DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 06 de xullo de 2010 Páx. 12.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xuño de 2010 pola que se regulan, con carácter experimental, os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2010/2011.

As políticas educativas relacionadas co ensino e a aprendizaxe de linguas coas que a Unión Europea quere superar a barreira lingüística e cultural existente entre os estados membros culminaron na consideración da cuestión lingüística como punto clave na axenda da Unión Europea. Neste sentido, o Consello de Europa adoptou unha serie de medidas educativas que desenvolveron un proceso de converxencia no relativo ao ensino e a aprendizaxe de linguas, como a declaración, en 2001, do Ano Europeo das Linguas; a publicación, no mesmo ano, do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL); a elaboración do Portfolio Europeo das Linguas (PEL); a creación, en 2003, da rede ENLU (European Network for the Promotion of Language Learning Among all Undergraduates); ou o desenvolvemento dos programas de integración de linguas estranxeiras a través de contidos curriculares (CLIL), entre outras accións e medidas.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos fins do sistema educativo español a capacitación para a comunicación na lingua oficial, na lingua cooficial, de ser o caso, e nunha ou máis linguas estranxeiras. Ademais, esta lei adquire un compromiso decidido cos obxectivos educativos da Unión Europea dos últimos anos, entre os que se atopa a apertura do sistema educativo ao mundo exterior, que implica entre outras cousas mellorar a aprendizaxe de linguas estranxeiras, aumentar a mobilidade e os intercambios, e reforzar a cooperación europea. No seu artigo 157, a LOE establece que lles corresponde ás administracións educativas fornecer os recursos necesarios para garantir a creación de programas de reforzo de aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Tras a experiencia acumulada a través de programas experimentais, como o Programa de Anticipación da Primeira Lingua Estranxeira, o Programa de Cursos de Formación en Linguas Estranxeiras (CUALE) ou o Plan de seccións bilingües, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en liña co fomento da diversidade lingüística e cultural presente na política educativa da Unión Europea, relacionado co respecto aos dereitos e ás necesidades lingüísticas, a igualdade nas comunicacións, o plurilingüismo, a conservación de linguas e culturas e, obviamente, co fomento e o estímulo da aprendizaxe de linguas estranxeiras, quere dar un paso máis no desenvolvemento do feito plurilingüe na comunidade galega mediante a creación dos denominados centros plurilingües, un paso máis cara á europeización dos nosos centros educativos, nos que se incrementará a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular ata alcanzar, como máximo, un terzo do horario lectivo, segundo o disposto no Decreto

79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

O curso escolar 2010-2011 será o primeiro no desenvolvemento da experiencia, polo que irá dirixido ao alumnado do primeiro curso de educación primaria e do primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, e irá estendéndose progresivamente ao resto dos cursos ata completar a totalidade da etapa educativa.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación, con carácter experimental, dos centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a organización da ensinanza nestes centros.

Artigo 2º.-Centros plurilingües.

Terán a consideración de centros plurilingües aqueles centros seleccionados conforme os criterios desta orde, nos que se impartan nunha lingua estranxeira áreas ou materias non lingüísticas, de educación primaria e/ou secundaria obrigatoria, cunha carga horaria total impartida en lingua estranxeira de ata o máximo dun terzo do horario lectivo do grupo, conforme o que se establece no Decreto 79//2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Esta circunstancia deberá estar reflectida no proxecto educativo e no proxecto lingüístico do centro.

Artigo 3º.-Obxectivos.

A regulación de centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia ten os obxectivos seguintes:

-Fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado.

-Establecer unha rede de centros plurilingües nos que se empregará a lingua estranxeira no ensino de diversas áreas e materias do currículo.

-Promover o desenvolvemento dun currículo integrado das linguas obxecto de ensino nos centros educativos para favorecer a transferencia dos coñecementos e as competencias dunha lingua a outras.

Artigo 4º.-Persoas destinatarias e requisitos.

Poderán participar nesta convocatoria todos os centros sostidos con fondos públicos de educación primaria e de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia, que asuman os seguintes compromisos:

-Realizar as actividades de formación deseñadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para estes centros, e participar nelas.

-Participar e colaborar no desenvolvemento dos procesos de avaliación do alumnado e dos centros plurilingües que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organice.

Artigo 5º.-Denominación e dotación dos centros plurilingües.

Os centros educativos que se integren na rede de centros plurilingües, de acordo co disposto nesta orde, incorporarán o termo «plurilingüe» entre a súa denominación xenérica e o seu nome específico. Os centros públicos seleccionados disporán dun incremento nos orzamentos de gastos de funcionamento.

Ordenación das ensinanzas plurilingües

Artigo 6º.-Ensinanzas en centros plurilingües de educación primaria.

1. Os centros plurilingües impartirán en lingua estranxeira as ensinanzas establecidas no Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os centros plurilingües de educación primaria iniciarán a impartición do programa de plurilingüismo no primeiro curso da etapa.

3. Se o centro imparte simultaneamente ensinanzas de educación infantil poderá incrementar, en función da dispoñibilidade do profesorado, o tempo dedicado á lingua estranxeira nesta etapa educativa.

4. As clases de lingua estranxeira incorporarán contidos e actividades de apoio ao ensino das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua.

5. O centro planificará e levará a cabo actividades extraescolares e complementarias plurilingües co obxecto de potenciar a aprendizaxe de idiomas.

6. No proxecto lingüístico concretaranse medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas que se impartan no centro. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas e o tratamento que se lles dará aos contidos e aos criterios de avaliación similares nas distintas áreas lingüísticas, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe.

Artigo 7º.-Ensinanzas en centros plurilingües de educación secundaria.

1. Os centros plurilingües impartirán en lingua estranxeira as ensinanzas establecidas no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os centros plurilingües de educación secundaria iniciarán a impartición do programa de plurilingüismo no primeiro curso da etapa.

3. As clases de lingua estranxeira incorporarán contidos e actividades de apoio ás ensinanzas das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua.

4. O centro planificará e levará a cabo actividades extraescolares e complementarias plurilingües co obxecto de potenciar a aprendizaxe de idiomas.

5. No proxecto lingüístico concretaranse as medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas que se impartan no centro. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre os criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas e o tratamento que se lles dará aos contidos e aos criterios de avaliación similares nas distintas áreas lingüísticas, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe.

Profesorado dos centros plurilingües

Artigo 8º.-Profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira.

O profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira contará con medidas de apoio específicas, e farao nas seguintes condicións:

1. Os centros contarán cunha persoa responsable da coordinación do programa de plurilingüismo, que será un membro do claustro.

2. O profesorado non especialista en lingua estranxeira deberá, con anterioridade á súa habilitación pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acreditar que dispón do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer mecanismos de verificación da actualización das competencias acreditadas.

3. Este profesorado asistirá a unha sesión semanal de seguimento e coordinación convocada pola persoa coordinadora do programa plurilingüe do centro, xunto co profesorado de linguas estranxeiras que participe no programa.

4. Colaborará na elaboración da programación de contidos e actividades de apoio en lingua estranxeira e da memoria final anual.

5. Participará nas sesións de formación e de coordinación entre centros que programe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. Ao final do curso recibirá un certificado de innovación educativa, coa equivalencia de 50 horas de formación do profesorado.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asegurará que as vacantes que se produzan nas áreas ou materias non lingüísticas vinculadas ao programa de centros plurilingües se cubran con profesorado coa debida competencia lingüística.

8. Estableceranse os criterios selectivos necesarios para que as posibles substitucións temporais do profesorado participante no programa se realicen por profesorado que posúa a debida competencia lingüística no idioma estranxeiro correspondente.

9. O profesorado participante terá preferencia na participación na formación específica para probas de acreditación de niveis do MCERL.

10. Contará co apoio de auxiliares de conversa en lingua estranxeira, para posibilitar o desenvolvemento do programa.

11. Disporá de recursos didácticos e materiais específicos, así como de orientacións didácticas para o desenvolvemento do programa.

Artigo 9º

As modificacións que, de ser o caso, poida experimentar o cadro de persoal dos centros do programa plurilingüe levaranse a cabo respectando os dereitos adquiridos polo profesorado definitivo destinado neles no momento de incorporarse ao devandito programa.

Artigo 10º.-Profesorado responsable da coordinación do programa plurilingüe.

1. Os centros plurilingües contarán cunha persoa coordinadora do programa, que será nomeada pola dirección entre o profesorado de lingua estranxeira con destino definitivo no centro. O coordinador ou a coordinadora exercerán as súas funcións durante catro cursos académicos e poderán ter renovación ao remate dese período.

2. Son funcións da persoa responsable da coordinación:

a) Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de docentes que formen parte do programa plurilingüe, e redactar acta dos temas tratados e dos acordos tomados. A xefatura de estudos considerará este extremo na elaboración do horario do profesorado implicado.

b) Coordinarse coa persoa responsable do equipo de dinamización lingüística do centro.

c) Coa colaboración do profesorado implicado no programa, elaborar a programación dos contidos e as actividades de apoio ás ensinanzas das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua, así como a memoria de fin de curso.

d) Identificar necesidades en materia de formación e trasladarllas ao persoal responsable do programa na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da dirección do centro.

e) Dirixir e orientar o labor da persoa auxiliar de conversa.

f) Establecer relacións cos centros que formen parte da rede do programa de plurilingüismo e con todas aquelas persoas ou organismos que puidesen colaborar co programa.

3. A persoa coordinadora do programa contará coa redución horaria que se estableza en cada caso, segundo as circunstancias do centro.

Artigo 11º.-Profesorado titor nos grupos que se impartirán en linguas estranxeiras.

1. Na educación primaria, a titoría será exercida preferentemente polo profesorado de lingua estranxeira ou habilitado para impartir o programa plurilingüe.

2. Na educación secundaria obrigatoria a titoría será exercida preferentemente polo profesorado de lingua estranxeira, de tal maneira que a dedicación horaria semanal da titoría poida desenvolverse na devandita lingua, permitindo unha maior exposición a esta e o seu uso como instrumento de comunicación.

Alumnado dos centros plurilingües

Artigo 12º.-Admisión e certificación.

1. A admisión do alumnado en centros plurilingües realizarase de acordo coa normativa establecida para o efecto na Comunidade Autónoma de Galicia. Durante o proceso de admisión do alumnado, todos os centros plurilingües sostidos con fondos públicos exporán no seu taboleiro de anuncios e en todos os sistemas de información pública de que dispoñan información sobre o carácter plurilingüe do centro, os obxectivos e o alcance desta condición, así como sobre as medidas de apoio establecidas para facilitar a incorporación do alumnado ao programa plurilingüe.

2. Ao remate da etapa, o alumnado recibirá certificación da dirección do centro de que realizou nun centro plurilingüe os estudos correspondentes, con indicación da etapa e a lingua estranxeira eixe do programa.

3. O alumnado de centros plurilingües terá preferencia na participación nos programas específicos de formación para a realización de probas para a acreditación de niveis do MCERL, así como nos programas de formación lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Promoverase a participación do profesorado e do alumnado destes centros en proxectos e intercambios internacionais.

Artigo 13º.-Atención á diversidade.

No marco dos principios dunha educación inclusiva, prestaráselles especial atención ás dificultades que determinado alumnado poida ter coa aprendizaxe das linguas estranxeiras, nomeadamente o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Os centros plurilingües establecerán no seu proxecto lingüístico programas específicos de atención ao alumnado que se incorpore ao inicio da etapa sen o grao de dominio da lingua estranxeira propio do seu nivel ou curso.

Procedemento de inclusión na rede de centros plurilingües

Artigo 14º.-Solicitude e documentación para a inclusión na rede de centros plurilingües.

1. Os centros que desexen formar parte da rede de centros plurilingües deberán dirixir a súa solicitude, segundo se recolle no anexo I, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, conforme o procedemento que se describe no artigo 15º. A esta solicitude achegaráselle a seguinte documentación:

a) Información relativa á experiencia neste ámbito do centro.

b) Etapa na que se inicia o programa.

c) Áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

d) Certificación da aprobación do proxecto polo Consello Escolar.

e) Certificación do acordo do claustro en relación coa participación no programa e o seu desenvolvemento durante toda a etapa educativa.

f) Relación do profesorado con destino definitivo no centro que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística, no caso de profesorado non especialista en linguas estranxeiras.

2. Co fin de facilitar o proceso de tramitación, os centros deberán adiantar por fax (981 54 65 50) unha copia da solicitude de participación e a documentación que se lle xunte.

Artigo 15º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e da documentación.

1. As solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e demais documentación presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15780 Santiago de Compostela, así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 3 de setembro de 2010.

Artigo 16º.-Selección dos centros.

1. Criterios de selección: a valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto, e para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e a cantidade de alumnado.

2. Comisión de selección: a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, e do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dous asesores técnicos ou asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A devandita comisión transmitiralle á persoa titilar da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria.

3. A convocatoria resolverase antes do día 8 de setembro de 2010. Transcorrido este prazo sen que recaera resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude presentada.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso poderán formular directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Seguimento e avaliación dos centros plurilingües

Artigo 17º.-Seguimento e avaliación.

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á inspección educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, prestándolle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, por parte da entidade que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra esta orde poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "12700D005P017.PDF"