

Son funcións deste servizo:

a) A formación, actualización e control do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

b) A tramitación e xestión dos expedientes de declaración de ben de interese cultural e de inclusión de bens no Catálogo e no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.

c) A dirección e coordinación cos servizos territoriais na elaboración dos informes sectoriais sobre os instrumentos de planeamento urbanístico e demais plans, programas e proxectos de incidencia supramunicipal, tanto públicos como privados, que poidan implicar risco de destrución ou deterioración do patrimonio cultural de Galicia.

d) A tramitación dos expedientes de delimitación dos camiños de Santiago en Galicia.

e) A elaboración do proxecto do Plan especial de protección do Camiño de Santiago e calquera outro que, con base nas previsións normativas, se poida formular para a mellor protección e ordenación dos bens integrantes do patrimonio cultural galego e os seus contornos, sen prexuízo das competencias da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

f) A prestación de apoio e asesoramento técnico, cando así proceda, na elaboración de instrumentos de planeamento e outros plans ou proxectos promovidos pola Xunta de Galicia e outras administracións que poidan afectar a protección do patrimonio cultural.

g) Calquera outra que se lle atribúa no ámbito das súas competencias.

1.2. Servizo de Protección e Fomento.

Son funcións deste servizo:

a) A tramitación dos expedientes de obras e intervencións que afecten os camiños de Santiago e a xestión do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

b) A tramitación dos expedientes da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico-Artístico e Documental da Igrexa de Galicia, para as intervencións sobre o patrimonio cultural de titularidade da Igrexa Católica e a xestión da subcomisión.

c) A secretaría da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de interese para Galicia.

d) A coordinación na tramitación de expedientes de protección do patrimonio cultural cos servizos de patrimonio dos departamentos territoriais da consellería e, en particular, os que se sometan a informe das comisións territoriais de Patrimonio Histórico.

e) A coordinación na elaboración e tramitación de disposicións normativas que afecten á protección do patrimonio cultural, incluíndo o réxime sancionador e o acceso aos bens de interese cultural.

f) A proposta e xestión das medidas de fomento de cara a unha mellor protección, accesibilidade e difusión do patrimonio cultural galego, sen prexuízo das competencias que en materia de fomento e promoción lle correspondan á Secretaría Xeral para o Turismo.

g) Calquera outra que se lle atribúa no ámbito das súas competencias.

1.3. Servizo de Vixilancia e Inspección.

Son funcións deste servizo:

a) A vixilancia sobre os bens de calquera natureza integrantes do patrimonio cultural de Galicia, para a súa protección e conservación.

b) A tramitación dos procedementos sancionadores por infraccións da normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural, e a realización de informes encamiñados a determinar e avaliar os danos producidos nel, así como a proposta á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de adopción de medidas cautelares.

c) A comprobación do cumprimento das normas, resolucións e ditames emanados da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

d) O control do rexistro das transaccións realizadas polas persoas ou entidades dedicadas ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural e do cumprimento dos requisitos para o exercicio desta actividade.

e) A elaboración dun plan anual de inspección.

f) A coordinación cos servizos dos departamentos territoriais competentes en materia de inspección dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia en canto á instrución dos expedientes sancionadores e as actuacións correspondentes á investigación, comprobación e comunicación sobre os feitos obxecto de reclamacións ou denuncias sobre presuntas afectacións a aquel patrimonio.

g) Calquera outra que se lle atribúa no ámbito das súas competencias».

Disposición transitoria

Única.-Como consecuencia da modificación da denominación dos servizos aos que se refire este decreto, autorízase o conselleiro de Cultura e Turismo, por proposta da Secretaría Xeral, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo