DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.192

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 2010 pola que se convocan axudas dirixidas a conservatorios e escolas de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 108.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, clasifica como centros públicos aqueles que teñen como titular unha Administración pública. Así pois, os conservatorios de música dependentes de concellos teñen a consideración de centros públicos. Ademais das accións que leva a cabo esta consellería na creación, dotación e sostemento dos conservatorios de música da súa titularidade, determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas regradas de música.

O artigo 48.3º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que poderán cursarse estudos de música ou de danza que non conduzan á obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estrutura diferentes e sen limitación de idade.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, salientando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia e no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros para achegarlle aos interesados a posibilidade de cursar estas ensinanzas, ben sexa para realizar unha formación non regrada nas escolas, ben para desenvolver estudos conducentes á titulación nos conservatorios.

En consonancia coa política de axudas aos concellos desta consellería e co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música á vista da crecente demanda destas ensinanzas e coa finalidade de lles prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas, e en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Conservatorios de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e de titularidade pública.

b) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos.

c) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais.

Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas axudas os titulares dos centros de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Non poderá ter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Terceiro.-Importe total das axudas.

Para os conservatorios de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e de titularidade pública será de trescentos vinte mil douscentos corenta e nove con trinta e cinto euros (320.249,35 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422E.460.1 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de corenta e cinco mil euros (45.000 euros).

Para as escolas de música dependentes de concellos será de douscentos dez mil cincocentos sesenta e tres con sesenta e dous euros (210.563,62 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422E.460.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de trinta e dous mil euros (32.000 euros).

Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro será de vinte e dous mil catrocentos setenta e un con vinte e tres euros (22.471,23 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422E.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de catro mil euros (4.000 euros).

Cuarto.-As solicitudes, segundo os modelos de instancia e máis os anexos que figuran nesta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse na oficina de rexistro único e información e atención ao cidadán no complexo administrativo de San Caetano de Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes (1 mes) contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

A solicitude debe ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

b) Orixinal ou fotocopia cotexada de certificación bancaria a nome do solicitante, na cal conste o número de conta en que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

c) Declaración responsable de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos.

d) Declaración responsable de non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Ademais, no caso de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro deberá engadirse fotocopia cotexada dos estatutos da asociación ou fundación solicitante, dos que debe desprenderse que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro e que entre os seus obxectivos figure a formación en ensinanzas de música.

De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos coa ponderación que se indica:

1. Número do alumnado matriculado no curso 2009/2010.

2. Número de especialidades instrumentais impartidas.

3. Número do profesorado e tempo de dedicación.

Os tres aspectos anteriores, no seu conxunto: de 0 a 6 puntos.

4. Dimensións das instalacións: de 0 a 1 punto.

5. Volume do orzamento do centro: de 0 a 1 punto.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado no curso escolar 2009/2010 pola impartición das ensinanzas: de 0 a 2 puntos con ponderación inversa.

A distribución das axudas, tendo en conta os aspectos anteriores, realizarase atendendo ao sistema de rateo entre os beneficiarios da subvención do importe global máximo destinado ás subvencións.

Sexto.-A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no punto décimo segundo desta orde.

Sétimo.-Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa constituirase unha comisión encargada de valorar as solicitudes presentadas, que estará integrada por:

-O/A subdirector/a xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

-O/A xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

-O/A xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

-Un/Unha representante da Inspección de cada Xefatura Territorial.

-Un/Unha asesor/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

-Un/Unha funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos previstos no anexo II. A percepción de asistencias desta comisión, se é o caso, aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda ou a dirección xeral que resulte competente na materia, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Oitavo.-A comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se lles notificará aos interesados para que estes, no prazo de dez días hábiles, poidan formular as alegacións que consideren oportunas. Valoradas as alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución de concesión de axudas ditada pola persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da convocatoria, e nos termos que figuran no artigo 34.4º do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

Contra a resolución ditada, que esgotará a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o/a conselleiro/a de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo.-As subvencións irán destinadas a financiar operacións correntes (gastos de funcionamento e profesorado), polo que os xustificantes que ten que achegar o beneficiario non poderán ser certificacións de obra nin gastos de investimento.

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobado polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade subvencionada, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como co disposto no artigo 60º do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o beneficiario presentará antes do 31 de outubro de 2010 a xustificación completa.

Para que se poida dar curso aos libramentos, os solicitantes deberán achegar:

No caso de conservatorios de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e de titularidade pública e de escolas de música dependentes de concellos: certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control que acredite o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto (de acordo co artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2010.

No caso de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro: memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Así mesmo, deberá achegar memoria económica que incluirá relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento e copia cotexada de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias e documentos similares (segundo o estipulado no artigo 48º do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2010, así como os documentos xustificativos do pagamento.

Ademais, no momento da xustificación e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución para a mesma finalidade, ás distintas administracións públicas ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, con indicación do importe e a súa procedencia, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para a mesma finalidade.

A xustificación deberá facerse sobre a subvención total concedida e, de non facerse pola totalidade, minorarase a subvención en proporción á contía xustificada.

As xustificacións serán dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos provinciais de inspección educativa, realizará o seguimento da aplicación das axudas nos centros beneficiarios.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo terceiro.-No caso de darse algún dos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario da subvención deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e mais os xuros de demora, nos termos e condicións establecidos nos artigos 77º ao 83º, inclusive, do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo cuarto.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda dos conservatorios de música que obteñan estas axudas deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria».

Disposición adicional

Para o non previsto nesta orde haberá que aterse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "12600D011P020.PDF"

(Continuación)

Ver referencia pdf "12600D011P020.PDF"

(Continuación)

Ver referencia pdf "12600D011P020.PDF"

(Continuación)

Ver referencia pdf "12600D011P020.PDF"