DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 08 de xullo de 2010 Páx. 12.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 6 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (códigos de procedemento IN841A, IN841B, IN841C, IN841D e IN841E).

A Constitución española, no seu artigo 44.2º, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT), como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o PGIDIT 2006-2010.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4º, que a Consellería de Economía e Industria está estruturada, entre outros órganos superiores, pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias que en materia de investigación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do PGIDIT; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos e de infraestruturas tecnolóxicas.

O PGIDIT ten como misión impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando, deste xeito, a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. Este plan estrutúrase en tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os programas sectoriais.

Dentro dos programas sectoriais inclúese o Programa de innovación empresarial, que comprende todas as accións e instrumentos destinados a incrementar a competitividade das empresas galegas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. Para o desenvolvemento deste programa sectorial no PGIDIT prevese, entre outras cousas, a prestación de apoio financeiro mediante a convocatoria anual de axudas.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013, publicado no DOUE C 323, do 30 de decembro de 2006 (en diante Marco comunitario), que fai extensivas ás actividades de innovación as posibilidades xa existentes de axuda á I+D.

De acordo co Marco comunitario, nesta convocatoria prevese a concesión de axudas ás empresas galegas para o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial.

Para as empresas (pequenas, medianas e grandes), está prevista a concesión de subvencións para a realización de estudos de viabilidade técnica de carácter preparatorio para as actividades de I+D+i; para o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial en materia de proceso e organización, para a xestión e a produción; para cofinanciar aqueles proxectos de I+D+i non rematados e que son obxecto de axuda ao abeiro de convocatorias estatais ou internacionais.

Para os centros tecnolóxicos e para os clústers empresariais galegos prevese a concesión de subvencións destinadas ao funcionamento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia.

A Comisión Europea, mediante Decisión C (2009) 4558 (Axuda de Estado núm. N 307/2009-España), autorizou o réxime temporal de axudas para conceder cantidades limitadas de axuda compatible. De acordo con isto, nesta convocatoria está prevista a concesión de axudas ás empresas para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais, que se acollerán ao Marco temporal comunitario aplicable ás medidas de axuda estatal para facilitar o acceso ao financiamento no actual contexto de crise económica e financeira, publicado no DOUE C 16/1, do 22 de xaneiro de 2009 (en diante Marco temporal comunitario).

Esta orde regula unha axuda de Estado xa notificada á Unión Europea (Réxime de axuda núm. N 569/2007) España (Galicia) «Subvencións para o fomento da innovación empresarial en Galicia».

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, incluídas nos anexos indicados neste artigo, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para as seguintes finalidades:

Finalidade, código de procedemento e anexo das bases:

-Plataformas tecnolóxicas. IN841A. Anexo I.

-Realización de estudos de viabilidade. IN841B. Anexo II.

-Realización de proxectos de innovación. IN841C. Anexo III.

-Cofinanciamento de proxectos subvencionados con anterioridade noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais. IN841D. Anexo IV.

-Preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais. IN841E. Anexo V.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Marco comunitario (procedementos IN841A, IN841B, IN841C e IN841D), e ao Marco temporal comunitario (procedemento IN841E).

4. As subvencións recollidas nos procedementos IN841A, IN841B, IN841C e IN841D concederanse para a realización dos proxectos que se inicien con posterioridade á presentación da solicitude de subvención.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos (do VI ao X) desta orde, que irán acompañados dos documentos que se especifican no artigo correspondente das bases reguladoras, que deberán presentarse en único exemplar.

2. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter, cubrir, aceptar e imprimir necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet http://www.xunta.es/

cumprimentacion-electronica-de-solicitudes ou http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi

3. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Para imprimir a solicitude no formulario válido é requisito imprescindible a súa aceptación previa por parte do solicitante, que deberá facerse obrigatoriamente, como mínimo, 24 horas antes do peche do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non se terán en conta nin serán valoradas memorias adicionais á memoria científico-técnica incluída no formulario de solicitude.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente na Oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

1. Sobre os procedementos recollidos nesta orde poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da consellería

(http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de axudas consellería.

b) Nos teléfonos:

a. 981 95 73 87 e 981 95 73 92 (anexos I e IV).

b. 881 99 91 60 e 881 99 91 56 (anexos II, III e V).

c) No enderezo electrónico cei.infosegapi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Ver referencia pdf "12900D002P006.PDF"

2. A distribución dos créditos para o exercicio de 2010 nos distintos procedementos efectuarase do seguinte xeito:

-IN841A: 1.082.000 euros.

-IN841B: 250.000 euros.

-IN841C: 4.500.000 euros.

-IN841D: 100.000 euros.

-IN841E: 150.000 euros.

Non obstante, no caso dos procedementos IN841B, IN841C, IN841D e IN841E a Dirección Xeral de I+D+i poderá variar esta distribución en función das solicitudes e do custo dos proxectos presentados.

3. As axudas reguladas nesta orde estarán cofinanciadas para o ano 2010 nun 80% polo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 03, actuación 2 (anexo I), e nun 70% no eixe 2, tema prioritario 09, actuación 1 (anexos II, III, IV e V).

4. Os créditos das anualidades 2011 e 2012 poderán estar cofinanciados, así mesmo, con fondos Feder.

5. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das liñas de axudas xestionadas pola Dirección Xeral de I+D+i para o mesmo proxecto. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo elixible do proxecto. Neste caso, as entidades deberán achegar unha copia simple da resolución de concesión doutras axudas. Terase en conta que o conxunto das axudas acadadas non poderá exceder, en termos de equivalente de subvención bruto (ESB), a porcentaxe fixada en cada procedemento nas súas correspondentes bases reguladoras ou na normativa que lles é de aplicación, cando sexa máis favorable. Por outra banda, os gastos recollidos nesta orde non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Feder ou doutros fondos ou instrumentos comunitarios.

6. Teranse en conta as seguintes definicións:

Equivalente de subvención bruto (ESB): valor actualizado da axuda expresado en porcentaxe do valor actualizado dos custos subvencionables.

A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) está constituída polas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda os 43 millóns de euros.

Na categoría das pemes, defínese unha pequena empresa como aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Na categoría das pemes, defínese unha microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo destes efectivos e importes financeiros haberá que aterse ao disposto no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto.

7. Terán a consideración de gastos subvencionables en cada un dos procedementos, sempre que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, os indicados en cada un dos anexos desta orde.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento segundo o modelo que se inclúe na aplicación de presentación das solicitudes. Neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá achegar, xunto coa solicitude, orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas:

-Coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

-Coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Nas súas obrigas e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

2. Consonte co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da Administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data, o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, así como o código do procedemento asignado. En todo caso, non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6º.1 desta convocatoria resulta que o solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias co Estado e coa comunidade autónoma, e sociais coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os requirimentos poderanse notificar mediante publicación nun taboleiro da páxina web da Consellería de Economía e Industria.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 10.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta. No caso de proxectos en colaboración, a non admisión dun dos solicitantes por non reunir algún dos requisitos establecidos na orde de convocatoria suporá a non admisión de todos os participantes no proxecto.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 9º.-Xestores de innovación empresarial.

1. De acordo co establecido no PGIDIT, a Dirección Xeral de I+D+i designará xestores de innovación empresarial, que colaborarán nas tarefas de asesoramento e seguimento dos proxectos recollidos nesta orde.

2. Para a realización das súas funcións, os xestores poderán solicitar o apoio de persoal técnico experto, que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de I+D+i.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases reguladoras de cada procedemento, así como de emitir o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e de determinar a contía de cada axuda, tendo en conta, ademais, as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A súa composición será a seguinte:

a) A subdirectora xeral de Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

b) O xefe do Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue.

c) Dous xestores de innovación empresarial.

d) Un funcionario da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario, con voz e voto.

Para o seu funcionamento, a comisión poderá contar co apoio técnico do persoal que ten encomendada a xestión do PGIDIT; en consecuencia, un técnico poderá asistir ás reunións da comisión por requirimento desta, con voz e sen voto.

3. Na proposta de concesión que formule o órgano instrutor figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

4. O resto das solicitudes que se consideren subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados para estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevará o citado informe, xunto coa proposta de resolución que formule, ao conselleiro.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4º da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A relación de posibles suplentes.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poranlle fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a entidade beneficiaria da subvención deberá aceptala expresamente, cubrindo e asinando o modelo que se inclúe como anexo XII. Transcorridos 10 días sen ter recibido este documento no órgano xestor, entenderase que a entidade acepta a subvención.

2. Non obstante, no caso de que a entidade beneficiaria fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de dez días desde a publicación da resolución na páxina web da Consellería de Economía e Industria, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención. Noutro caso enténdese que renuncia ao anticipo.

b) Certificado expedido pola entidade bancaria en que se indique o número de conta do beneficiario onde se deban efectuar os pagamentos.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi).

3. A renuncia á subvención ou a súa aceptación poderase facer axustándose aos modelos que se inclúen como anexos XI e XII, respectivamente, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

4. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) As axudas recollidas nesta orde só serán definitivas se a situación inicial non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu termo, unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

e) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

f) Solicitarlle á Dirección Xeral de I+D+i, previamente á súa realización e, en todo caso, antes de que remate o prazo de xustificación da subvención, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos proxectos aprobados. Terase en conta que a realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

g) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia- intervencions-confinanciadas-fe).

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do Programa Operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006.

Artigo 17º.-Subcontratación.

1. Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante Decreto 11/2009).

2. Enténdese por subcontratación cando o beneficiario concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda excluída a adquisición por parte do beneficiario da maquinaria e bens de equipamentos previstos no proxecto de investimento.

3. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde de convocatoria poderán subcontratar, como máximo, ata o 50% do importe da actividade subvencionada.

4. Na solicitude da subvención deberá achegarse o contrato asinado ou ben unha carta de intencións.

5. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición sexa autorizada previamente pola Dirección Xeral de I+D+i, logo de solicitude por parte do beneficiario da subvención.

6. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

-Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

-Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de I+D+i, logo da solicitude por parte do beneficiario da subvención.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

1. Prazos de presentación da documentación xustificativa.

-Expedientes dunha anualidade: 15 de novembro de 2010.

-Expedientes plurianuais (1ª anualidade): 30 de novembro de 2010.

-Expedientes plurianuais (resto de anualidades): 30 de novembro da anualidade de que se trate.

2. Documentación.

2.1 Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, ademais da documentación exixida no artigo correspondente das bases reguladoras, a documentación que se indica a continuación:

a) Un resumo da execución do investimento no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados, agrupados por conceptos de gastos.

b) A documentación xustificativa do investimento será: orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

c) Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

d) Os períodos de emisión das facturas serán os que se indican no seguinte cadro:

Ver referencia pdf "12900D002P006.PDF"

e) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á de remate do prazo de xustificación das subvencións, en cada caso.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, agás os gastos realizados en medios de transporte público, aloxamento ou manutención ao seren gastos de pequena contía pagados xeralmente en efectivo, sempre que o seu importe non supere os 950 €.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento; a satisfacción do importe total da factura, así como o concepto a que se refiren.

f) Subcontratacións con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos ou outras empresas, precisas para o proxecto e específicas para o seu desenvolvemento, debidamente pormenorizadas e xustificadas. O custo da subcontratación poderá incluír os conceptos que a continuación se indican:

-Persoal adicional técnico-científico que contrate a entidade para a realización do proxecto. A contratación deberá realizarse durante o período de vixencia do proxecto e polo importe concedido para este concepto. O incumprimento das condicións indicadas suporá a minoración da subvención concedida.

-Material inventariable.

-Material funxible.

-Servizos tecnolóxicos externos.

-Viaxes relacionadas coa coordinación do proxecto.

Deberá achegarse a seguinte documentación:

-Copia compulsada do contrato en que se estableza a citada colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes, se non o presentou xunto coa solicitude.

-Copia compulsada do contrato de traballo, no caso de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.

-Copia compulsada das facturas emitidas pola entidade colaboradora en que figure o título do proxecto financiado e a desagregación por conceptos, acompañadas dos seus correspondentes xustificantes de pagamento.

g) Para cada unha das subministracións de material inventariable e para cada un dos gastos de consultoría ou servizos externos que superen os 12.000 euros, deberán achegarse:

-Un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que fagan esas subministracións ou que presten eses servizos. Estas excepcións deberán xustificarse en todo caso.

-Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa ou cando se produza a salvidade indicada no parágrafo anterior.

Nas facturas da maquinaria adquirida deberá figurar, sempre que sexa posible, o correspondente número de licenza.

h) Custos de persoal:

-Entenderase por persoal propio da empresa o que está vinculado con ela mediante relación laboral, e que, polo tanto, figura no réxime xeral da Seguridade Social. Tamén se entenderá por persoal propio aqueles traballadores autónomos, e que, polo tanto, figuran nese réxime especial da Seguridade Social, que son propios da empresa solicitante debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e os socios traballadores.

-A retribución mensual é o total percibido polo traballador.

Para a xustificación do persoal, tanto propio como adicional contratado, destinado ao proxecto, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, que consistirá nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: sinatura do traballador; número do seu DNI; nome e apelidos; posto na empresa; retribución bruta mensual; data de pagamento das retribucións; importe da Seguridade Social con cargo á empresa, así como a súa data de pagamento; horas totais traballadas ao mes e o número de horas que dedica o traballador ao proxecto, e custo total imputado ao proxecto (retribucións + Seguridade Social).

-Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto, e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento.

-Orixinal ou copia compulsada dos boletíns de cotización á Seguridade Social e dos seus xustificantes de pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social destes traballadores.

-Orixinal ou copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal técnico adicional contratado pola empresa para a realización do proxecto. Non serán admitidas contratacións en categorías laborais inferiores ás titulacións indicadas na solicitude.

i) Gastos de viaxes:

Unicamente serán financiables os gastos das viaxes relacionadas coa execución do proxecto que fosen realizadas polo persoal incluído no proxecto, que poidan xustificarse mediante a presentación de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Estes gastos deberán xustificarse con:

-Certificación emitida polo responsable do proxecto, co visto e prace do xerente ou do director da empresa, que incluirá unha relación das viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: nome e apelidos; número do seu DNI; posto na empresa das persoas desprazadas; xustificación da necesidade da viaxe; lugar de destino; datas de ida e volta, e conceptos e custos imputados.

-Xustificantes da realización e xustificantes bancarios de pagamento dos gastos imputados para cada unha das viaxes relacionadas na certificación.

-Os gastos de manutención non poderán superar a contía de 55 euros por persoa e día, e os gastos de quilometraxe 0,19 €/km. Será preciso xustificar a necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto.

j) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe efectuar o pagamento da subvención, en que conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente.

k) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

2.2. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o beneficiario non presenta a documentación pertinente, segundo o indicado no número anterior, a Dirección Xeral de I+D+i requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención ou á exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da LRXAP-PAC.

5. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

6. Cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porase no seu coñecemento e concederáselle un prazo de dez días para a súa corrección.

7. Se o importe da xustificación presentada fose inferior ao do anticipo recibido, ou se a entidade presenta a súa renuncia á subvención concedida, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos establecidos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, e no título V do Decreto 11/2009.

8. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: Servizos propios/Informes/Xustificación de gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames, asinada polo representante legal da empresa.

Artigo 19º.-Pagamento.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que serán concedidos mediante resolución motivada.

2. Pagamentos anticipados. A entidade solicitante debe facer constar que opta por esta modalidade de pagamento na solicitude da subvención, e condicionaranse ao cumprimento dos requisitos recollidos para tal fin para os beneficiarios na Lei 9/2007. En todo caso, a suma dos importes anticipados non poderá superar no seu conxunto o importe do 80% da subvención concedida. As entidades que se acollan a esta modalidade de pagamento deberán achegar certificación expedida pola entidade bancaria en que se acredite a titularidade da conta na que desexen recibir o pagamento do anticipo. Non é necesaria a súa achega na xustificación da subvención neste suposto.

a) Proxectos dunha única anualidade: anticiparase ata o 80% do importe da subvención concedida no momento da resolución de concesión. O importe restante aboarase unha vez xustificados os gastos realmente efectuados, de acordo co establecido nesta orde de convocatoria.

No caso de que a xustificación da anualidade fose insuficiente e houbese que facer unha minoración da subvención, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes fondos nos prazos establecidos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009. De ser o caso, procederá o reintegro das cantidades percibidas indebidamente.

b) Proxectos plurianuais.

-Primeira anualidade: anticiparase ata o 100% do importe da subvención concedida para esa anualidade no momento da resolución de concesión e unha vez presentada a súa aceptación.

-Anualidades seguintes: anticiparase ata o 100% do importe da subvención unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto correspondente á anualidade do ano anterior. No caso de que a xustificación da anualidade anterior fose insuficiente e dese lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

No caso de que o importe aprobado para esta anualidade resultase insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos establecidos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009. De ser o caso, procederá o reintegro das cantidades recibidas indebidamente.

-Derradeira anualidade: non se realizarán anticipos e aboarase unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto. No caso de que a xustificación da anualidade anterior fose insuficiente e dese lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resultase insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar a incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

3. Pagamentos non anticipados. Faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto.

4. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías para aqueles proxectos e accións subvencionados en que os solicitantes sexan centros tecnolóxicos, conforme o previsto no artigo 48.2º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010. No resto das actuacións subvencionadas exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías, logo de autorización ao respecto polo Consello da Xunta.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao pagamento final da subvención, comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Artigo 20º.-Graduación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da subvención, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

2. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro total da subvención.

3. O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a perda do dereito ao cobramento ou á devolución das cantidades desviadas.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 21º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. Ademais disto, os xestores do Programa de fomento da innovación empresarial poderán realizar nas entidades perceptoras de subvencións, en calquera momento, as comprobacións e aclaracións que consideren necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto; se se constatase unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderán propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Dirección Xeral de I+D+i poderá convocar os responsables da entidade beneficiaria, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, da autoridade de xestión, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na normativa básica da Lei estatal 38/2003 de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo que a desenvolve, así como na Lei 9/2007 e o Decreto 11/2009.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 5 de xullo de 2006 relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006 polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, aplicable o Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009, así como o previsto no Marco temporal comunitario.

Disposición adicional

Única.-Tramitación.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2010 realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, por Resolución do 31 de decembro de 2009, que quedará sometida a todos os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007 para obter a condición de entidade colaboradora, asumindo as obrigas previstas no artigo 12 do mesmo texto legal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para as plataformas tecnolóxicas (código de procedemento: IN841A)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto o financiamento das plataformas tecnolóxicas galegas.

As plataformas tecnolóxicas galegas teñen como obxectivo fundamental a presentación de proxectos nas convocatorias nacionais e internacionais que xeren un retorno para Galicia. Estes instrumentos específicos pretenden acadar saltos significativos nas áreas científico-tecnolóxicas de importancia estratéxica para Galicia mediante o planeamento da estratexia referente á investigación, desenvolvemento e innovación a través das actuacións científico-tecnolóxicas relacionadas cun sector empresarial determinado.

Nesta axuda realizarase unha valoración obxectiva do desenvolvemento de cada plataforma, a través dun conxunto de criterios de valoración baseados nos resultados obtidos, que permitirá o inicio dunha nova etapa de maior estabilidade e vinculación entre os obxectivos estratéxicos e o financiamento concedido.

O obxectivo final desta subvención é promover a realización de actuacións encamiñadas á procura do desenvolvemento de proxectos de cooperación, no marco da axenda estratéxica de investigación definida pola plataforma, que supoñan a participación en programas estatais e internacionais de I+D+i das empresas e entidades adheridas a ela.

2. Para a determinación do custo subvencionable admitirase a imputación dos seguintes gastos:

a) Persoal da entidade solicitante destinado ás actividades da plataforma tecnolóxica, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e a súa vinculación con ela. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual co centro tecnolóxico ou co clúster empresarial beneficiario da subvención. Poderanse imputar por este concepto un máximo de 30.000 euros.

b) Consultoría externa ou servizos externos, necesarios para a plataforma tecnolóxica. Poderase imputar por este concepto un máximo de 37.500 euros.

c) Gastos de subcontratación. Cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto, considerarase subcontratación e estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17 da orde de convocatoria.

d) Viaxes, xornadas e material funxible. Poderase imputar por este concepto un máximo de 7.500 euros.

2. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto anterior, que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude da subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 6º destas bases.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, aqueles clústers e centros tecnolóxicos recoñecidos pola Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

1. De acordo co establecido no artigo 5.8º do Marco comunitario, para unha mesma plataforma, os beneficiarios destas subvencións poderán recibir, como máximo, o 100% do custo subvencionable o primeiro ano, pero esta porcentaxe verase reducida de xeito lineal nos seguintes anos, e pasará a ser do 90% o segundo ano; do 80% no terceiro ano; do 70% no cuarto ano. Para a aplicación do indicado neste parágrafo, teranse en consideración aquelas subvencións concedidas a partir do ano 2007 inclusive.

2. O importe que se subvencionará será variable en función dos logros acadados, que se valorarán a través de criterios de valoración, que farán obter un importe máximo de 75.000 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria, e constarán dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

b) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

c) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

d) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

e) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007).

g) Toda a documentación xustificativa relativa os criterios de valoración. Non se terán en conta para a valoración aqueles resultados que non estean correctamente xustificados.

h) Declaración pola que se autoriza ou non a Consellería de Economía e Industria a realizar a consulta telemática sobre a comprobación de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

i) Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

j) No caso de proxectos con subcontratación, achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polos representantes legais e polos investigadores principais, no caso de colaboración con organismos públicos de investigación.

2. A documentación recollida nas alíneas e), f), h) e i) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria.

3. Da documentación relacionada no punto 1, os centros tecnolóxicos de carácter público só deberán achegar os documentos sinalados nas letras a), e), e f).

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

-Número e investimento (total e empresarial) dos proxectos de ámbito estatal ou europeo concedidos na plataforma tecnolóxica en que participen, baixo a modalidade de colaboración, como mínimo dúas ou máis empresas, preferentemente con sede ou centro de traballo en Galicia. Neste punto teranse en conta o número e tipo de entidades participantes no consorcio, considerándose positiva a cooperación (baixo modalidade de colaboración ou subcontratación) con outros axentes do sistema, como centros tecnolóxicos ou universidades. Valorarase tamén o ámbito da convocatoria de axuda á que se acceda (estatal ou europea), se é o caso (máximo 20 puntos).

-Retorno dos proxectos xerados para Galicia medido como o financiamento obtido a través de convocatorias estatais ou europeas para cada proxecto colaborativo xerado indicado no punto anterior (máximo 70 puntos).

-Número de empresas de base tecnolóxica (EBT) creadas a raíz das relacións establecidas entre os membros da plataforma (máximo 2 puntos).

-Participación equilibrada de mulleres no comité executivo e nos grupos de traballo (máximo 2 puntos).

-Outros que a comisión de valoración considere como válidos para medir o progreso das plataformas tecnolóxicas (máximo 5 puntos).

-Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

2. A comisión de valoración fixará o importe da subvención de acordo cos seguintes criterios:

-80-100 puntos. Porcentaxe máxima.

-70-79 puntos. Porcentaxe máxima minorada nun 5%.

-60-69 puntos. Porcentaxe máxima minorada nun 10%.

-50-59 puntos. Porcentaxe máxima minorada nun 20%.

-Menos de 50 puntos. Non serán financiables.

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos prazos indicados no artigo 18 da convocatoria:

a) A relacionada no artigo 18º da convocatoria.

b) A documentación acreditativa de estar exento de IVE, de ser o caso.

c) Informe en que se detalle o desenvolvemento da plataforma e os resultados obtidos, no formato que se incluirá na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i.

ANEXO II

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a realización de estudos de viabilidade (código de procedemento: IN841B)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización de estudos de viabilidade técnica de carácter preparatorio para actividades de investigación industrial e desenvolvemento tecnolóxico.

Estes estudos estarán destinados á adquisición de coñecementos que poidan resultar de utilidade e garantir a creación ou mellora de produtos, procesos ou servizos, a través da realización posterior dun proxecto de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico. Non se admitirán proxectos que teñan como finalidade a implantación dunha determinada norma ou certificación.

2. Para a determinación do custo subvencionable consideraranse os seguintes gastos:

a) Persoal da entidade solicitante destinado á realización do estudo de viabilidade, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e vinculación con el. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual coa empresa beneficiaria da subvención.

b) Consultoría externa ou servizos externos que sexan necesarios para a realización do estudo de viabilidade. Se a actividade que se vai realizar forma parte do propio proxecto deberá ser considerada como subcontratación e non como servizo tecnolóxico externo.

c) Subcontratación. Cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto, considerarase subcontratación e estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17 da orde de convocatoria.

d) Viaxes, reunións e material funxible.

En ningún caso se aceptarán gastos de investimentos, xornadas, publicacións, así como gastos xerais da empresa (auga, luz e teléfono).

3. Establécense uns límites de custo subvencionable mínimo e máximo de 9.000 e 30.000 euros respectivamente, fóra dos cales non serán atendidas as solicitudes.

4. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no número 2, que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 6º destas bases.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Artigo 3º.-Contía das subvencións e concorrencia.

1. Para as pemes estas subvencións poderán acadar o 50% do custo subvencionable e para as grandes empresas poderán acadar o 40% do custo subvencionable.

2. Para os efectos do establecido no artigo 5º.5 da convocatoria, establécese como límite máximo para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no Marco comunitario, para cada tipo de empresa, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

3. En ningún caso unha mesma entidade poderá solicitar o financiamento de máis de tres estudos de viabilidade técnica.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria, e constarán dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

b) Currículos de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto. Este documento deberase engadir obrigatoriamente na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, como documento en formato PDF, que deberá axustarse ao modelo que está na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, na epígrafe Servizos/Documentación, a través do mecanismo habilitado para tal efecto.

c) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.

d) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

e) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica a que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

h) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

i) Declaración pola que se autoriza ou non a Consellería de Economía e Industria a realizar a consulta telemática sobre a comprobación de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

j) Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

k) No caso de proxectos con subcontratación, achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polos representantes legais e polos investigadores principais, no caso de colaboración con organismos públicos de investigación.

l) Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas).

2. A documentación recollida nas alíneas f), g), h), i), j) e l) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Na avaliación realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) Carácter innovador do proxecto. Máximo 19 puntos.

b) Metodoloxía e planificación do estudo de viabilidade. Máximo 20 puntos.

c) Resultados do estudo de viabilidade en relación á xeración dun proxecto de I+D. Máximo 10 puntos.

d) Aplicabilidade e posibilidade de transferencia dos resultados previstos. Máximo 30 puntos.

e) Capacidade da empresa para desenvolver proxectos de I+D. No caso de contratar servizos tecnolóxicos externos ou subcontratación para o desenvolvemento do estudo de viabilidade, por non dispor desta capacidade, substituirase esta valoración pola da entidade que prestará estes servizos. Máximo 15 puntos.

f) Adecuación do orzamento. Máximo 5 puntos.

g) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

2. A comisión de valoración considerará financiables as solicitudes que acaden unha puntuación total igual ou superior á puntuación media de todas as admitidas a trámite.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas para as que non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación total superior á puntuación media indicada no parágrafo anterior.

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

Para cobrar a subvención concedida o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos prazos indicados no artigo 18 da convocatoria:

a) A relacionada no artigo 18 da convocatoria.

b) Copia do estudo de viabilidade obxecto da subvención, que deberá axustarse aos contidos mínimos que se indican na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i.

c) Informe sobre o resultado do estudo de viabilidade, segundo o formulario dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i.

ANEXO III

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a realización de proxectos de innovación (código de procedemento: IN841C)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. O obxecto das subvencións reguladas nestas bases é fomentar a innovación empresarial en materia de proceso e de organización (produción, márketing e loxística) para aumentar a competitividade das empresas galegas industriais e de servizos. Trátase de impulsar non só as innovacións tecnolóxicas de proceso ou produto, senón tamén a implementación de técnicas de xestión da produción, técnicas de márketing ou técnicas loxísticas. Polo tanto, estas subvencións destinaranse á realización dos seguintes proxectos de innovación empresarial, que se agrupan en dúas modalidades:

-Innovacións para a xestión:

a) Innovación de organización da produción. Implantación de técnicas de xestión da produción relacionadas co deseño, industrialización e fabricación de produtos, orientadas á consecución dos seguintes obxectivos:

*Integración dos procesos de concepción e industrialización, buscando facer o ciclo de deseño máis rápido e efectivo aforrando os custos ligados a esta etapa.

*Introdución de técnicas de deseño orientado á fabricación, así como ferramentas de axuda á xestión da calidade nestas fases que faciliten a organización das operacións na produción.

*Eliminación de actividades que non acheguen valor, introducindo técnicas que simplifiquen e fagan máis eficientes os procesos de produción.

*Implantación de sistemas de xestión integrais mediante a utilización de ferramentas informáticas que supoñen un cambio da xestión e de procedementos implantados inicialmente sen estes sistemas. Entre os seus fins deben ter especial consideración os controis dos aumentos de produtividade e a implantación de novos sistemas de constrois de custos.

b) Innovación de márketing. Implantación de técnicas de márketing destinadas a mellorar a capacidade da empresa nos eidos da distribución, adaptación ao cliente e servizo posvenda.

c) Innovación de loxística. Implantación de técnicas de xestión loxística, orientadas á consecución dos seguintes obxectivos:

*Elaboración de plans loxísticos en que se faga unha análise integral dos procesos (en que basicamente se analicen as referencias, volumes de actividade, custos, procesos, cadros de mando, etc.) para posteriormente definir políticas que reflictan un modelo personalizado que lle permita á empresa a mellora da súa organización e redución de custos.

*Mellora da organización e utilización dos sistemas de información e das tecnoloxías de comunicación utilizadas en toda a cadea: integración de tecnoloxías e sistemas e selección destes sistemas de información, destacando os sistemas de relación entre empresas, clientes e administracións (B2B, B2C e B2A).

*Xestión do fluxo daqueles bens e produtos que foron rexeitados polo mercado e que son destinados ao procesamento, reciclaxe, reutilización ou destrución ao mínimo custo.

*Xestión da rastrexabilidade do produto ata a súa entrega ao cliente final.

-Innovacións tecnolóxicas de proceso ou produto.

a) Innovación de proceso. Implementación de sistemas ou métodos de produción que sexan novos ou significativamente mellorados respecto dos existentes, ou que estean vinculados coa obtención directa ou lanzamento e posta no mercado de produtos ou servizos novos ou moi mellorados.

b) Innovación de produto. Introdución dun ben ou dun servizo novo, ou significativamente mellorado, en canto ás súas características ou en canto ao uso ao que se destina.

2. Co desenvolvemento destes proxectos de innovación, as empresas solicitantes deben superar a práctica de simple compra ou adquisición de tecnoloxía (maquinaria, patentes, etc.), e realizar o esforzo por vincular a incorporación e adopción de tecnoloxías adquiridas no mercado con esforzos innovadores propios que favorezan o aproveitamento óptimo delas dentro de cada organización e a mellora da competitividade da nosa comunidade autónoma.

En consecuencia, os citados proxectos de innovación, para poder acollerse a esta convocatoria de subvencións, deberán ter as seguintes características:

a) Non se considerarán innovacións os cambios ou melloras de importancia menor, o aumento das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios nas prácticas comerciais, ou as relacións exteriores baseadas en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións ou adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a personalización (customisation), os cambios periódicos de carácter estacional ou outros e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

b) A innovación debe representar unha novidade ou mellora substancial con respecto ao estado actual deste campo na industria de Galicia e, así mesmo, comportar un grao evidente de risco.

c) Un proxecto de innovación non debe limitarse á mera adquisición de material inventariable.

d) A innovación en materia de organización debe sempre gardar relación co uso e explotación de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) co fin de introducir cambios na organización.

3. Establécense dúas modalidades de axuda, en función de que o proxecto o presente unha soa empresa ou varias empresas asociadas:

a) Proxectos individuais:

-O obxectivo é impulsar a xeración de innovacións no interior das pemes, de forma autónoma ou en colaboración con centros tecnolóxicos, universidades ou empresas de servizos avanzados.

-Para este tipo de proxectos só poderán presentar solicitude de subvención as pemes (pequenas ou medianas empresas).

-O custo subvencionable mínimo do proxecto será de 90.000 euros, por debaixo do cal non será atendida a solicitude de subvención.

b) Proxectos en colaboración:

-O obxectivo desta modalidade é promover a innovación colectiva no tecido empresarial, impulsando a cooperación no esforzo de innovación, para acadar masa crítica que permita acometer proxectos de envergadura e reducir custos da innovación.

-Para este tipo de proxectos poderán presentar solicitude de subvención as pemes e as grandes empresas. Non obstante, no caso de grandes empresas, exíxese que no proxecto en colaboración participe unha ou máis pemes e que a contribución conxunta destas pemes no custo subvencionable do proxecto sexa polo menos dun 30%.

-O custo subvencionable mínimo do proxecto no seu conxunto será de 150.000 euros, por debaixo do cal non será atendida a solicitude de subvención.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, así como as agrupacións de empresas privadas que individualmente reúnan os anteriores requisitos.

2. As agrupacións de empresas que carezan de personalidade xurídica deberán presentar un proxecto coordinado entre as empresas pertencentes á agrupación de empresas. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 23 do DL 1/1999.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables.

1. En caso de innovación en materia de organización, os custos relativos a instrumental e material serán unicamente os do instrumental e material de TIC.

2. Para a determinación do custo subvencionable consideraranse como conceptos subvencionables os seguintes:

a) Persoal técnico propio da empresa que non estea financiado con fondos públicos, sempre e cando o tempo imputado estea exclusivamente dedicado ao proxecto. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención.

b) Persoal técnico adicional que contrate a empresa para a realización do proxecto con carácter exclusivo e que no momento da contratación non teña vinculación laboral coa empresa nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se vaia contratar.

c) Material inventariable: adquisición de equipos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto, e que estean debidamente xustificados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

-Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

-As cotas de arrendamento deberán comezar posteriormente á data da presentación da solicitude da subvención, e finalizar antes ou ao mesmo tempo que o proxecto obxecto da subvención.

-Nesta modalidade, soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

Admitirase a adquisición de bens de equipamento de segunda man sempre que cumpran as seguintes condicións:

-O vendedor dos bens deberá facilitar unha declaración sobre a súa orixe e confirmar que durante os últimos sete anos non foron adquiridos coa axuda de subvencións nacionais ou comunitarias.

-O prezo non deberá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo de bens novos similares.

-Os bens deberán reunir as características técnicas necesarias para a operación e cumprir as normas e criterios que sexan de aplicación.

d) Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

e) Servizos tecnolóxicos externos necesarios para a realización do proxecto debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como:

-Análises e ensaios de laboratorio.

-Enxeñaría para a montaxe e operación.

-Estudos e actividades complementarias.

-Consultorías externas.

Se a actividade que se vai realizar forma parte do propio proxecto deberá ser considerada como subcontratación, e non como servizo tecnolóxico externo.

f) Subcontratación. Cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto, considerarase subcontratación e estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17 da orde de convocatoria.

g) Viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto.

h) Formación específica impartida por axentes externos. Non se poderá imputar por este concepto máis dun 12% do importe total do proxecto.

Non se admitirán gastos de auga, luz e teléfono.

3. Non serán considerados como subvencionables os investimentos e gastos seguintes:

a) Adquisición de terreo.

b) Urbanización e obra civil.

c) Adquisición e aluguer de edificios, naves ou locais.

d) Gastos financeiros, salvo o establecido na letra c) do punto anterior para o caso de leasing.

e) Transporte exterior e interior.

f) Mobiliario en xeral.

g) Redacción do proxecto de obra civil e dirección facultativa.

h) Gastos destinados á implantación e certificación de sistemas de xestión da calidade.

i) Aqueles que ao xuízo da comisión de valoración resulten de carácter xeneralista e escasamente innovadores e que acheguen, unicamente, calidades ou capacidades básicas para o correcto funcionamento das liñas de produción ou dos distintos equipos.

j) Investimentos en activos procedentes de sociedades do mesmo grupo e os custos derivados do uso de consumibles producidos pola propia empresa ou empresas do mesmo grupo empresarial.

4. Estas subvencións terán, como máximo, tres anualidades contadas desde a anualidade de 2010. Para a anualidade de 2010 só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 2, que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 18 da convocatoria. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

Artigo 4º.-Contía das subvencións e concorrencia.

1. Nos proxectos presentados por pemes estas subvencións poderán acadar o 35% do custo subvencionable para pequenas empresas e o 25% para empresas medianas. Nos presentados por grandes empresas poderán acadar o 15% do custo subvencionable.

2. Para os efectos do establecido no artigo 5º.5 da convocatoria, establécese como límite máximo para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no punto anterior, para cada tipo de empresa, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria, e constarán dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, impreso, unha vez que a solicitude fose aceptada, sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante. Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

b) Currículos de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto. Este documento deberase engadir obrigatoriamente na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, como documento en formato PDF, que deberán axustarse ao modelo que está na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, na epígrafe Servizos/Documentación, a través do mecanismo habilitado para tal efecto.

c) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.

d) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

e) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

h) No caso de proxectos con subcontratación, achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polos representantes legais e polos investigadores principais, no caso de colaboración con organismos públicos de investigación.

i) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

j) Declaración pola que se autoriza ou non a Consellería de Economía e Industria a realizar a consulta telemática sobre a comprobación de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

k) Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

l) Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas).

2. A documentación recollida nas alíneas f), g), i), j), k) e l) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

3. No caso de proxectos en colaboración, a empresa que exerza o papel de líder do proxecto deberá cubrir o formulario completo da solicitude, en que constarán as empresas participantes nel, responsabilizándose da memoria técnica do proxecto, que unicamente figurará nesta solicitude. Na memoria económica do proxecto, ademais do seu orzamento global, deberá especificar a parte correspondente á súa participación. Igualmente, na citada solicitude deben incorporarse unicamente os currículos dos membros do equipo liderado por ela.

4. Pola súa parte, o resto das empresas participantes no proxecto deberán cubrir o formulario de solicitude correspondente, agás a epígrafe relativa á memoria técnica.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

1. A comisión de valoración, nunha primeira fase de avaliación, analizará os proxectos presentados á convocatoria co obxecto de comprobar que reúnen os requisitos técnicos esixidos no artigo 1º.2 destas bases reguladoras. Aqueles que non reúnan eses requisitos serán propostos para a súa denegación e, consecuentemente, non pasarán á fase de valoración posterior.

2. Para os efectos de valoración das solicitudes presentadas, estas clasificaranse en dúas categorías: proxectos individuais e proxectos en colaboración. Cada proxecto competirá só cos da súa categoría.

3. A valoración de cada proxecto, tanto individual como en colaboración, realizarase sobre un total de 100 puntos e constará de dúas fases: unha valoración realizada por avaliadores externos á Consellería de Economía e Industria (52 puntos) e unha valoración interna realizada pola comisión de valoración (48 puntos). A obtención dunha valoración externa inferior a 15 puntos será causa de exclusión.

4. De acordo co indicado no punto anterior, cada proxecto en colaboración será tratado como un único proxecto, polo que se fará unha avaliación conxunta da que, consecuentemente, resultará unha soa valoración.

5. Os xestores de fomento da innovación empresarial realizarán a selección dos avaliadores externos, entre persoal científico-técnico con experiencia demostrada no seu ámbito, en función da temática específica dos proxectos presentados a esta convocatoria. De cada proxecto tanto individual como en colaboración, faranse dúas avaliacións, por avaliadores distintos, e, no caso de discrepancia significativa entre estas dúas avaliacións, farase unha terceira por outro avaliador. Os xestores, tendo en conta os informes de avaliación, realizarán un informe sobre a idoneidade das solicitudes presentadas.

6. Na valoración externa teranse en conta os seguintes criterios (máximo 52 puntos):

a) Contido do proxecto (máximo 25 puntos): teranse en conta o grao de coñecemento dos antecedentes en relación coa innovación proposta, o obxecto e obxectivos do proxecto (grao de detalle, claridade, precisión e factores críticos) e o seu interese innovador (interese e beneficios para as empresas, novidades ou melloras substanciais con respecto ao estado actual deste campo na industria galega e mundial, así como a aplicabilidade e posibilidade de transferencia destas novidades ou melloras).

b) Viabilidade tecnolóxica do proxecto (máximo 12 puntos): teranse en conta o plan de traballo (compatibilidade e coherencia cos obxectivos, factores de risco e adecuación dos recursos humanos e materiais).

c) Capacidade da empresa e do equipo humano asignado ao desenvolvemento do proxecto (máximo 10 puntos): teranse en conta a capacidade técnica para o desenvolvemento do proxecto e a experiencia na dirección de proxectos de innovación e na transferencia de resultados de innovación. No caso de contratar servizos tecnolóxicos externos ou subcontratación para o desenvolvemento do proxecto, por non dispor desta capacidade, substituirase esta valoración pola da entidade que prestará estes servizos.

d) Adecuación do orzamento do proxecto (máximo 5 puntos): terase en conta o grao de xustificación do orzamento para cada unha das tipoloxías de gasto ou investimento asociadas ao proxecto.

7. Na valoración interna teranse en conta os seguintes criterios (máximo 48 puntos).

a) Interese socioeconómico do proxecto, cun máximo de 20 puntos, que se distribuirán do seguinte xeito:

*Coherencia dos obxectivos coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia e, ademais, no caso das pemes, que a empresa teña solicitado formar parte da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) (máximo 14 puntos).

*Implicacións ambientais: redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético (máximo 3 puntos).

*Incremento de capital humano (máximo 3 puntos).

b) Factores que se van potenciar (máximo 12 puntos): teranse en conta a participación equilibrada de mulleres no equipo humano asignado ao desenvolvemento do proxecto, se é unha empresa cualificada como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, e a dimensión económica do proxecto.

c) Investimento en I+D+i (máximo 5 puntos): terase en conta o investimento nos últimos catro anos e, de ser o caso, os resultados obtidos en proxectos financiados anteriormente pola Dirección Xeral de I+D+i.

d) Calidade das previsións establecidas no plan de explotación dos resultados que deberán calcular a súa rendibilidade por medio da valoración dos cambios nos fluxos de caixa inducidos polo proxecto. As previsións deberán a incidencia as variables sobre as que se realiza a estimación (máximo 10 puntos).

e) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

8. A comisión de valoración considerará financiables as solicitudes que acaden unha puntuación total igual ou superior á puntuación media de todas as admitidas a trámite, sen ter en conta aquelas que foron excluídas por non acadar, na valoración externa, a puntuación mínima establecida no artigo 6º.3 deste anexo.

9. Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as que non se dispón de crédito suficiente, pero que acadaron unha puntuación total superior á puntuación media indicada no punto anterior.

Artigo 7º.-Xustificación da subvención.

1. Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación, nos prazos indicados no artigo 18 da convocatoria:

a) A relacionada no artigo 18 da convocatoria.

b) Informe parcial da evolución do proxecto e informe final dos resultados do proxecto, en caso da última anualidade, axustados aos formularios que se publican na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i.

c) As empresas deberán presentar na última anualidade unha memoria libre en que se detalle o desenvolvemento do proxecto e os resultados obtidos.

d) No caso de proxectos en colaboración, os indicados informes e memorias serán presentados polo líder do proxecto.

2. No caso de proxectos en colaboración, se se produce o incumprimento dun dos socios, a Dirección Xeral de I+D+i estudará a posibilidade de que os restantes proxectos que o integran continúen desenvolvéndose.

ANEXO IV

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o cofinanciamento de proxectos subvencionados con anterioridade noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (código de procedemento: IN841D)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Con estas subvencións preténdese incrementar a participación das empresas galegas en convocatorias de axudas estatais e internacionais, promovendo accións que faciliten a presenza das empresas galegas en actividades financiadas por outros organismos para asegurar os adecuados retornos científicos, tecnolóxicos e industriais (artigo 8.2º c) da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica.

2. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto o cofinanciamento de proxectos que foron obxecto de subvención noutras convocatorias de axuda para a realización de proxectos de I+D+i, que fosen notificadas previamente á Unión Europea, dos seguintes programas internacionais (Programa Marco, Programas de innovación da UE, Eureka, Iberoeka,...), ou estatais (PROFIT, instrumentos xestionados polo CDTI,...)

3. Consideraranse como subvencionables os mesmos conceptos de investimento e gasto que os especificados na convocatoria en que o proxecto foi obxecto de subvención, para os mesmos períodos de tempo. No caso de que estes non sexan especificados asumiranse como subvencionables aqueles conceptos que aparecen especificados nas bases desta convocatoria que regulan a concesión de subvencións para a realización de proxectos de innovación empresarial.

4. Estes proxectos deberán ter sido subvencionados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 e non poderán estar rematados no momento de presentación da solicitude de subvención ao abeiro desta convocatoria.

5. Estas subvencións terán, como máximo, o número de anualidades para as que foi concedido o proxecto pola outra Administración, sen que en ningún caso poidan exceder o ano 2012.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia que teñan concedido un proxecto dos indicados no artigo 1º.2. deste anexo. Os proxectos deberán realizarse en Galicia.

Artigo 3º.-Contía das subvencións e concorrencia.

Sen prexuízo do establecido respecto a incompatibilidades e concorrencia de axudas na convocatoria estatal ou internacional en que o proxecto foi obxecto de axuda, para os efectos do establecido no artigo 5º.5 desta convocatoria, a contía da subvención estará suxeita aos seguintes límites:

-O conxunto das axudas acadadas polo proxecto non poderá superar os límites marcados polo Marco comunitario para cada tipoloxía de proxecto e entidade beneficiaria da axuda.

-A contía da subvención non poderá superar os 500.000 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria, e constarán dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

b) Currículos de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto. Este documento deberase engadir obrigatoriamente na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, como documento en formato PDF, que deberán axustarse ao modelo que está na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, na epígrafe Servizos/Documentación, a través do mecanismo habilitado para tal efecto.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas distintas das que xustifican a solicitude. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas distintas das que xustifican a solicitude.

d) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

e) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

f) Copia compulsada da solicitude presentada ao organismo xestor da convocatoria en que o proxecto foi obxecto de subvención.

g) Copia compulsada da resolución de concesión do organismo competente, que deberá conter ou ir acompañada da seguinte información: conceptos de investimento e gasto que foron obxecto de subvención (descrición e custo), o tipo e contía da subvención e a desagregación por anualidades do custo e da subvención.

h) Memoria libre sobre o estado de execución deste proxecto.

i) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.

j) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

k) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

l) Declaración pola que se autoriza ou non a Consellería de Economía e Industria a realizar a consulta telemática sobre a comprobación de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

m) Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

n) Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas).

2. A documentación recollida nas alíneas c), d), e), l), e m) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1.-Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) Carácter internacional do proxecto (máximo 24 puntos).

b) Capacidade investigadora do consorcio/empresa que presenta o proxecto (máximo 20 puntos).

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, en particular as implicacións ambientais (redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético), ademais, no caso das pemes, que a empresa teña solicitado formar parte da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) así como o interese innovador do proxecto para o sector produtivo correspondente (máximo 20 puntos).

d) Implicación de máis dun axente executor no proxecto, en particular pertencentes ao sector público (máximo 20 puntos).

e) Creación de novos postos de traballo cualificados, multidisciplinariedade do equipo de traballo e participación equilibrada de mulleres neste equipo (máximo 15 puntos).

f) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

2. Aqueles proxectos que obtivesen unha axuda previa a través dalgún dos instrumentos xestionados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) estarán incluídos no ámbito de aplicación do convenio asinado pola extinta Consellería de Innovación e Industria e o citado organismo, e, polo tanto, poderán ser valorados de forma positiva pola Consellería de Economía e Industria sen precisar da realización dunha segunda avaliación por parte deste organismo, quedando por determinar os axustes económicos, así como o grao de elixibilidade da subvención solicitada. Para estes proxectos, a Consellería de Economía e Industria priorizará a axuda financeira en función da súa dispoñibilidade orzamentaria e acorde coas porcentaxes recollidas nesta convocatoria.

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación, nos prazos indicados no artigo 18 da convocatoria:

a) A relacionada no artigo 18 da convocatoria.

b) Memoria libre en que se detalle o desenvolvemento do proxecto e os resultados obtidos.

ANEXO V

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (código de procedemento: IN841E)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto a preparación de proxectos que se presenten a convocatorias de axuda de programas estatais ou internacionais (Programa Marco, Programas de innovación da UE, Eureka, Iberoeka, CDTI, PROFIT, etc.).

Con estas subvencións preténdese incrementar a participación das empresas galegas en proxectos estatais e internacionais, promovendo accións que faciliten a súa presenza en actividades financiadas por outros organismos para asegurar os adecuados retornos científicos, tecnolóxicos e industriais (artigo 8.2.c da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica).

2. Para a determinación do custo subvencionable consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos de persoal da entidade solicitante destinado á preparación do proxecto, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e a súa vinculación coa execución deste proxecto. Non se considerarán subvencionables os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual coa empresa beneficiaria da subvención.

b) Gastos de consultoría externa ou servizos externos, necesarios para a preparación do proxecto. Se a actividade que se vai realizar forma parte do propio proxecto deberá ser considerada como subcontratación, e non como servizo tecnolóxico externo.

c) Gastos de subcontratación. Cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto, considerarase subcontratación e estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17 da orde de convocatoria.

d) Gastos de viaxes, reunións e material funxible.

3. Establécense uns límites de custo subvencionable máximo de 18.000 euros para a participación en convocatorias de programas internacionais (Programa Marco, Programas de innovación da UE, Eureka, Iberoeka, etc.) e do Programa Nacional Cenit e equivalentes (instrumentos CDTI para o financiamento de proxectos integrados e proxectos de apoio a AEI’s e clústers empresariais), e de 6.000 euros para a participación en convocatorias dos demais programas estatais (CDTI, PROFIT, etc.).

Así mesmo, o pagamento da subvención estará condicionado á presentación oficial e admisión a trámite do proxecto ante a Administración correspondente.

4. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 2, que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2010 e a data límite de xustificación establecida no artigo 18 da convocatoria.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

2. Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

3. A axuda só poderá outorgarse a entidades que non estivesen en crise o 1 de xullo de 2008, segundo o disposto no punto 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea C 244/2 do 1 de outubro de 2004, ou segundo o disposto no número 7 do artigo 1 do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto (Regulamento xeral de exención por categorías).

Artigo 3º.-Contía das subvencións e concorrencia.

1. Para as pemes estas subvencións poderán acadar o 60% do custo subvencionable e para as grandes empresas poderán acadar o 50% do custo subvencionable.

2. Estas axudas terán que reunir os seguintes requisitos:

a) As axudas recibidas por unha mesma entidade non poden exceder do 500.000 euros (todas as cifras utilizadas serán importes brutos, é dicir, antes de impostos ou doutras deducións), aínda que se computarán para a dita acumulación tamén as axudas recibidas por unha mesma entidade acollidas ao réxime de minimis, entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2010, e as axudas acollidas ao Marco temporal comunitario non poden ir destinadas aos mesmos custos subvencionables que as axudas minimis recibidas.

b) As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles ou con outras formas de financiamento comunitario, sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria, e constarán dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante. Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se producise neles.

b) Currículos de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto. Este documento deberase engadir obrigatoriamente na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, como documento en formato PDF, que deberán axustarse ao modelo que está na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, na epígrafe Servizos/Documentación, a través do mecanismo habilitado para tal efecto.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas distintas das que xustifican a solicitude. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas distintas das que xustifican a solicitude.

d) Declaración responsable sobre as axudas recibidas ao amparo do Marco temporal comunitario desde o 1 de xaneiro de 2008, así como doutras axudas de Estado obtidas para os mesmos custos subvencionables, e axudas de minimis concedidas por calquera proxecto ao solicitante desde o 1 de xaneiro de 2008, con indicación de importe, organismo, data de concesión, réxime de axudas en que se ampara e obxectivo da axuda e custos subvencionados; ou, de ser o caso, declaración de non ter recibido ningunha. Así mesmo, declararase a intensidade máxima autorizada pola Unión Europea para cada axuda de Estado concedida para os mesmos custos subvencionables, e indicarase a porcentaxe que representa cada axuda percibida respecto dos custos subvencionables.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

f) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

g) Copia da solicitude presentada ou, no seu defecto, declaración responsable do representante legal da entidade solicitante, comprometéndose á presentación do proxecto ante a Administración correspondente.

h) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.

i) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

j) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

k) Declaración pola que se autoriza ou non á Consellería de Economía e Industria a realizar a consulta telemática sobre a comprobación de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

l) Declaración responsable de estar ao corrente de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións.

m) No caso de proxectos con subcontratación, achegarase unha copia compulsada do contrato de colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polos representantes legais e polos investigadores principais, no caso de colaboración con organismos públicos de investigación.

2. A documentación recollida nas alíneas c), d), e), f), k) e l) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) Carácter internacional do proxecto. Máximo 24 puntos.

b) Capacidade investigadora do consorcio/empresa que presenta o proxecto. Máximo 20 puntos.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia e, ademais, no caso das pemes, que a empresa teña solicitado formar parte da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA). Máximo 15 puntos.

d) Implicacións ambientais (redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético). Máximo 5 puntos.

e) Interese innovador do proxecto. Máximo 5 puntos.

f) Implicación de máis dun axente executor no proxecto, en particular pertencentes ao sector público. Máximo 10 puntos.

g) Grao de adecuación do orzamento. Máximo 15 puntos.

h) Resultados con éxito obtidos neste tipo de convocatorias nos tres últimos anos. Máximo 5 puntos.

i) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a subvención, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007. Máximo 1 punto.

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación, nos prazos indicados no artigo 18 da convocatoria:

a) A relacionada no artigo 18 da convocatoria.

b) Certificación expresa de que a solicitude foi admitida a trámite na administración correspondente. No suposto de que a data límite para a presentación dos proxectos se situase no primeiro trimestre de 2010, a devandita certificación poderá ser substituída por unha declaración responsable do representante legal da entidade solicitante acreditativa de tal circunstancia, o que sería suficiente para acadar a fase de recoñecemento da obriga, cumpridos o resto dos requisitos exixidos no artigo 73.a.3) do DL 1/1999. A proposta de pagamento poderase tramitar unha vez que se acredite que a solicitude foi admitida a trámite na administración correspondente.

Artigo 7º.-Seguimento.

A entidade beneficiaria da subvención deberá remitirlle á Dirección Xeral de I+D+i, no mesmo momento en que se produza, unha copia da resolución da solicitude presentada no outro organismo, sexa esta positiva ou negativa.

ANEXO VI

ANEXO VII

Ver referencia pdf "12900D002P006.PDF"

ANEXO VIII

ANEXO IX

Ver referencia pdf "12900D002P006.PDF"

ANEXO X

ANEXO XI

Ver referencia pdf "12900D002P006.PDF"

ANEXO XII

Ver referencia pdf "12900D003P033.PDF"