DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.231

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2010 pola que se convoca e se regula a concesión de subvencións para o ano 2010 ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos destinados á protección e ao asesoramento aos consumidores e usuarios.

Preámbulo

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos destes.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30, número 1 parágrafo cuarto, outórgalle á comunidade galega competencias exclusivas en materia de consumo.

O artigo 24 do título III do Estatuto galego do consumidor e usuario (Lei 12/1984, do 28 de decembro), establece que a comunidade autónoma promoverá, fomentará e, se é o caso, habilitará ou apoiará a creación de oficinas e servizos de información ao consumidor e usuario, xa sexan de titularidade pública, xa dependan dunha organización ou asociación de consumidores. Tamén establece, no artigo 26, que os poderes públicos promoverán a educación e a formación permanente dos consumidores ou usuarios, coa finalidade de que poidan acadar e desenvolver un comportamento en liberdade e responsabilidade, no mercado de bens e servizos, e cheguen a coñecer os seus dereitos e deberes e a maneira axeitada de exercelos.

Por iso, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento das asociacións de consumidores, destínase unha porcentaxe do orzamento destinado a subvencións ao financiamento de proxectos que supoñan una mellora para a defensa e protección dos dereitos dos consumidores e usuarios, contribuíndo así á mellorar a súa protección e defensa.

Os consumidores demandan das asociacións de consumidores a prestación duns servizos de calidade e o fomento das asociacións por parte dos poderes públicos contribúe a reforzar a posición activa dos consumidores no mercado.

Esta resolución, polo tanto, ten por obxecto convocar axudas dirixidas ás asociacións de consumidores para o desenvolvemento de diversas actividades ou proxectos que melloren a formación, asesoramento, información, defensa e asociacionismo dos consumidores para o ano 2010, así como establecer as bases aplicables a esta liña de subvención de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no resto da normativa que nesta materia lle sexa de aplicación.

Por todo o anterior

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións do Instituto Galego de Consumo ás asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento da súa actividade de defensa e protección dos dereitos dos consumidores e usuarios durante o ano 2010 e proceder á súa convocatoria. A subvención recollerá os gastos orixinados desde o 1 de xaneiro do ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes para as subvencións previstas nesta resolución dirixiranse á Presidencia do Instituto Galego de Consumo, e poderán presentarse nos servizos provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción. Inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes, segundo o modelo que se xunta como anexo II, será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo entenderase que vence o día cuxo ordinal coincida co día que serviu de partida, que é o de publicación no DOG.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras que non poderá ter unha duración superior a seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN107D, poderase obter información adicional no Instituto Galego de Consumo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo.

b) Os teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) O enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta resolución

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2010.

María Nava Castro Domínguez

Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o ano 2010 ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos destinados á protección e ao asesoramento aos consumidores e usuarios

Artigo 1º.-Obxecto.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto o fomento das asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia financiando a realización de programas e actividades das organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia para a defensa e protección dos dereitos dos consumidores e usuarios durante o ano 2010 coas especificidades que se establecen no artigo 2º destas bases. Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2010 e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no resto da normativa que lle sexa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 2º.-Gastos susceptibles de subvención.

1. As subvencións concederanse para atender a execución de proxectos destinados á protección e ao asesoramento aos consumidores e usuarios:

a) Elaboración, edición e distribución de publicacións co fin de informar as persoas consumidoras sobre os seus dereitos e a maneira eficaz de exercelos.

Unicamente se subvencionarán aquelas publicacións que traten íntegra e exclusivamente sobre temas de consumo. Para a elaboración dos contidos teranse en conta aqueles temas que, pola súa actualidade ou repercusión social, sexan de especial relevancia para os consumidores.

b) Proxectos que consistan na realización de estudos de campo dirixidos a identificar problemas dos consumidores en sectores de especial importancia ou impacto socioeconómico. Para a avaliación destes proxectos, o Instituto Galego de Consumo poderá contar co asesoramento de expertos técnicos en metodoloxía cando así o considere oportuno.

c) Proxectos encamiñados a promover e fomentar o asociacionismo dos consumidores e usuarios destinados a captar novos socios.

d) A realización de proxectos formativos -incluídos os programas de formación dirixidos ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAS) dos centros escolares como apoio ás actividades da rede galega de educación ao consumidor- destinados á formación e orientación dos consumidores e usuarios relacionados coas seguintes materias: consumo responsable, servizos de asistencia técnica, reparación de vehículos, Lei de garantía de venda de bens de consumo, vivenda, telecomunicacións, servizos financeiros e de seguros. Así mesmo, financiarase a edición de publicacións que sirvan de apoio ás ditas actividades formativas.

En todas as manifestacións gráficas das actividades subvencionadas, calquera que sexa a súa dimensión ou formato, deberá dárselle publicidade ao carácter público do financiamento destes proxectos polo IGC mediante a inclusión do logotipo deste organismo autónomo.

A duración mínima do dito proxecto formativo será de 20 horas presenciais.

Poderá ir acompañada de campañas de orientación e información sobre os dereitos dos consumidores e usuarios en relación coa materia para a que se organiza a actividade formativa, realizadas a través dos medios de comunicación (campañas en prensa, programas periódicos de radio e televisión, valos publicitarios...) co fin de publicitar a actividade formativa, neste caso é preciso facer constar en lugar visible o carácter público do financiamento destes proxectos por parte do Instituto Galego de Consumo.

O pagamento aos relatores das accións formativas farase por medio de factura con desconto do IRPF correspondente, e non superando en ningún caso a cantidade de 110 €/hora. En ningún caso se financiará a entrega dun agasallo como pagamento.

e) Proxectos que consistan na realización de actividades informativas e divulgativas, a través de campañas de difusión ou doutros medios que se estimen axeitados, cuxa finalidade sexa dar a coñecer aos distintos colectivos os seus dereitos como consumidores e consumidoras e a maneira axeitada de exercelos, de forma especial ás colectividades de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial.

Especialmente daráselles a coñecer os servizos que unha asociación de consumidores pode prestar a estes colectivos en relación coa protección dos seus dereitos como consumidores.

Cómpre que todo o material que se edite en desenvolvemento deste proxecto se atope en soportes ou formatos que sexan accesibles aos colectivos a que se dirixen, así empregarase por exemplo o sistema braille para as persoas con discapacidade visual ou a lingua de signos para as persoas con discapacidade auditiva.

Financiaranse un máximo de dous proxectos por organización, aos que se adscribirán as distintas actividades que se programen.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 70.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.781.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración. Tal incremento de crédito, que poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

2. A contía das axudas concedidas, consonte cos criterios obxectivos establecidos nestas bases e coas dispoñibilidades orzamentarias existentes poderá financiar ata un 100% dos gastos obxecto de financiamento.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de se publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, cunha antigüidade mínima dun ano cumprido na data de publicación desta resolución.

2. As asociacións de consumidores beneficiarias deberán ter un ámbito de actuación inferior ao autonómico e non encontrarse integradas nin en federacións nin en confederacións de asociacións de consumidores galegas.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo.

4. Para que as asociacións se poidan beneficiar destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer, polo menos, dunha oficina cuxa finalidade primordial sexa a defensa dos consumidores e usuarios e que estea aberta ao público un mínimo de 25 horas semanais.

b) Facilitarlle nas súas oficinas información a todos os consumidores que así o soliciten para o axeitado exercicio dos seus dereitos e atender e tramitar as reclamacións dos seus asociados.

c) Atoparse adheridas ao Sistema Arbitral de Consumo a través da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, tendo o deber de participar nos colexios arbitrais a través dos árbitros designados por elas.

d) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do CIF.

b) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a comprensivo do acordo polo cal se acolle á axuda xunto co orzamento de gastos da entidade solicitante para o ano 2010 onde figurarán os gastos susceptibles de financiamento desagregados (anexo III).

c) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a relativo ao número de sedes, localización e enderezo, así como ao horario de atención ao consumidor (anexo IV).

d) Certificado do número de socios, entendidos como tales os que se atopen ao día de pagamento das súas cotas, e importe das cotas percibidas (anexo V).

e) Certificación do concello onde se faga constar a poboación do municipio segundo os datos existentes no último censo dispoñible.

f) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a da asociación referente ao conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais (anexo VI).

g) Declaración responsable de non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, seguindo o modelo que se insire como anexo VII.

h) Acreditar, segundo o establecido no artigo 6º.1 destas bases, que está ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, de conformidade co que se dispón no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Memoria de acordo co que se establece no modelo que se recolle no anexo X.

De toda esta documentación requerida non será necesario presentar aqueles documentos que xa foron presentados en outros procedementos de concesión de subvencións convocados por este Instituto Galego de Consumo durante o ano 2010, sempre e cando sigan tendo validez e eficacia.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 10.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente na solicitude este consentimento. Neste caso, a asociación deberá presentar as ditas certificacións acreditativas, nos termos establecidos no artigo 10.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, os interesados non terán que achegar documentos que xa estivesen en poder da administración actuante sempre que fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados os ditos documentos consonte co que se dispón no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Consumo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvedades previstas nas leis.

4. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica de 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos nesta solicitude se incorporarán a un ficheiro, para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. En calquera momento pódense exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, mediante un escrito dirixido a este Instituto Galego de Consumo como responsable do ficheiro.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas aos que fan referencia esta bases será o servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo, correspondendo á Presidencia do Instituto Galego de Consumo ditar a resolución da concesión.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e nesta resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, procederase conforme o que determina o artigo 42.1º de la citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.1º resulta que o solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A xerente do Instituto Galego de Consumo, que a preside;

b) O xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento, que actuará como secretario/a;

c) O xefe/a do Servizo de Asuntos Xerais, o xefe/a do Servizo de Protección ao Consumidor, o/a xefe/a de Servizo de Seguridade de Produtos e os xefes /asdos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo, que actuarán como vogais.

A citada comisión quedará validamente constituída en primeira convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a, ou persoa en que delegue, tres vogais e o/a secretario/a e en segunda convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a ou persoa na que delegue, o/a secretario/a e un vogal. Os acordos serán adoptados por unanimidade.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nesta resolución. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. As actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, por orde decrecente de importancia:

a) Adecuación dos contidos aos obxectivos propostos, innovación no deseño, extensión e número de exemplares que se van editar da publicación sobre temas de consumo: ata un máximo de 50 puntos.

b) Calidade do estudo e ámbito territorial das actuacións que se desenvolvan no estudo de campo: ata un máximo de 50 puntos.

c) Colectivos de persoas con discapacidade aos que se dirixe o proxecto, a súa transcendencia social e adecuación das actividades desenvolvidas para conseguir os obxectivos previstos: ata 45 puntos.

d) Duración do proxecto para o fomento do asociacionismo de consumo, número de persoas ás que vai dirixido e incidencia social ou relevancia pública das accións propostas en desenvolvemento del: ata un máximo de 35 puntos.

e) Número de horas dedicadas á actividade formativa: ata un máximo de 30 puntos.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao presidente/a do Instituto Galego de Consumo.

2. O presidente/a do Instituto Galego de Consumo á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro, que consideren procedente.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 11º.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo VIII, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En todo caso, deberá xustificarse motivadamente a causa da renuncia á subvención concedida.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedinte, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles fose requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedinte a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta subvención é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das subvencións ou axudas concedidas non supere o custo total da actividade ou proxecto.

d) Poñer á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuación de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Remitirase o programa correspondente polo menos 72 horas antes do inicio da actividade. No dito programa debe figurar de xeito destacado o carácter público do financiamento da dita actividade polo Instituto Galego de Consumo.

Na difusión das actividades en medios de comunicación públicos ou privados deberá indicarse tamén o carácter público do financiamento desta actividade polo IGC, debendo enviar a este organismo unha copia no soporte elixido para a difusión.

No caso que na programación figure o financiamento da actividade por outros organismos ademais do IGC, deberá xustificar as condicións de participación de cada un deles.

Artigo 17º.-Xustificación.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo límite para presentala ata o 30 de outubro de 2010:

a) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do/a presidente/a, que indique o total dos gastos efectuados de acordo co anexo IX a esta resolución.

b) Relación numerada e circunstanciada das facturas, nóminas, recibos de aluguer, boletíns de cotización ou xustificantes dos gastos realizados, obxecto de subvención.

c) Os gastos xustificaranse mediante facturas orixinais, fotocopias compulsadas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil o con eficacia administrativa, sempre que se trate de gastos realizados durante o período subvencionable fixado na correspondente convocatoria. Excepcionalmente e tendo en conta a natureza e contía dos gastos, estes poderanse xustificar con recibos que se acompañarán dunha certificación da entidade, facendo constar que os ditos gastos os levou a cabo a entidade con cargo á subvención concedida, detallando a procedencia e os conceptos a que corresponden.

d) As facturas (orixinais ou copias compulsadas) correspondentes ao ano 2010 estarán expendidas a nome da Asociación beneficiaria da subvención e deberá figurar nelas o CIF ou NIF da empresa provedora, desagregación de impostos suxeitos a gravame e con especificación clara do seu contido, debendo quedar reflectido que o seu pagamento foi efectuado ou xuntarse o recibo acreditativo do pagamento.

e) Nos recibos deberá constar o nome e apelidos do perceptor, NIF, concepto e posibles retencións de impostos que correspondan segundo as normas vixentes en cada momento.

f) Certificación da conta bancaria en que conste o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente, onde se deba realizar o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

g) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do/a presidente/a do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, desde o momento da convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais desde a data da concesión da axuda, de acordo co modelo que se establece como anexo VI á presente resolución.

h) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente o pagamento de ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para a dita acreditación seguirase o criterio establecido no artigo 6º.1 destas bases.

i) Todos os materiais producidos no desenvolvemento dos proxectos se deberá remitirse ao IGC xunto coa xustificación en soporte dixital en formato PDF. No caso de haber imaxes o formato será JPG.

j) Por cada un dos proxectos realizados presentarase unha memoria final de avaliación (anexo XI).

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Se na xustificación dos gastos se produce unha desviación superior ao 15% e inferior ou igual ao 25% respecto ao orzamento presentado e tido en conta para a concesión da subvención, procederase mediante a correspondente resolución de modificación a unha minoración da contía da subvención concedida; de tal xeito que se aplicará á cantidade realmente gastada a mesma porcentaxe que se aplicou á cantidade orzada para o cálculo da subvención.

4. Unha desviación superior ao 25% dará lugar á perda do dereito á subvención nos termos establecidos na base 20 desta resolución, excepto no caso que se xustifique que se teñen cumprido os obxectivos para os que se concedeu a axuda económica. Neste suposto, procederase á minoración da contía da subvención na forma prevista no parágrafo anterior.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Unha vez resolto o expediente, para acadar unha maior operatividade deste tipo de axudas e por tratarse de entidades sen ánimo de lucro, poderá autorizarse un anticipo de pagamento de ata o 50% e da dita subvención e sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento:

O resto do importe librarase no momento de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 65.4º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria que lle indique o Instituto Galego de Consumo. O importe da devolución incluirá os xuros de mora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/Ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

1. O Instituto Galego de Consumo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas e subvencións reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "12600D017P059.PDF"