DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 08 de xullo de 2010 Páx. 12.517

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EDICTO do 10 de xuño de 2010, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición do expediente de clasificación do monte denominado O Bosque solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mosende, do concello do Porriño.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais: Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes), Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia), X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia), Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 7-6-2010, coa asistencia das persoas na marxe sinaladas, reúnese no2º andar do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación do monte denominado O Bosque solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Mosende, do concello do Porriño.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra do 22 de febreiro de 2010.

Segundo.-Contra a citada resolución Francisco Martínez Serodio, en data 9-4-2010 presenta recurso de reposición en que alega en síntese que procede clasificar o monte O Bosque a favor dos veciños da Comunidade de Mosende invocando, por unha banda, a necesaria estimación por silencio administrativo ao transcorrer máis dun ano desde a incoación do expediente e, por outra, invoca a existencia de aproveitamento veciñal do referido monte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como o artigo 12 da Lei 13/1989.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da precitada lei.

Terceiro.-Pretende o recorrente sustentar a clasificación solicitada no seu día facendo valer os efectos do silencio administrativo en virtude do previsto no artigo 43 da Lei 30/1992 e consonte o artigo 11 da Lei 13/1989. Non obstante, tal argumento non pode prosperar ao non se daren os supostos necesarios para que opere o silencio.

A Lei 13/ 1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, se refire no seu artigo 11.3º ao prazo de que dispón o xurado para resolver sobre a procedencia ou non da clasificación: un ano contado «a partir do seu comezo».

Deste xeito, e a pesar de ser un procedemento instado de parte, ou dies a quo, virá marcado pola data en que o órgano colexiado acordase a incoación do procedemento, pois só así podería entenderse o previsto no artigo 22 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: «o acordo expreso do xurado conterá designación de instrutor que deba tramitar o expediente, servindo o dito acordo como inicio deste».

Cuarto.-En canto ao segundo dos argumentos esgrimidos no recurso, debe recordarse novamente que o feito que determina a clasificación ou non como veciñal dun monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común polo grupo veciñal; pretender demostrar o uso comunal da parcela achegando como proba determinadas declaracións xuradas dalgúns dos veciños integrantes da parroquia de Mosende non pode, por si soa, considerarse proba suficiente neste suposto, tendo en conta o informe negativo do Servizo de Montes e a ausencia de calquera outro indicio ou proba de carácter máis sólido que permitan desvirtuar a resolución impugnada.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor propón e o xurado acorda por maioría dos seus membros, coa abstención do vogal X. Carlos Morgade Martínez:

A desestimación do recurso de reposición e confirmación en todos os seus termos da resolución impugnada do Xurado de Montes de data 22-2-2010.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de xuño de 2010.

Gerardo Zugasti Enrique

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra