DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 07 de xullo de 2010 Páx. 12.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de xuño de 2010 pola que se fai pública a oferta educativa das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso escolar 2010-2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta comunidade autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 585/2005, do 29 de decembro (DOG do 9 de xaneiro de 2006), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula as ensinanzas de idiomas que se imparten nas escolas oficiais de idiomas como ensinanzas de réxime especial, sendo un dos principais obxectivos o estudo dos idiomas europeos, así como o das linguas cooficiais do Estado. Esta lei establece nos artigos 59, 60, 61 e 62 que as ensinanzas de idiomas se organizarán en tres niveis: básico, intermedio e avanzado.

En consonancia co disposto no artigo 6.2º da devandita lei, o goberno fixou no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, os aspectos básicos do currículo que constitúen as respectivas ensinanzas mínimas nos niveis intermedio e avanzado.

Pola súa parte, o Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina que o nivel avanzado das ensinanzas de idiomas implantarase no ano académico 2008-2009 e deixarán de impartirse as ensinanzas correspondentes ao ciclo superior do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

Polo anteriormente exposto, tendo en conta o informe da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, esta consellería

DISPÓN:

Único.-Facer pública a oferta educativa das escolas oficiais de idiomas a partir do curso escolar 2010-2011, segundo os datos que figuran no anexo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para tomaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "12800D004P056.PDF"

Ver referencia pdf "12800D005P057.PDF"