DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 07 de xullo de 2010 Páx. 12.413

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 1 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento en servizos sociais especializados na área de atención a persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asigna á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

En virtude dese título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245, do 18 de decembro), que recolle no seu artigo 8.1.b), relativo á estrutura básica dos servizos sociais, como un dos niveis de actuación en que se estrutura o sistema galego de servizos sociais, o dos servizos sociais especializados. Ademais, o artigo 31.1º sinala que «o cumprimento dos fins de entidades de iniciativa social promoverase mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais».

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño (DOG nº 123, do 25 de xuño) é o órgano da Administración da comunidade autónoma a que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as competencias e funcións en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de persoas con discapacidade, a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Así mesmo, como un dos órganos en que se estrutura, á Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal correspóndelle a elaboración das propostas para a formulación da política da Consellería de Traballo e Benestar en materia de atención ás persoas con discapacidade e ás declaradas dependentes, e a súa atención en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

No exercicio destas competencias, considérase axeitado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social no ámbito de atención ás persoas con discapacidade para investimento en centros e servizos, sempre que se atopen debidamente inscritas con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes no Rexistro único de entidades prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss) e cumpran os demais requisitos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Resulta ademais necesario asegurar a adaptación dos centros que optan a prestar servizos sociais aos requisitos xerais expresados no Decreto 143/2007, do 12 de xullo (DOG nº 147, do 31 de xullo), polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais e aos requisitos específicos de cada unha das tipoloxías, polo que para as subvencións de investimento e equipamento, os proxectos que se presenten deberán acreditar a súa viabilidade con carácter previo á concesión da axuda.

A solicitude, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, do 17 de novembro (BOE nº 276, do 18 de novembro) e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia (DOG nº 23, do 21 de marzo), e polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 75, do 20 de abril) e polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme os fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a realización de investimentos destinados á construción, reforma e equipamento de centros e servizos sociais das entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que levan a cabo programas e prestan servizos sociais especializados na área de atención ás persoas con discapacidade, atendendo aos diferentes tipos e graos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social referidas no artigo 31.1º da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que desenvolvan programas e presten os servizos establecidos no artigo anterior, sempre que estean debidamente inscritas con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado pola citada Lei 13/2008, no seu artigo 67.

Artigo 3º.-Tipos de subvencións.

1. Son gastos subvencionables os de investimento destinados a centros ou equipamentos de atención de persoas con discapacidade, na(s):

a) Construción, ampliación, reforma e mellora dos inmobles en xeral.

b) Adaptación dos edificios ás condicións de accesibilidade establecidas na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 166, do 29 de agosto) e no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, que a desenvolve (DOG nº 41, do 29 de febreiro).

c) Adquisición e instalación de equipamento e moblaxe.

d) Adquisición de inmobles.

e) Adquisición e adaptación de vehículos de transporte.

f) Melloras de confortabilidade que non requiran autorización municipal.

2. Para o caso de que unha mesma entidade presente solicitude para varios dos conceptos referidos, deberá consignar os datos referidos no anexo 2 desta orde, para cada un deles.

Artigo 4º.-Financiamento.

1. Para a concesión das subvencións e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de maiores dispoñibilidades orzamentarias, que se tramitarán como modificacións da mesma de acordo co previsto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe crédito adecuado e suficiente con cargo á Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, por un importe máximo de:

Ano 2010: 2010.12.06. 312A.781.0 por importe de 233.152 €.

2. De ser o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, con cargo ás aplicacións e contías seguintes:

Ano 2011: 2011.12.06. 312A.781.0 por importe de 1.652.809 €.

Ano 2012: 2012.12.06. 312A.781.0 por importe de 1.416.694 €.

3. No caso de que calquera beneficiario das subvencións, de carácter plurianual, para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación e equipamento de centros de atención a persoas con discapacidade, concedidas ao abeiro da Orde do 8 de febreiro de 2008 e da Orde do 23 de febreiro de 2009, renuncie á subvención que lle foi concedida, os créditos non aplicados e destinados a estas incorporaranse nesta orde na aplicación orzamentaria 12.06.312A.781.0.

4. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Normas de carácter xeral.

a) O importe da subvención que se conceda poderá alcanzar como máximo o 75% do orzamento presentado, agás no caso de subvencións para construción de obra nova, que poderá alcanzar un máximo do 80% do orzamento. A subvención reducirase proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do gasto orzado na solicitude.

b) Estas axudas serán compatibles con outras subvencións, axudas , ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen que o seu importe poida superar o importe total do gasto efectuado.

c) Os servizos da Consellería de Traballo e Benestar poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública concertada de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e programas das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación requirida.

As solicitudes presentaranse nos modelos publicados como anexos desta orde.

Xunto á solicitude deberanse achegar a documentación que a continuación se relaciona:

a) Solicitude (anexo I).

b) Deberase achegar o anexo II, en que se identifica o centro para o cal se solicita a subvención, a descrición e xustificación do proxecto, o orzamento total e a subvención solicitada, con desagregación plurianual, se é o caso, e os datos sobre a necesidade do investimento.

c) Datos financeiros da entidade solicitante (anexo III), que inclúe a ficha bancaria e a declaración relativa á percepción doutras axudas.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria sobre a titularidade da conta corrente en que se ingresará a subvención.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante. Para a acreditación da personalidade deberá achegarse fotocopia do documento nacional de identidade ou, de ser o caso, cubrir a autorización para acceder aos datos de identidade e residencia das persoas físicas que actúen en nome da entidade, de conformidade co establecido na Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Ficha de entidades, de centros ou de fundacións e establecementos, segundo corresponda.

As entidades que solicitaran subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar a documentación prevista nas letras d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación simple expedida polo representante da entidade.

h) No suposto de subvencións que supoñan unha contía superior a 3.000 euros, presentaranse certificados de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social para os efectos de obtención de axudas e subvencións públicas, así como o certificado de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa comunidade autónoma. O solicitante poderá autorizar o órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Nas subvencións que non superen o importe de 3.000 €, o solicitante achegará unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Ademais, segundo os casos, os seguintes documentos:

A-Subvencións para construción, reforma, ampliación, mellora de inmobles ou adaptación dos edificios ás condicións de accesibilidade:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en aluguer ou cedido, declaración do propietario en que faga constar as condicións en que se efectuou e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente, en que se faga constar que os plans urbanísticos municipais ou supramunicipais aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta e que esta cumpre cos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, ou licenza urbanística.

c) Memoria xustificativa da necesidade do investimento, coa indicación do número e características dos futuros usuarios e ámbito territorial de cobertura.

d) Proxecto arquitectónico das obras que se van realizar, o plan das obras e o calendario de execución material, plurianual se é o caso.

e) Orzamento das obras que se van realizar, detallado por capítulos e custos unitarios, especificando o IVE aplicado. De ser o caso, especificaranse os gastos relacionados no artigo 16.9º desta orde.

f) Plan de financiamento da obra, con distribución plurianual, se é o caso, e fontes de financiamento coas achegas que se solicitan anualmente e no total do proxecto.

g) Declaración responsable en que se faga constar o compromiso de dedicación do inmoble á finalidade que serviu de fundamento á solicitude de subvención durante, polo menos, vinte anos. Cando a subvención solicitada para obras de construción ou reforma non supere os 60.000 euros, o compromiso de dedicación exixible será dun mínimo de dez anos; e cando non supere os 12.000 euros, será dun mínimo de cinco anos.

h) Cando o importe do gasto polo que se solicita a subvención supere a contía de 30.000 euros presentaranse como mínimo tres ofertas de diferentes posibles contratistas ou provedores, emitidas con carácter previo á contratación, agás cando, polas especiais características do investimento, non existan suficientes empresas capaces da súa execución ou cando o gasto se realice con anterioridade á solicitude de subvención.

B-Subvencións para adquisición e instalación de equipamento e moblaxe e melloras de confortabilidade, así como adquisición e adaptación de vehículos de transporte:

a) Memoria xustificativa da necesidade do investimento que se pretende realizar.

b) Orzamento do importe das adquisicións ou melloras que se pretenden realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, sinalando os importes unitarios e totais, así como o detalle do IVE aplicado.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros en cada un dos conceptos (equipamento, moblaxe ou melloras de confortabilidade), presentaranse como mínimo tres ofertas de diferentes empresas e/ou provedores emitidas con carácter previo á contratación, agás cando, polas especiais características do equipamento e/ou mellora de confortabilidade, non exista un número suficiente delas, ou cando o gasto se realice con anterioridade á solicitude de subvención.

d) Declaración responsable da dedicación á finalidade que serviu de fundamento á solicitude de subvención durante un período mínimo de cinco anos.

C-Subvencións para adquisición de inmobles:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade en que figuren as cargas que puidera ter o inmoble, así como a titularidade do vendedor. No suposto de adquisición sobre plano, certificado do Rexistro da Propiedade en que conste a titularidade do soar a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, en que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble en que se incluirá a situación, a superficie, a tipoloxía de centro prevista e as prazas estimadas.

d) Declaración responsable en que se faga constar o compromiso de dedicación do inmoble á finalidade que serviu de fundamento á solicitude de subvención durante, polo menos, vinte anos.

e) Certificado do concello correspondente, en que se faga constar que os plans urbanísticos municipais ou supramunicipais aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a creación do centro que se proxecta crear ou modificar e que este cumpre cos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Memoria xustificativa da necesidade do investimento, coa indicación do número e características dos futuros usuarios e ámbito territorial de cobertura.

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e a documentación requirida, que irá dirixida á Consellería de Traballo e Benestar, presentarase no Rexistro Único nos servizos centrais ou nos rexistros dos departamentos territoriais, segundo o disposto nos artigos seguintes desta orde, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), e o disposto na Orde do 16 de outubro de 2008 pola que entra en funcionamento a oficina de rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a publicación da relación de beneficiarios e do importe das axudas concedidas na páxina web oficial da Xunta de Galicia. Así mesmo, a solicitude inclúe a autorización para facer públicos nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Por último, tamén contén a autorización para acceder á información sobre obrigas tributarias, co Estado e coa comunidade autónoma, e aos datos de identidade e residencia das persoas físicas que actúen en nome da entidade, de conformidade co establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a

tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

Artigo 9º.-Normas xerais da tramitación dos expedientes.

1. A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao Servizo de Promoción da Accesibilidade da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

2. O Servizo de Promoción da Accesibilidade comprobará que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, que terá a función de baremar as solicitudes de subvención, seguindo os criterios obxectivos recollidos no artigo 11º desta orde, e emitir informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. O órgano instrutor poderá requirir informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros da Secretaría Xeral de Familia e Benestar acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais e, de ser o caso, para que verifique que a entidade solicitante teña concedida a autorización para a creación ou construción de centros de servizos sociais, de conformidade co establecido no Decreto 143/2007, do 12 de xullo.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.

1. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Autonomía Persoal.

-Vogais: o/a xefe/a do servizo de Promoción da Accesibilidade e un/unha funcionario/a que, para tal cometido, sexa designado pola directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal. Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, o xefe/a do Servizo xestor.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a presidente/a da comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa do mesmo servizo ao que pertenza o substituído.

Artigo 11º.-Criterios de valoración das solicitudes de subvencións.

As solicitudes serán avaliadas e poderán obter ata un máximo de 100 puntos, dos cales 30 poderán corresponder á valoración obtida pola aplicación dos criterios de carácter xeral e os 70 puntos restantes á valoración obtida pola aplicación dos criterios de carácter específico.

A. Criterios xerais:

-A.1 Dimensión e eficacia social da entidade, que poderá avaliarse, segundo os casos, con consideración a: potencial número de usuarios dos servizos, área xeográfica cuberta, impacto social das actividades desenvolvidas e, de ser o caso, número de socios ou afiliados (ata un máximo de 10 puntos ).

-A.2 A complementariedade da entidade coas actuacións do sistema público de servizos sociais (ata un máximo de 10 puntos).

-A.3 Solvencia técnica (ata un máximo de 10 puntos), que se determinará en función da experiencia previa acreditada, os medios técnicos e os recursos humanos de que dispón a entidade.

B. Criterios específicos: (ata un máximo de 70 puntos ).

-B.1. O déficit ou insuficiencia de recursos na zona de influencia ou a necesidade das melloras propostas para a continuidade e autorización de servizos existentes (ata un máximo de 40 puntos).

-B.2. A adecuación dos investimentos propostos para a cobertura das necesidades, tendo en consideración as características dos usuarios e as atencións específicas requiridas (ata un máximo de 15 puntos).

-B.3. A complementariedade doutras fontes de financiamento en anos anteriores (ata un máximo de 15 puntos).

Artigo 12º.-Resolución.

1. As solicitudes de subvención serán resoltas pola directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar. A resolución deberá realizarse no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución por parte da comisión.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. Cando a subvención teña por obxecto o financiamento dun investimento que vaia desenvolver o solicitante e o importe da proposta de subvención sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, instarase o beneficiario á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos.

4. As resolucións ditadas serán motivadas e notificaranse aos interesados para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

5. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte daquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa (BOE nº 167, do 14 de xullo), no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se

produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

6. En todo caso, unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a aceptación da subvención, entendéndose aceptada tacitamente se non manifesta o contrario no prazo referido.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación do contido da resolución de concesión da subvención, por instancia do beneficiario, de acordo co previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou cando se produza unha ampliación do financiamento pola achega de novos fondos dispoñibles, tal e como se establece no artigo 4. Nestes supostos, só poderán atenderse ás solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 7 desta orde.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

De acordo co establecido nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio para o que foran subvencionadas.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, de ser o caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, agás nos supostos en que tal información se autorice a que poida ser obtida pola propia Administración.

f) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Xunta de Galicia nos termos establecidos no manual de imaxe corporativa da Xunta.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ao pagamento e xustificación segundo o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da forma establecida nos puntos seguintes.

2. De conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, só estarán obrigadas a acreditar que se atopan ao día das obrigas estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa comunidade autónoma, aquelas entidades que sexan beneficiarias de subvencións para investimento por unha contía superior aos 3.000 euros.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados nos termos establecidos no artigo 63.1º.dous e 63.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ata o 80% da subvención concedida, cando o investimento exixa pagamentos inmediatos, sen que se supere a anualidade prevista no exercicio.

4. As entidades beneficiarias, por tratarse de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, quedan exoneradas de presentar garantías, de conformidade co disposto no artigo 65.4º h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante o órgano xestor da subvención (artigo 9) a documentación xustificativa seguinte:

a) Subvención para adquisición de inmobles.

-Copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula en que se faga constar o importe subvencionado e o número de expediente e que o inmoble obxecto da subvención deberá manterse destinado á finalidade que serviu de fundamento á concesión, polo menos durante vinte anos.

b) Subvencións para construción, reforma, ampliación, mellora de inmobles ou adaptacións dos edificios ás condicións de accesibilidade :

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, en que se faga constar a realización das obras e a conformidade con elas.

-Xunto coa xustificación de execución da obra, será obrigatoria a presentación da licenza urbanística, no caso de que esta sexa exixible.

-Facturas orixinais debidamente conformadas e certificacións de obra expedidas pola empresa ou contratista individual que realizou a obra, así como os correspondentes xustificantes de pagamento.

-Nas subvencións para a construción de nova planta, presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante vinte anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición. Cando a subvención solicitada para obras de construción ou reforma non supere os 60.000 euros, o compromiso de dedicación exixible será dun mínimo de dez anos; e cando non supere os 12.000 euros, será dun mínimo de cinco anos.

c) Subvención para adquisición e instalación de equipamento ou moblaxe, melloras de confortabilidade ou adquisición e adaptación de vehículos:

-Certificado do representante da entidade en que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras e os correspondentes xustificantes de pagamento.

-Compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará durante cinco anos á finalidade que serviu de fundamento á petición.

6. A documentación xustificativa dos gastos realizados poderá presentarse ata o 30 de novembro do ano 2010.

7. Nos puntos anteriores, as facturas cumprirán o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación e se modifica o regulamento do imposto sobre o valor engadido.

8. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

9. Considéranse dentro dos gastos subvencionables os financeiros, incluídos os gastos e xuros derivados de créditos bancarios formalizados coa finalidade de dispoñer de efectivo para a realización do obxecto da subvención concedida mentres non sexa aboada pola Administración, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado, así como os de administración específicos, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

10. No momento da xustificación final do gasto, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións desta orde.

Artigo 17º.-Reintegro das subvencións concedidas.

1. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial da contía da subvención percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención mediante o falseamento das condicións requiridas para iso ou o ocultamento das que impedisen obtela.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 Lei 9/2007, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da que derive unha necesidade de reintegro.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, concedidas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade que se vai desenvolver. Así mesmo, cando exista unha resolución administrativa firme pola que se impoña á entidade unha sanción en materia de servizos sociais, en relación co centro ou programa específico que se quere subvencionar.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro realizarase de conformidade co procedemento establecido no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e seralle de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas no artigo 13.1º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "12800D006P061.PDF"

Ver referencia pdf "12800D007P073.PDF"