DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 07 de xullo de 2010 Páx. 12.425

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 30 de xuño de 2010 pola que se procede ao recoñecemento da Organización de Productores Artesanales de Galicia (Opaga) como organización de produtores no sector do cerco e das artes menores.

A Organización de Productores Artesanales de Galicia (Opag) presentou ante a Consellería do Mar solicitude de recoñecemento como OPP no sector do cerco e das artes menores.

Na revisión do expediente tívose en conta o Regulamento (CE) nº 104/2000, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura; o Regulamento (CE) nº 2318/2001, no referente ao recoñecemento das organizacións de produtores no sector da pesca e da acuicultura e o Real decreto 724/2003, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións.

O artigo 5 do Real decreto 724/2003, establece que o recoñecemento dunha organización de produtores corresponde aos órganos competentes das CC.AA., cando se trate de organizacións que obteñan o 95% ou máis da súa produción no seu ámbito territorial e, polo menos, o 80% desta sexa obtida por unidades de produción radicadas nesa comunidade autónoma. Amba as dúas premisas son cumpridas por OPAGA.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1º

Recoñecer a Organización de Productores Artesanales de Galicia (Opaga) como organización de produtores, e será o seu ámbito de actuación a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Opaga comprométese a cumprir coas obrigas das organizacións de produtores pesqueiros establecidas na lexislación vixente.

Artigo 3º

O incumprimento de calquera das condicións que permitiron o seu recoñecemento será causa de retirada deste.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2010.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar