DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 08 de xullo de 2010 Páx. 12.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 17 de xuño de 2010 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas por Orde do 22 de xaneiro de 2010.

A Orde do 22 de xaneiro de 2010 (DOG nº 19, do 29 de xaneiro) pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciados co Fondo Europeo da Pesca, e se convoca para o exercicio 2010 o mencionado procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, establece no artigo 3 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da citada orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender á demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitirá facer chegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3º da Orde do 22 de xaneiro de 2010, o crédito inicial poderá ser ampliado en función da dispoñibilidade orzamentaria sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente, cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 22 de xaneiro de 2010, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van a conceder ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2010 (DOG nº 19, do 29 de xaneiro) na forma seguinte:

Para o exercicio orzamentario 2010 ampliarase o importe na cantidade de 15.000.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.772.0, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar