DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.253

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA NÚMERO UN DE VIOLENCIA SOBRE A MULLER DE SANTA CRUZ DE TENERIFE

EDICTO (6/2008).

No xuízo referenciado ditouse a resolución cuxo texto literal é o seguinte:

«Resolvo que, estimando parcialmente a demanda presentada por instancia de Sheila Jacoba Luque Pérez, representada pola procuradora dos tribunais Isabel Lage Martínez, e baixo a dirección letrada de Alicia Pomares Villaplana e Fernando Martínez-Barona Flores, contra Emilio Gómez de la Fuente, en situación procesual de rebeldía, e con intervención do Ministerio Fiscal, declaro disolto por divorcio o matrimonio dos expresados, con adopción das medidas seguintes:

1. Atribúeselle a garda e custodia do fillo menor común, E. G. L., á nai, e ambos os proxenitores compartirán a patria potestade.

2. Como réxime de comunicación e visitas do menor a favor do pai establécese o seguinte:

a) O pai poderá ter o seu fillo E. na súa compaña durante os seguintes períodos:

-No verán, durante o mes de agosto os anos pares, e durante o mes de xullo os anos impares.

-No Nadal, desde o 23 ao 30 de decembro os anos pares, e desde o 31 ao 7 de xaneiro os anos impares.

-Na Semana Santa, desde o Domingo de Ramos ata o Mércores Santo os anos pares, e desde o Xoves Santo ata o Domingo de Resurrección os anos impares.

-Ademais, o pai poderá desfrutar da compaña do seu fillo sempre que se desprace a Santa Cruz de Tenerife e sen interromper as actividades escolares e extraescolares do menor.

O pai sufragará os gastos de desprazamento do menor desde Santa Cruz de Tenerife ao lugar de residencia do proxenitor na península, para o cumprimento deste réxime de visitas.

b) O pai poderá comunicarse telefonicamente co seu fillo cando o considere conveniente en horas diúrnas, sen interromper o normal e cotián desenvolvemento da vida do menor.

3. Establécese a obriga de Emilio Gómez de la Fuente de aboar, desde o momento da data desta resolución, e non desde a data da presentación da demanda, en concepto de alimentos, ao seu fillo E., como gastos ordinarios, a cantidade de 240 euros mensuais, pagadoiros por mensualidades anticipadas e dentro dos cinco primeiros días de cada mes, na conta corrente que a nai do menor designe para o efecto, suma que será revalorizada anualmente de acordo coas variacións que experimente o IPC para a Comunidade Autónoma de Canarias e que publique o Instituto Nacional de Estatística con data do un de xaneiro.

4. Serán gastos extraordinarios do menor os gastos médico-sanitarios e farmacéuticos non cubertos pola Seguridade Social nin por calquera outra mutualidade ou entidade ou organismo a que poidan estar asociados ou afiliados calquera dos proxenitores, os gastos de compra do instrumento de música que precise o fillo común para completar os cursos de música que recibe no Conservatorio Superior de Música de Santa Cruz de Tenerife e calquera outro gasto do menor en que concorran as notas de necesidade e imprevisibilidade. O importe de tales gastos, de carácter extraordinario, deberá ser aboado por metade por cada proxenitor, logo de xustificación da necesidade do gasto e do seu importe, e as discrepancias serán resoltas xudicialmente.

Non se consideran como gastos de carácter extraordinario os que estableza con carácter xeral e ordinario en cada curso académico o centro onde curse os estudos o fillo común, nin as matrículas e cotas mensuais, como tampouco os correspondentes á matrícula do menor nas actividades extraescolares de música e francés que o menor leva a cabo.

5. Establécese a obriga do demandado de lle aboar á demandante a cantidade de 1.758 euros en concepto de contribución á metade do custo dos gastos extraordinarios devengados polo menor ata a data deste edicto.

O demandado non deberá contribuír ao pagamento da metade do resto de gastos reclamados neste procedemento como gastos extraordinarios devengados ata a data deste edicto.

6. Quedan revogados os consentimentos e poderes outorgados entre os cónxuxes.

Unha vez que sexa firme esta resolución, producirase por ministerio da lei a disolución do réxime económico matrimonial.

Non procede realizar ningún outro pronunciamento nin efectuar expresa condena en custas.

Unha vez que sexa firme esta resolución, comuníqueselle ao encargado do rexistro civil onde conste inscrito o matrimonio dos interesados.

Contra esta sentenza poderase interpor, ante este xulgado, recurso de apelación no prazo de cinco días a partir da súa notificación.

Así, por esta miña sentenza, da cal se expedirá testemuño para a súa unión aos autos, pronúncioa, mándoa e asínoa».

En atención ao descoñecemento do actual domicilio ou residencia da parte demandada, por providencia do 15 de febreiro de 2010, o señor xuíz, de conformidade co disposto nos artigos 156.4º e 164 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, acordou a publicación deste edicto no Diario Oficial de Galicia para levar a efecto a dilixencia de notificación da sentenza do 9 de xullo de 2008, á custa da parte demandante Sheila Jacoba Luque Pérez.

Santa Cruz de Tenerife, 15 de febreiro de 2010.

Mª Estrella Pérez de la Riva Vilches

Secretaria xudicial