DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan estas axudas para o ano 2010.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 24 de xullo de 2008, a Orde do 18 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 de acordo co Regulamento (CE) 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Regulamento (CE) 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior.

Por outra parte, o réxime xeral das axudas e subvencións das administracións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia recóllese actualmente nas disposicións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve. Ademais nese mesmo ano tamén foi publicada a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia. A aprobación destas normas motiva a necesidade de introducir modificacións nas bases reguladoras destas axudas.

Por iso, unha vez iniciado o exercicio orzamentario 2010, procede adaptar as ditas bases reguladoras ao novo marco legal e realizar a convocatoria para o dito ano.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2010, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo.

Sección primeira

Bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

a) Produtor: a persoa física ou xurídica, cuxa explotación se atope no territorio galego e que exerza unha actividade agraria e/ou gandeira.

b) Programa de calidade diferenciada dos alimentos: aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

b.1) Produción agrícola ecolóxica, regulada polo R (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

b.2) Indicacións xeográficas protexidas (IXP) e denominacións de orixe protexidas (DOP) de produtos agroalimentarios, reguladas polo R (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

b.3) Viños de calidade con denominación xeográfica de orixe protexida e indicación xeográfica protexida regulados polo R (CE) 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), na súa redacción dada polo R (CE) 491/2009, do Consello, do 25 de maio.

b.4) As bebidas espirituosas con denominación xeográfica de acordo coa Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

b.5) Especialidades tradicionais garantidas, reguladas polo R (CE) 509/2006 do Consello, do 20 de marzo, sobre as especialidades tradicionais garantidas dos produtos agrícolas e alimenticios.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os produtores que participen nalgún dos programas de calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, recollidos no PDR de Galicia 2007-2013.

Artigo 4º.-Gastos subvencionables e contía das axudas.

1. Serán subvencionables, excluídos impostos recuperables, os gastos derivados da inscrición e as cotas de participación nun programa de calidade diferenciada dos alimentos do sector agroalimentario galego, incluíndo, se é o caso, os gastos de rexistro, control ou inspección e certificación necesarios para comprobar o cumprimento das especificacións do programa. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

2. A contía da axuda poderá chegar ata o 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Artigo 5º.-Réxime de concesión.

A concesión das axudas para fomentar a participación dos produtores en programas de produción e mellora de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada outorgarase en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, diferenciando do resto as solicitudes dos agricultores e gandeiros que participen no programa de calidade diferenciada da produción agrícola ecolóxica, regulada polo R (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, para os que se reserva unha dotación orzamentaria específica na convocatoria anual correspondente.

Artigo 6º.-Entidades colaboradoras.

1. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas do sector alimentario existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, definidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade agroalimentaria, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, unha vez que alcancen personalidade xurídica de seu ao constituírense como corporacións de dereito público, de acordo coas citadas normas, poderán actuar como entidades colaboradoras na xestión das axudas pola participación dos produtores nos programas de calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios galegos, segundo o disposto nos artigos 9, 10 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A mesma consideración terá o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

2. A Consellería do Medio Rural e as entidades colaboradoras formalizarán convenios de colaboración, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por estas na xestión das axudas expostas nesta orde, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 9/2007.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. No caso de axudas correspondentes a programas de calidade xestionados por consellos reguladores que teñan asinado o convenio a que se refire o punto 2 do artigo 6º, as solicitudes presentaranse de maneira colectiva, de acordo co modelo que figura no anexo III (Solicitude de axuda a produtores tramitada polos consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración) desta orde, actuando os ditos consellos, ademais de como entidades colaboradoras, como representantes dos beneficiarios. Xunto co dito impreso, achegarán unha relación numerada de produtores solicitantes da axuda, de acordo co modelo do anexo III-B.

Para acreditar a vontade dos beneficiarios de solicitar a axuda, a entidade colaboradora deberá dispor das correspondentes solicitudes individuais cubertas polos beneficiarios, conforme o modelo que figura no anexo I (Solicitude de axuda para produtores inscritos en consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración) e cumprir o establecido no artigo 30.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A presentación deste impreso o primeiro ano servirá para as convocatorias sucesivas, salvo vontade en contra do interesado, que deberá manifestar por escrito ante o consello regulador correspondente.

2. No caso de produtores que participen en programas de calidade nos cales non exista un órgano de representación que teña asinado convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural, as solicitudes presentaranse anualmente de xeito individual conforme o anexo II (Solicitude de axuda para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración).

3. O lugar de presentación das solicitudes será preferentemente no rexistro xeral do edificio administrativo San Caetano en Santiago de Compostela. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administració xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en

sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data da súa admisión.

4. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a produtores que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) sen perxuízo do establecido na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada ano.

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

6. Consonte o establecido no artigo 7 da Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 134, do 10 de xullo), polo que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, os interesados poderán dar consentimento expreso na solicitude, para que o órgano competente da Administración comprobe por medios electrónicos os seus datos persoais. No caso de non autorizar esta consulta, deberá achegar copia do DNI.

Artigo 8º.-Instrución e resolución.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a dita dirección xeral requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria examinará as solicitudes presentadas e informará a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, que elaborará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e a contía desta.

3. As solicitudes serán resoltas polo conselleiro do Medio Rural no prazo máximo de nove meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación informarase que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado con fondos Feader incluído dentro do Eixe 1 Mellora da competitividade do sector agrario e forestal medida 132.00 Apoio aos agricultores que participan en programas relativos á calidade dos alimentos e especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a finalidade da subvención outorgada, a cantidade concedida o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos soportados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e prazo para

interpoñelos.

Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 9º.-Tramitación do pagamento das axudas.

Realizados os gastos, presentarase preferentemente no rexistro xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, e sempre destinada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, a seguinte documentación:

No caso de solicitudes colectivas, cada entidade colaboradora remitirá:

-Solicitude de pagamento (anexo IV Solicitude de pagamento da axuda para produtores inscritos en consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración).

-Relación numerada de beneficiarios inscritos no programa de calidade que solicitan pagamento da axuda (anexo IV-B).

-Xustificantes dos gastos efectuados por cada produtor: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Sen prexuízo do disposto anteriormente, as entidades colaboradoras presentarán certificación de que o gasto está realizado e pagado e que consta no seu poder os xustificantes dos gastos de cada produtor.

-Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no que se acredite que todas as explotacións obxecto da solicitude están inscritas no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e están sometidas aos controis pertinentes.

No caso de solicitudes individuais cada produtor remitirá:

-Solicitude de pagamento (anexo V Solicitude de pagamento para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración).

-Xustificantes dos gastos efectuados: Facturas orixinais e copias ou documento de valor provatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indica a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

-Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no que se acredite que a explotación obxecto da solicitude está inscrita no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e está sometida aos controis pertinentes.

Artigo 10º.-Seguimento e control.

1. A resolución de concesión de axuda establecerá o prazo máximo de xustificación dos investimentos, que será improrrogable.

2. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos custos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e de conformidade co artigo 14 letra m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

3. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo e as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o axeitado seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Así mesmo, seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 11º.-Modificación da resolución, incumprimento e reintegro.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

-Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

-Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas sen prexuízo de aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro de 2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

3. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

1. Estas axudas son compatibles ata o 100% dos gastos subvencionables con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, sen superar os 3.000 € anuais por explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 13º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

Nos instrumentos de información, difusión e tramitación das axudas que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución fose expresa.

Sección segunda

Convocatoria das axudas para o ano 2010

Artigo 15º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2010 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 16º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 20 de setembro de 2010 (inclusive).

Artigo 17º-Gastos atendibles na convocatoria de 2010.

Para a convocatoria de 2010, serán atendibles os gastos realizados no período comprendido entre o 1 setembro de 2009 e o 31 de agosto de 2010.

Artigo 18º-Financiamento das axudas.

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2010, na aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.1, cunha dotación de 1.124.739 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Deste orzamento inicial destinarase o 50% para financiar as solicitudes dos agricultores e gandeiros que participen no programa de calidade diferenciada da produción agrícola ecolóxica, regulada polo R (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e o 50% para atender as restantes solicitudes. Os remanentes que puidesen existir logo de atender as peticións dos solicitantes dun dos grupos antes establecidos poderán ser utilizados para ampliar a dotación do outro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Publicación e tratamento de datos.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segunda.-Réxime xurídico.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde, haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior; no Regulamento (CE) 1975/2006, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

Terceira.-Eficacia das resolucións concesorias.

A eficacia das resolucións concesorias e o pagamento das axudas dos produtores inscritos en programas de calidade de recente inscrición comunitaria, queda supeditada á aprobación, pola Comisión Europea, da modificación do PDR para Galicia 2007-2013 que as inclúe e que se atopa en tramitación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Disposición de desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as resolucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2010.

Samuel Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "12600D015P047.PDF"