DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 08 de xullo de 2010 Páx. 12.510

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EDICTO do 9 de xuño de 2010, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o expediente de clasificación do monte denominado Campo de Lebón da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Corrigatos, do concello de Moraña.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente:

Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Vogais representantes da CMVMC de Corrigatos:

Juan Antonio Pereira Fernández.

Diego Rodríguez Viqueira.

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 7 de xuño de 2010, coa asistencia das persoas á marxe reseñadas, reúnese no 2º andar do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre resolución do expediente de clasificación do monte denominado Campo de Lebón, solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Corrigatos, do concello de Moraña.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data de entrada 13 de novembro de 2008, Manuel Gamaño Camiño, na súa condición de veciño de Moraña onde indica que na Asemblea Xeral levada a cabo o 29 de xuño de 2008 se decide presentar unha solicitude de iniciación de clasificación do lugar Campo de Lebón como monte veciñal en man común a prol dos veciños da CMVMC de Corrigatos, parroquia de Saiáns (concello de Moraña), acompañando informe técnico, describindo o lugar, localización, superficie, aproveitamentos, clasificación urbanística e lindeiros.

Segundo.-O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 1 de outubro de 2009, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito lugar monte a prol da CMVMC de Corrigatos, parroquia de Saiáns (concello de Moraña).

Terceiro.-O rexistrador da propiedade de Caldas de Reis, así mesmo fai constar e remite fotocopia dos libros por non ter certeza de que o predio descrito no escrito remitido, estea incluído nalgún dos montes inscritos na parroquia de Saiáns o nome do Concello de Moraña.

Cuarto.-Á vista da documentación achegada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o lugar obxecto deste expediente, obedece á seguinte descrición:

Concello: Moraña.

Parroquia: Saiáns.

Lugar: Corrigatos.

Nome do monte: Campo de Lebón.

Cabida: 0,4857 ha (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: predios de herdeiros de Álvaro Monteagudo Durán, Juan Manuel Pereira Rey, David Pereira Gago e outros.

Leste: muro que pecha as propiedades de Francisco González Camarés e Diego Rodríguez Viqueira.

Sur: pista veciñal de lugar de Corrigatos e muro de pedra Diego Rodríguez Viqueira.

Oeste: estrada forestal de Arcos da Condesa.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, e a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-Por outra banda, de conformidade co artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, considérase monte: «todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte:

a) Os terreos ermos, rochedos e areais.

b) As construcións e infraestruturas destinadas ao servizo do monte no que se sitúan.

c) Os terreos agrícolas abandonados que cumpran as condicións e prazos que determine a comunidade autónoma, e sempre que adquirisen signos inequívocos do seu estado forestal.

d) Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba á finalidade de ser repoboado ou transformado ao uso forestal, de conformidade coa normativa aplicable.

e) Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima determinada pola comunidade autónoma.

E non se consideran monte:

f) Os terreos dedicados o cultivo agrícola.

g) Os terreos urbanos e aqueloutros que exclúa a comunidade autónoma na súa normativa forestal e urbanística».

Cuarto.-De conformidade coa lexislación autonómica e en concreto co artigo 32.2º b) da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, «...os solos rústicos de protección forestal, están constituídos polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumprir funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda cando non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumprir as ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela…».

E considerando tamén o artigo 2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, considérase monte: «...todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas. Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.

Quinto.-Por outra banda, o Concello de Moraña no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal de Moraña (Pontevedra) publicado no BOP nº 166, do mércores, 29 de agosto de 2001, declara a maior parte da zona solicitada 4.064 m2 como zona verde 5 (ZV-5) de 4.400 m2, e indica:

«...Localización dentro de solo urbano delimitado do núcleo de Moraña, localizada no seu ámbito nuclear e limitada por viarios públicos.

A ZV-5 configúrase na actualidade como unha carballeira centenaria posuídora de valores paisaxísticos e de xardín urbano.

Titularidade do solo: público».

O resto 881 m2 considérao dentro do núcleo urbano.

Conclusións da investigación.

Primeiro.-Da documentación achegada, e en concreto, do informe achegado polo solicitante e asinado polo enxeñeiro técnico agrícola, Juan A. Pereira Fernández asegúrase:

1. Que a Asemblea Xeral decide o 29 de xuño de 2008 proceder á tramitación da clasificación como monte comunal o lugar Campo de Lebón, documento que non se achega, nin que tampouco está arquivado no expediente do monte, do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común. Onde existe unha copia dunha asemblea do 18 de febreiro de 2007 onde se aproba permutar este lugar (sen estar aínda clasificado), copia da acta que foi remitida o Rexistro de Montes o 4 de febreiro de 2010.

2. No mesmo informe o técnico asegura que a clasificación urbanística do solo englobase na categoría de solo rústico, cousa incerta segundo se desprende do fundamento de dereito quinto desta resolución, e contraria o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Moraña aprobado o 3 de agosto de 2001, que o clasifica como solo de titularidade pública.

Segundo.-Do informe da sección de topografía despréndese que o lugar que se vai clasificar está situado dentro da zona verde (ZV-5 de 4.400 m2 ) e o resto 881 m2 dentro de núcleo urbano, segundo o PXOM de Moaña.

Terceiro.-Do informe de campo do Servizo de Montes con data do 16 de febreiro de 2010 despréndese:

1. Que a parcela en cuestión ten un alto nivel de antropización, tendo un aspecto máis de parque que de monte ao estar próxima o núcleo urbano.

2. Que non se aprecian aproveitamentos de carácter comunal ao ter a parcela unha utilización de uso recreativo ou de lecer.

3. Que as instalacións promovidas que nela se atopan (palco, fonte e bancos) ten unha orixe máis ben veciñal, de acordo coas testemuñas recollidas, sen estaren ligadas á comunidade de Corrigatos.

En consecuencia, vistas as consideracións legais aquí descritas e a investigación realizada, e conforme o establecido na Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o jurado acorda por maioría dos seus membros:

Non clasificar como veciñal en man común a parcela denominada Campo de Lebón polos motivos anteriormente expostos.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación recurso de reposición de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 9 de xuño de 2010.

Gerardo Zugasti Enrique

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra