DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.277

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se inclúe no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación substancial da instalación de coxeración que Aluminios Cortizo, S.A. posúe no concello de Padrón (A Coruña).

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 13 de xullo de 1994, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar administrativamente a Aluminios Cortizo, S.A. unha planta de coxeración nas súas instalacións no concello de Padrón (A Coruña), e outorgarlle a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo.-Con data do 29 de setembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da planta de coxeración citada, tendo as seguintes características técnicas básicas:

-Dous motores diésel de combustión interna de fueloil de 4.800 kW de potencia cada un.

-Dous xeradores eléctricos de 5.350 kVA c/u, e tensión de xeración 6 kV.

-Dous transformadores 6/20 kV de 6.000 kVA c/u, e un centro de transformación de 800 kVA 20/0,4 kV para servizos auxiliares da central.

-Equipos auxiliares de protección, control e medida.

Terceiro.-Con data do 21 de xaneiro de 2010, Juan Manuel Vivanco Andino, en nome de Aluminios Cortizo, S.A., solicitou autorización administrativa e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para unha modificación substancial da citada planta de coxeración.

Cuarto.-Con data do 1 de marzo de 2010 publicouse no BOP da Coruña nº 39, e con data do 4 de marzo de 2010 no Diario Oficial de Galicia nº 43, a solicitude de autorización administrativa indicada no antecedente de feito terceiro, sen que se presentase alegación ningunha. As características fundamentais son as seguintes:

Solicitante: Aluminios Cortizo, S.A.

Domicilio social: lg. Estramundi, s/n, 15901 Padrón (A Coruña).

Denominación: modificación da instalación de coxeración.

Situación: lg. Estramundi, s/n, 15901 Padrón (A Coruña).

Características técnicas: substitución dos grupos actuais por dous grupos motorxerador de 5.000 kW de potencia eléctrica, 6.3 kV trifásico, combustible gas natural.

Modificacións nos circuítos de baixa temperatura, fumes e aceite, sistemas de ventilación.

Modificación do sistema de regulación e medida.

Quinto.-Con data do 27 de abril de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude de autorización administrativa.

Sexto.-Con data do 20 de maio de 2010, Aluminios Cortizo, S.A. presenta un modificado parcial do anteproxecto, e solicita que se corrixa a potencia da instalación modificada, que era de 10.000 kW, co obxecto de que permaneza igual que antes da modificación, e dicir, en 9.600 kW (e non en 9.630 kW como por erro se di). Para iso a potencia dos dous grupos motorxerador debe pasar de 5.000 kW a 4.800 kW.

Sétimo.-Con data do 27 de maio de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude de autorización administrativa para a potencia modificada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 28 da Lei 54/1997, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo.-O artigo 4.1º do Decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establece que o recoñecemento da condición de instalación de produción acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica corresponde aos órganos das comunidades autónomas.

Terceiro.-O artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Cuarto.-Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real Decreto 661/2007, do 25 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle administrativamente a Aluminios Cortizo, S.A. a modificación substancial da instalación de coxeración que posúe no concello de Padrón (A Coruña), segundo o anteproxecto modificación de instalación de cogeneración Aluminios Cortizo, S.A.U., redactado polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro, colexiado nº 871, e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (A Coruña) o 18 de xaneiro de 2010 co nº CO100117, e o modificado parcial visado o 20 de maio de 2010 co nº CO101401.

Segundo.-Recoñecerlle á modificación da instalación que por esta resolución se autoriza a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e encadrala no subgrupo a.1.1 do artigo 2 do devandito real decreto.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-Aluminios Cortizo, S.A. presentará ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, o proxecto de execución da modificación substancial autorizada, que deberá incluír un plan de desmantelamento dos equipamentos substituídos.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do anteproxecto e modificado parcial será necesaria a previa autorización desta dirección xeral.

Terceira.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Cuarta.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou explotador deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellaría de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada Orde.

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas